A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, modificada pola Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro, determina que o sistema educativo se orientará, entre outros fins, á consecución do pleno desenvolvemento da personalidade e das capacidades do alumnado, á educación na responsabilidade individual e no mérito e esforzo persoal e ao desenvolvemento da capacidade do alumnado para regular a súa propia aprendizaxe, confiar nas súas aptitudes e coñecementos, así como para desenvolver a creatividade, a iniciativa persoal e o espírito emprendedor.
A Orde ECD/482/2018 do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, do 4 de maio (BOE núm. 115, do 11 de maio), pola que se regulan os premios nacionais de bacharelato, con base no establecido no artigo 89 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, dispón, no artigo 5, que poderá optar a estes premios, logo de solicitude, o alumnado que obtivese premio extraordinario de bacharelato na súa comunidade autónoma e, no artigo 2, que as administracións educativas competentes poderán convocar e conceder premios extraordinarios de bacharelato nos seus respectivos ámbitos de competencias.
A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, consciente da importancia de recoñecer e valorar publicamente os méritos excepcionais baseados no esforzo e no traballo do alumnado que cursou cun excelente resultado académico o bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia, convoca os premios extraordinarios de bacharelato.
En consonancia co anterior, en exercicio das competencias atribuídas no Decreto 138/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, por proposta da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, de conformidade co establecido no artigo 4 da citada Orde ECD/482/2018, e de acordo co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro).
DISPOÑO:
TÍTULO PRELIMINAR
Disposicións xerais
Artigo 1. Obxecto
1. O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras e convocar na Comunidade Autónoma de Galicia, en réxime de concorrencia competitiva, os premios extraordinarios de bacharelato (código de procedemento ED311A) correspondentes ao curso 2024/25 para o alumnado que finalizase os estudos de bacharelato neste curso nun centro docente da Comunidade Autónoma de Galicia en calquera das modalidades establecidas no artigo 9 do Decreto 157/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 183, do 26 de setembro).
2. A finalidade destes premios é a de recoñecer e valorar os méritos excepcionais baseados no esforzo e no traballo do alumnado que cursou cun excelente resultado académico o bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia. Para dar cumprimento a tal fin créase a proba dos premios extraordinarios de bacharelato, en diante, proba PEB.
Artigo 2. Número, orzamento e características dos premios
1. Poderanse conceder ata un máximo de 20 premios extraordinarios.
2. A dotación para os premios será de 20.000 € con cargo á aplicación orzamentaria 07.03.423A.480.1 da consellería que convoca, dos orzamentos do ano 2025, que se distribuirán entre as persoas premiadas na mesma contía, e que non poderá exceder os 1.000 € por premio. A concesión das axudas reguladas nesta orde terá como límite global o crédito asignado para este fin.
3. O alumnado que obteña o premio extraordinario percibirá a dotación económica, de cumprir os requisitos establecidos no artigo 22 desta orde e, ademais, recibirá un diploma acreditativo. A distinción de obter premio extraordinario farase constar nas certificacións académicas que se emitan.
4. Estes premios son compatibles con outros premios, bolsas e axudas para a mesma finalidade, calquera que sexa a súa natureza ou a entidade que os conceda.
5. As persoas que obteñan premio extraordinario de bacharelato poderán concorrer, logo de solicitude, ao correspondente Premio nacional de bacharelato.
6. O alumnado que obteña o premio extraordinario de bacharelato poderá estar exento, durante o primeiro ano e por unha soa vez, do pagamento dos prezos públicos por matrícula no primeiro curso dos estudos superiores nun centro público, segundo se estableza na normativa vixente para o curso 2025/26.
7. A contía do premio extraordinario ten a consideración de subvención, de acordo co artigo 2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro). Actualmente, e para os efectos fiscais, a contía do premio extraordinario ten a consideración de rendemento de traballo e, polo tanto, estará suxeito ás retencións que legalmente correspondan.
Artigo 3. Características do procedemento de solicitude dos premios
O procedemento de solicitude para optar aos premios extraordinarios de bacharelato terá dúas fases diferenciadas, con solicitudes diferentes para cada unha delas:
1. Na primeira fase, todo o alumnado que cumpra os requisitos establecidos no artigo 4 desta orde e que desexe optar aos premios deberá solicitar primeiramente a matrícula na proba PEB. Esta proba ten un proceso de solicitude de participación propio. Isto é, ten uns requisitos, modelo de solicitude e prazos específicos, e a súa tramitación poderá ser formalizada directamente polo alumnado interesado nos propios centros educativos.
2. Na segunda fase, unha vez publicadas as cualificacións definitivas na proba PEB, o alumnado que cumpra os requisitos establecidos no artigo 13 desta orde deberá formalizar unha solicitude para optar á subvención do premio extraordinario de bacharelato na forma, lugar e prazo indicados no artigo 14 desta orde.
CAPÍTULO I
Proba do Premio extraordinario de bacharelato
Artigo 4. Requisitos para a matrícula na proba PEB
Poderá presentarse á proba PEB o alumnado que cumpra os seguintes requisitos:
a) Ter rematado e superado os estudos de bacharelato no curso 2024/25 nun centro docente da Comunidade Autónoma de Galicia, seguindo o currículo oficial vixente nesta, ben na modalidade presencial ou na modalidade a distancia, e ser proposto para o título na convocatoria ordinaria do dito curso.
b) Ter acadado nas cualificacións do conxunto dos dous cursos de calquera das modalidades de bacharelato unha nota media igual ou superior a 8,75. Esta nota referirase á media normalizada, calculada sen ter en conta a cualificación das ensinanzas de relixión, co fin de garantir o principio de igualdade e a libre concorrencia entre todo o alumnado. A nota media calcularase de acordo co establecido no artigo 31.3 da Orde do 26 de maio de 2023 pola que se desenvolve o Decreto 157/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a avaliación nesa etapa educativa (DOG núm. 111, do 13 de xuño).
Todos os requisitos relacionados neste artigo deberán posuírse no día en que remate o prazo de presentación de solicitudes para participar na proba PEB.
Artigo 5. Forma, lugar e prazo de matrícula na proba PEB
1. O alumnado que reúna os requisitos establecidos no artigo 4 da presente orde e desexe optar ao Premio extraordinario de bacharelato deberá formalizar a súa matrícula na proba PEB no xeito que se indica a continuación:
a) O alumnado formalizará a súa matrícula na proba PEB empregando o anexo I que acompaña esta orde.
b) O alumnado indicará no anexo I os seus datos persoais, os do centro educativo e a modalidade de bacharelato cursada nel; indicará a Primeira Lingua Estranxeira II cursada e a materia escollida entre as materias obrigatorias de modalidade ou vía cursada segundo o seguinte:
– Artes na vía Artes Plásticas, Imaxe e Deseño: Debuxo Artístico II.
– Artes na vía Música e Artes Escénicas: Análise Musical II ou Artes Escénicas II.
– Ciencias e Tecnoloxía: Matemáticas II ou Matemáticas Aplicadas ás Ciencias Sociais II.
– Humanidades e Ciencias Sociais: Latín II ou Matemáticas Aplicadas ás Ciencias Sociais II.
– Xeral: Ciencias Xerais.
c) Así mesmo, o alumnado que teña recoñecida a exención de avaliación na materia de Lingua Galega e Literatura II poderá solicitar a través do anexo I a realización de todos os exercicios da proba PEB en lingua castelá, agás o exercicio de Primeira Lingua Estranxeira II.
d) O alumnado con necesidades específicas de apoio educativo no 2º curso de bacharelato poderá solicitar a través do anexo I a valoración de medidas de adaptación dos tempos e/ou medios para a realización da proba. Xuntará unha petición concreta de adaptación e o informe psicopedagóxico emitido polo departamento de orientación do centro educativo onde cursase 2º curso de bacharelato que acredite a condición de necesidades específicas de apoio educativo nese curso.
e) O alumnado, os seus representantes legais ou, no caso de menores de idades, os seus pais, nais ou titores/as legais, presentará a súa solicitude de matrícula na secretaría do centro en que superase o segundo curso de bacharelato.
f) O alumnado presentará a súa solicitude de matrícula no prazo de cinco (5) días hábiles contados desde o día seguinte á publicación desta orde.
g) Para resolver as dúbidas relacionadas co procedemento de matrícula, as persoas interesadas poderán facer as súas consultas no enderezo electrónico electrónico premios@edu.xunta.gal
Artigo 6. Procedemento nos centros educativos en relación coa matrícula na proba PEB
1. Os centros educativos de educación secundaria que impartan bacharelato tramitarán as solicitudes do seu alumnado que se presenten en tempo e forma para participar na proba PEB. Así mesmo, entregarán ao alumnado unha copia desta solicitude cunha dilixencia, asinada polo secretario/a do centro, onde conste a data de presentación, a modo de xustificante de presentación de dita solicitude.
2. A información proporcionada nas solicitudes será trasladada con celeridade polo/a secretario/a do centro educativo á aplicación informática «Avalia» (https://www.edu.xunta.gal/avalia), segundo as instrucións técnicas que proporcione a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa.
3. As solicitudes de participación na proba PEB que non sexa posible trasladar á aplicación informática «Avalia» (https://www.edu.xunta.gal/avalia) e todas as que indiquen exención de avaliación na materia de Lingua Galega e Literatura II e/ou solicitude de valoración de medidas de adaptación por necesidades específicas de apoio educativo serán escaneadas e enviadas polo/a secretario/a do centro educativo ao enderezo de correo electrónico premios@edu.xunta.gal de xeito inmediato. Todas as solicitudes físicas de matrícula na proba PEB quedarán depositadas nos centros educativos á disposición do Servizo de Avaliación do Sistema Educativo durante un ano completo.
4. Os centros docentes dependentes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional en que está o expediente académico do alumnado de centros privados enviarán a certificación académica de bacharelato do alumnado que non teña todo o seu expediente académico recollido na base de datos da aplicación XADE, en que se reflicta a cualificación final a que se refire o artigo 4.b) desta orde, asinada polo/a secretario/a co visto e prace do/da director/a. Esta certificación enviarase ao enderezo de correo electrónico premios@edu.xunta.gal
Artigo 7. Relación provisional e definitiva de alumnado matriculado na proba PEB
1. O Servizo de Avaliación do Sistema Educativo, rematado o prazo de matrícula e logo de examinar as solicitudes de matrícula trasladadas á aplicación «Avalia» e as recibidas por correo electrónico dos centros educativos xunto coa documentación presentada polas persoas solicitantes, exporá a relación provisional de solicitudes de matrícula admitidas e excluídas e os motivos de exclusión, no portal educativo (https://www.edu.xunta.gal) e na páxina de inicio da aplicación informática «PremiosEdu» (https://www.edu.xunta.gal/premiosedu).
2. O alumnado disporá dun prazo de corrección de erros materiais na matrícula de tres (3) días hábiles, contados desde o día seguinte ao da publicación das relacións provisionais de solicitudes de matrícula admitidas e excluídas. Durante ese prazo poderán emendar erros e a falta de documentación, presentando unha reclamación (anexo II) no centro educativo de referencia. O centro educativo dirixirá a reclamación ao Servizo de Avaliación do Sistema Educativo ao enderezo de correo electrónico premios@edu.xunta.gal e entregará unha copia da dita reclamación ao/á alumno/a cunha dilixencia, asinada polo/a secretario/a do centro, onde conste a data de presentación, a modo de xustificante de presentación da dita reclamación.
Transcorrido este prazo sen que se emenden os erros ou se achegue a documentación preceptiva, considerarase que a persoa interesada desiste da súa petición.
O Servizo de Avaliación do Sistema Educativo publicará a relación definitiva de alumnado admitido e excluído da matrícula no portal educativo (https://www.edu.xunta.gal) e na páxina de inicio da aplicación informática «PremiosEdu» (https://www.edu.xunta.gal/premiosedu).
As reclamacións entenderanse resoltas e notificadas coa publicación da relación definitiva de alumnado admitido e excluído da matrícula.
Artigo 8. Características da proba PEB
1. A proba PEB será presencial, en convocatoria única en todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e realizarase de forma simultánea nas distintas sedes que estableza a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa.
2. Serán admitidos/as á proba PEB, condicionalmente, o alumnado que na data da súa realización estivese pendente de resolución de emenda da solicitude de matrícula.
3. O alumnado matriculado deberá realizar a proba PEB, con carácter xeral, na sede que lle corresponda segundo o centro educativo en que se atope o seu expediente académico. A Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa poderá autorizar cambios de sede por causas debidamente xustificadas, logo de solicitude da persoa interesada. A relación das distintas sedes e a listaxe de centros educativos asignados a cada unha delas publicarase no portal educativo (https://www.edu.xunta.gal) e na páxina de inicio da aplicación informática «PremiosEdu» (https://www.edu.xunta.gal/premiosedu).
4. Para a realización da proba PEB o alumnado matriculado acreditará a súa identidade co DNI, pasaporte, NIE ou calquera outro documento recoñecido en dereito.
5. O alumnado matriculado con necesidades específicas de apoio educativo deberá facer constar a dita circunstancia na solicitude para que se poidan valorar as medidas de adaptación que se consideren necesarias e deberá achegar a documentación que acredite tal condición, tal como se especifica no artigo 5 desta orde. Con carácter xeral, as medidas que se recollen son: ampliación de tempo, adaptacións de formato e criterios de corrección específicos segundo o protocolo para intervención psicoeducativa da dislexia e outras dificultades específicas de aprendizaxe da Xunta de Galicia.
6. Todo o alumnado participante deberá empregar a lingua galega e a lingua castelá na realización da proba PEB, agás aquel que teña recoñecida a exención de avaliación en Lingua Galega e Literatura II.
Artigo 9. Estrutura da proba PEB
1. A proba PEB estruturarase en dúas partes, cada unha delas para desenvolver en dúas horas:
1.1. Primeira parte, que constará dun exercicio, para desenvolver en dúas horas:
1.1.1. Análise e comentario crítico de un texto ou textos, sobre un tema de carácter xeral, histórico, filosófico, científico ou literario.
Para a resolución do exercicio será necesario usar as dúas linguas cooficiais, agás aquel alumnado que teña recoñecida a exención de avaliación na materia de Lingua Galega e Literatura II, que poderá realizar todo o exercicio en lingua castelá.
O único exercicio desta parte da proba PEB cualificarase entre 0 e 20 puntos cun decimal.
1.2. Segunda parte, que constará de dous exercicios, para desenvolver en dúas horas:
1.2.1. Primeiro: resposta a cuestións de carácter cultural ou lingüístico sobre un texto na primeira Lingua Estranxeira II cursada polo alumnado como materia común do bacharelato. O exercicio realizarase sen dicionario e no idioma correspondente.
1.2.2. Segundo: desenvolvemento de temas, respostas a cuestións e/ou exercicios prácticos dunha materia de modalidade cursada polo alumnado, para elixir entre as seguintes, segundo a modalidade de bacharelato cursada: Ciencias Xerais, Matemáticas II, Matemáticas Aplicadas ás Ciencias Sociais II, Latín II, Debuxo Artístico II, Análise Musical II e Artes Escénicas II.
Cada un dos dous exercicios desta parte da proba PEB cualificaranse entre 0 e 10 puntos cun decimal.
2. A cualificación de cada parte da proba PEB obterase mediante a suma das cualificacións dos exercicios que a compoñen.
3. A cualificación total será a suma das cualificacións obtidas en cada parte da proba PEB.
4. A proba PEB desenvolverase mediante un procedemento que garanta o anonimato dos aspirantes durante a corrección de todos os exercicios.
5. En todos os exercicios que compoñen a proba valorarase a corrección das respostas e a demostración de coñecementos; a claridade e a calidade da exposición; a coherencia e cohesión dos contidos e a axeitada estruturación e presentación de cada unha das respostas aos exercicios.
Artigo 10. Tribunal
1. Para elaborar, supervisar e avaliar a proba PEB a persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa designará un tribunal mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia, no portal educativo (https://www.edu.xunta.gal) e na páxina de inicio da aplicación informática «PremiosEdu» (https://www.edu.xunta.gal/premiosedu).
O tribunal estará composto por un presidente ou unha presidenta, e ata un máximo de seis vogais, coa categoría de subdirector/a xeral, xefe/a de servizo ou inspectores e inspectoras de educación.
O presidente ou a presidenta deberá ser un subdirector xeral ou unha subdirectora xeral, ou un inspector ou unha inspectora de educación.
Actuará como secretario/a, con voz e sen voto, un/unha funcionario/a da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa.
2. O tribunal responsabilizarase da elaboración e do desenvolvemento da proba PEB, da corrección e cualificación dos exercicios, da elaboración das actas así como da resolución das reclamacións que se produzan contra as cualificacións.
3. Para os efectos de colaboración co tribunal na aplicación e na corrección dos exercicios da proba PEB, poderanse constituír comisións técnicas integradas por funcionarios e funcionarias dos corpos de inspectores/as de educación, de catedráticos/as de ensinanza secundaria e/ou de profesores/as de ensino secundario, especialistas nas distintas materias dos exercicios que compoñen a proba PEB.
En todo o regulado no presente precepto observarase o previsto no artigo 15 e seguintes da Lei 40/2015, do 1 de outubro, do réxime xurídico do sector público.
Artigo 11. Data e lugares de realización da proba PEB
1. A realización da proba PEB terá lugar o día 18 de xuño de 2025. A Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa poderá modificar a data de realización da proba PEB por causas debidamente xustificadas mediante resolución.
2. A proba PEB realizarase nos lugares e no horario que se darán a coñecer mediante resolución publicada no portal educativo (https://www.edu.xunta.gal) e na páxina de inicio da aplicación informática «PremiosEdu» (https://www.edu.xunta.gal/premiosedu).
Artigo 12. Publicación das cualificacións e reclamacións
1. O tribunal fará públicas as cualificacións provisionais obtidas polo alumnado presentado á proba PEB no portal educativo (https://www.edu.xunta.gal) e na páxina de inicio da aplicación informática «PremiosEdu» (https://www.edu.xunta.gal/premiosedu). Na dita listaxe o alumnado aparecerá ordenado alfabeticamente por apelidos e figurará a cualificación de cada un dos exercicios e a cualificación final obtida.
2. O alumnado, os seus representantes legais ou, no caso de menores de idade, os seus pais, nais ou titores/as legais poderán reclamar por escrito e de forma motivada contra a cualificación provisional obtida. Para facelo deberán presentar unha reclamación (anexo III) no centro educativo onde realizou a matrícula na proba PEB no prazo de cinco (5) días hábiles, contados desde o día seguinte ao da publicación das cualificacións provisionais. Durante ese prazo o alumnado poderá solicitar a revisión da cualificación dos seus exercicios e unha segunda corrección, presentando unha reclamación (anexo III) no centro educativo de referencia. O citado centro educativo dirixirá os escritos de reclamación de xeito inmediato ao Servizo de Avaliación do Sistema Educativo ao enderezo de correo electrónico premios@edu.xunta.gal e entregará unha copia da dita reclamación ao/á alumno/a cunha dilixencia, asinada polo/a secretario/a do centro, onde conste a data de presentación, a modo de xustificante de presentación da dita reclamación. O dito servizo remitirá as reclamacións ao tribunal para a súa análise e resolución.
3. O tribunal encargará a revisión dos exercicios da proba PEB sobre os cales se solicitase reclamación a un profesor ou profesora especialista distinto ao que realizou a primeira corrección.
4. Para a revisión dos exercicios en que fose presentada reclamación o profesor ou profesora encargada seguirá o seguinte procedemento:
a) En primeiro lugar, comprobará que non existen erros de cálculo da cualificación e que fose corrixido e valorado todo o exercicio. No caso de existir error de feito ou aritmético, modificarase a cualificación tanto á alza coma á baixa, e esta pasará a ser a cualificación provisional actualizada.
b) Posteriormente, realizará unha segunda corrección do exercicio. A cualificación final do exercicio resultará da media aritmética entre a cualificación provisional, actualizada, de ser o caso, e a cualificación da segunda corrección.
c) No suposto de que exista entre as dúas cualificacións unha diferenza de 4 puntos ou máis no caso do exercicio de Análise e comentario crítico de texto, ou de 2 puntos ou máis no resto de exercicios, o tribunal efectuará, de oficio, unha terceira corrección, e a cualificación final será a media aritmética das tres cualificacións.
5. Finalizada a revisión dos exercicios, o tribunal fará públicas as cualificacións definitivas obtidas polo alumnado presentado á proba PEB no portal educativo (https://www.edu.xunta.gal) e na páxina de inicio da aplicación informática «PremiosEdu» (https://www.edu.xunta.gal/premiosedu).
6. O tribunal, unha vez remata a súa actuación, deberá remitir as actas, os datos e o resto de documentación ao Servizo de Avaliación do Sistema Educativo.
CAPÍTULO II
Subvención do Premio extraordinario de bacharelato
Artigo 13. Requisitos das persoas solicitantes do premio extraordinario de bacharelato
As persoas solicitantes do premio extraordinario de bacharelato deberán cumprir os requisitos establecidos no artigo 4 desta orde, e, ademais:
a) Terse presentado á proba PEB na convocatoria de 2025 e ter acadada unha cualificación total mínima de 25 puntos.
b) Ter acadado, como mínimo, unha cualificación de 10 puntos no exercicio de Análise e comentario crítico de texto.
c) Ter acadado, como mínimo, unha cualificación de 5 puntos nos demais exercicios da proba PEB.
Todos os requisitos relacionados neste artigo deberán posuírse no día en que remate o prazo de presentación de solicitudes.
Artigo 14. Forma, lugar e prazo de presentación de solicitudes de participación no premio extraordinario de bacharelato
1. As solicitudes de participación presentaranse preferiblemente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo IV) dispoñible na aplicación informática «PremiosEdu» (https://www.edu.xunta.gal/premiosedu/) accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), ou directamente desde a propia aplicación «PremiosEdu».
Opcionalmente, poderanse presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. As solicitudes subscribiranas directamente as persoas interesadas con plena capacidade de obrar ou, se é o caso, os/as representantes legais das persoas solicitantes.
3. Para a presentación electrónica deste procedemento, a sede electrónica da Xunta de Galicia dispón de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polas persoas solicitantes. En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de obtención dos formularios, poderán dirixirse ao teléfono de información 012 ou ao enderezo electrónico 012@xunta.gal
Se as dúbidas están relacionadas coa presente convocatoria, poderán facer as súas consultas no enderezo electrónico premios@edu.xunta.gal
4. O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes a partir do día seguinte da publicación das listaxes de cualificacións definitivas da proba PEB da convocatoria de 2025.
Artigo 15. Comprobación de datos para a solicitudes de participación no premio extraordinario de bacharelato
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI ou NIE da persoa solicitante.
b) DNI ou NIE da persoa representante.
c) Expediente académico dos estudos de bacharelato cursados pola persoa solicitante.
d) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.
e) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
f) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da comunidade autónoma.
g) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Artigo 16. Documentación complementaria da solicitude de participación no premio extraordinario de bacharelato
1. As persoas interesadas que subscriban a súa solicitude de participación mediante unha persoa representante, agás aquelas sen capacidade plena de obrar que cursasen os seus estudos en centros públicos ou privados que teñan todo o seu expediente recollido na base de datos da aplicación XADE, deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
Acreditación da representación por calquera medio válido en dereito.
De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitárselle novamente á persoa interesada a súa achega.
2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por medios electrónicos.
Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 17. Notificacións
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se efectúen ou deixen de efectuar por medios electrónicos mediante os modelos normalizados dispoñibles.
2. A persoa solicitante deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario da solicitude de participación. En ausencia de manifestación expresa algunha, entenderase que a modalidade de notificación escollida é a electrónica.
3. No caso de optar pola notificación en papel, efectuarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
4. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
5. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderase rexeitadas cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
6. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 18. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, as persoas interesadas tamén poderán realizar os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 19. Relación provisional e definitiva das persoas aspirantes admitidas e excluídas ao premio
1. O Servizo de Avaliación do Sistema Educativo, rematado o prazo de presentación de solicitudes e logo de examinar estas e a documentación presentada polas persoas solicitantes, exporá a relación provisional de solicitudes admitidas e excluídas e os motivos de exclusión, no portal educativo (https://www.edu.xunta.gal) e na páxina de inicio da aplicación informática «PremiosEdu» (https://www.edu.xunta.gal/premiosedu). Na relación provisional de solicitudes admitidas incluirase a cualificación total, e a cualificación en cada unha das dúas partes acadada polos interesados na proba PEB da convocatoria 2025.
2. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, cando a solicitude non reúna algún dos datos exixidos nela, requirirase o/a interesado/a para que, no prazo máximo e improrrogable de dez (10) días, emende a falla ou achegue os documentos preceptivos con indicación de que se non o fai, se terá por desistido da súa petición, logo de resolución ditada nos termos do artigo 21 do citado texto legal. Durante ese prazo poderán emendar erros ou achegar documentación a través do anexo V dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), preferiblemente por medios electrónicos, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada e achegarán, se é o caso, a documentación necesaria. Opcionalmente, o anexo V poderase presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
A publicación da relación definitiva do alumnado admitido e excluído realizarase no portal educativo (https://www.edu.xunta.gal) e na páxina de inicio da aplicación informática «PremiosEdu» (https://www.edu.xunta.gal/premiosedu). Na relación definitiva de solicitudes admitidas incluirase a cualificación total, e a cualificación en cada unha das dúas partes acadada polas persoas interesadas na proba PEB da convocatoria 2025.
As reclamacións entenderanse resoltas e notificadas coa publicación da relación definitiva do alumnado admitido e excluído.
Artigo 20. Resolución de concesión
1. Publicada a relación definitiva do alumnado admitido e as súas cualificacións, o Servizo de Avaliación do Sistema Educativo elaborará a proposta de adxudicación dos premios extraordinarios. De acordo co artigo 2 desta orde, seleccionaranse as persoas candidatas coas 20 cualificacións totais máis altas. En caso de empate entre persoas candidatas, consideraranse os seguintes criterios de desempate:
1º. Mellor cualificación da primeira parte da proba PEB.
2º. Mellor cualificación no primeiro exercicio da segunda parte da proba PEB.
3º. Mellor nota media a que se refire o artigo 4.b) desta orde.
4º. Mellor nota media en segundo curso de bacharelato.
De persistir o empate, realizarase un sorteo.
Os resultados coas cualificacións definitivas das persoas aspirantes publicaranse no portal educativo (https://www.edu.xunta.gal) e na páxina de inicio da aplicación informática «PremiosEdu» (https://www.edu.xunta.gal/premiosedu).
2. A persoa titular do Servizo de Avaliación do Sistema Educativo elevará a proposta á persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, quen emitirá a correspondente orde de adxudicación para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia. A relación de alumnado premiado comunicarase á Dirección Xeral de Planificación e Xestión Educativa do Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes.
3. O prazo máximo para resolver este procedemento será de cinco (5) meses desde o día seguinte ao da finalización do prazo de inscrición. Transcorrido o dito prazo sen que se notifique a correspondente resolución, a persoa interesada poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.
Artigo 21. Recurso
A devandita orde de adxudicación dos premios poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, no prazo dun (1) mes, a partir do día seguinte ao da data de publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente mediante recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses desde tal publicación, segundo prevé o artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Artigo 22. Obrigas das persoas beneficiarias
A presentación da solicitude implica a aceptación das bases desta convocatoria e, en caso de resultar beneficiario, a obriga de:
1. Informar o órgano que concede o premio da obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración pública, ente público ou privado.
2. Non estar incurso en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
3. Estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da citada lei, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
4. Estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, conforme o artigo 10.2.e) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
5. Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das funcións de fiscalización e control que lle competen, segundo dispón o artigo 14.1.k) da Lei 9/2007, do 3 de xuño, de subvencións de Galicia.
6. Remitir ao Servizo de Avaliación do Sistema Educativo o modelo 145 do imposto sobre a renda das persoas físicas a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada na semana seguinte á publicación da orde de concesión dos premios no Diario Oficial de Galicia.
7. Facilitar ao Servizo de Avaliación do Sistema Educativo a titularidade dunha conta bancaria con 24 díxitos e declarar sobre a veracidade dos datos relativos á devandita conta en que se ingresará, mediante transferencia bancaria, a dotación do premio a que se refire o artigo 2.2 desta orde, segundo o modelo de anexo VI, na semana seguinte á publicación da orde de concesión dos premios no Diario Oficial de Galicia. Esta entrega efectuarase a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada.
Artigo 23. Incumprimento, reintegros e sancións
1. O incumprimento das obrigacións contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obrigación da persoa beneficiaria de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.
2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no artigo 38 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
3. As persoas beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 24. Modificación da orde de adxudicación
Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión dos premios poderá dar lugar á modificación da orde de concesión do premio, conforme o artigo 17.4 da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 25. Transparencia e bo goberno
1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.
Artigo 26. Instrución do procedemento
O órgano instrutor do procedemento será o Servizo de Avaliación do Sistema Educativo.
Disposición adicional primeira. Efectos económicos do tribunal e das comisións técnicas
Para os efectos previstos no artigo 26 do Decreto 144/2001, o tribunal e as comisións técnicas ateranse á categoría correspondente que determine a Dirección Xeral da Función Pública da Consellería de Facenda e Administración Pública.
Disposición adicional segunda. Publicación na Base de datos nacional de subvencións
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.
Disposición adicional terceira. Delegación de atribucións
Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional na persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das axudas previstas nesta orde.
Disposición derradeira primeira. Datos persoais do alumnado aspirante
No referente a obtención dos datos persoais do alumnado aspirante e/ou os seus representantes legais e a seguridade e confidencialidade destes, observarase o disposto no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo a protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e o establecido na Lei orgánica 3/2018, de 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, que adapta á lexislación española o citado regulamento.
Disposición derradeira segunda. Facultade de desenvolvemento
Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa para adoptar os actos e medidas necesarias para a aplicación desta orde.
Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 27 de maio de 2025
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
P.D. (Orde do 5.6.2024; DOG núm. 114, do 13 de xuño)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Educación,
Ciencia, Universidades e Formación Profesional
