Expediente: IN407A 2022/404-4.
Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.
Denominación: LMTS, CS Redondela.
Concello: Redondela.
Feitos:
1. O 5.10.2022, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración, en concreto, de utilidade pública da instalación eléctrica denominada LMTS, CS Redondela.
A solicitude inclúe o proxecto de execución asinado polo enxeñeiro técnico industrial Tito Arias Santos, colexiado LE-1010, e no que figura un orzamento total de 200.515,58 euros.
Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade a mellora da calidade da subministración eléctrica da zona, así como crear a infraestrutura eléctrica necesaria para atender futuras demandas. Para isto están previstas as seguintes actuacións na estrada Porto Cabeiro e na estrada Redondela Peinador, no concello de Redondela (Pontevedra):
– Instalación dun centro de seccionamento 4L para enlazar as liñas de media tensión SDM711 Álvarez II e TRO703 Trasiego-Barreiro 3.
– Tendido dunha liña de media tensión subterránea (LMTS) en catro actuacións con condutor RHZ1 para enlazar o centro de seccionamento proxectado cos centros de seccionamento (36CYX5 e 36CZV3) e centros de transformación (36P990 e 36P989) existentes.
– Desmóntase o tramo de liña entre os apoios A3FFU550//101-4 e A3DSHDA0//101-5.
2. Este departamento territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Redondela, Augas de Galicia e a Demarcación de Estradas do Estado.
Estes organismos non emitiron os condicionados técnico, polo que se entende, en consecuencia, a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar.
3. Mediante escritos do 30.11.2022, este departamento territorial notificou a solicitude da autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración, en concreto, de utilidade pública da referida instalación eléctrica ás persoas que figuran afectadas pola declaración de utilidade pública na relación de bens e dereitos achegada pola empresa promotora.
4. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante a Resolución do 30.11.2022, publicada nos seguintes medios:
– DOG (Diario Oficial de Galicia): 2.1.2023.
– Xornal Faro de Vigo: 22.12.2022.
– Taboleiro de anuncios do Concello de Redondela do 9.12.2022 ata o 20.1.2023, segundo certificado emitido polo propio concello.
– Portal de transparencia e goberno aberto da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación.
5. Durante este trámite, recibíronse as alegacións de Millarda, Comunidade de Bens (herdeiros de Constantino Barreiro Villar). A continuación resúmese o seu contido:
– Coa parcela afectada linda unha parcela destinada a vivenda e almacén (0663810NG3706S0001BB), polo que non debe imporse unha servidume de paso, pois vulnera o artigo 161 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.
– Manifesta que se poden instalar as infraestruturas noutros terreos, incluso de dominio público.
– En caso de que rechazen as súas pretensións, solicita que a instalación do centro de seccionamento non prexudique a entrada ás parcelas afectadas e lindantes.
6. As alegacións presentadas foron trasladadas á empresa promotora. A continuación, resúmese a contestación de UFD Distribución Electricidad, S.A.:
– A finalidade do proxecto é a mellora da subministración eléctrica da zona.
– A instalación do centro de seccionamento leva a unha afección de 15 m² (non de servidume), polo que non vai en contra do artigo 161 do Real decreto 1955/2000. Así mesmo, manifesta que en ningún caso se prexudica a entrada das parcelas mencionadas.
7. Os servizos técnicos deste departamento territorial, tras ver a documentación contida no expediente e analizar todas as alegacións presentadas, emitiron o correspondente informe, e concluiron que non se presentan obxeccións para que se poida continuar co trámite da declaración de utilidade pública da instalación eléctrica proxectada para os efectos da expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para o seu establecemento, de acordo co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro. Basean esta conclusión nos seguintes motivos:
– Respecto da aplicación do artigo 161 do Real decreto 1955/2000, cabe destacar que non poderá impoñerse servidume de paso para as liñas de alta tensión: sobre edificios, os seus patios, currais, centros escolares, campos deportivos e xardíns e hortas, tamén pechados, anexos a vivendas que xa existan, ao tempo de iniciarse o expediente de solicitude de declaración de utilidade pública, sempre que a extensión das hortas e dos xardíns sexa inferior a media hectárea. Segundo a referencia catastral indicada polo alegante (0663810NG3706S0001BB), unha vez comprobada na sede electrónica de catastro, non consta nin vivenda nin horta.
– Con relación aos prexuízos causados polas afeccións da instalación, estes poderanse poñer de manifesto na presentación da folla de valoración que requirirá este departamento territorial. Ademais nese momento, o titular concretará o valor en que considere o obxecto que se expropia, tal como se indica no artigo 30 da Lei do 16 de decembro de 1954, sobre a expropiación forzosa.
– Respecto do cambio de situación das instalacións proxectadas, non se presentan propostas que xustifiquen o cumprimento conxunto dos puntos do artigo 161.2 do Real decreto 1955/2000.
Consideracións legais e técnicas:
1. O Departamento Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio) e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).
2. A lexislación de aplicación a este expediente é:
– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.
– Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.
– Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa.
– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.
– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.
– Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica.
– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.
– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
– Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa.
3. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:
– Liña de media tensión subterránea (LMTS), a 15 kV con condutor RHZ1, en catro actuacións. A primeira actuación é de 1.415 metros, con orixe no centro de seccionamento (CS) Galpel 36CZV3 e final no centro de seccionamento proxectado. A segunda é de 78 metros, con orixe no empalme na LMT TRO703 (CS 36CYX5) e final no centro de seccionamento proxectado. A terceira actuación ten 9 metros, con orixe no empalme na LMT TRO703 (CT 36P990) e final no centro de seccionamento proxectado. A cuarta ten 78 metros, con orixe no empalme na LMT TRO703 (CT 36P989) e final no centro de seccionamento proxectado.
– Centro de seccionamento 4L, telecontrolado, con celas compactas e corte en SF6, situado na estrada Redondela-Peinador.
– A instalación está situada na estrada Porto Cabeiro e na estrada Redondela Peinador, no concello de Redondela (Pontevedra).
4. Con respecto das alegacións presentadas, visto o seu contido, as respostas do promotor e o informe dos servizos técnicos deste departamento territorial, exponse:
Sobre a aplicación do artigo 161 do Real decreto 1955/2000, remítese á contestación dada polos servizos técnicos deste departamento territorial (punto 7 dos feitos desta resolución).
Con relación ao prexuízo que causa a instalación do centro de seccionamento na parcela, cabe sinalar que, unha vez iniciado o procedemento expropiatorio, o alegante será informado do trámite de levantamento de acta previa á ocupación. Nese momento, de forma concreta, débese describir e delimitar o obxecto de expropiación e débense describir as afeccións concretas que comporta a expropiación.
De todas as maneiras, poderase poñer de manifesto a perda de valor da parcela na presentación da folla de valoración, momento no que o titular concretará o valor que considere, como se indica no artigo 29 e seguintes da Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa.
Ademais, o artigo 23 de Lei de expropiación forzosa permítelle ao propietario solicitar da Administración, nos casos de expropiación parcial dunha parcela e cando, como consecuencia diso, resulte antieconómica a conservación do resto da parcela non expropiada, que a expropiación comprenda a súa totalidade.
Sobre a proposta de trazados alternativos, cabe destacar que para que un trazado alternativo prospere se teñen que dar todas as condicións establecidas no artigo 161 do Real decreto 1995/2000, do 1 de decembro. O alegante non define ningún trazado alternativo para poder ser valorado, simplemente cita a posibilidade de que as instalacións discorran por outros terreos, incluso de dominio público.
Conforme o indicado,
RESOLVO:
1. Outorgar a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada LMTS, CS Redondela, expediente IN407A 2022/404-4, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.
2. Declarar a utilidade pública, en concreto, da citada instalación eléctrica, o que leva implícito a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.
3. A empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento se deberán cumprir as normas e as directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09 e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
4. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a execución. En todo caso, deberán respectarse os prazos establecidos no artigo 13.9 do Regulamento (UE) 2024/573 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de febreiro, sobre os gases fluorados de efecto invernadoiro, polo que se modifica a Directiva (UE) 2019/1937 e se derroga o Regulamento (UE) 517/2014 (DOUE nº 573, do 20 de febreiro), sobre prohibicións para a posta en funcionamento de aparamenta eléctrica que empregue gases fluorados de efecto invernadoiro ou cuxo funcionamento dependa deles, nun medio illante ou de rotura.
Unha vez constituídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante este departamento territorial acompañada da seguinte documentación:
– As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento e as certificacións ou homologacións, se procede.
– Un certificado de dirección final de obra no que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e as prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e das normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.
– Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.
5. O incumprimento das condicións e dos requisitos establecidos nesta resolución poderá dar lugar á súa revogación, logo da audiencia á promotora, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.
6. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.
Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.
Pontevedra, 5 de maio de 2025
Beatriz López del Olmo
Directora territorial de Pontevedra
ANEXO
Relación de bens e dereitos afectados-Concello de Redondela
|
Nº |
Lugar |
Uso |
Referencia catastral |
Titular |
CS (m²) |
|
1 |
Estrada Redondela-Peinador |
Aparcadoiro |
0663810NG3706S0001BB |
Hrdos. Constatino Barreiro Villar (representante: Clara Cuíñas) |
15,00 |
