DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 108 Luns, 9 de xuño de 2025 Páx. 32108

III. Outras disposicións

Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas

DECRETO 37/2025, do 26 de maio, polo que se aproba o cambio de titularidade a prol do Concello de Cerdedo-Cotobade do treito antigo da estrada PO-232 de titularidade da Xunta de Galicia, xunto co seu dominio público viario (DPV).

Segundo o artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O Concello de Cerdedo-Cotobade solicita á Axencia Galega de Infraestruturas a cesión da titularidade dun tramo antigo da estrada PO-232, situado na súa marxe esquerda, entre o p.q. 9+180 da PO-232 e o p.q 75+670 da N-541. Este treito ten un marcado carácter local no movemento dos vehículos que o percorren, polo que carece de funcionalidade dentro da Rede autonómica de estradas de Galicia (RAEG).

O artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia (LEG) indica que «os cambios de titularidade de estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídas no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo de acordo entre as administracións afectadas».

Segundo se estipula no punto 5 do artigo 18 do Regulamento xeral de estradas de Galicia (RXEG), os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo cos informes emitidos polos servizos competentes, formula a proposta favorable á transferencia de titularidade do treito que se describe no artigo 1.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e seis de maio de dous mil vinte e cinco,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar o cambio de titularidade a prol do Concello de Cerdedo-Cotobade do treito antigo da estrada PO-232 de titularidade da Xunta de Galicia, xunto co seu DPV:

Denominación

Inicio treito

Coordenadas UTM

(ETRS89 fuso 29)

Final treito

Coordenadas UTM

(ETRS89 fuso 29)

Lonx. (m)

Superficie orientativa DPV (m2)

Treito antigo da PO-232

p.q. 9+180 ME PO-232

x = 539.999

y = 4.706.304

p.q. 75+670 ME N-541

x = 539.904

y = 4.706.487

227

2.940

O documento do Catálogo e as súas modificacións posteriores poderanse consultar na páxina web da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas:

https://vivendaeinfraestruturas.xunta.gal/estradas/rede-autonomica/raega

Artigo 2

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo o día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos tres meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Esta acta de entrega e os seus planos poderán consultarse na páxina web da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas:

https://vivendaeinfraestruturas.xunta.gal/estradas/rede-autonomica/raega

Artigo 3

Correspóndelle ao Concello de Cerdedo-Cotobade, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación do treito transferido, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e seis de maio de dous mil vinte e cinco

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

María Martínez Allegue
Conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas