DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 100 Martes, 27 de maio de 2025 Páx. 30137

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 2 de maio do 2025, do Departamento Territorial da Coruña, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previas e de construción para a modificación da infraestrutura de enerxía eléctrica subestación 220 kV Sabón, no concello de Arteixo (expediente IN407A 2022/222-1).

Expediente: IN407A 2022/222-1.

Solicitante/promotora: Red Eléctrica de España, S.A.

Título do proxecto: ampliación da subestación Sabón 220 kV. Nova reactancia.

Feitos:

Primeiro. O 8.8.2022, REE presentou a solicitude de outorgamento das autorizacións administrativas previa e de construción e de declaración, en concreto, de utilidade pública para a infraestrutura denominada Ampliación da subestación Sabón 220 kV. Nova reactancia, acompañada do correspondente proxecto técnico de execución asinado por David González Jouanneau, enxeñeiro industrial, núm. de colexiado 11.729, do COII de Madrid, o 29.6.2022 con núm. de visado 202203008 do 30.6.2022.

Segundo. O 10.8.2022, de conformidade co disposto no artigo 35.2 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e no artigo 114 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, remitiuse un exemplar do proxecto á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais (en diante, DXPeRN) para que solicitase o preceptivo informe da Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas (en diante, DXPEeM) do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.

Terceiro. O 1.9.2022 a DXPEeM emite informe favorable no que indica que «A actuación obxecto deste informe encóntrase recollida no documento “Plan de desenvolvemento da Rede de transporte de enerxía eléctrica 2021-2026”, aprobado mediante Acordo de Consello de Ministros, do 22 de marzo de 2022 (BOE do 19 de abril)».

Cuarto. O 27.12.2022 a nomeada Xefatura Territorial da Coruña acordou someter a información pública a solicitude de REE, de outorgamento das autorizacións administrativas previa e de construción para a infraestrutura de transporte recollida no proxecto Ampliación da subestación Sabón 220 kV. Nova reactancia, para os efectos do establecido no artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico (BOE núm. 310, do 27 de decembro), nos artigos 115, 125 e 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica (BOE núm. 310, do 27 de decembro) modificado polo Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e en outros ámbitos para a reactivación económica (BOE núm. 175, do 24 de xuño) e no artigo 83 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

O anterior acordo publicouse no DOG núm. 19, do 27 de xaneiro de 2023, no BOP da Coruña núm. 247, do 30 de decembro de 2022, e no portal de transparencia e goberno aberto da Consellería de Economía, Industria e Innovación. Igualmente, o expediente permaneceu para o seu exame á disposición de todas aquelas persoas ou entidades que se considerasen afectadas nas dependencias do Servizo de Enerxía e Minas da xefatura territorial, durante o prazo de trinta (30) días hábiles.

De acordo co establecido nos artigos 127 e 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, esta xefatura territorial trasladou separatas técnicas da instalación a Naturgy Ciclos Combinados, S.L.U. e Concello de Arteixo pola súa condición de entidades con bens e/ou dereitos afectados aos efectos de obter os seus informes ou, de ser o caso, o establecemento do condicionado técnico que consideren pertinente. Consta no expediente administrativo informe do 19.12.2024 de Naturgy Ciclos Combinados, S.L.U. onde manifestan que non existen reparos adicionais aos aceptados por Red Eléctrica de España, S.A.

Quinto. O 23.12.2024, REE comunicou a este departamento territorial que alcanzou un acordo pola totalidade das afeccións recollidas na relación de bens e dereitos afectados con Naturgy Ciclos Combinados, S.L.U. e presentou solicitude de desistencia do trámite de declaración de utilidade pública.

Sexto. O 26.12.2024, Red Eléctrica de España, S.A.U. presentou declaración responsable de plena dispoñibilidade da superficie afectada que constaba na relación de bens e dereitos do expediente administrativo.

Sétimo. O 19.2.2025, REE presenta «Addenda ao proxecto técnico administrativo ampliación da subestación Sabón 220 kV. Nova reactancia» asinada por David, González Jouanneau, enxeñeiro industrial, núm. colexiado 11.729, do COII de Madrid, o 17.2.2025 con núm. de visado 202203008 do 17 de febreiro.

O 24.2.2025 remitiuse a addenda a Naturgy Ciclos Combinados, S.L.U. e separata da addenda ao Concello de Arteixo.

Non se recibiu resposta de Naturgy Ciclos Combinados, S.L.U., polo que se considera a súa conformidade.

Oitavo. O 22.4.2025 Red Eléctrica de España, S.A. presenta escrito no que acepta os condicionados técnicos do Concello de Arteixo.

Noveno. O 30.4.2025, este departamento territorial resolveu aceptar a solicitude de desistencia de declaración de utilidade pública da ampliación proxectada da subestación 220 kV Sabón e dispoñer o seu arquivamento.

Deste xeito, a tramitación da solicitude presentada o 8.8.2022 por REE limitarase ao outorgamento das autorizacións administrativas previa e de construción.

Décimo. O 30.4.2025, os servizos técnicos desta xefatura territorial emitiron informe sobre a solicitude feita por REE.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. De conformidade co disposto no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro), e o informe da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais do 23 de novembro de 2023, o órgano competente para resolver a solicitude feita por Red Eléctrica de España, S.A.U. é o Departamento Territorial da Coruña da Consellería de Economía e Industria, ao tratarse dunha subestación sen potencia de transformación (potencia inferior a 75 MVA).

Segunda. A normativa de aplicación a este expediente é:

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico (BOE núm. 310, do 27 de decembro).

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

– Lei 40/2015, do 1 de outubro, do réxime xurídico do sector público (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica (BOE núm. 310, do 27 de decembro).

– Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica (BOE núm. 175, do 24 de xuño).

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas Instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09 (BOE núm. 68, do 18 de marzo).

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas Instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23 (BOE núm. 139, do 9 de xuño).

– Real decreto 1047/2013, do 27 de decembro, polo que se establece a metodoloxía para o cálculo da retribución da actividade de transporte de enerxía eléctrica (BOE núm. 312, do 30 de decembro).

– Resolución do 19 de febreiro de 2014, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, da Consellería de Economía e Industria, pola que se aproba o procedemento de autorización administrativa de construción de acordo co previsto na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico (DOG núm. 54, do 19 de marzo).

Terceira. O informe emitido o 1.9.2022 pola DXPEeM, con ditame favorable respecto da instalación Ampliación da subestación Sabón 220 kV. Nova reactancia aos efectos previstos no artigo 35.2 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no artigo 114 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro e no artigo 16.1.a) da Circular 5/2019, do 5 de decembro, da Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia, no que se fai constar que a infraestrutura de referencia atópase recollida no documento Planificación enerxética. Plan de desenvolvemento da Rede de transporte de enerxía eléctrica 2021-2026, aprobado polo Acordo do Consello de Ministros de 22 de marzo de 2022 e publicado por Resolución do 8 de abril de 2022, da Secretaría de Estado da Enerxía, do 8 de abril de 2022 (BOE núm. 93, do 19 de abril).

Cuarta. As características mais significativas da infraestrutura Ampliación da subestación Sabón 220 kV. Nova reactancia, para as que solicita as autorizacións administrativas previa e de construción, son:

Ampliación do parque 220 kV da subestación Sabón, convencional de intemperie con tecnoloxía AIS, cunha configuración en dobre barra, consistente en:

– Construción dunha nova posición que se vai denominar REA1 (posición de reactancia), que pasaría a ocupar a posición 12 dentro da disposición existente na subestación. As especificacións mais salientables da aparamenta que se vai instalar nesta nova posición son:

- Interruptor automático: tensión mais elevada para o material Um=245 kV/intensidade nominal/límite térmica (corte): 3.150/50 kA. Tecnoloxía da cámara de corte: SF6.

- Disposición dos condutores en tres niveis:

• Embarrados baixos: conexións entre aparellaxe a 5,5/6 metros de altura. Realizaranse con tubo de aluminio.

• Embarrados altos: barras principais de tubo de aluminio a 10 metros de altura, apoiadas sobre illadores soporte.

• Tendidos altos: en condutor dúplex Al-Ac a 14,95 metros de altura.

- Seccionador de barras:

• Barras-1: de tipo rotativo de tres columnas e mando tripolar manual/intensidade nominal: 2.000 A.

• Barras-2: de tipo pantógrafo e mando unipolar/intensidade nominal: 2.000 A.

- Seccionador de posta a terra: tripolar, con coitela de posta a terrra, de mando unipolar motorizado.

- Equipos convencionais (pararraios-autoválvulas): tensión nominal: 198 kV/tensión de operación>152kV/intensidade nominal de descarga: 10 kA.

- Transformadores de intensidade e de tensión, de características conforme o Real decreto 1110/2007, do 24 de agosto, polo que se aproba o Regulamento unificado de puntos de medida do sistema eléctrico.

- Incorporación ao mallado de rede de terras superiores e inferiores e aos sistemas de control, protección, telecontrol e comunicacións (sistemas telexestionados) e servizos auxiliares da subestación.

- Bastidor de relés.

– Equipamento da nova posición anterior, coa instalación dunha reactancia trifásica con posta a terra, convencional de exterior, con refrixeración ONAN, de 220 kV de tensión nominal (tensión máis elevada para o material: 245 kV) e 100 MVAr de potencia, que se conectará a ambas as barras da subestación cunha configuración de estrela.

Quinta. Non consta no expediente que durante o trámite de información pública fosen presentadas alegacións en oposición á solicitude de outorgamento das autorizacións administrativas previa e de construción para o proxecto.

Sexta. No expediente administrativo consta un informe favorable emitido polos servizos técnicos desta xefatura territorial con data 30.4.2025, en que se conclúe que a solicitude feita por REE cumpre coas obrigacións legais, que o proxecto Ampliación da subestación Sabón 220 kV. Nova reactancia cumpre as exixencias regulamentarias dispostas no Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que e aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas Instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23 e no Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

De acordo con todo o anterior,

RESOLVO:

Outorgar as autorizacións administrativas previa e de construción para a infraestrutura de transporte secundario de enerxía eléctrica denominada Ampliación da subestación Sabón 220 kV. Nova reactancia, promovido por Red Eléctrica de España, S.A. coas seguintes condicións:

1. A instalación executarase no prazo de dous anos, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. En todo caso, deberán respectarse os prazos establecidos no artigo 13.9 do Regulamento (UE) nº 2024/573 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de febreiro de 2024, sobre os gases fluorados de efecto invernadoiro, polo que se modifica a Directiva (UE) nº 2019/1937, e se deroga o Regulamento (UE) nº 517/2014 (DOUE núm. 573, do 20 de febreiro de 2024), sobre prohibicións para a posta en funcionamento de aparamenta eléctrica que empregue gases fluorados de efecto invernadoiro, ou cuxo funcionamento dependa deles, nun medio illante ou de rotura.

2. Para a posta en explotación da instalación autorizada, deberá achegar ante este departamento territorial unha solicitude coa cal xuntará a seguinte documentación:

– As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.

– Un certificado do/da director/a da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e das prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas oportunas na montaxe da instalación e posta a punto.

– Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.

3. Esta aprobación outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial no relativo á ordenación do territorio e ao ambiente.

O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á súa revogación, logo de audiencia ao interesado, segundo o establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

Notifíquese a Red Eléctrica de España, S.A.U., Naturgy Ciclos Combinados, S.L.U. e Concello de Arteixo a presente resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), facendo constar que non é definitiva en vía administrativa e que poderá interpor recurso de alzada no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación, ante a Conselleira de Economía e Industria, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da citada Lei 39/2015, sen prexuízo de que os interesados poidan promover calquera outra acción que consideren pertinente para a defensa dos seus intereses.

A Coruña, 2 de maio de 2025

Isidoro Martínez Arca
Xefe territorial da Coruña