DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 105 Mércores, 4 de xuño de 2025 Páx. 31392

III. Outras disposicións

Universidade de Santiago de Compostela

RESOLUCIÓN do 26 de maio de 2025 pola que se publica a oferta de emprego público (OEP) do persoal docente e investigador para o ano 2025.

De conformidade co establecido no artigo 70 do Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público; no artigo 48 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia; no artigo 20 da Lei 31/2022, do 23 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2023, prorrogados para o ano 2025, así como nos estatutos da Universidade de Santiago de Compostela (USC), aprobados polo Decreto 14/2014, do 30 de xaneiro, o Consello de Goberno da Universidade de Santiago, na súa reunión do 30 de abril de 2025, tras a negociación e acordo na Mesa de PDI celebrada o 22 de abril de 2025 e do informe favorable da Comisión de Organización Académica e Profesorado desa mesma data, acordou aprobar a oferta de emprego público de PDI para o ano 2025, unha vez obtida a autorización da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia o 19 de maio de 2025, e tal e como determina o artigo 36.un da Lei 4/2024, de 27 de decembro, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025,

RESOLVO:

Primeiro. Publicar a oferta de emprego público (OEP) do persoal docente e investigador da Universidade de Santiago de Compostela para o ano 2025 consistente en 163 prazas de profesorado con vinculación permanente. Da totalidade destas prazas, 118 (53 de profesorado permanente laboral, 60 de profesorado titular e 5 de catedrático/a de universidade) corresponden ao sistema de quenda libre. Delas resérvanse 18 prazas (11 de profesorado permanente laboral e 7 de profesorado titular de universidade) para dar cumprimento á obriga, recollida no artigo 71.1 da Lei orgánica 2/2023, do 22 de marzo, do sistema universitario, de destinar, como mínimo, un 15 % do total de prazas que se ofrecen para a incorporación de persoal investigador doutor que obtivese o certificado I3 ou R3. Na OEP inclúense, ademais, 45 prazas de catedrático/a de universidade para a quenda de promoción interna.

Segundo. Esta OEP inclúe as necesidades de recursos humanos de carácter permanente no ámbito docente e investigador, con asignación orzamentaria, que non poden ser cubertas cos efectivos de persoal existentes, segundo se detalla no anexo, dentro do contexto global de restrición orzamentaria que afecta todas as administracións públicas.

Terceiro. A planificación dos recursos humanos na USC oriéntase á atención das funcións prioritarias, á correcta dimensión do volume de efectivos e a potenciar a estabilización do seu persoal docente e investigador.

Cuarto. O artigo 59 do texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, e no artigo 48 da Lei 2/2015, do 29 de abril, de emprego público de Galicia, prevé a reserva dunha cota non inferior ao cinco por cento das vacantes ofertadas para seren cubertas por persoas con discapacidade, considerando como tales as definidas no número 2 do artigo 4 do texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, sempre que superen os procesos selectivos e acrediten a súa discapacidade, así como a compatibilidade no desempeño das súas funcións. Para dar cumprimento ao establecido nas devanditas disposicións legais, a reserva do cinco por cento correspondente á oferta de emprego público realizarase nas convocatorias que se publiquen en execución da oferta aprobada.

Quinto. As convocatorias dos concursos derivados desta oferta publicaranse no Diario Oficial de Galicia e, de ser o caso, no Boletín Oficial del Estado, para garantir a súa publicidade, e executaranse dentro do prazo máximo establecido no artigo 70 do Estatuto básico do empregado público.

Sexto. Coa finalidade de lles dar unha maior difusión ás convocatorias de concursos relacionados con esta oferta de emprego, así como aos actos que deriven destes, poderase consultar a documentación correspondente na páxina web do Servizo de Planificación de PDI da USC https://www.usc.gal/gl/institucional/goberno/area/xestionpersoal/PDI), na sección de convocatorias de prazas.

Santiago de Compostela, 26 de maio de 2025

O reitor da Universidade de Santiago de Compostela
P.D. (Resolución do 21.4.2022; DOG do 26 de abril)
Ernesto González Seoane
Vicerreitor de Profesorado

ANEXO

Oferta de prazas de persoal docente e investigador para o ano 2025

1. Sistema de acceso libre.

1.1. Persoal docente e investigador contratado.

Categoría

Número de prazas

Profesorado permanente laboral

53 (*)

(*) Once destas prazas resérvanse para a estabilización de persoal investigador con certificado I3/R3.

1.2. Persoal docente e investigador de corpos docentes universitarios.

Corpo docente

Número de prazas

Profesorado titular de universidade

60 (*)

Catedrático/a de universidade

5

(*) Sete destas prazas resérvanse para a estabilización de persoal investigador con certificado I3/R3.

2. Sistema de acceso por promoción interna.

Corpo docente

Número de prazas

Catedrático/a de universidade

45