DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 108 Luns, 9 de xuño de 2025 Páx. 32180

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

EXTRACTO da Resolución do 22 de maio de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais galegos e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento CT207B).

BDNS (Identif.): 837538.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/837538

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán optar a estas subvencións todas as persoas físicas ou xurídicas constituídas como produtoras audiovisuais independentes e dadas de alta na epígrafe IAE 961.1, que teñan cando menos un ano de antigüidade e un ano de actividade sen interrupcións no momento da publicación da presente convocatoria. Ademais, deberán ter unha sucursal ou oficina permanente de polo menos un ano previo a esta convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE, ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea, e desenvolver a súa actividade habitual en Galicia como empresa produtora de proxectos audiovisuais.

Segundo. Finalidade

Determinar as condicións polas cales se regulará a concesión das axudas no ano 2025, da Axencia Galega das Industrias Culturais, para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais galegos, entendendo por estes o conxunto de accións e tarefas relacionadas coa fase previa ás producións, dentro do período subvencionable, de proxectos de longametraxes de ficción, animación ou documental, e series de ficción e animación.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 22 de maio de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais galegos e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento CT207B).

Cuarto. Importe

O importe global máximo para o financiamento da presente convocatoria será de 300.000 euros, con cargo á aplicación orzamentaria 13.A1.432B.770.0, código de procedemento 2010-0005, do orzamento de gastos da Axencia Galega das Industrias Culturais, repartido en dúas anualidades:

2025: 60.000 euros.

2026: 240.000 euros.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de maio de 2025

José López Campos
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais