DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 106 Xoves, 5 de xuño de 2025 Páx. 31677

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 6 de maio de 2025, do Departamento Territorial de Pontevedra, de autorización administrativa previa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita e de autorización administrativa de construción dunha instalación eléctrica no concello do Grove (expediente IN407A 2022/075-4).

Expediente: IN407A 2022/075-4.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación: Regulamentación LMT VLG806 dos apoios 9OGSLW5H//12, 9ODMU6OJ//16 e 9OBVQ7LM//18.

Concello: O Grove.

Feitos:

1. O 15.3.2022, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración, en concreto, de utilidade pública da instalación eléctrica denominada Regulamentación LMT VLG806 dos apoios 9OGSLW5H//12, 9ODMU6OJ//16 e 9OBVQ7LM//18.

A solicitude inclúe o proxecto de execución asinado polo enxeñeiro técnico industrial Sergio Rodríguez Rodríguez, colexiado 482 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Ourense, e en que figura un orzamento total de 8.365,65 euros.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade a retirada dos apoios 9OGSLW5H//12, 9ODMU6OJ//16 e 9OBVQ7LM//18 debido ao seu mal estado de conservación, que compromete a estabilidade e a seguridade da instalación eléctrica.

Están previstas as seguintes actuacións no lugar de Meloxo, no concello do Grove (Pontevedra):

• Retirada dos apoios 9OGSLW5H//12, 9PF3HY2M, 9OEC2VAW//15 e 9OCXNG46//17.

• Substitución dos apoios 9PG2FFBV, 9ODMU6OJ//16 e 9OBVQ7LM//18 por dous de tipo C-1000-14 e un de tipo C-2000-14, respectivamente, así como a instalación de crucetas tipo H-35.

• Tendido dunha liña de media tensión aérea (LMTA) de 275 metros de lonxitude, con condutor LA-56, entre o apoio existente 9OHLJU0P//11 e o apoio proxectado 9OBVQ7LM//18.

2. Este departamento territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello do Grove, Augas de Galicia e a Deputación Provincial de Pontevedra. A empresa promotora manifestou a súa conformidade co condicionado emitido por Augas de Galicia.

Os demais organismos non emitiron os condicionados técnicos, entendéndose en consecuencia a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar.

3. Mediante escrito do 21.3.2022, este departamento territorial notificoulles a solicitude da autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración, en concreto, de utilidade pública da referida instalación eléctrica ás persoas que figuran afectadas pola declaración de utilidade pública na relación de bens e dereitos achegada pola empresa promotora.

Como non foi posible efectuar a notificación da solicitude de declaración, en concreto, de utilidade pública da instalación eléctrica a todas as persoas que figuran afectadas na relación de bens e dereitos achegada pola empresa promotora, este departamento publicou o correspondente anuncio no taboleiro de edictos único do Boletín Oficial del Estado do 13.4.2022, co fin de realizar a notificación por comparecencia.

4. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante a Resolución do 21 de marzo de 2022 publicada nos seguintes medios:

• DOG (Diario Oficial de Galicia): 13.4.2022.

• Xornal Faro de Vigo: 1.4.2022.

• Taboleiro de anuncios do Concello do Grove.

• Portal de transparencia e Goberno aberto da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Durante este trámite non se recibiron alegacións.

5. O 19.7.2022, UFD Distribución de Electricidad, S.A. achegou un proxecto modificado polo cambio de situación dun apoio, ademais dunha actualización da relación de bens e dereitos afectados.

O proxecto está asinado polo enxeñeiro técnico industrial Sergio Rodríguez Rodríguez, colexiado 482 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Ourense, e ten un orzamento total de 10.163,70 euros.

Tamén presentou a documentación acreditativa do acordo achegado cunha das persoas afectadas.

6. Con motivo desta modificación, este departamento solicitou novamente o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas pola modificación, neste caso, Augas de Galicia e a Deputación Provincial de Pontevedra.

Os organismos non emitiron os condicionados técnicos entendéndose en consecuencia a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar.

7. Mediante escrito do 2.12.2022 este departamento territorial notificoulles a solicitude da autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración, en concreto, de utilidade pública da referida instalación eléctrica ás persoas que figuran afectadas pola nova relación de bens e dereitos achegada pola empresa promotora.

8. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante a Resolución do 2 de decembro de 2022 publicada nos seguintes medios:

• DOG (Diario Oficial de Galicia): 29.12.2022.

• Xornal Faro de Vigo: 22.12.2022.

• Taboleiro de anuncios do Concello do Grove.

• Portal de transparencia e Goberno aberto da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación.

Durante este trámite, recibíronse as alegacións de José Ramón Otero Brea. A seguir resúmese o seu contido:

• Oponse á declaración de utilidade pública, pois a liña pode instalarse sobre os terreos de dominio públicos ou da comunidade de montes.

• Perda do valor total da parcela.

• Que a servidume legal que se pretende só se pode establecer cando non exista outra posibilidade e neste suposto existen outras posibilidades.

9. As alegacións presentadas foron trasladadas á empresa promotora. A seguir resúmese a contestación de UFD Distribución Electricidad, S.A.:

• A finalidade do proxecto é a regulamentación da liña VLG806 Meloxo debido a que varios apoios de madeira están en mal estado.

• O proxecto presentado aproveita a servidume existente xa que sobre a parcela de José Ramón discorre a liña VLG806. Neste caso trátase dunha nova afección mínima de 2 m2 para situar un novo apoio baixo a traza.

• Será durante o levantamento de actas previa cando se farán constar todas as manifestacións e datos para os efectos de que se valoren e indemnicen os bens e dereitos afectados.

10. Os servizos técnicos deste departamento territorial, logo de ver a documentación contida no expediente e analizar todas as alegacións presentadas, emitiron o correspondente informe, concluíndo que non se presentan obxeccións para que se poida continuar co trámite da declaración de utilidade pública da instalación eléctrica proxectada para os efectos da expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para o seu establecemento, de acordo co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro. Basean esta conclusión nos seguintes motivos:

• Respecto á declaración de utilidade pública, no sistema regulador do sector eléctrico a declaración de utilidade pública require basicamente dous requisitos: a xustificación da necesidade da instalación de que se trate, o que leva implícita a súa utilidade pública, e a determinación dos bens e dereitos cuxa expropiación afecta. A propia distribuidora acompaña unha relación de bens e dereitos afectados e pon de manifesto que as actuacións son necesarias para garantir a seguridade e estabilidade da liña de media tensión.

• Con relación á valoración dos predios e os prexuízos causados polas afeccións da instalación que se vai construír, estes poderanse poñer de manifesto na presentación da folla de valoración que requirirá este departamento territorial. Ademais, nese momento, o titular concretará o valor en que estime o obxecto que se expropia, tal como se indica no artigo 30 da Lei do 16 de decembro de 1954, sobre a expropiación forzosa.

• Respecto ao cambio de situación das instalacións proxectadas, non se presentan propostas que xustifiquen o cumprimento conxunto dos puntos do artigo 161.2 do Real decreto 1955/2000.

11. O 18.7.2023, este departamento, en cumprimento do artigo 53 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, solicitou ao Servizo de Montes o informe sobre a compatibilidade ou incompatibilidade do aproveitamento afectado.

12. O 27.7.2023, o Servizo de Montes emitiu un informe onde manifesta que a parcela 36022A009002380000ED non consta como monte veciñal en man común clasificado, polo que non se pode emitir o informe de compatibilidade ou incompatibilidade solicitado.

Consideracións legais e técnicas:

1. O Departamento Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

2. A lexislación de aplicación a este expediente é:

• Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

• Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

• Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

• Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

• Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa.

• Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

• Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

• Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica.

• Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

• Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

• Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa.

3. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

• Retirada dos apoios 9OGSLW5H//12, 9PF3HY2M, 9OEC2VAW//15 e 9OCXNG46//17 e a substitución dos apoios 9PG2FFBV, 9ODMU6OJ//16 e 9OBVQ7LM//18 por apoios metálicos, dous de tipo C-1000-16 e un de tipo C-2000-14, respectivamente.

• Instalación dunha liña de media tensión aérea (LMTA) a 20 kV, con condutor LA-56, de 275 metros de lonxitude, coa orixe no apoio existente 9OHLJU0P//11 da LMT VLG806 e final no apoio proxectado 9OBVQ7LM//18 na VLG806.

• A instalación está situada en Meloxo, no concello do Grove (Pontevedra).

4. Con respecto ás alegacións presentadas, visto o contido destas, as respostas do promotor e o informe dos servizos técnicos deste departamento territorial, exponse:

• Con relación ao prexuízo que causa a instalación do apoio na parcela, cabe sinalar que, unha vez iniciado o procedemento expropiatorio, o alegante será informado do trámite de levantamento de acta previa á ocupación. Nese momento, de forma concreta, débese describir e delimitar o obxecto de expropiación e débense describir as afeccións concretas que comporta a expropiación.

• De todas as maneiras, poderase poñer de manifesto a perda de valor da parcela na presentación da folla de valoración, momento en que o titular concretará o valor que estime, como se indica no artigo 29 e seguintes da Lei do 16 de decembro de 1954, sobre a expropiación forzosa.

• Ademais, o artigo 23 da Lei de expropiación forzosa permite ao propietario solicitar da Administración, nos casos de expropiación parcial dunha parcela e cando, como consecuencia diso, resulte antieconómica a conservación do resto da parcela non expropiada, que a expropiación comprenda a súa totalidade.

• En relación coa declaración de utilidade pública e coa urxente ocupación que leva implícita, sinálase que os artigos 54 da Lei 24/2013 e 140 do Real Decreto 1955/2000 establecen que se declaran de utilidade pública as instalacións eléctricas de xeración, transporte e distribución de enerxía eléctrica, para os efectos da expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para o seu establecemento e da imposición e exercicio da servidume de paso. Esta declaración de utilidade pública esténdese, para os efectos da expropiación forzosa de instalacións eléctricas e dos seus emprazamentos, cando por razóns de eficiencia enerxética, tecnolóxicas ou ambientais sexa oportuna a súa substitución por novas instalacións ou a realización de modificacións substanciais.

• O artigo 140.3 do Real decreto 1955/2000, ademais, recolle que para o recoñecemento en concreto da utilidade públicas destas instalacións será necesario que a empresa interesada o solicite, incluíndo unha relación concreta e individualizada dos bens ou dereitos que o solicitante considere de necesaria expropiación.

• Sobre a proposta de trazados alternativos, cabe destacar que para que un trazado alternativo prospere se teñen que dar todas as condicións establecidas no artigo 161 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro. O alegante non define ningún trazado alternativo para poder ser valorado, simplemente cita a posibilidade de que as instalacións discorran por terreos públicos ou da Comunidade de Montes.

• Finalmente, hai que ter en consideración que este proxecto trata da substitución de varios apoios por mal estado e dunha parte do condutor dunha liña existente. Non se trata dunha nova instalación. Lémbrase que é obriga da empresa distribuidora manter a seguridade das instalacións eléctricas da súa titularidade.

• Por último, cabe destacar que, como recolle o parágrafo segundo do artigo 59 da Lei 24/2013, do sector eléctrico, o dono do predio servente poderá solicitar o cambio de trazado da liña, se non existen dificultades técnicas, e serán pola súa conta os gastos da variación.

Conforme o indicado,

RESOLVO:

1. Outorgar a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada Regulamentación LMT VLG806 dos apoios 9OGSLW5H//12, 9ODMU6OJ//16 e 9OBVQ7LM//18, expediente IN407A 2022/075-4, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

2. Declarar a utilidade pública, en concreto, da citada instalación eléctrica, o que leva implícito a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

3. A empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento se deberán cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

4. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a execución. Unha vez constituídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante este departamento territorial acompañada da seguinte documentación:

• As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.

• Un certificado de dirección final de obra en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.

• Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.

5. O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución poderá dar lugar á súa revogación, logo da audiencia á promotora, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

6. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 6 de maio de 2025

Beatriz López del Olmo
Directora territorial de Pontevedra

ANEXO

Relación de bens e dereitos afectados-Concello do Grove

Lugar

Cultivo

Referencia catastral

Titular

Apoio

m2

2

Caminiño

Monte baixo

36022A009002380000ED

CMVMC de San Martiño do Grove

9ODMU6OJ//16

2

3

Caminiño

Monte baixo

36022A009002670000EO

José Ramón Otero Brea

9OBVQ7LM//18

2