O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra acordou, na súa reunión do 26.3.2025, aceptar a revisión parcial do esbozo e a cartografía actualizada dos montes Salgueiras e Silleiro, da CMVMC de Baredo, realizada polo Servizo de Montes de Pontevedra, con base nos seguintes feitos e consideracións técnicas.
Antecedentes e consideracións técnicas.
Primeiro. Con data 30.9.2022 a CMVMC de Baredo (Baiona) solicitou a revisión parcial do esbozo do MVMC de Baredo (ID2457). En concreto, solicitaron a revisión das parcelas Salgueiras e Silleiro.
Por ese motivo, en aplicación da DT 13 da Lei de montes de Galicia, o 30.11.2022 o Xurado acordou solicitarlle ao Servizo de Montes unha proposta coa revisión do esbozo e a elaboración da cartografía actualizada das parcelas citadas, o que deu lugar ao expediente RE22058 no Servizo de Montes de Pontevedra.
Segundo. Tras a análise da documentación achegada coa solicitude, o Servizo de Montes emite un informe o 10.6.2024 e nel expón que:
– O MVMC de Baredo foi clasificado polo Xurado de MVMC de Pontevedra o 26.11.1981 cunha superficie inicial de 394 ha.
– No traballo de campo revisáronse os lindes in situ e recoñecéronse fitos e muros. No traballo de gabinete utilizouse a planimetría catastral, a documentación dos montes de utilidade pública (MUP) nº 535 e 536, os instrumentos de xestión forestal de 2006 e de 2012 e unha sentenza xudicial relativa a un dos lindeiros.
– A parcela Silleiro linda con propietarios particulares por todos os seus ventos e provén do antigo MUP 535. Identificáronse os seguintes marcos: MP361, MP362, MP366, MP367, MP368, MP369 e MP370.
– A parcela Salgueiras linda polo norte coa estrada nacional 550, polo sur coa vía rápida e polo leste co monte veciñal da CMVMC de Santa María de Fóra (no linde do antigo MUP 536 San Roque e Roláns, do cal se localizan os marcos M2, M3, M4 e M5), tal e como foi ratificado polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia en sentenza do 24.11.2004.
– O linde coa CMVMC de Currás é o establecido no expediente de deslindamento PO-DESC-05/2016.
– A CMVMC de Baredo dispón dun documento de ordenación forestal inscrito no Rexistro de Montes Ordenados de Galicia co número 360062 e plan especial vixente ata 2022. Non consta contrato de xestión coa Consellería do Medio Rural.
– Non constan actos de disposición que modifiquen a superficie e forma do monte veciñal, polo que a superficie plana da revisión do esbozo proposta é de 32,90 ha para a parcela Silleiro e 8,89 ha para a parcela Salgueiras. O perímetro revisado é de 5,60 km. Non se modifican os lindes da resolución de clasificación do Xurado de MVMC de Pontevedra do 26.11.1981.
Terceira. O procedemento de revisión de esbozos de MVMC vén regulado na DT 13 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.
Á vista do exposto, este xurado
ACORDA:
Aceptar a revisión parcial do esbozo segundo a proposta e planimetría elaboradas polo Servizo de Montes.
Tal e como exixe o parágrafo 3 da DT 13 da LMG, a presente aceptación da revisión de esbozo será posta en coñecemento da comunidade de montes propietaria e publicada no Diario Oficial de Galicia para coñecemento do resto de posibles personas interesadas.
Pontevedra, 14 de maio de 2025
Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra
