DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 105 Mércores, 4 de xuño de 2025 Páx. 31310

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

RESOLUCIÓN do 22 de maio de 2025, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, pola que se convocan procedementos para a obtención da acreditación da competencia dixital docente para o persoal docente non universitario dos centros educativos da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Orde do 1 de xuño de 2023 pola que se regula o procedemento para a acreditación da competencia dixital docente no ámbito de xestión da Comunidade Autónoma de Galicia recolle os procedementos e as súas características para obter a acreditación da competencia dixital docente (en diante, CDD), regula as diferentes convocatorias e as comisións, de ser o caso, de análise e valoración, e delimita o contido do certificado da acreditación e a súa inscrición e rexistro.

Tal e como se recolle no artigo 4 da citada orde, a acreditación polo desempeño de roles e postos docentes que determine a Consellería será realizada de oficio por esta. O resto de procedementos sinalados levaranse a cabo mediante as oportunas convocatorias que, polo menos, será unha por ano.

De acordo co establecido no artigo 5 da Orde do 1 de xuño de 2023, será a persoa titular da dirección xeral competente en materia de formación do profesorado quen realice as oportunas convocatorias e determine os aspectos organizativos delas.

Segundo recolle a Orde do 14 de maio de 2013 pola que se regula a convocatoria, o recoñecemento, a certificación e o rexistro das actividades de formación permanente do profesorado en Galicia, no seu artigo 29.2, o Rexistro Xeral de Actividades de Formación Permanente do Profesorado estará integrado nos sistemas informáticos de xestión da consellería competente en materia de educación; ademais, no artigo 4 establece que as acreditacións obtidas por este procedemento serán rexistradas no citado rexistro, que estará adscrito á dirección xeral competente en materia de formación do profesorado e dependerá do Servizo de Formación do Profesorado (actual Servizo de Programas de Formación), que será o responsable da súa organización, xestión e custodia, así como de garantir o acceso aos seus datos, de acordo coa normativa sobre protección de datos.

Polo anteriormente exposto, de conformidade coas competencias atribuídas polo Decreto 138/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional,

RESOLVO:

Primeiro. Obxecto

Esta resolución ten por obxecto establecer a convocatoria de acreditación da CDD polos diferentes procedementos de acreditación para as persoas destinatarias que se recollen no punto segundo desta convocatoria, segundo a xa nomeada Orde do 1 de xuño de 2023.

Segundo. Persoas destinatarias

Poderá participar nesta convocatoria o persoal docente non universitario de ensinanzas reguladas pola LOE dos centros educativos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceiro. Modalidades

1. As modalidades de acreditación son as seguintes:

a. Acreditación de oficio a través da observación do desempeño de roles e postos docentes.

O procedemento mediante a acreditación de oficio responde a un proceso de observación e análise das tarefas e funcións asociadas ao desempeño dos roles e postos docentes e permitirá o recoñecemento dun nivel B ou C. Será realizado pola Consellería, segundo se recolle no punto 7 do artigo 4 da Orde do 1 de xuño, tendo en conta a información xa rexistrada e que figura en poder dela.

Aos roles xa recoñecidos na convocatoria anterior mediante a Resolución do 5 de xullo de 2024, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, pola que se convocan diferentes procedementos para a obtención da acreditación da competencia dixital docente para o persoal docente non universitario dos centros educativos da Comunidade Autónoma de Galicia, amplíase nesta convocatoria o rol ou posto docente de persoa directora de centro educativo privado-concertado que imparta ensinanzas reguladas pola LOE na Comunidade Autónoma de Galicia que desempeñase esta función, polo menos, 2 anos.

A Comisión de Acreditación da CDD asignará as áreas e o nivel da CDD, de conformidade co Marco de referencia da competencia dixital docente (en diante, MRCDD), ao rol anterior. O procedemento de acreditación de oficio realizarao a Administración tendo en conta a información xa rexistrada e que figura en poder da Consellería, e non será necesario presentar solicitude. Unha vez resolto este procedemento a acreditación integrarase automaticamente no Sistema de xestión e rexistro da formación do profesorado, FProfe.

b. Acreditación polo procedemento de recoñecemento de títulos oficiais que habiliten para a profesión docente.

Os títulos oficiais que habiliten para a profesión docente permitirán o recoñecemento do nivel A1 ou A2 sempre que cubran todas as áreas dun nivel A1 ou A2 no desenvolvemento das competencias do MRCDD vixente e, polo menos, o 80 % dos indicadores. Estes títulos son: grao en Mestre en Educación Infantil, grao en Mestre en Educación Primaria, grao en Pedagoxía, mestrado en Psicopedagoxía, mestrado universitario en Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato, FP e Ensino de Idiomas e diploma de especialización en Formación Pedagóxica e Didáctica para Profesores Especialistas en Sectores Singulares da Formación Profesional.

c. Acreditación por un proceso de análise e validación das evidencias.

O proceso de análise e validación das evidencias permitirá o recoñecemento dos niveis C1 completo e C2 completo ou por áreas.

A acreditación do nivel C1 levarase a cabo mediante un proceso de análise e validación das evidencias achegadas se se verifica que cobren todas as áreas e, polo menos, o 80 % dos indicadores deste nivel.

A acreditación do nivel C2 levarase a cabo por un proceso de análise e validación das evidencias achegadas se se verifica que cobren todas as áreas e, polo menos, o 80 % dos indicadores deste nivel. Poderase acreditar o nivel C2 por áreas, sempre que cubra polo menos o 80 % dos indicadores de cada unha da/das área/s solicitada/s.

Terán consideración de evidencias e deberán documentarse e estar especificamente relacionadas coas competencias dixitais docentes relacionadas co nivel C1 (ou C2, de ser o caso) as descritas no anexo I desta convocatoria.

2. O persoal docente non universitario de centros educativos galegos privados que impartan ensinanzas reguladas pola LOE poderán obter a acreditación nalgún dos niveis establecidos como recolle a Orde do 1 de xuño de 2023 (segundo a disposición adicional primeira da dita orde).

3. Serán a Comisión de Acreditación da CDD e os equipos técnicos de análise e valoración os que analicen e valoren a documentación entregada para determinar o nivel de acreditación da persoa solicitante de conformidade co MRCDD.

Cuarto. Solicitudes e prazos de solicitude

As solicitudes e documentación que se entregarán para participar nesta convocatoria descríbense a continuación segundo o caso:

a) O persoal docente que teña usuario edu (...@edu.xunta.gal) deberá realizar a solicitude exclusivamente na aplicación Fprofe por inscrición na actividade X2441002 Acreditación CDD nos prazos establecidos nesta convocatoria.

b) O persoal docente que non teña usuario edu (...@edu.xunta.gal) deberá presentar a solicitude por medios electrónicos na sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) a través do formulario correspondente ao procedemento de presentación electrónico normalizado (código PR004A) que se deberá identificar coa denominación Acreditación CDD, dirixido á Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional-Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos.

A solicitude, en que deberá aparecer un enderezo de correo electrónico da persoa solicitante, deberá vir acompañada pola documentación que acredite que se encontra en exercicio activo na función docente (certificado da dirección do centro educativo que acredite que está a impartir ensinanzas reguladas pola LOE).

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e rematará o 20 de xuño de 2025.

Quinto. Admisión de solicitudes

Rematado o prazo de presentación de solicitudes, a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos publicará no Portal educativo as listaxes provisionais de admitidos e excluídos para participar na convocatoria.

As persoas solicitantes disporán dun prazo de 5 días hábiles para efectuar as reclamacións ou renuncias ante a persoa que exerza a presidencia da comisión. Durante ese prazo poderán emendar erros e a falta de documentación a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

As emendas presentadas serán estimadas ou desestimadas na resolución pola que se aproben as listaxes definitivas de solicitudes admitidas e excluídas, que se publicarán no portal de educación.

Sexto. Participación no proceso e prazos

Unha vez rematado o prazo de solicitude e publicadas as listaxes definitivas de persoas admitidas e excluídas, o profesorado admitido recibirá unha comunicación co acceso aos espazos virtuais habilitados para facilitar a entrega da documentación requirida para cada modalidade.

A documentación que se require para cada modalidade e que se entregará no espazo virtual nos prazos establecidos nesta convocatoria é a seguinte:

1. Acreditación polo procedemento de recoñecemento de títulos oficiais que habiliten para a profesión docente.

A documentación requirida constará da certificación académica da titulación acompañada dun documento que reflicta o nivel de CDD acadado coa dita titulación, especificando os indicadores de logro da CDD asociados ás áreas A1 ou A2 do MRCDD, emitido pola universidade e asinado pola persoa reitora, vicerreitora ou secretaria da institución.

2. Acreditación por un proceso de análise e validación das evidencias.

As evidencias entregadas deberán vir acompañadas pola documentación xustificativa que acredite a autoría destas. A persoa solicitante deberá indicar en todas as evidencias presentadas a que área ou áreas do MRCDD se axustan, especificando os indicadores de logro do nivel que se vai acreditar. Para solicitar a acreditación do nivel C2 completo ou parcial será preciso ter acreditado o nivel C1 ou, na súa falta, solicitar adicionalmente a súa acreditación cumprindo cos requirimentos documentais dese nivel.

O prazo de presentación de documentación xustificativa rematará o 20 de xullo de 2025.

Sétimo. Comisión de acreditación

1. O procedemento de acreditación regulado nesta resolución será resolto por unha comisión formada polos seguintes membros:

Presidencia: a persoa titular da Subdirección Xeral de Recursos Humanos, ou persoa en quen delegue.

Vogais: as persoas que ocupan os postos de xefatura do Servizo de Programas de Formación e do Servizo de Planificación e Coordinación da Inspección Educativa; dúas persoas asesoras do Servizo de Programas de Formación e unha persoa directora do CAFI ou CFR.

Secretaría: unha persoa funcionaria da Consellería, que actuará como secretario/a, con voz e sen voto.

Os sindicatos integrantes da Mesa Sectorial de Persoal Docente non Universitario poderán nomear unha persoa representante para asistir ás sesións da Comisión, con voz e sen voto.

2. A Comisión poderá dispor da colaboración e axuda técnica de persoas expertas da Rede de formación para a análise e valoración.

3. Os membros da Comisión estarán suxeitos ás causas de abstención e recusación establecidas nos artigos 23 e 24 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

4. Esta comisión estará incluída na categoría que corresponda para os efectos do previsto na Resolución do 24 de novembro de 2023, da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda e Administración Pública, pola que se dá publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 23 de novembro de 2023, polo que se actualizan os importes das axudas de custo por razón do servizo en territorio nacional para gastos por aloxamento e manutención e da indemnización por uso de vehículo particular para o persoal empregado público da Xunta de Galicia (DOG do 1 de decembro).

Oitavo. Resolución provisional da convocatoria

1. Resolución de oficio de niveis de acreditación CDD.

Será a Comisión de acreditación da CDD a que asigne as áreas e os niveis da CDD, de conformidade co MRCDD, ao rol sinalado que cumpra os requisitos exixidos, e farase pública a dita asignación no portal educativo. O procedemento de acreditación de oficio realizarao a Administración tendo en conta a información xa rexistrada e que está en poder da Consellería. As persoas que opten a esta acreditación non terán que presentar solicitude.

As persoas que resulten acreditadas de oficio polo desempeño deste rol poderán consultar a súa acreditación no Rexistro de Acreditación da CDD, integrado no Rexistro Xeral de Actividades de Formación Permanente do Profesorado unha vez resolto este procedemento.

2. Resolución dos outros procedementos.

A Comisión de acreditación da CDD analizará e valorará as solicitudes presentadas e publicará no Portal educativo da Consellería unha resolución provisional de acreditados e non acreditados. Logo da publicación desta resolución abrirase un prazo de 5 días hábiles para efectuar reclamacións ou renuncias, ante a presidencia da Comisión.

3. Resolución definitiva.

Transcorrido o prazo de reclamacións ou renuncias, a Comisión de acreditación da CDD realizará a valoración destas, e elevará a proposta definitiva ao director xeral de Centros e Recursos Humanos, que ditará unha resolución coa listaxe definitiva de persoas solicitantes acreditadas e non acreditadas.

A listaxe definitiva publicarase no Portal educativo da Consellería: www.edu.xunta.gal e no Diario Oficial de Galicia (DOG) nun prazo máximo de 6 meses, contado desde o remate do prazo de presentación de solicitudes.

Contra esta resolución as persoas interesadas poderán interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación no DOG, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa (BOE núm. 167, do 14 de xullo).

Se transcorre o prazo máximo que se sinala no parágrafo segundo deste artigo sen que se publique a resolución definitiva, as persoas solicitantes poderán entender desestimadas, por silencio administrativo, as súas solicitudes, para os efectos de interpoñer o recurso que proceda.

Noveno. Rexistro da acreditación da CDD

Para cumprir co obxecto da Orde do 1 de xuño de 2023, e segundo establece o artigo 29 da Orde do 14 de maio de 2013, a acreditación da CDD integrarase no Rexistro Xeral de Actividades de Formación Permanente do Profesorado.

Décimo. Información básica sobre protección de datos

1. Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento.

2. O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa aplicable e as referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos

3. As persoas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos

4. No caso de existir diferentes referencias normativas en materia de protección de datos persoais neste procedemento, prevalecerán en todo caso aquelas relativas ao Regulamento (UE) nº 2016/679 xeral de protección de datos ou á Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de maio de 2025

Jesús Manuel Álvarez Bértolo
Director xeral de Centros e Recursos Humanos

ANEXO I

A seguinte relación de evidencias será susceptible de acreditación e deberá documentarse axeitadamente para facilitar a observación do desenvolvemento, alcance e difusión desta, correspondentes ao nivel solicitado. A mera presentación do certificado ou título non é susceptible de acreditación:

Evidencias nivel C1 de CDD:

• Os premios nominais outorgados polas administracións educativas.

• As publicacións con NIPO e/ou ISBN, ISSN, DOI ou URL.

• A participación en proxectos colectivos de investigación e de innovación.

• Calquera outra evidencia que acredite o nivel C1.

Evidencias nivel C2 de CDD:

• Os premios nominais outorgados polas administracións educativas.

• As publicacións con NIPO e/ou ISBN, ISSN, DOI ou URL.

• A participación como relator/a en congresos de ámbito autonómico, nacional e internacional.

• A coordinación e autoría de proxectos de investigación e de innovación educativa.

• Os recoñecementos por parte das administracións educativas de implementar melloras significativas no ámbito educativo.

• Currículo para avaliar a traxectoria profesional.

• Calquera outra evidencia que acredite o nivel C2.