DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 100 Martes, 27 de maio de 2025 Páx. 30085

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 15 de maio de 2025 pola que se declara área de rehabilitación integral Barrio das Flores.

Denominación: área de rehabilitación integral Barrio das Flores.

Ámbito: urbano de carácter continuo.

Clase: área de rehabilitación integral de ámbito urbano.

Antecedentes de feito:

1. O 19 de maio de 2023 o Concello da Coruña presenta ao Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS) unha solicitude para a declaración dunha área de rehabilitación integral (en diante, ARI) no Barrio das Flores no seu termo municipal. Coa solicitude xúntase un certificado do acordo adoptado ao respecto pola Xunta de Goberno Local, na súa sesión do 6 de outubro de 2022.

2. O ámbito sitúase aproximadamente a 300 metros ao leste da avenida de Alfonso Molina. Todo o seu perímetro se atopa claramente delimitado por dúas importantes vías de tráfico rodado: a avenida de Monelos ao nordés e a rolda de Camilo José Cela no resto do seu perímetro noroeste e sur. Comprende unha superficie de 16 ha.

3. A declaración da ARI solicitada foi informada favorablemente, tanto desde o punto de vista técnico e urbanístico como administrativo, polas unidades competentes do IGVS.

Consideracións legais e técnicas:

1. A Lei 1/2019, do 22 de abril, de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia, regula as ARI nos seus artigos 49 a 51. Concretamente o artigo 50.1.c) define as ARI de ámbitos urbanos, como aquelas cuxo ámbito non pertenza a ningunha das categorías consideradas nas alíneas anteriores, é dicir, cando o seu ámbito non pertenza nin a ARI de conxunto histórico nin a ARI rural. Neste suposto, o ámbito delimitado deberá ter, como mínimo, cincuenta vivendas.

2. O Decreto 18/2014, do 13 de febreiro, polo que se determinan os aspectos básicos dos programas autonómicos de rehabilitación de vivendas e se dan as directrices para o desenvolvemento do Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas 2013-2016, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, regula no seu capítulo II, sección 2ª, artigo 8 o procedemento para a declaración das ARI.

No expediente para a declaración desta ARI recóllense todos os aspectos sinalados no artigo 8.2 do Decreto 18/2014, do 13 de febreiro.

3. De conformidade cos artigos 49 da Lei 1/2019, do 22 de abril, e 8.1 do Decreto 18/2014, do 13 de febreiro, as ARI declararanse por unha resolución da Presidencia do IGVS, por solicitude dos concellos interesados.

Por todo o exposto e de conformidade coas competencias atribuídas no artigo 49 da Lei 1/2019, do 22 de abril,

RESOLVO:

Declarar a Área de Rehabilitación Integral Barrio das Flores de ámbito urbano de carácter continuo, no termo municipal da Coruña, segundo o ámbito recollido no antecedente segundo e delimitado nos planos que se xuntan como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 15 de maio de 2025

María Martínez Allegue
Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo

missing image file

ANEXO

missing image file