O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra resolveu na súa reunión do 26.3.2025 aprobar o deslindamento parcial entre as comunidades de montes veciñais en man común (CMVMC) de Portela (Barro) e Alba (Pontevedra), en base aos seguintes feitos e consideracións técnicas.
Antecedentes e consideracións técnicas:
Primeiro. O 28.9.2022 o presidente da CMVMC de Alba presenta solicitude de deslindamento entre a CMVMC de Alba (Pontevedra) e a CMVMC de Portela (Barro). Os montes veciñais en man común (en diante, MVMC) afectados por este deslindamento son:
– MVMC de Sequeiros e Reiriz (ID: 2977) da CMVMC de Alba.
– MVMC de Portela (ID: 2455) da CMVMC de Portela.
Segundo. Consta no expediente a seguinte documentación do deslindamento consonte o artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (LMG):
• Acta do apeo do deslindamento do 22.9.2022.
• Acta de conciliación núm. 5/2022 entre as comunidades no Xulgado de Paz do Concello de Barro do 4.4.2023.
• Certificado do 16.4.2024 do secretario da CMVMC de Alba coa conformidade do presidente da aprobación en Asemblea Xeral do 30.10.2022.
• Certificado do 16.4.2024 da secretaria da CMVMC de Portela coa conformidade do presidente da aprobación en Asemblea Xeral do 18.12.2022.
Memoria descritiva co plano de deslindamento e cartografía en formato dixital no Datum ETRS89/UTM zona 29N EPSG: 25829. Asinado o 29.6.2023 pola enxeñeira técnica forestal colexiada núm. 1119 do COETF de Galicia.
Informes de validación gráfica catastral con CSV: HDSQQDV4ZNSYJ5SK e CSV: FYCZGGBYFBD58J4M.
Terceiro. A liña de deslindamento proposta ten unha lonxitude de 483 metros, e está composta polos seguintes puntos:
Punto 01: x: 528.575,72; y: 4.704.859,08.
Punto 02: x: 528.279,87; y:4.704.798,71.
Punto 03: x: 528.100,74; y: 4.704.826,47.
Revisada a cartografía das resolucións de clasificación de ambos MVMC detéctase que existe colindancia entre ambos e considérase que non afecta a terceiros propietarios.
A liña do deslindamento non é coincidente coa liña de concellos do Instituto Xeográfico Nacional entre os concellos de Barro e Pontevedra.
A liña do deslindamento produce modificacións na cartografía dos esbozos de clasificación polo que ambas comunidades realizan un axuste para que o deslindamento sexa coincidente no punto inicial e final coa planimetría existente.
O Servizo de Montes considera que a solicitude se axusta ao establecido no artigo 53 da LMG, polo que propón a aprobación polo Xurado do deslindamento segundo a liña presentada.
Cuarto. O artigo 53 da LMG establece que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común, logo do exame da documentación presentada, ditará resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.
Á vista do exposto, este xurado
RESOLVE:
Aprobar o deslindamento parcial entre a CMVMC de Portela (Barro) e CMVMC de Alba (Pontevedra), nos termos antes indicados.
Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición ante o Xurado Provincial de Clasificación de MVMC de Pontevedra no prazo dun mes de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 LPAC; ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o xulgado do contencioso-administrativo no prazo de dous meses de acordo cos artigos 8 e 46 da LXCA.
Pontevedra, 16 de maio de 2025
Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra
