Expediente: IN407A 2024/124-4.
Promotora: Real Club Celta de Vigo, S.A.D.
Denominación: LMT, CS, CT RC Celta de Vigo.
Concello: Mos.
Feitos:
1. O 18.3.2024, a empresa Real Club Celta de Vigo, S.A.D., solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da instalación eléctrica denominada LMT, CS, CT RC Celta de Vigo.
A solicitude inclúe o proxecto de execución asinado polo enxeñeiro técnico industrial Luis Alberto Tizón Cabaleiro, colexiado 2449 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos de Vigo, e en que figura un orzamento total de 243.717,38 euros.
Examinado o proxecto de execución, conclúese que consiste nas seguintes actuacións previstas nas parroquias de Cela e Tameiga, no concello do Mos (Pontevedra):
• Instalación dunha liña de media tensión subterránea (LMTS) dobre circuíto de 987 metros para alimentar o centro de transformación proxectado.
• Instalación dun centro de transformación de 250 kVA en edificio prefabricado de formigón monobloque de superficie.
• Instalación dun centro de seccionamento compacto de superficie para manobra exterior telecontrolado, en edificio prefabricado modular de formigón.
A empresa promotora indica que as instalación proxectadas terán a finalidade de atender a demanda de enerxía prevista no ámbito do proxecto Galicia Sports 360, ademais de seren cedidas á compañía distribuidora na zona, concretamente UFD Distribución Electricidad, S.A., que será a encargada de solicitar a autorización de explotación unha vez formalizada a cesión.
2. Este departamento territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Mos, a Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA), a Deputación Provincial de Pontevedra, a Entidade Local de Bembrive, o Servizo de Montes e Nedgia, S.A. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos condicionados emitidos por AESA e Nedgia, S.A.
O Servizo de Montes informou que a actuación afectaría terreos da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Pereiras, o que condiciona a que se realice ante ese servizo un novo expediente de ocupación ou se inicie un expediente de expropiación ante a Consellería de Economía e Industria.
En resposta, o Real Club Celta de Vigo, S.A.D., achegou unha escritura notarial de cesión de dereito de superficie en que establece que a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Pereiras constitúe un dereito real de superficie sobre determinados terreos a favor da sociedade deportiva Real Club Celta de Vigo, S.A.D., con destino exclusivo á construción de edificacións e instalacións cuxo destino principal e/ou auxiliar teñan por obxecto a práctica de actividades deportivas vinculadas ao obxecto social do superficiario. Este dereito de superficie terá un prazo de duración de trinta anos contados desde o 1.2.2018.
Con relación aos demais organismos, estes non emitiron os condicionados técnicos, entendéndose en consecuencia a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar.
Consideracións legais e técnicas:
1. O Departamento Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).
2. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:
• Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
• Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
• Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.
• Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.
• Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.
• Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.
• Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
• Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro).
3. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:
• Liña de media tensión subterránea (LMTS) a 15 kV, con condutor RHZ1, de 987 metros de lonxitude, con orixe no apoio existente C-4500/14, A1Q13KUG, da LMTA ATI7270526, e final no apoio C-4500/14, A1DBPIAM//58, da LMTA ATI727, tramo ATI7270408, facendo entrada e saída no centro de seccionamento e no centro de transformación proxectados.
• Centro de seccionamento con cela compacta 4L1P, dúas de saída telecontroladas.
• Centro de transformación a 250 kVA, con relación de transformación 15 kV/400 V.
• A instalación está situada nas parroquias de Cela e Tameiga, no concello de Mos (Pontevedra).
Conforme o indicado,
RESOLVO:
1. Outorgar á empresa Real Club Celta de Vigo, S.A.D., as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada LMT, CS, CT RC Celta de Vigo, expediente IN407A 2024/124-4, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.
2. A empresa Real Club Celta de Vigo, S.A.D., asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento se deberán cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
3. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a execución. Unha vez constituídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante este departamento territorial acompañada da seguinte documentación:
• As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.
• Un certificado dirección final de obra en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.
• Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.
• Documentación que acredite a conformidade da Comunidade de Montes en Man Común de Pereiras coa cesión das instalacións eléctricas a UFD Distribución Electricidad, S.A., ou ben, solicitude de declaración de utilidade pública para as instalacións eléctricas autorizadas.
4. O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución poderá dar lugar á súa revogación, logo da audiencia á promotora, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.
5. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.
Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.
Pontevedra, 26 de novembro de 2024
Beatriz López del Olmo
Directora territorial de Pontevedra
