A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración é o órgano encargado de exercer as competencias que, en materia de comercio interior, o artigo 30.I.4 do Estatuto de autonomía de Galicia atribúe á nosa comunidade autónoma.
O Decreto 147/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, establece que lle corresponde á Dirección Xeral de Comercio e Consumo a planificación, a coordinación e o control das competencias da consellería en materia de comercio interior.
Dada a repercusión positiva que tiveron as anteriores edicións do programa bonos Activa comercio na reactivación das vendas no comercio de proximidade galego, facendo posible que numerosas persoas puidesen beneficiarse destas axudas, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración vai proceder á convocatoria da primeira edición do programa en 2025.
A finalidade desta edición é continuar estimulando a demanda das persoas consumidoras e incrementar o fortalecemento e a reactivación económica do comercio retallista, promovendo as compras de bens en comercios e paliando o impacto negativo derivado da crise económica; obxectivos estes que, no contexto da actual situación inflacionista, tamén terán un impacto positivo na economía das persoas consumidoras ao poder beneficiarse de descontos nas compras que realicen no seu comercio de proximidade.
A teor do exposto, en virtude das competencias que ten atribuídas a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración en materia de comercio interior, e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,
DISPOÑO:
Artigo 1. Obxecto
Esta orde ten por obxecto convocar a primeira edición de 2025 do Programa de dinamización e incentivación do consumo nos comercios retallistas da Comunidade Autónoma de Galicia a través dos bonos Activa comercio (código de procedemento CO301B).
Artigo 2. Bases reguladoras
A xestión dos bonos Activa comercio axustarase ao previsto nas bases reguladoras aprobadas pola Orde do 30 de abril de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión no ano 2025 das axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, do Programa de dinamización e incentivación do consumo nos comercios retallistas da Comunidade Autónoma de Galicia a través dos bonos Activa comercio, e se procede á apertura do prazo para a adhesión dos comercios (código de procedemento CO301B) (DOG núm. 94, do 19 de maio).
Artigo 3. Orzamento
1. Para a concesión destas axudas destinaranse 2.500.000 € con cargo á aplicación orzamentaria 14.06.751A.480.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025.
2. O orzamento poderase incrementar en función da evolución do programa bonos Activa comercio co obxecto de aumentar o número de persoas beneficiarias e de acordo coa dispoñibilidade de crédito cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.
O incremento do crédito quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda.
Nestes casos publicarase a ampliación de crédito polos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura do prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.
Artigo 4. Entidade colaboradora
A entrega e a distribución dos fondos das axudas farase coa entidade colaboradora seleccionada ao abeiro da Orde do 28 de marzo de 2025 pola que se convoca o procedemento de concorrencia para a selección dunha entidade colaboradora para a entrega e distribución dos fondos das axudas do Programa de dinamización e incentivación do consumo nos comercios retallistas da Comunidade Autónoma de Galicia a través dos bonos Activa comercio (código de procedemento CO301A) (DOG núm. 68, do 8 de abril).
Artigo 5. Actividade subvencionable
Por medio desta orde subvencionarase a compra de bens, a través dos bonos Activa comercio, nos termos establecidos no artigo 5 das bases reguladoras.
Artigo 6. Procedemento de concesión
O procedemento para a concesión das axudas reguladas nesta orde é de outorgamento de subvencións en réxime de concorrencia non competitiva ao abeiro do disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, atendendo á orde das solicitudes ata o esgotamento do crédito previsto no artigo 3 destas bases reguladoras.
Artigo 7. Persoas beneficiarias
Poderán ser persoas beneficiarias das axudas as persoas físicas maiores de idade e residentes na Comunidade Autónoma de Galicia que realicen as actuacións establecidas no artigo 5 desta orde. Para seren beneficiarias terán que tramitar as súas solicitudes conforme o disposto no artigo seguinte.
Artigo 8. Presentación da solicitude dos bonos
1. Para a solicitude e a obtención dos bonos, cada persoa usuaria deberá darse de alta na web www.bonosactivacomercio.gal indicando a seguinte información:
a. Nome e apelidos.
b. Maioría de idade.
c. DNI ou NIE.
d. Localidade de residencia (código postal).
e. Número de teléfono móbil.
f. Correo electrónico.
2. O uso da páxina web e a descarga dos bonos polas persoas usuarias suporá a aceptación das condicións do seu uso e da política de privacidade conforme o Regulamento (UE) 2016/679, do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos), e á Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, da que serán informadas convenientemente.
3. As persoas usuarias deberán declarar responsablemente a veracidade dos datos indicados. A Dirección Xeral de Comercio e Consumo poderá solicitar, en calquera momento, os documentos acreditativos dos mencionados requisitos.
4. Así mesmo, as persoas usuarias deberán declarar responsablemente que están ao día do cumprimento das obrigas coa Facenda pública do Estado e da Administración autonómica, así como coa Seguridade Social.
5. Opcionalmente, os bonos poderán solicitarse presencialmente na Dirección Xeral de Comercio e Consumo e nos departamentos territoriais da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.
As persoas interesadas, ou os/as seus/súas representantes, poderán autorizar expresamente aos/ás empregados/as para a solicitude e a obtención dos bonos en formato papel. Neste suposto deberase acreditar a representación expresa por calquera medio válido en dereito que deixe constancia fidedigna ou mediante declaración responsable en comparecencia persoal da persoa interesada ante o/a funcionario/a da Administración.
Artigo 9. Sistema de funcionamento dos bonos
1. A descarga dos bonos polas persoas usuarias realizarase na web www.bonosactivacomercio.gal. Os bonos terán formato dixital a través dun código QR e estarán dispoñibles para a súa utilización nunha aplicación que permita realizar pagamentos (Wallet ou similar).
2. Para trocar os bonos e poder facer efectivos os descontos ás persoas usuarias, os/as comerciantes terán que descargar no seu móbil a aplicación Bonos Activa Comercio.
3. No momento da compravenda, os/as comerciantes terán que introducir na app o importe e o concepto da venda, e aparecerá automaticamente o importe que se vai cobrar (unha vez aplicado o desconto). O concepto da venda introducido na app debe corresponderse coa numeración do tícket ou factura de compra entregada á clientela.
Pola súa banda, as persoas usuarias deberán mostrar o seu bono en formato código QR e pagar, en efectivo ou con tarxeta, o importe final da compra realizada.
4. Os bonos descargados poderanse utilizar ata que o importe total dos descontos efectivamente realizados en compravendas alcance os 2.500.000 €.
Artigo 10. Condicións de uso dos bonos
Cada persoa beneficiaria disporá dun único bono que poderá ser usado nun ou varios dos comercios retallistas adheridos ao programa.
Cada bono terá un valor de ata 30 €. En función do importe das compras, poderán obterse os seguintes descontos:
– Desconto de 5 € en compras iguais ou superiores a 20 € e inferiores a 30 €.
– Desconto de 10 € en compras iguais ou superiores a 30 € e inferiores a 50 €.
– Desconto de 15 € en compras iguais ou superiores a 50 €.
Todas estas contías enténdense co IVE incluído.
3. A validez dos bonos estenderase ata a finalización do período previsto no artigo seguinte, salvo o esgotamento previo do seu saldo, ou ata que o importe total dos descontos efectivamente realizados en compravendas alcance os 2.500.000 €.
4. A través da plataforma tecnolóxica do programa, os/as comerciantes terán á súa disposición a información necesaria e poderán consultar o histórico das súas vendas, os bonos xa trocados, os aboamentos feitos pola entidade colaboradora e os demais detalles de cada operación.
5. En caso de devolución do ben ou bens comprados, o importe da compra poderá ser trocado por outra compra de prezo igual ou superior ou por un vale sen caducidade polo importe correspondente. O/a comerciante non poderá aboarlle á persoa consumidora, en ningún caso, diñeiro en efectivo ou na tarxeta de crédito.
6. Non será aplicable o troco dos bonos para as compras en liña.
Artigo 11. Data de descarga dos bonos
Os bonos estarán dispoñibles na web www.bonosactivacomercio.gal para a súa descarga polas persoas usuarias desde o 4 de xuño de 2025, ás 9.00 horas, ata que o importe total dos descontos efectivamente realizados en compravendas alcance os 2.500.000 €.
Mediante orde da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración poderase modificar a antedita data se razóns organizativas ou doutra índole así o aconsellasen, e darase a oportuna publicidade.
Artigo 12. Órganos competentes para a instrución e resolución
A Dirección Xeral de Comercio e Consumo será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención.
Corresponderalle á persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración ditar a resolución correspondente, sen prexuízo da delegación noutros órganos.
Artigo 13. Instrución e resolución de concesión
Co troco dos bonos na forma establecida no artigo 9 desta orde, as axudas entenderanse concedidas ás persoas beneficiarias.
A resolución de concesión das axudas publicarase na páxina web oficial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración con indicación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas.
Artigo 14. Xustificación e inspección
A Dirección Xeral de Comercio e Consumo, como responsable do programa bonos Activa comercio, resérvase para si o dereito de realizar durante o período de vixencia dos bonos e a posteriori, e de forma aleatoria, cantas comprobacións, inspeccións e demais medidas de control considere oportunas para asegurar a correcta aplicación dos recursos públicos e para verificar o adecuado desenvolvemento e a execución do programa.
No suposto de que exista algún incumprimento por parte dos establecementos adheridos, a Dirección Xeral de Comercio e Consumo poderá cancelar a súa adhesión ao programa bonos Activa comercio. Neste caso comunicará a dita circunstancia á entidade colaboradora, co fin de impedir o troco de bonos e paralizar o proceso do seu pagamento, ou solicitará, se é o caso, o reintegro dos fondos percibidos.
Os comercios retallistas adheridos ao programa bonos Activa comercio están obrigados a facilitar canta información lles sexa requirida pola Dirección Xeral de Comercio e Consumo e os restantes órganos competentes no exercicio das súas funcións de control do destino das axudas concedidas.
Alén do anterior, estas axudas están sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma nos termos establecidos no título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas e, se é o caso, aos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.
Artículo 15. Información
As persoas interesadas poderán obter información adicional a través da web
www.bonosactivacomercio.gal
Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento, poderán facer uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia: 012 (desde o resto do Estado: 902 12 00 12).
Disposición adicional única. Base de datos nacional de subvencións
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta.
Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento
Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Comercio e Consumo para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento e a aplicación desta orde.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 19 de maio de 2025
José González Vázquez
Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración
