O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra acordou, na súa reunión do 26.3.2025, aceptar a revisión do esbozo e a cartografía actualizada do monte Paredón, realizada polo Servizo de Montes de Pontevedra con base nos seguintes feitos e consideracións técnicas.
Antecedentes e consideracións técnicas.
Primeiro. Con data 21.9.2023 a CMVMC de Oleiros (Salvaterra de Miño) solicitou a revisión do esbozo do MVMC Paredón. Por ese motivo, en aplicación da DT 13 da Lei de montes de Galicia, o 27.11.2024 o Xurado acordou solicitarlle ao Servizo de Montes unha proposta coa revisión do esbozo e a elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal citado, o que deu lugar ao expediente RE23005 no Servizo de Montes de Pontevedra.
Segundo. Tras a análise da documentación achegada coa solicitude, o Servizo de Montes emitiu un informe o 18.2.2025 e nel expón que:
– A superficie inicialmente clasificada para a CMVMC de Oleiros foi de 36 ha, o que abrangue dous montes: Fonte dos Porcos e Chan da Salgosa. Neste último incluíase a parcela Paredón, separada do resto do monte pola vía do ferrocarril, segundo se explica na memoria presentada pola CMVMC de Oleiros.
– No ano 2004 o monte veciñal sufriu unha expropiación de 32,20 ha (expediente PO-14-EXP/04) para a construción da Plataforma loxística industrial de Salvaterra-As Neves (PLISAN), polo que queda reducida a súa superficie a 3,79 ha, correspondentes ao citado monte Paredón, cuxa revisión de esbozo agora se solicita.
– Para esta revisión levouse a cabo un levantamento topográfico da parcela con GPS de precisión centimétrica, no cal se percorreu todo o perímetro e se identificaron marcos e muros de separación con propiedades particulares.
Parte da parcela está delimitada por un camiño e, polo norte, está a liña férrea, polo que o linde se toma segundo o deslindamento existente con ADIF.
– Dispón dun instrumento de xestión inscrito no Rexistro de Montes Ordenados de Galicia co número 3600405 e vixencia ata 2032.
– Non consta contrato de xestión coa Consellería do Medio Rural.
Na proposta de revisión de esbozo indícase que o monte Paredón ten unha superficie de 2,16 ha (fronte ás 1,84 ha que indicaba a resolución de clasificación).
Atópase dentro da parcela catastral 36050A07600672 de titularidade da CMVMC de Oleiros e, segundo o indicado na memoria, queda definido do seguinte xeito:
Monte: Paredón.
Superficie: 2,16 ha.
Perímetro: 0,81 km.
Linde norte: liña de ferrocarril Pontevedra-Vigo-Madrid.
Linde sur, leste e oeste: propiedades particulares.
Terceira. O procedemento de revisión de esbozos de MVMC vén regulado na DT 13 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.
Á vista do exposto, este xurado
ACORDA:
Aceptar a revisión do esbozo segundo a proposta e planimetría elaboradas polo Servizo de Montes.
Tal e como exixe o parágrafo 3 da DT 13 da LMG, a presente aceptación da revisión de esbozo será posta en coñecemento da comunidade de montes propietaria e publicada no Diario Oficial de Galicia para coñecemento do resto de posibles persoas interesadas.
Pontevedra, 14 de maio de 2025
Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra
