DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 105 Mércores, 4 de xuño de 2025 Páx. 31324

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

ORDE do 21 de maio de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de prazas e bolsas nas residencias xuvenís dependentes desta consellería (códigos de procedemento BS303B, BS303C e BS303D).

O Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu artigo 27, números 22, 23 e 24, que lle corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva nas materias de promoción do deporte e a axeitada utilización do lecer, asistencia social, así como a promoción e desenvolvemento comunitario, que se aplica, entre outros, ao ámbito da mocidade.

Así mesmo, mediante o Decreto 285/1989, do 16 de decembro, asúmense as funcións e servizos transferidos pola Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de promoción sociocultural, no ámbito da mocidade e desenvolvemento comunitario.

De conformidade co Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia; o Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia; e o Decreto 146/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, correspóndelle ao dito órgano superior da Xunta de Galicia propor e executar políticas de xuventude e voluntariado, a través do órgano de dirección con competencias en materia de xuventude, que asume o exercicio das ditas competencias e funcións.

O artigo 18.2.d) da Lei 6/2012, do 19 de xuño, de xuventude de Galicia, trata dos servizos á xuventude e destacan, entre eles, as instalacións xuvenís. No seu artigo 33.e) atribúenselle á consellería competente en materia de xuventude as funcións de coordinación e supervisión do funcionamento das instalacións xuvenís, tanto propias como dependentes doutras entidades, e a prestación da asistencia técnica necesaria para dar un servizo de calidade.

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude dispón dunha serie de instalacións xuvenís, entre as cales figuran as residencias xuvenís que, ademais do aloxamento e mantenza, lles ofrecen ás persoas mozas estudantes residentes unha serie de servizos e actividades de convivencia e educativas complementarias. As ditas instalacións póñense á disposición das persoas mozas estudantes, coa reserva dun número de prazas para as persoas mozas traballadoras.

O obxecto destas bases é favorecer o acceso ao ensino universitario, aos estudos superiores en ensinanzas artísticas, ensinanzas de réxime especial ou ciclos formativos de grao superior das persoas estudantes con escasos recursos e, ao mesmo tempo, dotar da súa colaboración no eido educativo e asistencial as residencias xuvenís que se relacionan nesta orde.

Neste marco xeral hai que incardinar as distintas convocatorias do procedemento de adxudicación de prazas para residencias xuvenís destinadas a persoas estudantes, entre elas as colaboradoras bolseiras e as persoas traballadoras.

Estas bases axústanse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e en concreto, no relativo aos principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión de subvencións; ao establecido no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; ás disposicións aplicables da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; á Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno; ao Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006; e á lei de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia que se indique na correspondente convocatoria.

Atendendo ao colectivo de persoas físicas a que vai destinada a convocatoria, isto é, persoas estudantes, maioritariamente de estudos de grao ou formación profesional e persoas traballadoras, considérase procedente establecer a obriga de relacionarse coa Administración convocante a través de medios electrónicos, ao abeiro do disposto na Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, e no artigo 14.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Por todo isto, en virtude das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

RESOLVO:

CAPÍTULO I

Bases xerais

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases para a concesión de prazas e de bolsas nas residencias xuvenís dependentes da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, en réxime de concorrencia competitiva, para o curso académico que se indique na correspondente convocatoria. Deste xeito, póñense as residencias xuvenís ao servizo das persoas mozas que, por razóns de estudos ou traballo, se vexan obrigadas a permanecer fóra do concello onde teñen a súa residencia habitual.

2. As modalidades de adxudicación de prazas establecidas nesta orde regularanse a través dos seguintes procedementos:

a) BS303B: prazas en residencias xuvenís para estudantes.

b) BS303C: prazas en residencias xuvenís para persoas estudantes colaboradoras bolseiras.

c) BS303D: prazas en residencias xuvenís para persoas traballadoras.

Artigo 2. Prazas que se convocarán por procedemento e residencias

1. As residencias que entran no ámbito de aplicación destas bases reguladoras son:

a) Centro Residencial Xuvenil (Lugo).

b) Residencia Xuvenil Florentino López Cuevillas (Ourense).

c) Residencia Xuvenil Altamar (Vigo).

2. O número de prazas residenciais convocadas e a súa distribución por residencias e procedemento serán os que se determine en cada unha das convocatorias que se publiquen para tal efecto.

Para o caso de que non se cubran todas as prazas reservadas para persoas que desenvolvan unha actividade profesional (BS303D) ou para persoas estudantes colaboradoras bolseiras (BS303C) coas solicitudes presentadas en prazo, as prazas restantes ofertaranse a persoas estudantes non bolseiras (BS303B) de acordo co previsto no artigo 16.

3. Do total de prazas, resérvanse 2 prazas en cada residencia para o caso de mozas que sufran violencia de xénero ou para mozos e mozas cuxas proxenitoras a sufrisen e/ou para persoas mozas con expediente de protección aberto. A distribución de prazas por residencia para esta reserva establecerase nas correspondentes convocatorias.

Ademais, na residencia Altamar de Vigo resérvanse 2 prazas para persoas con discapacidade, adaptadas para persoas con mobilidade reducida.

A consellería poderá acordar a reserva de prazas con base na subscrición dos correspondentes convenios ou acordos con outras consellerías, administracións ou entidades. Esta reserva indicarase nas convocatorias correspondentes.

Para o caso de que non se cubran todas as prazas de reserva que figuran nesta epígrafe coas solicitudes presentadas en prazo, as prazas restantes sumaranse ás ofertadas no número 1 para persoas estudantes non bolseiras (BS303B).

Artigo 3. Período de estadía

1. O período máximo de estadía na residencia xuvenil de todas as persoas residentes será de 11 meses e estará comprendido no período establecido para cada curso académico, coa excepción dos períodos de vacacións de Nadal e Semana Santa. En todo caso, as persoas residentes deberán abandonar as residencias, como prazo máximo, o 31 de xullo do curso académico.

2. Todas as persoas residentes que teñan a condición de estudantes, colaboradoras bolseiras ou non, iniciarán e finalizarán a súa estadía na residencia xuvenil, en todo caso, coincidindo co plan de estudos correspondente ao curso académico no cal estivesen matriculadas, respectando sempre o período máximo antes indicado. A súa estadía nunca concluirá con posterioridade á data en que rematen os estudos desenvolvidos.

3. En calquera caso, as persoas residentes deberán iniciar a súa estadía na residencia xuvenil como data límite o 31 de outubro do ano de publicación da convocatoria correspondente ao curso académico en cuestión, coa excepción do suposto de adxudicación de prazas vacantes que se cubran de acordo cos criterios establecidos no artigo 12.

Artigo 4. Requisitos das persoas solicitantes

1. Poderán optar ás prazas nas residencias xuvenís as persoas que reúnan os seguintes requisitos xerais:

a) Posuír nacionalidade española ou ser nacional dun país membro da Unión Europea, ou ser persoa estranxeira residente en España no momento de presentación da solicitude.

b) Non ter perdido a condición de persoa beneficiaria de praza en calquera das residencias obxecto da orde por causa imputable á persoa solicitante en convocatorias anteriores. En todo caso, a admisión das persoas solicitantes que xa fosen residentes en convocatorias anteriores queda condicionada á inexistencia dun informe desfavorable da Dirección da residencia xuvenil, visado pola persoa titular da dirección territorial da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da provincia en que radica a residencia xuvenil, baseado no incumprimento das normas de réxime interno, no incumprimento das obrigas como bolseiro/a ou na inadaptación á normal convivencia e mínimo respecto cívico que debe rexer nestas residencias xuvenís.

c) Ademais, as persoas beneficiarias das prazas ou bolsas teñen que cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) Non poderán obter a condición de beneficiarias das subvencións aquelas persoas que non estean ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social, ou teñan pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

2. Requisitos específicos para as persoas solicitantes estudantes non bolseiras (BS303B):

a) Ter os 16 anos feitos e non superar os 30 anos en 31 de decembro do ano en que se publique a correspondente convocatoria.

b) Estar cursando estudos de bacharelato, formación profesional, ciclos formativos, estudos universitarios tendentes á obtención do título de grao ou equivalente, doutoramentos ou estudos de mestrados universitarios oficiais.

c) Que no concello onde radique a súa residencia habitual, debidamente acreditada a través do certificado de residencia con data de última variación padroal da persoa solicitante, non exista oferta de centros públicos para realizar o curso, nivel ou grao correspondente aos estudos que vaia cursar a persoa solicitante.

Aquelas persoas que conten con oferta de centros públicos no seu lugar de residencia, pero non alcancen a nota de corte ou puntuación académica mínima exixida para o ingreso, poderán optar ás prazas ofertadas.

3. Requisitos específicos para as persoas estudantes colaboradoras bolseiras (BS303C):

a) Ter os 18 anos feitos e non superar os 30 anos en 31 de decembro do ano en que se publique a correspondente convocatoria.

b) Non ter perdido a condición de persoa estudante colaboradora bolseira da cal foi beneficiaria en convocatorias anteriores, por causa imputable á dita persoa solicitante e beneficiaria da bolsa.

c) Non padecer defecto físico ou psíquico que impida o desenvolvemento normal da actividade como persoa colaboradora na residencia xuvenil.

d) Ter unha renda media familiar inferior ao 150 % do indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) do ano en curso. A dita renda media calcúlase segundo o establecido no artigo 12.2.

e) Ter sido persoa residente nalgún dos dous anos inmediatamente anteriores ao da convocatoria nalgunha das residencias que están dentro do ámbito de aplicación destas bases.

4. Requisitos específicos para as persoas solicitantes traballadoras (BS303D):

a) Ter os 16 anos feitos e non superar os 30 anos en 31 de decembro do ano en que se publique a correspondente convocatoria.

b) Que o lugar de traballo teña o enderezo nun concello distinto ao lugar de residencia habitual da persoa solicitante.

c) Que, no caso de que a relación de traballo non sexa fixa ou indefinida, teña unha duración mínima de tres meses, contados desde a data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes da convocatoria a que se presenta.

d) Que estea dada de alta no réxime de persoas traballadoras autónomas da Seguridade Social con anterioridade á publicación da convocatoria a que se presente, para o caso de ser unha persoa traballadora por conta propia.

Artigo 5. Forma, lugar e prazo para a presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través dos formularios normalizados que se incluirán como anexo na correspondente resolución de convocatoria e que estarán dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Se o último día do prazo de presentación de solicitudes for inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte.

Se no mes de vencemento non houbese dia equivalente a aquel en que comezou o cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

3. Se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, o órgano responsable da tramitación requirirá as persoas interesadas para que, nun prazo de dez días hábiles a partir do día seguinte ao da notificación do requirimento, emenden a falta ou presenten os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixeren, se terán por desistidas da súa petición, logo da correspondente resolución, nos termos previstos polo artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

4. Para resolver as dúbidas relacionadas con dificultades técnicas ou no caso de máis información durante o proceso de obtención dos formularios e da súa presentación por vía electrónica, as persoas interesadas poderán facer as súas consultas no teléfono de información 012 ou no enderezo electrónico 012@xunta.gal

Artigo 6. Documentación complementaria xeral e específica

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude, que figurará como anexo da correspondente resolución de convocatoria (anexo I (BS303B), anexo II (BS303C) e anexo III (BS303D), a seguinte documentación xeral:

a) Certificación literal de nacemento de cada persoa membro da unidade familiar ou libro de familia. Neste último caso, copia de todas as follas do libro de familia en que figuren todas as persoas que compoñen a unidade familiar. A determinación das persoas membros da unidade familiar realizarase atendendo á situación existente na data de presentación da solicitude.

b) Título de familia numerosa: copia do título de familia numerosa cando non fose expedido na Comunidade Autónoma de Galicia, se é o caso.

c) Certificado de recoñecemento da condición de familia monoparental, se é o caso.

d) Certificación da Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT) de non ter a obriga de declarar, se é o caso.

Cando non sexa posible achegar a dita certificación na data de presentación da solicitude, por non estar dispoñible, a adxudicación de praza quedará condicionada á presentación desta certificación con anterioridade á incorporación na residencia xuvenil.

e) Certificación médica acreditativa do estado de xestación no momento de presentación da solicitude, no caso de ser muller xestante.

f) Acreditación da situación de violencia de xénero, se é o caso. Esta situación acreditarase por calquera dos medios recoñecidos no artigo 5 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero:

1º. Certificación da orde de protección ou da medida cautelar ou testemuño ou copia autenticada pola secretaria ou polo secretario xudicial da propia orde de protección ou da medida cautelar.

2º. Sentenza condenatoria na orde penal por homicidio ou asasinato das fillas ou fillos da muller, así como de calquera outra persoa estreitamente unida a ela, por quen sexa ou fose o seu cónxuxe ou por quen mantivo con ela unha relación análoga de afectividade aínda sen convivencia ou calquera outro documento que acredite a violencia vicaria, así como as demais sentenzas de calquera orde xurisdicional que declaren que a muller sufriu violencia en calquera das modalidades definidas nesta lei.

3º. Certificación e/ou informe dos servizos sociais e/ou sanitarios da Administración pública autonómica ou local.

4º. Certificación dos servizos de acollida da Administración pública autonómica ou local.

5º. Informe do Ministerio Fiscal que indique a existencia de indicios de violencia.

6º. Informe da Inspección de Traballo e da Seguridade Social.

7º. Calquera outra que se estableza regulamentariamente.

g) Acreditación da condición de orfandade, se é o caso.

h) Acreditación do grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % da persoa solicitante ou de calquera das persoas que compoñen a unidade familiar, cando non fose expedido na Comunidade Autónoma de Galicia, se é o caso.

i) Acreditación de que a persoa solicitante constitúe unha unidade familiar independente, se é o caso. Neste caso, a persoa solicitante debe achegar:

1º. Acreditación da relación matrimonial ou análoga á conxugal, así como da súa descendencia, se é o caso.

2º. Acreditación do pagamento da vivenda, se é o caso.

3º. Acreditación dos medios económicos con que conta a persoa solicitante.

j) Anexo IV, de comprobación de datos de terceiras persoas, que figurará como anexo da correspondente resolución de convocatoria, cando forme parte de unidades familiares compostas por máis dun membro, que deberá achegar debidamente cuberto e asinado por todas as persoas que compoñan a unidade familiar.

k) Acreditación do desenvolvemento habitual da actividade académica ou económica en Galicia por calquera medio válido en dereito.

2. As persoas solicitantes, estudantes colaboradoras bolseiras ou non (procedementos BS303C e BS303B, respectivamente), deberán achegar, ademais da documentación xeral, a seguinte documentación específica:

a) Certificación académica ou documento acreditativo en que figuren as notas correspondentes ao curso académico que se indique na convocatoria correspondente. Nesta certificación deberá constar o número de créditos ECTS ou de horas cursadas, o número de créditos ECTS ou de horas totais do curso e a nota media numérica.

b) Copia da preinscrición ou reserva de praza nas facultades ou escolas universitarias, centros de bacharelato ou ciclos formativos, para o caso de que se vaia cursar o primeiro ano de estudos.

Cando non se dispoña desta documentación, por non estar aberto o prazo de preinscrición ou reserva durante o prazo de presentación de solicitudes de praza na residencia xuvenil, a persoa solicitante achegará unha declaración responsable en que comunique esta circunstancia e comprometerase a presentala no momento en que se realice.

3. As persoas solicitantes estudantes colaboradoras bolseiras (procedemento BS303C) deberán achegar, xunto coa documentación xeral e a documentación específica indicada nos números 1 e 2, un proxecto de actividades que se desenvolverá na residencia xuvenil, segundo o modelo do anexo V, que figurará como anexo da correspondente resolución de convocatoria. Este proxecto se centrará nos ámbitos da información xuvenil, participación e dinamización e convivencia, e responderá ao cumprimento dos seguintes obxectivos:

a) Difundir entre as persoas residentes a información relativa a actividades impulsadas desde a Xunta de Galicia que poidan ser de interese para a mocidade.

b) Fomentar a participación das persoas residentes nos programas e actividades impulsados desde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

c) Propor e dinamizar actividades para realizar na residencia xuvenil centradas nas áreas de lecer e tempo libre, novas tecnoloxías, cultura e deporte.

d) Incentivar un bo clima de convivencia entre as persoas residentes.

e) Apoiar as persoas residentes durante a súa estadía na residencia xuvenil.

f) Apoiar o bo funcionamento da residencia xuvenil a través da execución do seu proxecto.

4. As persoas solicitantes coa condición de persoas traballadoras (procedemento BS303D) deberán achegar, ademais da documentación xeral, a seguinte documentación específica:

a) No suposto de relación laboral por conta allea:

1º. Copia do nomeamento, se a relación de traballo é funcionarial ou estatutaria.

2º. Copia do contrato laboral en vigor, se a relación de traballo é laboral por un período mínimo de tres meses.

b) No suposto de relación laboral por conta propia, achegará un certificado do tempo cotizado no réxime de persoas traballadoras autónomas da Seguridade Social.

5. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada. De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.

6. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

7. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

8. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 7. Persoas membros computables da unidade familiar

1. Para os efectos destas bases, considéranse persoas membros computables da unidade familiar da persoa solicitante as persoas proxenitoras; o/a titor/a ou persoa encargada da garda e protección do/da menor, de ser o caso; o/a solicitante; os/as irmáns/irmás solteiros/as menores de 25 anos e que convivan no domicilio familiar ata o 31 de decembro do ano que se indique na correspondente convocatoria, ou os de maior idade cando se trate de persoas con discapacidade, así como as persoas ascendentes das persoas proxenitoras que residan no mesmo domicilio que as persoas anteriores.

No caso de persoas solicitantes que constitúan unidades familiares independentes, tamén se consideran persoas membros computables o/a cónxuxe ou, de ser o caso, a persoa a que se encontre unido/a por análoga relación, así como os/as fillos/as, se os houbese, que convivan no mesmo domicilio.

No caso de divorcio ou separación legal do matrimonio da persoa solicitante, non se considerará membro computable aquela persoa que xa non conviva con esta, sen prexuízo de que nos ingresos de base da familia se inclúa a súa contribución económica. Non obstante, si terán a consideración de membros computables, se é o caso, as persoas membros da nova unidade familiar que convivan no mesmo domicilio cando existe un/unha novo/a cónxuxe ou persoa unida por análoga relación de afectividade, e terase que incluír a súa renda e o seu patrimonio.

2. Cando o réxime de custodia dos/das fillos/as sexa o de custodia compartida, consideraranse persoas membros computables o pai e a nai do/da solicitante de aloxamento, os/as fillos/as comúns e as persoas ascendentes das persoas proxenitoras que residan no mesmo domicilio que as persoas anteriores. Independentemente do seu estado civil, tamén se consideran persoas membros computables ambas as persoas proxenitoras cando non exista sentenza xudicial, convenio regulador ou documento análogo que indique que a custodia é só dunha das persoas proxenitoras.

3. No caso de divorcio ou separación legal das persoas proxenitoras con sentenza ou convenio regulador conforme a custodia é dunha delas, non se considerará membro computable quen non conviva co/coa solicitante de aloxamento; non obstante, terán a consideración de membros computables, se é o caso, as persoas membros da nova unidade familiar que convivan no mesmo domicilio cando existe un/unha novo/a cónxuxe ou persoa unida por análoga relación de afectividade cuxas rendas e patrimonio se incluirán dentro do cómputo da renda e patrimonio familiares.

4. Nos supostos en que o/a solicitante de aloxamento sexa un/unha menor en situación de acollemento, seralle de aplicación á familia de acollida o disposto nos parágrafos anteriores. Cando se trate dun maior de idade, terá a consideración de non integrado na unidade familiar para estes efectos.

5. Nos casos en que o/a solicitante alegue a súa emancipación ou independencia familiar e económica, tamén se considerarán persoas membros computables o/a cónxuxe ou persoa con que estea unido/a por análoga relación, así coma os/as fillos/as, se os/as ten. Deberá acreditar que conta con medios económicos propios suficientes que permitan a dita independencia, así como a titularidade ou alugamento do seu domicilio habitual. En caso contrario, e sempre que os ingresos acreditados resulten inferiores aos gastos soportados en concepto de vivenda e outros gastos considerados indispensables, entenderase non probada a independencia, polo que, para o cálculo da renda, se computarán os ingresos correspondentes ás persoas membros computables da familia a que se refiren os números anteriores.

6. De conformidade co establecido no artigo 6.2 da Lei 5/2010, do 23 de xuño, pola que se establece e se regula unha rede de apoio á muller embarazada, a unidade familiar da que forme parte a persoa solicitante, coa condición de muller embarazada, estará integrada por unha ou máis persoas membros adicionais desde o momento da fecundación, dependendo do número de fillos e fillas que espere, sempre que na aplicación desta fórmula se obteña un maior beneficio á hora de valoración da solicitude.

Se a muller embarazada non forma parte da unidade familiar, entenderase que a constitúe polo feito de estar embarazada.

Artigo 8. Comprobación de datos

1. Para tramitación os procedementos establecidos nesta orde consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante e, se é o caso, da persoa representante e demais persoas membros que compoñen a unidade familiar.

b) Certificado de residencia con data de última variación padroal da persoa solicitante.

c) Datos do imposto da renda das persoas físicas (IRPF), de acordo coa declaración presentada no ano que se indique na convocatoria correspondente da persoa solicitante e, se é o caso, das demais persoas membros que compoñen a unidade familiar.

d) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social da persoa solicitante.

e) Certificado de estar ao día no pagamento de débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

f) Certificado de estar ao día no pagamento de débedas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

2. Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa solicitante faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

a) Título de familia numerosa expedido pola Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Certificado de discapacidade da persoa solicitante e, se é o caso, das demais persoas membros que compoñen a unidade familiar expedido pola Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Acreditación dos importes de prestacións por desemprego percibidas na data actual da persoa solicitante no caso de estar na dita situación de desemprego e, se é o caso, das demais persoas membros que compoñen a unidade familiar.

d) Acreditación da situación legal de desemprego sen prestación económica da persoa solicitante e, se é o caso, das demais persoas membros da unidade familiar.

e) Acreditación da convivencia actual das persoas que compoñen a unidade familiar, se é o caso.

3. No caso de que as persoas interesadas, as persoas titoras ou representantes legais, se é o caso, ou as demais persoas membros que compoñen a unidade familiar se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente, anexos I, II ou III, que figurarán como anexos da correspondente resolución de convocatoria, segundo o procedemento para a persoa solicitante, e anexo IV, que figurará como anexo da correspondente resolución de convocatoria, para as demais persoas membros da unidade familiar, e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas, á persoa titora ou representante legal, e ás demais persoas que compoñen a unidade familiar, a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 9. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar logo da presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 10. Instrución

A instrución dos procedementos correspóndelle ao servizo con competencias en materia de xuventude do departamento territorial da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da provincia onde radica a residencia xuvenil.

Unha vez completos os expedientes, remitirallos á Comisión Cualificadora prevista no artigo 11 para a súa valoración e emisión de informe. Dos resultados do informe, o órgano instrutor elevará a súa proposta de resolución ao órgano competente para resolver.

Artigo 11. Comisións cualificadoras

1. A valoración das solicitudes para cada residencia xuvenil efectuarase no departamento territorial da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da provincia onde radica aquela, mediante unha Comisión Cualificadora creada para tales efectos, que terá a seguinte composición:

a) Presidencia: a persoa titular da xefatura do servizo competente en materia de xuventude correspondente á provincia.

En caso de ausencia, será suplida de conformidade co disposto na disposición adicional cuarta do Decreto 146/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

b) Vogalías:

1º. Unha persoa funcionaria nomeada pola persoa titular do departamento territorial correspondente.

2º. A/as persoa/s que exerza/n a dirección das residencias xuvenís situadas nesa provincia.

c) Secretaría: unha persoa funcionaria nomeada pola persoa titular do departamento territorial correspondente, con voz e voto.

2. Na designación das persoas integrantes das comisións cualificadoras atenderase ao principio de presenza equilibrada entre mulleres e homes.

3. Se por calquera motivo, no momento en que a Comisión de Avaliación teña que examinar as solicitudes, algunha das persoas que a compoñen non pode asistir, será substituída pola persoa funcionaria que para o efecto designe a persoa titular do departamento territorial da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da provincia onde radique a residencia.

4. A valoración de solicitudes polas distintas comisións seguirá unha interpretación única dos criterios establecidos no artigo seguinte.

A Comisión realizará un informe no cal constará o resultado da avaliación e a prelación das solicitudes por orde decrecente de puntuación. O dito informe seralle elevado ao órgano instrutor, que formulará a proposta de resolución, que remitirá ao órgano encargado de resolver o procedemento no prazo de 15 días desde a súa elevación.

Artigo 12. Criterios de valoración

1. Os criterios de valoración que se terán en conta para conceder estas prazas serán os establecidos neste artigo.

2. O baremo xeral, aplicable a todos os procedementos desta convocatoria, é o seguinte:

a) A renda da unidade familiar, tendo en conta a relación de ingresos/número de persoas que compoñen a unidade familiar, atendendo ao seguinte:

1º. A renda calcularase por agregación da base impoñible xeral coa base impoñible do aforro da declaración do IRPF. Tomarase o importe total dos ingresos da unidade familiar, para o cal se sumarán as rendas do total de persoas membros computables e o resultado dividirase entre o mesmo número para obter así a renda media da unidade familiar.

2º. O importe da renda enténdese referido á declaración do IRPF presentada no ano inmediato anterior á data de presentación da solicitude.

3º. Cando as circunstancias na data da declaración do IRPF antes indicada non coincidan coas circunstancias concorrentes no momento de presentación da solicitude, teranse en conta estas últimas previamente xustificadas documentalmente e sempre e cando cumpran as condicións recollidas no último parágrafo do artigo 6.1.d).

4º. A renda media da unidade familiar puntuarase segundo o seguinte baremo baseado no indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) correspondente ao ano de publicación da convocatoria.

Renda media

Puntos

Inferior ao 50 % do IPREM

8

Entre o 50 % e o 75 % do IPREM

6

Superior ao 75 % e inferior ao 100 % do IPREM

4

Entre o 100 % e o 125 % do IPREM

2

Superior ao 125 % e inferior ao 150 % do IPREM

1

b) A condición de familia numerosa, tendo en conta as seguintes categorías:

1º. Categoría xeral: 0,25 puntos.

2º. Categoría especial: 0,50 puntos.

c) A situación de orfandade, tendo en conta as seguintes condicións:

1º. Condición de orfandade: 0,50 puntos.

2º. Condición de orfandade absoluta: 1 punto.

d) A situación de discapacidade de calquera persoa membro da unidade familiar. Por cada persoa membro da unidade familiar con discapacidade terase en conta o grao de discapacidade, atendendo ao seguinte:

1º. Igual ou superior ao 33 % e inferior ao 65 %: 0,50 puntos.

2º. Igual ou superior ao 65 %: 1 punto.

e) Desenvolver habitualmente a actividade académica ou económica en Galicia: 2 puntos.

f) O estado de xestación da persoa solicitante: 1 punto.

g) A condición de muller vítima de violencia de xénero da persoa solicitante, ou ben persoas solicitantes cuxas proxenitoras a sufrisen, sempre que a acreditación das ditas circunstancias fose emitida dentro do intervalo de tempo dos doce meses anteriores á data de presentación da solicitude e sempre que a dita acreditación se realice de conformidade co indicado no artigo 6.1.f): 1 punto.

h) Outras circunstancias sociofamiliares que sexan susceptibles de valoración, a xuízo da Comisión Cualificadora, e adecuadamente acreditadas no momento de presentar a solicitude e ata un máximo de 2 puntos:

1º. Por ter un ou máis irmáns ou irmás con praza renovada na residencia xuvenil: 1 punto.

2º. Por ter a condición de familia monoparental: 1 punto.

Enténdese por familia monoparental, de acordo coa Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, o núcleo familiar composto por un único proxenitor ou proxenitora que non conviva con outra persoa coa cal manteña unha relación análoga á conxugal, e os fillos ou fillas ao seu cargo, nos seguintes supostos:

a. Os homes ou as mulleres que afrontan a paternidade ou a maternidade en solitario.

b. As familias formadas por unha ou un cónxuxe viúva/o e os fillos e fillas.

c. As familias formadas por un pai ou nai que queda a cargo das fillas e fillos sen que haxa custodia compartida.

i) Situación laboral de desemprego sen prestación económica da persoa proxenitora ou da persoa titora legal: 1 punto por cada situación.

j) Antigüidade na residencia xuvenil, en relación con aquelas persoas solicitantes que xa foron persoas residentes en convocatorias anteriores:

– Ano inmediatamente anterior na mesma residencia xuvenil: 3 puntos

– Ano inmediatamente anterior noutra residencia xuvenil da Comunidade Autónoma: 2 puntos.

– Ano anterior ao inmediatamente anterior: 2 puntos.

– Ano anterior ao inmediatamente anterior noutra residencia xuvenil da Comunidade Autónoma: 1 punto.

– Dous anos inmediatamente anteriores consecutivos: 5 puntos.

– Dous anos inmediatamente anteriores consecutivos noutras residencias xuvenís da Comunidade Autónoma: 3 puntos.

Este criterio preferente non se terá en conta para o caso daquelas persoas residentes que abandonasen a residencia xuvenil antes de rematar o curso académico ou non chegasen a incorporarse nela. Non obstante, puntuaranse o criterio indicado no caso de non completar o curso académico na residencia xuvenil polos seguintes motivos:

1º. Enfermidade das persoas residentes ou dalgunha persoa familiar con quen convivan, debidamente xustificada.

2º. Contrato laboral noutra localidade.

3º. Ser persoas beneficiarias dunha bolsa no marco dos programas Erasmus ou Séneca.

4º. Ter que realizar as prácticas académicas noutra localidade.

3. Para o caso de que as persoas solicitantes sexan persoas estudantes, terase en conta, ademais do establecido no número anterior, o rendemento académico segundo a nota media obtida no curso que se indique na convocatoria correspondente.

Cando o curso universitario ou curso do ciclo formativo sobre o cal se fai a media non fose completo, terase en conta o número de créditos ou o número de horas cursados e ponderarase a nota media con base nos créditos ou horas con que conta o curso universitario segundo o Plan Boloña ou plan formativo. A puntuación, neste caso, corresponderase coa dita nota media.

4. Para o caso das persoas estudantes solicitantes de prazas de persoas colaboradoras bolseiras, sumaranse ao baremo xeral e ao baremo para as persoas estudantes establecido no número 3 os seguintes criterios específicos:

a) Proxecto de actividades. Este proxecto puntuarase de 1 a 7 puntos, de conformidade cos seguintes criterios de avaliación:

1. Obxectivos. Valorarase a definición e coherencia interna dos obxectivos que acadará o proxecto en coherencia cos establecidos no artigo 6.3 e co sistema de avaliación e seguimento propostos, ata 1 punto, coa seguinte desagregación:

1.1. Claridade e coherencia dos obxectivos (ata 0,75 puntos):

– 0 puntos: non se presentan obxectivos ou os enunciados son inalcanzables ou incoherentes cos fins do artigo 6.3.

– 0,25 puntos: inclúense só obxectivos xerais, sen concreción nin indicadores.

– 0,75 puntos: inclúense obxectivos xerais e específicos, con algunha das seguintes características: específicos, medibles, acadables, relevantes e delimitados no tempo.

1.2. Sistema de avaliación (ata 0,25 puntos):

– 0 puntos: non se especifica ningún sistema de avaliación ou non é coherente cos obxectivos.

– 0,10 puntos: inclúese un sistema de avaliación xeral (por exemplo, cuestionarios ou observación), sen detalle sobre aplicación nin indicadores.

– 0,25 puntos: o sistema inclúe metodoloxía concreta (ferramentas, indicadores e periodicidade) e está aliñado cos obxectivos definidos.

2. Metodoloxía (ata 0,25 puntos):

– 0,10 puntos: descrición superficial ou xenérica (sen fases ou técnicas específicas).

– 0,25 puntos: metodoloxía detallada (como, por exemplo, con fases diferenciadas e técnicas específicas: dinámicas, proxectos, ...).

3. Actividades previstas para a implementación práctica do proxecto (ata 5 puntos):

3.1. Descrición das actividades (ata 1 punto):

– 0,25 puntos: listaxe de actividades sen desenvolvemento.

– 0,50 puntos: actividades descritas con obxectivo e desenvolvemento breve.

– 1 punto: actividades detalladas (finalidade, dinámica, duración, grupo destinatario, ...).

3.2. Tipoloxía das actividades (ata 2,5 puntos):

– Actividades educativo-didácticas: 1 punto.

– Actividades lúdicas (xogos, obradoiros creativos, etc.): 0,75 puntos.

– Actividades deportivas: 0,50 puntos.

– Outras actividades (ambientais, culturais, ...): 0,25 puntos.

3.3. Carácter innovador (ata 0,5 puntos):

– 0 puntos: actividades convencionais sen innovación.

– 0,5 puntos: a proposta incorpora métodos ou enfoques innovadores.

3.4. Recursos que se van empregar (ata 1 punto):

– 0,25 puntos: recursos mencionados sen concreción (material, humano ou técnico).

– 1 punto: relación detallada de recursos necesarios (material, humano ou técnico), con indicación de dispoñibilidade e función.

4. Temporización (ata 0,25 puntos):

– 0,10 puntos: cronograma ausente ou moi xeral.

– 0,25 puntos: cronograma detallado por fases, actividades e/ou tempo estimado.

5. Custos (ata 0,25 puntos):

– 0,10 puntos: estimación económica sen xustificación ou sen desagregación.

– 0,25 puntos: orzamento detallado por partidas.

6. Igualdade. Valórase a aplicación no proxecto da transversalidade de xénero, tanto no uso dunha linguaxe non sexista como na utilización de imaxes non sexistas, e que a publicidade e a difusión das actividades sexa axeitada desde o punto de vista da igualdade por razón de xénero (ata 0,25 puntos):

– 0 puntos: non se considera a perspectiva de xénero.

– 0,25 puntos: uso de linguaxe inclusiva, imaxes non sexistas, actividades pensadas para fomentar a igualdade e medidas específicas para a súa difusión con enfoque de xénero.

5. Para o caso de que as persoas solicitantes sexan traballadoras, sumaranse ao baremo xeral os seguintes criterios específicos:

a) Para as persoas traballadoras por conta allea, duración da relación laboral, que será como mínimo de tres meses contados desde a data de remate de presentación de solicitudes e valorarase con 5 puntos. Esta valoración incrementarase 1 punto máis por cada mes de duración do contrato, ata un máximo de 10 puntos.

Os contratos de duración indeterminada ou indefinida, así como a relación estatutaria ou funcionarial de carácter permanente valoraranse con 8 puntos.

b) Para as persoas traballadoras por conta propia, alta no réxime de persoas traballadoras autónomas da Seguridade Social, que deberá terse producido cunha antelación mínima de tres meses desde a data en que remate o prazo de presentación de solicitudes e valorarase en 5 puntos. Esta valoración incrementarase 1 punto máis por cada mes que teña cotizado no dito réxime, ata un máximo de 10 puntos.

6. As persoas solicitantes deberán comunicar calquera variación das súas circunstancias que se produza entre o momento da presentación da solicitude e antes da emisión da resolución de concesión e que poida incidir nos criterios de valoración contidos neste artigo.

No caso de que se produzan causas sobrevidas que afecten os recursos da unidade familiar, poderán presentarse os documentos que acrediten oficialmente a situación económica, sempre e cando as variacións de ingresos supoñan unha diminución ou incremento de máis do 20 % no cómputo anual fronte aos declarados na solicitude de praza. Estas variacións deberán ter unha duración mínima de catro meses consecutivos desde a notificación da resolución de adxudicación de prazas para seren tomadas en consideración.

Artigo 13. Resolución da convocatoria e adxudicación de prazas

1. As resolucións de adxudicación das prazas, a relación definitiva de persoas beneficiarias das bolsas e a lista de agarda coas puntuacións obtidas correspóndelle á persoa titular do departamento territorial da provincia onde radique a residencia xuvenil, por delegación da persoa titular da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

O prazo máximo para resolver e notificar os procedementos regulados nesta orde é de catro meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen se ditar resolución expresa, as solicitudes poderanse entender desestimadas.

2. As resolucións ditadas nos procedementos regulados nesta orde esgotan a vía administrativa, polo que contra elas poderá interporse recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que as ditou no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, ao abeiro do artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, poderase interpor recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 14. Publicación dos actos

Publicaranse no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, os actos administrativos e as correspondentes resolucións destes procedementos, sen prexuízo do recollido no artigo 46 da mesma lei. Esta publicación producirá os efectos de notificación.

Serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da Dirección Xeral de Xuventude, https://xuventude.xunta.gal/, con carácter complementario.

Artigo 15. Efectividade da resolución

1. A partir da publicación da resolución de adxudicación das prazas e bolsas, para a súa formalización requiriráselles ás persoas beneficiarias a seguinte documentación:

a) Copia da tarxeta sanitaria ou, na súa falta, calquera outro documento de asistencia médica e farmacéutica.

b) Certificado médico de encontrarse nun estado de saúde que permita en todo momento o normal desenvolvemento da vida residencial e certificado de vacinacións. Para o caso de persoas estudantes colaboradoras bolseiras, neste certificado deberá constar que non padece defecto físico ou psíquico que impida o normal desenvolvemento da súa actividade na residencia xuvenil.

c) Dúas fotografías tamaño carné.

d) Para as persoas estudantes, achegarán ademais copia do xustificante de matrícula correspondente aos estudos que vai cursar ou, no caso do alumnado de terceiro ciclo, certificado da persoa que exerza a xefatura do departamento universitario correspondente, conforme a persoa adxudicataria está realizando o doutoramento naquel.

e) Para as persoas estudantes colaboradoras bolseiras, persoas estudantes non bolseiras e para as persoas traballadoras, ademais, xustificante de pagamento dunha mensualidade en concepto de reserva de praza residencial.

O importe correspondente aboarase telematicamente mediante ingreso, con ou sen certificado dixital, a través da oficina virtual da Axencia Tributaria de Galicia: https://ovt.atriga.gal

2. A documentación a que se refire o número anterior terán que presentala de acordo co establecido no artigo 9, no prazo de dez días hábiles, contados desde o seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, excepto a copia do xustificante de matrícula ou o certificado da persoa que exerza a xefatura do departamento universitario correspondente, no caso de persoas solicitantes estudantes, colaboradoras bolseiras ou non, que poderán presentala ata o 31 de outubro do ano correspondente, con excepción do establecido no artigo 6.2.b) para o caso do alumnado do primeiro curso.

No caso de que a persoa adxudicataria non poida presentar a copia do xustificante de matrícula no referido prazo por causa imputable ao centro en que vaia cursar os seus estudos, deberá comunicar esta circunstancia por escrito, presentando unha copia da preinscrición na facultade ou na escola universitaria correspondente. Non obstante, deberá presentar a copia do xustificante de matrícula no momento en que a faga.

Artigo 16. Listas de espera

1. As listas de espera estarán formadas polas persoas solicitantes avaliadas que non obtivesen praza por quedar fóra do corte debido ao número de prazas convocadas, e estarán ordenadas segundo a puntuación obtida en aplicación do baremo indicado no artigo 12.

2. As prazas vacantes que se vaian producindo durante o curso serán cubertas por rigorosa orde de puntuación entre as persoas solicitantes da correspondente lista de agarda.

3. Unha vez esgotadas as listas de agarda e para o caso de existiren prazas vacantes en todos ou nalgún dos procedementos e residencias previstas nesta convocatoria, publicarase no Diario Oficial de Galicia a apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes para a cobertura das prazas ou bolsas vacantes. A publicación desta convocatoria extraordinaria realizarase antes do mes de decembro do ano en que se publicou a convocatoria ordinaria.

4. De continuaren vacantes as prazas, a Consellería poderá acordar a súa utilización con outras administracións para a realización e promoción de actividades de interese da mocidade.

Artigo 17. Servizos ofertados

1. Nas residencias xuvenís ofertaranse o aloxamento e a mantenza, así como os seguintes servizos:

a) Aula de estudo-biblioteca.

b) Salas de xogos.

c) Televisión.

d) Conexión á internet (wifi).

e) Lavandaría.

f) Actividades culturais e deportivas.

g) Caixa de primeiros auxilios.

h) Ximnasio.

i) Información do seguimento da persoa residente cando os pais e/ou as nais ou as persoas que sexan titoras legais o soliciten.

2. Durante as fins de semana e os días festivos non se prestarán servizos de mantenza.

3. Durante as vacacións académicas de Nadal e Semana Santa non se ofrecerán os servizos de mantenza nin de aloxamento; non obstante, reservaráselles ás persoas residentes o dereito á tenza de bens nos cuartos, durante calquera destes períodos de vacacións.

Artigo 18. Obrigas de todas as persoas residentes

1. Todas as persoas residentes comprometeranse a respectar e cumprir as normas de réxime interno da residencia xuvenil, así como os protocolos internos que se establezan. O seu incumprimento, logo da tramitación do expediente disciplinario no cal se respectará en todo caso o trámite de audiencia, poderá dar lugar, se é o caso, á perda da condición de persoa residente.

Así mesmo, deberán asinar, ao inicio da súa estadía, un xustificante de recepción das normas de funcionamento interno da residencia.

2. As persoas residentes deberán deixar os cuartos libres co prazo máximo do 31 de xullo do ano en curso.

No caso de que a persoa residente sexa menor de idade, deberá abandonar a residencia xuvenil as fins de semana e días non lectivos, agás autorización expresa dos pais, das nais ou das persoas que sexan titoras legais.

3. Os danos ocasionados polo mal uso das instalacións, material e utensilios serán de responsabilidade individual das persoas residentes autoras ou, colectivamente, das persoas residentes que teñan asignadas as dependencias concretas ao seu uso, e terase que aboar o seu custo.

4. As persoas estudantes, colaboradoras bolseiras ou non, adxudicatarias das prazas poderán incorporarse ás residencias xuvenís de acordo co inicio do curso académico segundo estableza o plan de estudos da persoa adxudicataria e, en todo caso, dentro do prazo máximo establecido no artigo 3, salvo causa de forza maior debidamente acreditada. Na súa falta, entenderase que renuncian á praza adxudicada e perderán os seus dereitos. A vacante cubrirase conforme o disposto no artigo 16.

5. A persoa residente deberá encontrarse nun estado de saúde que permita en todo momento o desenvolvemento normal da vida residencial. No caso contrario, e por prescrición facultativa, deberá abandonar a residencia xuvenil ata a súa recuperación.

6. A asistencia médica e os gastos farmacéuticos serán por conta da persoa residente, que debe traer o día da incorporación á residencia xuvenil a copia da tarxeta da Seguridade Social ou calquera outra documentación do seguro médico de que sexa beneficiaria.

Artigo 19. Renuncia, abandono e perda do dereito

1. A renuncia dunha praza, antes do inicio do curso académico, da cal sexan persoas adxudicatarias deberase facer por escrito e realizarase tendo en conta o establecido no artigo 9.

No caso de persoas solicitantes estudantes, a renuncia xerará o dereito á devolución da mensualidade entregada en concepto de reserva de praza, unicamente no caso de que veña motivada polo feito de non acadar praza en ningún dos campus universitarios/centros de formación da localidade da residencia xuvenil ou pola adxudicación posterior dunha praza nun campus universitario/centro de formación distinto da localidade da residencia xuvenil. Neste caso, para o dereito á devolución, a persoa solicitante deberá presentar, xunto co anexo VI, que figurará nun anexo da correspondente resolución de convocatoria, a acreditación documental da matrícula nun centro de localidade distinta da residencia xuvenil. A persoa solicitante da devolución da mensualidade debe ser a mesma que a titular da conta bancaria en que se solicita o ingreso da devolución.

Se é o caso, na renuncia de prazas de estudantes non bolseiras ou persoas traballadoras producirá os efectos económicos do artigo 20.

2. Non procederá a devolución da mensualidade entregada en concepto de reserva de praza no caso de abandono da residencia durante a convocatoria, agás que o abandono se dea por algunha das seguintes causas xustificadas: a enfermidade das persoas residentes ou dalgún familiar con quen convivan, debidamente xustificada; a sinatura dun contrato laboral noutra localidade; ser persoas beneficiarias dunha bolsa no marco dos programas Erasmus ou Séneca; a realización de prácticas académicas noutra localidade.

No caso de que o abandono se produza de forma voluntaria e previa ao inicio dun procedemento disciplinario, a Dirección do centro poderá emitir informe desfavorable, visado pola persoa titular do departamento territorial competente, para os efectos do previsto no artigo 4.1.b) destas bases.

No caso de que proceda a devolución da parte proporcional da mensualidade pagada, correspondente aos días de non permanencia na residencia xuvenil, terase que realizar comunicación escrita cunha antelación mínima de quince días hábiles mediante o anexo VI, que figurará nun anexo da correspondente resolución de convocatoria. A persoa solicitante da devolución da mensualidade debe ser a mesma que a titular da conta bancaria en que se solicita o ingreso da devolución.

3. Entenderanse decaídas no seu dereito e poderán perder a súa condición de persoas adxudicatarias da praza polos seguintes motivos:

a) Por non presentar en tempo e forma a documentación requirida para formalizar a adxudicación, segundo recolle o artigo 15.

b) Por non cumprir coas súas obrigas como persoas residentes, logo de expediente disciplinario, conforme establece o artigo 18.1.

c) Por non incorporarse á residencia en prazo, tal e como establece o artigo 18.4.

d) Pola comprobación de falsidade nos documentos ou datos achegados.

e) Pola ausencia inxustificada da residencia xuvenil durante máis de quince días naturais consecutivos.

f) Pola falta de pagamento do prezo establecido no artigo 20, para as persoas estudantes non bolseiras e para as persoas traballadoras.

g) Para as persoas estudantes colaboradoras bolseiras, polo incumprimento das súas condicións, obrigas e incompatibilidades específicas establecidas nos artigos 23, 24 e 26.

4. A perda do dereito, logo de audiencia á persoa interesada, será resolta, por delegación da persoa titular da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, pola persoa titular da dirección territorial da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da provincia onde radique a residencia xuvenil, logo de informe da dirección da residencia xuvenil, e notificaráselles ás persoas adxudicatarias por medios electrónicos, segundo o establecido no artigo 41.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, e no artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

No caso de perda do dereito á praza non procederá, se é o caso, a devolución da cota mensual aboada.

5. En calquera dos casos sinalados nos números precedentes –por renuncia, abandono, ou por perda do dereito–, a praza que resulte vacante cubrirase respectando a lista de espera correspondente, de acordo co establecido no artigo 16.

CAPÍTULO II

Normas específicas para os procedementos
BS303B (persoas estudantes non bolseiras) e BS303D (persoas traballadoras)

Artigo 20. Condicións económicas

1. De conformidade co disposto na letra d) do anexo I da Orde do 1 de abril de 2016, pola que se fixan os prezos privados correspondentes á prestación de servizos nas instalacións xuvenís e á expedición de carnés dirixidos á mocidade xestionados pola Dirección Xeral de Xuventude, a cota que deberá aboar a persoa residente por mes será:

a) Cuarto dobre: 324 € por persoa residente e mes.

b) Cuarto cuádruplo: 250 € por persoa residente e mes.

O tipo de cuarto será adxudicado por orde de prelación segundo a puntuación obtida na aplicación dos criterios de valoración.

2. Unha vez comunicada a admisión, farase entrega dunha mensualidade completa en concepto de reserva de praza, que non será reintegrable no caso de perda do dereito á praza. Esta cantidade poderá devolverse unha vez que finalice o período total de estadía ou, ao criterio das propias residencias xuvenís, validarse pola última mensualidade de permanencia na residencia xuvenil.

O pagamento do primeiro e último mes de estadía na residencia xuvenil será proporcional aos días reais de permanencia nela, segundo a data de inicio e de remate do plan de estudos de cada persoa residente estudante, ou da relación laboral de cada persoa traballadora residente.

As cotas restantes poderanse aboar por trimestre ou por mes. Os pagamentos faranse nos dez primeiros días hábiles de cada trimestre ou mes, durante a duración do correspondente curso académico, segundo estableza o plan de estudos da persoa residente, e non haberá descontos por vacacións ou permisos.

O importe correspondente aboarase telematicamente mediante ingreso, con ou sen certificado dixital, a través da oficina virtual da Axencia Tributaria de Galicia (https://ovt.atriga.gal). Posteriormente, deberá entregarse o xustificante de pagamento na propia residencia xuvenil.

Transcorridos quince días hábiles desde a finalización do prazo previsto para o pagamento do prezo sen que a persoa residente realice o ingreso, poderá acordarse a perda do dereito á praza e a expulsión desta da residencia xuvenil e adxudicaráselle a praza a outra persoa solicitante seguindo a orde da lista de agarda, de acordo co establecido no artigo 19, números 2 e 3.

Artigo 21. Ausencias xustificadas

1. Con carácter excepcional, as persoas residentes que se ausentasen xustificadamente durante un mes natural poderán manter o seu dereito á praza aboando o 50 % do prezo mensual establecido en concepto de reserva. Se a duración da ausencia é de períodos alternos inferiores a un mes, deducirase economicamente a parte proporcional. Se a ausencia ten unha duración superior a un mes, poderá manterse o dereito á praza aboando cada mes o 25 % do prezo mensual en concepto de reserva.

A reserva farase durante un máximo de tres meses, agás que a persoa residente faga unha petición expresa en que xustifique as causas e que será atendida segundo as necesidades de funcionamento da residencia xuvenil.

2. Consideraranse motivos xustificados de ausencia para solicitar a reserva de praza os seguintes:

a) A obriga da persoa residente de facer as prácticas dos estudos que estea cursando en concello distinto ao da residencia xuvenil.

b) Os intercambios de inmersión lingüística ou cultural que obriguen a cursar estudos no estranxeiro.

c) A impartición dunha parte da formación académica na modalidade non presencial, debidamente acreditada polo centro educativo.

d) A suspensión ou extinción do contrato para as persoas residentes traballadoras.

e) A enfermidade grave da persoa residente ou a enfermidade grave/morte ou hospitalización dunha persoa familiar de ata segundo grao, debidamente acreditada.

CAPÍTULO III

Normas específicas para o procedemento BS303C
(persoas estudantes colaboradoras bolseiras)

Artigo 22. Dereitos específicos das persoas estudantes colaboradoras bolseiras

1. As persoas estudantes colaboradoras bolseiras, ademais dos servizos xerais para as persoas residentes establecidos no artigo 17, gozarán do aloxamento e mantenza gratuítos na residencia xuvenil durante o seu período ordinario de funcionamento, de setembro a xullo.

O aloxamento será de tal xeito que lles permita ás persoas estudantes colaboradoras bolseiras a normal realización dos seus estudos.

2. Desfrutarán do recoñecemento da súa condición de persoa estudante colaboradora bolseira ante o resto das persoas residentes.

3. Contarán coa asistencia dun titor ou titora que coordine e dirixa o proxecto que desenvolvan como persoas estudantes colaboradoras bolseiras na residencia xuvenil.

A persoa que exerza a dirección da residencia xuvenil será a persoa que exerza a titoría da persoa estudante colaboradora bolseira e correspóndelle asignarlle as tarefas, dentro do proxecto de actividades previsto e o seu seguimento.

Artigo 23. Obrigas específicas das persoas estudantes colaboradoras bolseiras

1. As persoas estudantes colaboradoras bolseiras, ademais das obrigas xerais das persoas residentes establecidas no artigo 18, terán as seguintes obrigas específicas:

a) En canto perceptoras dunha axuda en especie, as obrigas establecidas no artigo 14.1 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, en concreto:

1º. Cumprir os obxectivos e executar o proxecto de actividades.

2º. Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o gozo da subvención.

3º. Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos coma estatais ou comunitarios, para o cal se achegará canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

4º. Comunicarlle ao órgano concedente ou á entidade colaboradora a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.

Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

b) Colaborar coa dirección do centro para o desenvolvemento de protocolos de estadía das persoas mozas nas residencias xuvenís, de acordo co establecido no seu proxecto de actividades.

c) Participar no programa Correspondentes universitarios, da Dirección Xeral de Xuventude, dentro das actividades de información xuvenil, e asumir as obrigas e os dereitos derivados do referido programa.

d) Permanecer na residencia durante todo o curso académico, agás enfermidade grave da persoa residente ou enfermidade grave/morte ou hospitalización dunha persoa familiar de ata segundo grao, debidamente acreditada, ou outra causa xustificable non imputable á persoa residente.

2. Sen prexuízo do establecido no artigo 19 en relación coa perda do dereito á praza, o incumprimento dos requisitos e condicións establecidos para a concesión da axuda en especie contidas nesta orde; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, ou na restante normativa que sexa de aplicación, poderá dar lugar ao reintegro total ou parcial da axuda percibida. Para a efectividade da devolución, tramitarase o correspondente procedemento de reintegro segundo o previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como no artigo 3.3 e no título V do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 24. Xustificación da axuda

1. No mes seguinte ao remate da bolsa, a persoa estudante colaboradora bolseira deberá presentar, de acordo co establecido no artigo 9, unha memoria final indicativa dos obxectivos acadados en relación co proxecto de actividades proposto e desenvolvido na residencia xuvenil.

2. No mesmo prazo remitirase, como consecuencia das funcións de comprobación que lle corresponden ao órgano que concede, un certificado emitido pola persoa que exerza a dirección da residencia xuvenil, en que conste que a persoa estudante colaboradora bolseira permaneceu na dita residencia desde a data en que se lle concedeu a bolsa ata o remate do curso académico.

Artigo 25. Natureza da relación da persoa estudante colaboradora bolseira coa Administración

As persoas beneficiarias adquirirán exclusivamente a condición de persoa estudante colaboradora bolseira e non substituirán ou realizarán actividades propias do persoal da residencia xuvenil ou exclusivas do persoal propio da Xunta de Galicia.

A condición de persoa estudante colaboradora bolseira en ningún caso suporá relación contractual ou de calquera outro tipo entre a dita persoa e a Xunta de Galicia.

Artigo 26. Compatibilidade

A obtención da praza de persoa estudante colaboradora bolseira é compatible con outras bolsas, axudas ou subvencións para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

O importe da subvención en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o custo da actividade subvencionada.

A aceptación da praza como bolseiro/a implica a renuncia á praza do procedemento xeral de xeito automático. As persoas que non obtivesen praza de bolseiro/a poderán obter praza no procedemento xeral e quedar en lista de espera no procedemento de bolseiros/as.

CAPÍTULO IV

Obrigas de transparencia e bo goberno

Artigo 27. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrarlle á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Disposición adicional primeira. Información á Base de datos nacional de subvenciones das axudas en especie

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude transmitiralle á Base de datos nacional de subvencións a información necesaria sobre as axudas en especie, de conformidade co disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Disposición adicional segunda. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude na persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude para realizar a convocatoria anual e extraordinaria, de ser o caso, de prazas e bolsas nas residencias xuvenís dependentes desta consellería e no departamento territorial da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude en función do seu respectivo ámbito territorial, para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das axudas previstas nesta orde, así como para autorizar e dispor os gastos, o recoñecemento de obrigas e a proposta de pagamento, en relación co disposto no artigo 73.a) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de maio de 2025

José López Campos
Conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude