DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 104 Martes, 3 de xuño de 2025 Páx. 31289

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega das Industrias Culturais

ANUNCIO do 27 de maio de 2025 polo que se dá publicidade á convocatoria e ás bases reguladoras do proceso de selección para a contratación, baixo a modalidade de contrato especial para artistas, ao abeiro do Real decreto 1435/1985, de 1 de agosto, e a modificación introducida polo Real decreto lei 5/2022, do 22 de marzo, de vinte e tres (23) prazas de actrices e actores para as producións Hamlet e Memorias dun neno labrego do Departamento de Produción Teatral no período 2025-2026.

Co obxecto de levar a cabo as producións teatrais previstas para 2025-2026 e, en consecuencia, proceder á selección das actrices e actores que formarán parte do elenco, para a súa contratación mediante modalidade de contrato especial para artistas, aprobáronse as bases que rexerán este proceso selectivo.

Conforme o disposto na base cuarta, para garantir a publicidade deste procedemento,

RESOLVO:

Anunciar a convocatoria para a selección de vinte e tres (23) prazas de actrices e actores para as producións do Departamento de Produción Teatral da Agadic no período 2025-2026, coas categorías descritas a seguir:

1. Hamlet: unha (1) praza coa categoría de protagonista e quince (15) prazas coa categoría de principal.

2. Memorias dun neno labrego: sete (7) prazas coa categoría de principal.

As bases que rexen este proceso, así como o resto da documentación relativa a esta convocatoria, poden consultarse na páxina web https://industriasculturais.xunta.gal e no taboleiro de anuncios da Axencia.

As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica, enviando o modelo de solicitude anexo I. Para a remisión electrónica deste anexo I e da documentación que se xunte empregarase o modelo de solicitude xenérica co código PR004A, previsto na Orde do 4 de maio de 2017 que aproba a posta en funcionamento do servizo para a presentación electrónica de solicitudes, escritos e comunicacións que non teñan un sistema electrónico específico, habilitado na sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.gal, ou ben presentará a documentación nas oficinas do rexistro da Xunta de Galicia e nos demais lugares previstos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

As persoas solicitantes poderán escoller en todo momento se se comunican coa Agadic a través de medios electrónicos. O medio escollido pola persoa poderá ser modificado en calquera momento.

O prazo de presentación de solicitudes será de quince (15) días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria na páxina web da Agadic https://industriasculturais.xunta.gal e no taboleiro desta axencia.

Os sucesivos anuncios relacionados con esta convocatoria realizaranse conforme o disposto nas bases que se anuncian.

Contra esta convocatoria, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o presidente do Consello Reitor da Agadic, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderán impugnala directamente perante a xurisdición contencioso-administrativa competente no prazo de dous meses contados a partir da mesma data, segundo o establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 27 de maio de 2025

José López Campos
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais