En cumprimento do disposto no artigo 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e nos artigos 156.5 e 199 do Decreto 143/2016, do 23 de setembro, polo que se aproba o seu regulamento, faise pública a aprobación definitiva do Plan básico municipal de Alfoz (Lugo), mediante Orde da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas do 28 de maio de 2025, que figura como anexo.
Unha vez inscrito o Plan básico municipal de Alfoz no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia, a documentación íntegra do documento, incluído o extracto ambiental, poderá consultarse na seguinte ligazón:
https://territorioeurbanismo.xunta.gal/gl/territorio-e-urbanismo/rexistro-de-ordenacion-do-territorio-e-urbanismo/buscador
Así mesmo, o informe ambiental estratéxico e a demais documentación do procedemento de avaliación ambiental do referido plan poderá ser consultada na seguinte ligazón:
https://medioambiente.xunta.gal/seccion-tema/c/CMAOT_Avaliacion_ambiental?content=SX_Calidade_Avaliacion_Ambiental/AAE/Avaliacion_ambiental_estratexica.html
Santiago de Compostela, 30 de maio de 2025
Mª Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Urbanismo
ANEXO
Orde de aprobación definitiva do Plan básico municipal 
do concello de Alfoz (Lugo)
De conformidade co previsto no artigo 63 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, os plans básicos municipais son os instrumentos de planeamento urbanístico que se redactarán en desenvolvemento do Plan básico autonómico de Galicia, para os concellos de menos de 5.000 habitantes que non conten cun instrumento de planeamento xeral.
Os plans básicos municipais constitúen unha ordenación básica, cuxa formulación, tramitación e aprobación corresponde á Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, e que estará vixente ata que xurdan iniciativas ou razóns determinantes dunha maior complexidade urbanística que aconsellen a formulación dun plan xeral de ordenación municipal polo concello.
Mediante o Decreto 83/2018, do 26 de xullo, aprobouse o Plan básico autonómico de Galicia (DOG núm. 162, do 27.8.2018), sendo obxecto de sete actualizacións, a última delas aprobada mediante resolución da directora xeral de Urbanismo do 16.12.2024 (DOG nº 6, do 10.1.2025).
O 9.10.2018 o Concello de Alfoz remitiu un escrito á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo en que solicitaba a redacción do Plan básico municipal (PBM) do seu termo municipal por parte da consellería competente en materia de urbanismo.
Analizado o documento redactado e tramitado regulamentariamente, e vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Urbanismo o 27.5.2025, resulta:
I. Antecedentes.
1. O Concello de Alfoz, de menos de 5.000 habitantes (1523 habitantes no ano 2024 segundo a información do Instituto Nacional de Estatística), non conta con planeamento urbanístico xeral, senón unicamente cunha delimitación de núcleo rural no asentamento da Granda, aprobada definitivamente o 28.3.2023 (DOG do 11.4.2023).
Así mesmo, constan no concello tres expedientes de recoñecemento da preexistencia de núcleo rural nos asentamentos de Vilaúde (1992), Barbeito (2001) e Rolle (2002) e un documento nomeado como Plan xeral de ordenación urbana municipal e plan parcial do polígono Gándara de San Pedro de Alfoz, que foi aprobado o 30 de abril de 1964, ben que, unha vez avaliado o seu contido, se constatou que este se limitaba a ordenar unha zona puntual do actual núcleo urbano, polo que non se lle pode atribuír a condición dunha figura de planeamento xeral nin para os efectos de ordenar o termo municipal completo nin para os de dar soporte ao desenvolvemento do polígono Gándara de San Pedro de Alfoz.
2. En atención ao exposto, o Concello de Alfoz cumpre cos requisitos que o artigo 63.1 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia exixe para poder redactar un plan básico municipal no seu termo municipal.
II. Marco normativo.
Na redacción e tramitación do PBM tense en conta, ademais da normativa sectorial aplicable, a seguinte normativa urbanística autonómica:
– Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (en diante, LSG).
– Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (en diante, RLSG).
– Decreto 83/2018, do 26 de xullo, polo que se aproba o Plan básico autonómico de Galicia (en diante, PBA).
– Orde do 10 de outubro de 2019 pola que se aproban as Normas técnicas de planeamento urbanístico de Galicia (en diante, NNTTPP).
O artigo 63.1 da Lei 2/2016, de 10 de febreiro, do solo de Galicia, define os plans básicos municipais como «os instrumentos de planeamento urbanístico dun termo municipal completo, que se redactarán en desenvolvemento do Plan básico autonómico para os concellos de menos de 5.000 habitantes que non conten cun instrumento de planeamento xeral...».
Os referidos plans teñen por obxecto «... a delimitación dos núcleos rurais existentes e dos terreos que reúnan os requisitos exixidos para ser clasificados como solo urbano consolidado. Os plans básicos municipais categorizarán o solo rústico, segundo as delimitacións das afeccións establecidas no Plan básico autonómico».
O Plan básico autonómico foi aprobado polo Decreto 83/2018, do 26 de xullo (DOG do 27.8.2018) e mediante a Resolución da Dirección Xeral de Urbanismo do 16.12.2024 aprobouse a súa sétima actualización (DOG do 10.1.2025).
O procedemento para a aprobación do PBM regúlase no artigo 64 da LSG e no artigo 156 do RLSG.
III. Tramitación.
1. O 10.5.2023 a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo solicitou iniciar a avaliación ambiental estratéxica simplificada do PBM de Alfoz. Xunto coa solicitude, envía o borrador do plan e o documento ambiental estratéxico, que cumpre co contido regulado no artigo 29 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.
2. O 11.5.2023 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático inicia o período de consultas previas á formulación do Informe ambiental estratéxico (IAE), polo prazo de 30 días hábiles.
Constan nese trámite as seguintes consultas recibidas:
Instituto de Estudos do Territorio.
Axencia Galega de Infraestruturas (AXI).
Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
Dirección Xeral de Defensa do Monte.
Servizo de Infraestruturas Agrarias de Lugo.
Deputación provincial de Lugo.
Concello de Alfoz.
Particulares (13 observacións e suxestións).
Segundo consta no IAE, tamén se realizaron consultas previas a Augas de Galicia, á Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, á Dirección Xeral de Patrimonio Natural e á Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, ben que estes organismos non responderon á consulta.
3. Tras este período de consultas previas, o 1.8.2023 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático emitiu a resolución pola que se formula o IAE do PBM de Alfoz (DOG núm. 156, do 18.8.2023), en que conclúe non someter ao procedemento de avaliación ambiental ordinaria a este PBM.
4. Con independencia do trámite ambiental e con carácter previo á aprobación inicial do PBM, o 12.5.2023 solicitouse o informe sectorial a Augas de Galicia, que foi recibido o 5.7.2023 e o 16.10.2023 solicitouse o informe sectorial á Dirección Xeral de Aviación Civil, que foi recibido o 30.1.2024.
5. O 18.2.2022 solicitouse un certificado do Catastro Mineiro relativo aos dereitos mineiros no concello de Alfoz que foi recibido o 25.2.2022.
5. O PBM de Alfoz foi aprobado inicialmente por resolución da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda do 5.3.2024.
O documento foi sometido a información pública por un prazo de dous meses contados a partir da publicación do anuncio no DOG núm. 56, do 19.3.2024, e en dous dos xornais de maior difusión na provincia (El Progreso y La Voz de Galicia) na mesma data.
O documento estivo dispoñible para a súa consulta no Servizo de Urbanismo da Xefatura territorial de Lugo (hoxe Departamento territorial de Lugo), no Concello de Alfoz e na web de documentos en información pública da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo (hoxe https://vivendaeinfraestruturas.xunta.gal/transparencia/procedementos-informacion-publica/urbanismo-territorio).
7. O 6.3.2024 solicitáronse os informes sectoriais preceptivos ás administracións competentes e o informe determinante do concello. Na mesma data enviouse a comunicación preceptiva prevista no artigo 189 da Lei 3/2003, de patrimonio das administracións públicas e a prevista no artigo 101 da Lei 5/2011, do Patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.
8. Foi solicitado o pronunciamento favorable dos seguintes organismos ou administracións:
| Organismo/Administración | Data de recepción do informe | 
| Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático. Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación | 19.3.2024 | 
| Redes de Telecomunicación Galegas-Retegal, S.A. | 24.3.2021 | 
| Ministerio para la Transformación Dixital e da Función Pública. Secretaría Xeral de Telecomunicacións e Ordenación dos Servizos de Comunicación Audiovisual | 5.4.2024 | 
| Delegación do Goberno. | 3.5.2024 | 
| Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico. Dirección Xeral de Política Enerxética y Minas* | 3.5.2024 | 
| Consellería de Facenda e Administración Pública. Subdirección Xeral do Patrimonio | 15.5.2024 | 
| Consellería de Economía e Industria. Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas | 16.5.2024 | 
| Augas de Galicia | 3.7.2024 | 
| Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes. Dirección Xeral de Emerxencias e Interior | 10.7.2024 | 
| Consellería de Economía e Industria. Servizo de Enerxía e Minas | 26.8.2024 | 
| Instituto de Estudos do Territorio. Servizo de Planificación da Paisaxe | 29.10.2024 | 
| Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático. Dirección Xeral do Patrimonio Natural | 14.11.2024 | 
| Axencia Galega de Infraestruturas | 28.3.2025 | 
| Consellería de Medio Rural. Servizo de Montes de Lugo | 9.4.2025 | 
| Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. Dirección Xeral de Patrimonio Cultural | 14.4.2025 | 
| Concello de Alfoz | 24.4.2025 | 
Con base no informe da Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas, o 21.5.2024 consultouse a Barras Eléctricas Asturianas, S.L. , Viesgo Distribución Eléctrica, S.L. e Red Eléctrica de España, S.A.U., como empresas que exercen a actividade de transporte ou distribución de enerxía eléctrica en Alfoz para que indiquen a existencia de infraestruturas eléctricas da súa titularidade. O 1.7.2024 recibiuse contestación de Red Eléctrica de España, S.A.U.
En todo caso, o PBM de Alfoz integra as liñas eléctricas que constan identificadas no Plan básico autonómico de Galicia.
9. O 6.3.2024 solicitouse informe sectorial á Deputación Provincial de Lugo ao abeiro do artigo 23.2 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, e do artigo 11 do Real decreto 1367/2007, do 19 de outubro, polo que se desenvolve a Lei 37/2003, do 17 de novembro, de ruído, por se puidesen existir servidumes acústicas declaradas respecto das vías de titularidade provincial das que non se teña constancia (a priori, cos datos dispoñibles, non consta ningunha). A Deputación Provincial de Lugo non emitiu o informe solicitado.
A este respecto, o artigo 23.2 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, no cal se regula a coordinación co planeamento urbanístico, indica o seguinte:
«2. Nos supostos de redacción, revisión ou modificación de instrumentos de planeamento que afecten as estradas existentes ou as actuacións previstas nos plans de estradas vixentes, o concello remitiralles, con posterioridade á súa aprobación inicial, o correspondente documento ás administracións titulares das estradas afectadas para que emitan informe sobre este. O informe terá carácter vinculante e deberá ser emitido no prazo de tres meses; transcorrido este, entenderase favorable».
Por outra banda, o artigo 11 do Real decreto 1367/2007, do 19 de outubro, polo que se desenvolve a Lei 37/2003, de 17 de novembro, de ruído, regula que:
«2. Co fin de conseguir a efectividade das servidumes acústicas, os instrumentos de planeamento territorial e urbanístico que ordenen fisicamente ámbitos afectados por estas deberán ser remitidos con anterioridade á súa aprobación inicial revisión o modificación substancial, ao órgano substantivo competente da infraestrutura, para que emita informe preceptivo. Esta regra será aplicable tanto aos novos instrumentos como ás modificacións e revisións dos xa existentes».
E, en liña con este último, o artigo 5.1 do Decreto 106/2015, do 9 de xullo, sobre contaminación acústica de Galicia establece que:
«3. Os instrumentos de ordenación territorial e planeamento urbanístico que ordenen fisicamente ámbitos afectados por servidumes acústicas deberán ser remitidos con anterioridade á súa aprobación inicial, revisión ou modificación substancial, ao órgano substantivo competente da infraestrutura, para que emita informe preceptivo».
Á vista do exposto e do regulado no artigo 80 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, respecto do transcurso dos prazos máximos para a emisión de informes, pode continuar a tramitación do procedemento para a aprobación do PBM de Alfoz.
10. Durante o período de información pública, recibíronse un total de 159 alegacións; destas 156 foron presentadas no Rexistro Xeral do Concello de Alfoz e 3 no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia.
Consta no expediente un informe das alegacións recibidas, asinado o 2.5.2025. Así mesmo, consta no documento do PBM un anexo xustificativo da súa integración que se avalía nun punto posterior deste informe.
Considerando o total de 159 alegacións recibidas, foron estimadas total ou parcialmente arredor do 61 %, segundo os datos que constan no expediente:
| Total | 159 | 100 % | 
| Estimadas | 54 | 33,97 % | 
| Estimadas parcialmente | 44 | 27,67 % | 
| Desestimadas | 61 | 38,36 % | 
11. O 7.5.2025 a Subdirección Xeral de Urbanismo e a Subdirección Xeral de Apoio Xurídico e Xestión Económica propuxeron emitir informe favorable sobre o PBM de Alfoz para a súa aprobación definitiva.
12. O 14.5.2025 o Pleno da Xunta Consultiva en Materia de Ordenación do Territorio e Urbanismo acordou emitir informe favorable sobre a aprobación definitiva do PBM de Alfoz.
IV. Informe.
1. O 30.4.2025 o equipo redactor achega por rexistro xeral (núm. entrada 2025/1202898) o documento para aprobación inicial do PBM de Alfoz, que se compón de dúas carpetas comprimidas, unha para cada soporte dixital preceptivo (PDF e editable):
27002_PBM_202504_AD_01PDF
27002_PBM_202504_AD_02EDIT
Acredítase a coincidencia entre soportes mediante declaración responsable asinada electronicamente polo equipo redactor, segundo o modelo do anexo 9 das NNTTPP.
2. En cumprimento do artigo 63.3 da LSG e do artigo 150 e seguintes do RLSG, o PBM de Alfoz conta cos seguintes documentos:
a) Memoria xustificativa das súas determinacións (cartafol 01.MX).
b) Análise do modelo de asentamento poboacional (cartafol 02.AMAP).
c) Planos de información (cartafol 03.PINF).
d) Planos de ordenación urbanística (cartafol 04.PORD).
e) Catálogo de elementos que se deben protexer (cartafol 05.CAT).
f) Normativa urbanística (cartafol 06.NU).
Ademais, en relación con outra normativa aplicable:
Incorpora a documentación do trámite ambiental estratéxico simplificado (cartafol 07.AAE):
– Documento ambiental estratéxico.
– Alternativas ambientais 0, 1 e 2.
– Informe ambiental estratéxico.
– Extracto ambiental e as medidas de seguimento.
Inclúe a zonificación acústica do territorio, ao abeiro da Lei 37/2003, do 17 de novembro, do ruído e do Real decreto 1367/2007, do 19 de outubro, polo que se desenvolve a Lei 37/2003, do 17 de novembro, no referente á zonificación acústica, obxectivos de calidade e emisións acústicas e do Decreto 106/2015, do 9 de xullo, sobre contaminación acústica de Galicia (cartafol 04.PORD).
Contén un estudo da paisaxe, ao abeiro do Decreto 96/2020, do 29 de maio, polo que se aproba o regulamento da Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia (cartafol 01.MX, como anexo á memoria xustificativa).
Incorpora unha ficha de vixencia de planeamento, segundo o modelo do anexo 7 das NNTTPP (cartafol 01.MX, como anexo á memoria xustificativa).
No tocante á normativa en materia de accesibilidade, o PBM é un documento non propositivo, sen documento económico, cuxas atribucións están limitadas ao recoñecemento das realidades existentes, polo que non formula propostas alternativas a itinerarios peonís adaptados, nos termos indicados no artigo 16 do Decreto 35/2000, do 28 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento de desenvolvemento e execución da Lei de accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia.
3. No tocante á toma en consideración no PBM de Alfoz do resultado da súa tramitación urbanística, logo da súa aprobación inicial, constan dous anexos á memoria xustificativa (cartafol 01.MX) en que se acredita:
A integración das consideracións e observacións emitidas nos informes sectoriais recibidos, así como no informe determinante do Concello de Alfoz (arquivo 27002_PBM_202504_AD_MX_03.6ANX_INFSEC).
A integración das alegacións recibidas durante o período de información pública, (arquivo 27002_PBM_202504_AD_MX_03.7ANX_ALEGAC), en que se describe o solicitado e se argumenta e resolve sobre a súa estimación, estimación parcial ou desestimación.
En cumprimento da lexislación aplicable en materia de protección de datos, as alegacións recibidas codificáronse no devandito anexo mediante a expresión L1_001, L1_002... (lote 1 e numeración correlativa) e incorporouse para a súa identificación a data de rexistro, o número de rexistro, o NIF anonimizado, a parroquia e os datos catastrais, de ser o caso.
Así mesmo, no punto 5 da memoria xustificativa (arquivo 27002_PBM_202504_AD_MX_02XUS) tamén se xustifica a integración dos informes sectoriais recibidos antes da aprobación inicial.
4. En relación coas determinacións reguladas no artigo 63.2 da LSG e no artigo 149 do RLSG, o PBM de Alfoz:
Clasifica dous ámbitos de solo urbano consolidado na contorna dos asentamentos da Seara e Vilaúde (artigo 63.2.b) da LSG e 149.b) do RLSG), se ben parte do asentamento de Vilaúde se clasifica como solo de núcleo rural tradicional.
Delimita 118 núcleos rurais (artigo 63.2.a) da LSG e 149.a) do RLSG) nun total de nove parroquias, dos cales, segundo as fichas da AMAP, 80 son tradicionais (14 deles de tipo polinuclear), 5 son comúns e os 33 restantes combinan partes tradicionais e comúns (15 deles de tipo polinuclear).
Dentro destes 118 núcleos atópase o núcleo 0618-NRP A Granda que resulta de declarar subsistente a delimitación física e a parcela mínima da Delimitación de solo de núcleo rural da Granda, na parroquia de San Pedro de Mor, con aprobación definitiva do 28.3.2023 (artigo 149.a) do RLSG).
Delimita o solo rústico e as súas distintas categorías, tanto o solo rústico de protección ordinaria como os solos rústicos de especial protección resultantes da aplicación das lexislacións sectoriais con incidencia sobre Alfoz (artigo 63.2.c) da LSG e 149.c) do RLSG), tendo en conta as afeccións sectoriais delimitadas no PBA, e as consideracións establecidas nos informes e consultas sectoriais recibidos.
Fixa o trazado da rede viaria pública existente e precisa o largo das vías e a sinalización de aliñacións (artigo 63.2.d) da LSG e 149.d) do RLSG).
Contén unha normativa urbanística que reproduce no seu anexo I as ordenanzas reguladoras do Plan básico autonómico que resultan de aplicación para o territorio municipal de Alfoz (artigo 63.2.e) da LSG e 149.e) do RLSG).
Sen prexuízo disto, o PBM incorpora a súa propia normativa específica que regula, con base no estudo pormenorizado do territorio e na análise do modelo de asentamento poboacional, os usos nas ordenanzas intensiva e extensiva de solo urbano consolidado, particularmente no tocante á regulación do uso garaxe-aparcadoiro, as alturas mínimas na ordenanza intensiva de solo urbano consolidado e a parcela mínima nas ordenanzas de solo de núcleo rural tradicional e común (artigo 149.e) do RLSG). Tamén se regulan condicións específicas para as infraestruturas de servizos co gallo de dar cumprimento á normativa vixente en materia de telecomunicacións.
Segundo consta na memoria do Catálogo de patrimonio cultural do PBM, as fontes de información para a identificación e catalogación dos elementos do patrimonio foi o catálogo do PBA e os elementos incorporados a proposta do propio PBM.
Segundo consta nas fichas, o documento cataloga ata 185 elementos, que se desagregan do seguinte xeito:
| Clasificación | Tipo | Nº elementos | Afeccións | 
| Bens de interese cultural (BIC) | Arqueolóxico (ARQ) | 1 | Delimitación e contorno de protección | 
| Arquitectónico (ART) | 11 | Delimitación e contorno de protección | |
| Etnolóxico (ETN) | 16 | Delimitación e contorno de protección | |
| Bens catalogados (CAT) | Arqueolóxico (ARQ) | 13 | Delimitación e contorno de protección | 
| Arquitectónico (ART) | 97 | Delimitación e contorno de protección | |
| Etnolóxico (ETN) | 47 | Delimitación e contorno de protección | 
Dentro do Concello de Alfoz existe un único elemento declarado BIC como resultado dunha incoación individualizada; trátase do Castelo do Castro de Ouro, que foi declarado en data do 17 de outubro de 1994, e incluído no catálogo do PBM co código de identificación X007. Ademais do citado elemento, existen outros bens que gozan desta declaración por ministerio da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, en función da súa tipoloxía e antigüidade. Suman un total de 27, dos que 11 son bens arquitectónicos, nomeadamente escudos e 16 bens etnográficos, todos eles cruceiros e cruces.
5. O PBM xustifica a integración das determinacións do Informe ambiental estratéxico na documentación da avaliación ambiental estratéxica (carpeta 07.AAE, arquivo 27002_PBM_202504_AD_AAE_05IAE) que reproduce o contido do IAE e explica o xeito no que se lle ten dado cumprimento ás súas consideracións.
6. A tramitación do PBM de Alfoz seguiu o procedemento regulado no artigo 64 da LSG e no artigo 156 do RLSG. A súa documentación cumpre co contido mínimo regulado no artigo 63.3 da LSG e no artigo 150 e seguintes do RLSG e coas determinacións establecidas nos artigos 63.2 da LSG e 149 do RLSG.
7. O PBM de Alfoz atende ou xustifica as cuestións e determinacións relacionadas nos informes e consultas recibidos durante a súa tramitación.
8. En conclusión, o PBM de Alfoz é un documento completo e axustado á lexislación vixente aos efectos de acadar a súa aprobación definitiva.
A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos plans básicos municipais corresponde á conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, de conformidade co disposto no artigo 64.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia e no artigo 156.4 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o seu regulamento, en relación co Decreto 142/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da consellería.
V. Resolución.
En consecuencia e visto o que antecede,
RESOLVO:
1. Outorgar a aprobación definitiva ao Plan básico municipal de Alfoz, de conformidade co disposto no artigo 64.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e no artigo 156.4 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o seu regulamento.
2. Notificar esta orde ao Concello de Alfoz.
3. De conformidade co disposto no artigo 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e nos artigos 156.5 e 199 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o seu regulamento, a Dirección Xeral de Urbanismo publicará o acordo de aprobación definitiva no Diario Oficial de Galicia e a normativa e as ordenanzas no Boletín Oficial da provincia de Lugo.
4. De conformidade co disposto no artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e no artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o seu regulamento, a Dirección Xeral de Urbanismo inscribirá de oficio o Plan básico municipal de Alfoz no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia.
5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 a 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

