DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 102 Venres, 30 de maio de 2025 Páx. 30834

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 14 de maio de 2025, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica a resolución de aceptación de revisión de esbozo dos montes Monte Alto, Cruceiro, Valdés, do Tourón, Devesa e Meán, Facho e Ferreiros (ID 3167); Monte Gandariña 1 e 2 (ID 3171), da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Sobrada, Tomiño (expediente RE22029).

O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra acordou, na súa reunión do 26.3.2025, aceptar a revisión do esbozo e a cartografía actualizada dos montes Monte Alto, Cruceiro, Valdés, do Tourón, Devesa e Meán, Facho e Ferreiros (ID 3167); Monte Gandariña 1 e 2 (ID 3171), realizada polo Servizo de Montes de Pontevedra con base nos seguintes feitos e consideracións técnicas.

Antecedentes e consideracións técnicas.

Primeiro. Con data 21.9.2022 a CMVMC de Sobrada (Tomiño) solicitou a revisión do esbozo dos montes arriba indicados. Por ese motivo, en aplicación da DT 13 da Lei de montes de Galicia, o 30.11.2022 o Xurado acordou solicitarlle ao Servizo de Montes unha proposta coa revisión do esbozo e a elaboración da cartografía actualizada, o que deu lugar ao expediente RE22029 no Servizo de Montes.

Segundo. Tras a análise da documentación achegada coa solicitude, o Servizo de Montes emitiu informe o 7.6.2024, no cal expón que:

– O monte veciñal de Monte Alto, Cruceiro, Valdés, do Tourón, Devesa e Meán, Facho e Ferreiros foi clasificado polo Xurado de MVMC de Pontevedra o 20.11.1979 cunha superficie inicial de 118 ha.

– O monte veciñal Gándara 1 e 2 foi clasificado polo Xurado de MVMC de Pontevedra o 14.4.1987 cunha superficie inicial total de 1,01 ha.

– Levouse a cabo un levantamento topográfico das parcelas con GPS de precisión centimétrica no cal se percorreu todo o perímetro con varios membros da Xunta Reitora da comunidade de montes e identificáronse muros e marcos separadores doutras propiedades particulares e montes veciñais lindeiros.

– A proposta respecta o deslindamento administrativo realizado entre a CMVMC de Currás e a CMVMC de Sobrada (expediente PO-DESC-05/2016).

– O monte veciñal co ID3167 segundo a resolución de clasificación está composto polas seguintes parcelas: Monte Alto (41 ha), Cruceiro (4,00 ha), Valdés, do Tourón, Devesa e Meán (61,00 ha), Facho (3,00 ha) e Ferreiros (6,00 ha).

– O Monte Valdés, do Tourón, Devesa e Meán correspóndese parcialmente cos montes de libre disposición do concello de Tomiño denominados Cunchas e Penouzas e Valdés.

– Non consta contrato de xestión coa Consellería do Medio Rural.

– A CMVMC de Sobrada dispón dun documento de ordenación forestal inscrito no Rexistro de Montes Ordenados de Galicia co número 360091 e vixente ata 2031.

– Constan diversos negocios xurídicos, cesións e permutas con propietarios particulares.

– As superficies propostas na revisión do esbozo son as seguintes:

– ID3167. Superficie planimétrica total: 87,49 ha: Monte Alto (18,47 ha), Cruceiro (3,43 ha), Valdés, do Tourón, Devesa e Meán (58,97 ha), Facho (2,08 ha) e Ferreiros (4,55 ha).

– ID 3171. Monte Gandariña 1 e 2: 1,45 ha.

O perímetro revisado total é de 20,54 km. Non se modifica a descrición dos límites das resolucións da clasificación de 20.11.1979 e de 14.4.1987 do Xurado de MVMC de Pontevedra.

Terceira. O procedemento de revisión de esbozos do MVMC vén regulado na DT 13 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

Á vista do exposto, este xurado

ACORDA:

Aceptar a revisión do esbozo nos termos indicados na proposta e na planimetría elaboradas polo Servizo de Montes.

Tal e como exixe o parágrafo 3 da DT 13 da LMG, a presente aceptación da revisión de esbozo será posta en coñecemento da Comunidade de Montes propietaria e publicada no DOG para coñecemento do resto de posibles persoas interesadas.

Pontevedra, 14 de maio de 2025

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra