A Orde do 30 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e catástrofes en montes veciñais en man común e agrupacións forestais de xestión conxunta, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da política agraria común, e se convocan para o ano 2025 (DOG núm. 16, do 24 de xaneiro), establece no seu artigo 29 o crédito orzamentario para financiar as axudas para o control da biomasa en áreas devasa, devasas e faixas auxiliares de pista, coa finalidade de reducir a carga de combustible existente no monte e crear zonas con descontinuidade horizontal e vertical, contribuíndo, así, a diminuír o risco de propagación de incendios forestais e minimizar os danos causados por estes sinistros, en caso de se produciren.
Así mesmo, no seu artigo 29.2 indícase que poderá incrementarse a dotación orzamentaria para o financiamento desta orde, de conformidade coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade de crédito.
Dado o elevado volume de solicitudes de axudas e coa finalidade de facer partícipes da subvención ao maior número de persoas beneficiarias posible, faise necesaria unha ampliación de crédito.
Como despois da aprobación da Lei 4/2024, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025 existe crédito dispoñible na aplicación que financia estas axudas, e en cumprimento do artigo 30.2.c) e 25.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, é posible ampliar a dotación orzamentaria para a concesión das axudas para o control da biomasa en áreas devasa, devasas e faixas auxiliares de pista.
En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,
DISPOÑO:
Artigo 1. Ampliación da dotación orzamentarias
1. Amplíase a dotación orzamentaria determinada na Orde do 30 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e catástrofes en montes veciñais en man común e agrupacións forestais de xestión conxunta, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da política agraria común, e se convocan para o ano 2025 (DOG núm. 16, do 24 de xaneiro), na aplicación orzamentaria 15.02.551B.770.0 (CP 2024 00115) por importe de 500.000,00 € na anualidade 2025 e por importe de 1.000.000,00 € na anualidade 2026.
2. Unha vez efectuada esta ampliación, a dotación orzamentaria total é de 5.400.000,00 € (3.000.00,00 € para a anualidade 2025 e 2.400.000,00€ para a anualidade 2026).
Artigo 2. Prazo de solicitudes
A ampliación prevista no artigo 1 desta orde non afecta o prazo de presentación de solicitudes establecido na Orde do 30 de decembro de 2024.
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2025
Mª José Gómez Rodríguez
Conselleira do Medio Rural

