DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 102 Venres, 30 de maio de 2025 Páx. 30841

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 14 de maio de 2025, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica a resolución de aceptación de revisión de esbozo do monte Santa Mariña da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Santa Mariña (Covelo) (expediente RE22053).

O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra acordou na súa reunión do 26.3.2025 aceptar a revisión do esbozo e a cartografía actualizada do monte Santa Mariña realizada polo Servizo de Montes de Pontevedra, con base nos seguintes feitos e consideracións técnicas.

Antecedentes e consideracións técnicas.

Primeiro. Con data do 27.9.2022, a CMVMC de Santa Mariña (Covelo) solicitou a revisión parcial do esbozo do MVMC Santa Mariña (ID2614). En concreto solicítase a revisión de dúas parcelas situadas no sur, denominadas Medelas e Parapinta-Chas.

Por ese motivo, en aplicación da disposición transitoria décimo terceira da Lei de montes de Galicia, o 30.11.2022, o Xurado acordou solicitar ao Servizo de Montes unha proposta coa revisión do esbozo e a elaboración da cartografía actualizada da parte do monte veciñal citado, o que deu lugar ao expediente RE22053 no Servizo de Montes de Pontevedra.

Segundo. Logo da análise da documentación achegada coa solicitude, o Servizo de Montes emitiu informe o 19.11.2024 en que expón que:

– O obxecto da revisión do esbozo das parcelas Medelas e Parapinta-Chas do MVMC de Santa Mariña, clasificado pola Resolución do Xurado de MVMC de Pontevedra do 4.5.1979 cunha superficie inicial de 393 ha.

– Levouse a cabo un levantamento topográfico con GPS de precisión centimétrica, identificándose durante o percorrido muros e marcos que separan estas parcelas doutras propiedades. Utilizouse tamén para o traballo o reflectido no catastro de rústica de 1956 e no actual do Ministerio de Facenda.

– A proposta de linde co MVMC de Lougares é coherente co reflectido nos documentos.

– A proposta de linde co monte veciñal da CMVMC de Santiago de Covelo respecta o deslindamento tramitado no expediente DC22026.

– As propostas de lindes co monte da CMVMC de Lamosa e co da CMVMC de Santiago de Covelo na parte que non se xustifica polo deslindamento DC22026, non se admiten por non achegar documentación que as acredite.

– O linde sur co monte da CMVMC de Paraños non se revisa por existir un conflito de propiedade aberto entre ambas as comunidades.

– A CMVMC de Santa Mariña dispón dun documento de ordenación forestal inscrito no Rexistro de Montes Ordenados de Galicia co núm. 360036.

– Non consta contrato de xestión coa Consellería do Medio Rural.

A superficie da revisión do esbozo proposto de Medelas é de 27,51 ha e de Parapinta-Chas é de 186,33 ha. Acéptase un perímetro revisado de 11,80 km.

Non se modifican os lindes da resolución de clasificación do Xurado de MVMC de Pontevedra do 4.5.1979.

Terceira. O procedemento de revisión de esbozos de MVMC vén regulado na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

A vista do exposto, este xurado

ACORDA:

Aceptar a revisión parcial do esbozo nos termos indicados na proposta e na planimetría elaboradas polo Servizo de Montes.

Tal e como exixe o parágrafo 3 da disposición transitoria décimo terceira da LMG, a presente aceptación da revisión de esbozo será posta en coñecemento da Comunidade de Montes propietaria e publicada no Diario Oficial de Galicia para coñecemento do resto de posibles persoas interesadas.

Pontevedra, 14 de maio de 2025

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra