A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) é unha entidade de dereito público con personalidade xurídica propia, patrimonio propio e autonomía na súa xestión, que ten por obxecto o impulso e a consolidación do tecido empresarial no sector cultural galego, segundo o previsto nos artigos 3, 4 e 5 da Lei 4/2008, do 23 de maio, da súa creación. A Xunta de Galicia centraliza na axencia os programas de apoio destinados a reforzar o papel dos creadores individuais e das empresas culturais privadas, dentro do obxectivo xenérico de promoción e fomento da cultura galega impulsado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. O obxectivo da Axencia Galega das Industrias Culturais é consolidar un tecido empresarial capitalizado, competitivo e innovador, fomentar a creación e potenciar a comercialización de bens e servizos culturais de calidade, favorecendo a difusión da lingua e da cultura galegas como elementos singulares. Con estas accións, a Axencia pretende fomentar a demanda de produtos culturais na sociedade galega e, ao tempo, aumentar a súa exportación da man das entidades privadas dedicadas principalmente á produción, distribución e comercialización de contidos culturais.
Tal e como establece a Lei 55/2007, do 28 de decembro, do cinema, na súa exposición de motivos: «a actividade cinemamatográfica e audiovisual conforma un sector estratéxico da nosa cultura e da nosa economía. Como manifestación artística e expresión creativa, é un elemento básico da entidade cultural dun país. A súa contribución ao avance tecnolóxico, ao desenvolvemento económico e á creación de emprego, xunto á súa achega ao mantemento da diversidade cultural, son elementos suficientes para que o Estado estableza as medidas necesarias para o seu fomento e promoción, e determine os sistemas máis convenientes para a conservación do patrimonio cinemamatográfico e a súa difusión dentro e fóra das nosas fronteiras. Todo iso considerando que a cultura audiovisual, da que sen dúbida o cinema constitúe unha parte fundamental, áchase presente en todos os ámbitos da sociedade actual».
Ao convocar estas axudas, a Axencia Galega das Industrias Culturais quere seguir impulsando un marco de actuación cultural baseado en tres premisas substanciais:
1. O apoio á creación de contidos audiovisuais de calidade e con vocación de difusión internacional.
2. A consolidación de industrias audiovisuais competitivas, con posibilidades de exportar e dar rendibilidade social e económica á cultura galega.
3. A busca da excelencia nos produtos culturais galegos, coa posta en valor da cultura galega a través da creación e divulgación de produtos audiovisuais galegos.
Con esta convocatoria preténdese apoiar a fase de desenvolvemento de proxectos audiovisuais galegos impulsados por produtoras independentes, que teñan como destino final a exhibición en pantallas cinemamatográficas e/ou a difusión en canles de televisión e plataformas de vídeo baixo demanda.
En vista do anterior,
RESOLVO:
Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras
1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases que se inclúen como anexo I, polas que se rexerá a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas da Axencia Galega das Industrias Culturais ao desenvolvemento de proxectos audiovisuais galegos. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse as devanditas subvencións para o ano 2025 (código de procedemento CT207B).
2. Segundo establece o Regulamento UE nº 651/2014, da Comisión, do 17 de xuño, os réximes de axuda concibidos para apoiar a elaboración de guións, o desenvolvemento, a produción, a distribución e a promoción de obras audiovisuais serán compatibles co mercado interior segundo o artigo 107, punto 3 do Tratado, e quedarán exentos da obriga de notificación prevista no artigo 108, punto 3 do Tratado, sempre que se cumpran as condicións previstas no propio regulamento, e unha das condicións exixidas é que as axudas se destinarán a un produto cultural, condición imprescindible que se dá na presente convocatoria. De conformidade co artigo 54 do regulamento, co fin de evitar erros manifestos á hora de cualificar un produto como cultural, cada Estado membro establecerá procesos eficaces, como a selección de propostas por unha ou varias persoas encargadas da selección, ou a verificación con respecto a unha lista predeterminada de criterios culturais.
Na presente convocatoria defínense os requisitos para obter o certificado cultural que expide o Instituto da Cinemamatografía e das Artes Audiovisuais (ICAA) de España, e a fórmula da declaración responsable para acreditar o seu cumprimento.
Artigo 2. Persoas beneficiarias
Poderán optar a estas subvencións as persoas físicas e xurídicas que cumpran os requisitos e as condicións establecidos nos artigos 2 e 3 das bases reguladoras, que figuran como anexo I da presente resolución.
Artigo 3. Financiamento
Os créditos destinados ao financiamento desta convocatoria ascenden a 300.000 euros que se imputarán aos orzamentos da Axencia Galega das Industrias Culturais na aplicación, polos importes e a distribución plurianual que se reflicte no cadro seguinte:
|
Aplicación orzamentaria |
Código do proxecto |
Total |
Anualidade 2025 |
Anualidade 2026 |
|
13.A1.432B.770.0 |
2010 00005 |
300.000 € |
60.000 € |
240.000 € |
Artigo 4. Solicitudes
4.1. Para poder ser persoa beneficiaria da subvención deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado dispoñible na sede electrónica (anexo II) de acordo co disposto no artigo 8 das bases reguladoras, que irá xunto cos documentos que se especifican no artigo 10 das ditas bases reguladoras, cumprir cos requisitos establecidos nos artigos 2 e 3 das bases reguladoras da subvención e ser cualificados conforme os criterios establecidos no artigo 17 destas. Aquelas solicitudes que sexan presentadas sen consignar os documentos que se consideran obrigatorios nas bases reguladoras non serán admitidas ao trámite.
4.2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado e segundo o disposto nos artigos 8 e 9 das bases reguladoras, e o prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
Artigo 5. Prazo de duración do procedemento de concesión
As solicitudes serán tramitadas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras e non poderá ter unha duración superior aos cinco meses contados a partir do día seguinte ao remate de presentación de solicitudes. Transcorrido o dito prazo para resolver sen que se dite resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 6. Información ás persoas interesadas
1. Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Axencia Galega das Industrias Culturais, a través dos seguintes medios:
a) Páxina web oficial da Axencia Galega das Industrias Culturais:
https://industriasculturais.xunta.gal
b) Os teléfonos 881 99 60 77/881 99 60 78.
c) No enderezo electrónico agadic@xunta.gal
d) Persoalmente.
e) Na guía de procedementos e servizos administrativos no enderezo https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos
2. Así mesmo, para cuestións xerais sobre este procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia 012.
3. De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas físicas e as persoas beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións.
Artigo 7. Réxime de recursos
Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:
a) Recurso potestativo de reposición ante a Presidencia do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais, no prazo dun mes contado a partir do seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
b) Recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados desde o seguinte ao de publicación da resolución, de conformidade co disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela.
Artigo 8. Base de datos nacional de subvencións
En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.
Artigo 9. Rexistro Público de Subvencións
De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións.
Santiago de Compostela, 22 de maio de 2025
José López Campos
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais
ANEXO I
Bases reguladoras das axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais galegos, e convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento CT207B)
Artigo 1. Obxecto e réxime das subvencións
1. Estas bases teñen por obxecto determinar as condicións polas cales se regulará a concesión das axudas, en réxime de concorrencia competitiva, da Axencia Galega das Industrias Culturais para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais galegos, convocadas para o 2025 (código de procedemento CT207B).
2. Para os efectos das presentes bases entenderase por desenvolvemento audiovisual o conxunto de accións e tarefas relacionadas coa fase previa á produción, dentro do período subvencionable, de proxectos de longametraxes de ficción, animación ou documental e series de ficción e animación.
3. Estas subvencións serán tramitadas, e concedidas, en réxime de concorrencia competitiva e de acordo cos seguintes principios:
a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.
b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración outorgante.
c) Eficiencia na asignación de efectivos e na utilización de recursos públicos.
4. De conformidade co artigo 54 do Regulamento UE nº 651/2014, da Comisión Europea, do 17 de xuño, os réximes de axuda concibidos para apoiar a elaboración de guións, o desenvolvemento, a produción, a distribución e a promoción de obras audiovisuais serán compatibles co mercado interior segundo o artigo 107, punto 3 do Tratado, e quedarán exentos da obriga de notificación prevista no artigo 108, punto 3 do Tratado, sempre que se cumpran as condicións previstas no propio regulamento, e unha das condicións exixidas é que as axudas se destinarán a un produto cultural, condición imprescindible na presente convocatoria. Estas bases establecen a fórmula de declaración responsable para acreditar o cumprimento dos requisitos para a obtención do certificado cultural que expide o Instituto da Cinemamatografía e das Artes Audiovisuais (ICAA) de España, así como os criterios que permitirán seleccionar as solicitudes propostas para a subvención.
5. Estas axudas son incompatibles con outras axudas da Axencia Galega das Industrias Culturais que se convoquen no mesmo ano e estean relacionadas co contido do proxecto que se presenta. Tamén son incompatibles con outras axudas da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para o mesmo proxecto.
6. Porén, estas subvencións son compatibles con outras axudas para o mesmo proxecto do resto da Administración da Xunta de Galicia e de organismos dependentes, así como doutras administracións públicas e entidades públicas ou privadas.
7. En ningún caso a suma dos importes das axudas concedidas ao abeiro desta resolución poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas, ingresos ou recursos doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade subvencionada, segundo establece o artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
8. Nos anexos da presente resolución deberase cubrir a declaración das axudas percibidas polas persoas solicitantes, así como calquera outro ingreso ou recurso.
Artigo 2. Persoas beneficiarias
1. Poderán optar a estas subvencións todas as persoas físicas ou xurídicas constituídas como produtoras audiovisuais independentes e dadas de alta no epígrafe IAE 961.1, que teñan cando menos un ano de antigüidade e un ano de actividade sen interrupcións no momento da publicación da presente convocatoria. Ademais deberán ter unha sucursal ou oficina permanente de polo menos un ano previo a esta convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE, ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea, e desenvolver a súa actividade habitual en Galicia como empresa produtora de proxectos audiovisuais.
1.1. Por produtora audiovisual independente enténdese, para os efectos desta convocatoria, toda persoa física (autónoma) ou xurídica privada, que teña a iniciativa e asuma a responsabilidade na produción audiovisual e non sexa obxecto de influencia dominante por parte dun prestador de servizo de comunicación/difusión audiovisual nin dun titular de canal televisivo privado nin, pola súa parte, exerza unha influencia dominante, tal e como establece a Lei 55/2007, do 28 de decembro, do cinema, artigo 4.n).
1.2. Quedan excluídas desta convocatoria as agrupacións de interese económico.
1.3. A persoa solicitante deberá ter, cando menos, un acordo ou precontrato cun director e/ou guionista para o desenvolvemento do proxecto audiovisual.
1.4. Ademais, a persoa solicitante deberá posuír, cando menos, a opción de compra sobre os dereitos de propiedade intelectual do concepto, tema, tratamento, guión ou biblia dos contidos que se presentan ou os dereitos de adaptación cando se trate de obras preexistentes. No caso de existir acordos de codesenvolvemento entre empresas produtoras aceptarase unha repartición equitativa de dereitos entre elas. A posesión dos dereitos deberá ter unha duración mínima suficiente para cubrir todo o cronograma de desenvolvemento do proxecto.
2. A presente convocatoria non será aplicable ás empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da comisión que teña declarada unha axuda ilegal e incompatible co mercado interior, así como ás empresas en crise, tal e como establecen os artigos 1 e 2 do Regulamento (UE) nº 651/2014, da Comisión, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado.
3. Non poderán obter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das prohibicións establecidas nos termos previstos no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En todo caso, as persoas solicitantes declararán non estar incursos en tales circunstancias, consonte o establecido no anexo I desta convocatoria.
Artigo 3. Proxectos subvencionables e categorías de proxectos
1. Serán obxecto de subvención aqueles proxectos audiovisuais sobre os que realizar traballos previos ao momento da produción da obra, entendendo como tales os relacionados co guión, financiamento, venda e distribución, xestión de dereitos, investigación, elaboración de materias promocionais e outros adheridos ás actividades propias da fase de desenvolvemento anterior á rodaxe. O destino último dos ditos proxectos audiovisuais será a súa produción para a distribución cinemamatográfica ou a difusión en televisión e/ou plataformas de servizos de vídeo baixo demanda de ámbito nacional e internacional, debendo poderse encadrar nalgunha das categorías seguintes:
A. Proxecto de longametraxe cinemamatográfica de ficción.
B. Proxecto de longametraxe cinemamatográfica de animación.
C. Proxecto de longametraxe cinemamatográfica documental.
D. Proxecto de serie para TV e/ou plataformas VOD de ficción ou animación.
E. Proxecto de serie para TV e/ou plataformas VOD documental.
2. Para os efectos das presentes bases terase en conta o seguinte:
2.1. Os proxectos de longametraxe cinemamatográfica deberán prever unha duración mínima de 60 minutos e ter como destino final as salas de exhibición cinemamatográfica.
2.2. Os proxectos de series de ficción deberán prever unha duración total mínima de 150 minutos.
2.3. Os proxectos de series de animación e series documentais deberán prever unha duración total mínima de 100 minutos.
Artigo 4. Financiamento
1. O importe global máximo para o financiamento da presente convocatoria será de 300.000 euros, con cargo á aplicación orzamentaria 13.A1.432B.770.0, código de procedemento 2010-0005 do orzamento de gastos da Axencia Galega das Industrias Culturais.
2. Esta convocatoria ten carácter plurianual e a asignación dos créditos terá a seguinte distribución:
|
2025 |
2026 |
|
|
Axudas ao desenvolvemento de proxectos audiovisuais |
60.000 € |
240.000 € |
3. Poderanse ampliar os créditos dedicados a esta convocatoria logo da declaración de dispoñibilidade de crédito como consecuencia das circunstancias establecidas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e, se for o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda, de acordo coa orde de prelación de solicitudes.
4. No caso de ampliación dos créditos, publicarase esta circunstancia nos mesmos medios que esa convocatoria, sen que esta publicidade implique a apertura do prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.
5. No caso de existir solicitudes que non acaden o dereito á subvención por terse esgotado o orzamento dispoñible, estas pasarán a formar unha lista de agarda formada polas persoas solicitantes que poderían ser susceptibles de recibir a axuda si se producira un incremento de crédito, ben por dispoñer de crédito por producirse algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente propostos ou ben por incremento do orzamento inicialmente destinado a esta liña de axudas.
Artigo 5. Contías máximas, intensidade das axudas, concorrencia e límites
1. A intensidade da axuda é do 100 % do gasto subvencionable.
2. As contías máximas que se poderán acadar segundo o tipo de proxecto son as seguintes:
|
Finalidade da obra |
Modalidade |
Contía máxima |
|
Obras cinemamatográficas |
Proxecto de longametraxe de animación |
30.000 € |
|
Proxecto de longametraxe de ficción |
25.000 € |
|
|
Proxecto de longametraxe documental |
15.000 € |
|
|
Obras audiovisuais para TV e plataformas VOD |
Proxecto de serie de ficción ou animación |
30.000 € |
|
Proxecto de serie documental |
20.000 € |
3. Para efectos de control da intensidade máxima de subvencións, terase en conta a totalidade das axudas públicas españolas recibidas para o proxecto de desenvolvemento.
4. Sen prexuízo da posible presentación de varios proxectos, unicamente poderá ser obxecto de subvención un máximo de dous proxectos por cada persoa solicitante e as posibles entidades vinculadas.
Artigo 6. Concepto de gastos subvencionables
1. Serán subvencionables os traballos de desenvolvemento do proxecto desde a súa creación ata a fase de produción e que se leven a cabo dentro do período subvencionable que será o comprendido desde o día da presentación da correspondente solicitude ata o último día de prazo establecido no artigo 23.2 destas bases.
2. Terán a consideración de gastos subvencionables aqueles que respondan á natureza da actividade subvencionada e resulten estritamente necesarios para o desenvolvemento do proxecto obxecto de subvención, concedida con base na descrición realizada na memoria técnica e na solicitude. Todo gasto non xustificado pola persoa solicitante será eliminado do orzamento elixible do proxecto. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.
3. Só se admitirán aqueles gastos que fosen realizados e pagados dentro do período de execución indicado na resolución da concesión da axuda, respectando sempre o período subvencionable incluído nesta convocatoria.
Exceptúanse desta regra xeral aqueles gastos cuxos pagamentos deban efectuarse nun momento posterior por axustárense aos calendarios de recadación, como os ingresos á conta do IRPF ou cotas de seguros sociais liquidables con posterioridade á data de xustificación. A entidade subvencionada quedará obrigada a presentar os documentos acreditativos do seu pagamento antes de finalizar o mes en que a persoa beneficiaria lle corresponde liquidar eses gastos.
4. Co fin de cumprir co efecto incentivador do Regulamento (UE) 651/2014, ningún dos custos sobre os que se solicita subvención poderán ser incorridos con carácter previo a esta presentación; de ser así, o proxecto na súa totalidade non sería subvencionable.
5. Para os efectos da presente convocatoria, considéranse gastos subvencionables os directamente relacionados cos traballos de desenvolvemento, e que se poidan encadrar nas seguintes epígrafes:
5.1. Dereitos. Son os gastos relativos á adquisición de dereitos de autor ou de propiedade intelectual, tanto de adaptación de obra preexistente como de obra orixinal; escritura de guión ou reescritura del ata a versión definitiva; deseño de personaxes e fondos (animación); dereitos de tradución sempre que non sexa do galego para o castelán e viceversa; dereitos de imaxes, musicais, documentos sonoros e outros relacionados co desenvolvemento do proxecto que se poidan xustificar.
5.2. Gastos de persoal. Consideraranse subvencionables os gastos de persoal que teñan subscrito un contrato específico, conforme a unha categoría laboral asignada para a realización da actividade subvencionada. Neste punto inclúense as tarefas de produción executiva, guionista, director/a da obra, dirección das tarefas de desenvolvemento, e outros gastos de persoal que non superen o 20 % da suma total dos anteriores e que se deberán detallar e xustificar.
Só se recoñecerá como custo a produción executiva realizada por persoas físicas ou por persoas xurídicas cuxo obxecto social inclúa especificamente, sen prexuízo doutros, o de produción executiva.
Cando exista unha relación mercantil entre a empresa produtora e a persoa produtora executiva, deberá acompañarse o contrato correspondente e a súa factura. Se a relación é laboral, deberá achegarse, xunto ao contrato, a nómina correspondente, con expresa indicación do réxime xeral da Seguridade Social. Cando os traballos de desenvolvemento estean a cargo de persoal propio da empresa, tanto nos contratos, mediante modificación ou addenda, como nas nóminas, deberá figurar a categoría profesional desempeñada durante o período subvencionable.
5.3. Gastos de asesoría ou consultaría. Enténdese por gastos de asesoría ou consultaría todos os gastos externos necesarios para o desenvolvemento do proxecto, tales como asesoramento de escritura de guión, asesoramento para estratexias de promoción, márketing e comercialización de contidos audiovisuais, asesoramento legal e contable relacionado especificamente cos dereitos do proxecto e a súa estrutura de financiamento, asesoramento en traballos de investigación; outras asesorías propias das tarefas de desenvolvemento directamente vinculadas ao proxecto que se poidan xustificar. Os gastos de asesoría non consistirán en actividades permanentes ou periódicas nin estarán relacionadas cos gastos de explotación normais da empresa como son os servizos rutinarios de asesoría fiscal, os servizos xurídicos periódicos ou os de publicidade, nin calquera outros non vencellados directamente ao obxecto do proxecto.
5.4. Gastos de elaboración de materiais. Estes gastos refírense á realización do teaser do proxecto; elaboración do storyboard; páxina web do proxecto, elaboración de dossiers e outros materiais directamente relacionados co proxecto que se deberán especificar e xustificar. O importe da elaboración do teaser do proxecto non poderá superar o 20 % do orzamento subvencionable e se dita elaboración está a cargo de persoal propio da entidade solicitante, o gasto deberá imputarse a outros gastos de persoal da epígrafe 5.2 deste artigo, coa xustificación e detalla que se especifican, ou á epígrafe 5.6 de gastos xerais.
5.5. Loxística e participación en mercados e/ou foros de desenvolvemento. Baixo este epígrafe recóllense os gastos de desprazamento, aloxamento e manutención derivados de traballos de localización de escenarios e asistencia a reunións e foros de negocio propios das tarefas de desenvolvemento que se realicen durante o período subvencionable e se xustifiquen adecuadamente. O custo de aloxamento e manutención non poderá superar o importe de 150 euros/día. Os custos de desprazamento serán os da orixe e fin da viaxe, e non estarán admitidas as viaxes interiores en destino ou orixe. Así mesmo, serán gastos xustificables os de inscrición ou rexistro en mercados e foros de negocio cando asistan os responsables da produción executiva e/ou de dirección ou guión da obra audiovisual, limitados a dúas persoas.
Quedan exentos aqueles gastos derivados da asistencia aos foros e mercados incluídos nas subvencións específicas que convoca a Agadic para este fin, que son os seguintes: MAFIZ, The Industry Club de San Sebastián, Ventana Sur, NATPE, Cinemart, Marché do Court de Clermont-Ferrand, European Film Market, MIPTV, Marché du Film, Marché international du film d’animation-Annecy, Sunny Side of the Doc, MIPCOM, American Film Market e TIFF Industry-Toronto.
Así mesmo, quedan exentos aqueles gastos derivados da participación do proxecto en laboratorios e incubadoras que se celebren en Galicia.
5.6. Gastos xerais. Serán subvencionables os gastos xerais entendendo como tales aqueles que non se poden vincular directamente cunha operación determinada pero que son indubidablemente necesarios para a realización da actividade subvencionada e se poden argumentar e xustificar. Estes custos indirectos poderán ser subvencionados en base aos custos reais nos que se incorran, acreditados coas facturas correspondentes e xustificante do seu pagamento.
En todo caso de conformidade co disposto no artigo 29.9 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os custos indirectos deberán imputarse na parte que corresponda de conformidade cos principios e coas normas de contabilidade xeralmente aceptadas e que se correspondan co período de tempo en que efectivamente realizan as actividades, e deben achegar xustificación sobre o método de imputación de tales custos indirectos.
En ningún caso a porcentaxe subvencionada por este concepto superará o 15 % do importe xeral de gastos subvencionables.
Terán a consideración de gastos xerais:
a) Os gastos de persoal que non teñen un contrato laboral específico para o proxecto obxecto da subvención. O seu custo calcularase mediante un rateo en función da súa participación nel.
b) O consumo dun máximo de dúas liñas de comunicación e o apoio informático durante o período subvencionable.
6. De conformidade co artigo 29.7 da Lei de subvencións de Galicia, non serán gastos subvencionables os impostos indirectos, en concreto o importe do imposto sobre o valor engadido e outros impostos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación, nin os impostos persoais sobre a renda, os intereses debedores de contas bancarias, os intereses e demais gastos financeiros, recargas e sancións administrativas e penitenciarias, nin os gastos de procedementos xudiciais.
Artigo 7. Subcontratación
1. De acordo co establecido no artigo 27 da Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia, enténdese que unha persoa beneficiaria subcontrata cando concerta con outra entidade da mesma natureza e que realice a mesma actividade a execución total ou parcial da actividade subvencionable. Para determinar a existencia de subcontratación, atenderase ao obxecto social da entidade coa que se pretenda contratar a actividade.
2. Admitirase a subcontratación de actividades e servizos con entidades co mesmo obxecto social que a persoa beneficiaria e co límite máximo do 15 por cen do custo subvencionable de cada proxecto, sempre que as actividades e servizos sexan subcontratadas con máis dunha empresa e sen que, en ningún caso, podan incluírse facturas relativas a gastos de persoal.
3. En ningún caso poderá concertarse pola persoa beneficiaria a execución total ou parcial das actividades subvencionadas nos supostos comprendidos non artigo 27.7 da Lei 9/2007.
Artigo 8. Inicio do procedemento: solicitudes
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude de xeito presencial, requiriráselle, para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
3. Achegaranse as seguintes declaracións responsables que se recollen no anexo II:
3.1. Que a obra audiovisual terá carácter cultural e poderá obter o certificado cultural por parte do Instituto da Cinemamatografía e das Artes Audiovisuais (ICAA) de acordo coa Orde CUD/582/2020, do 26 de xuño, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas estatais para a produción de longametraxes e curtametraxes.
3.2. Que a entidade solicitante, ou algún dos autores propostos co que teña asinado un acordo para o desenvolvemento, é titular dos dereitos suficientes de propiedade da obra, de acordo co establecido no artigo 24.2 da Lei 55/2007, do 28 de decembro, do cinema, e coa presente convocatoria.
3.3. Que a entidade solicitante cumpre cos requisitos de produtor independente tal e como establece o artigo 4.n) da Lei 55/2007, do 28 de decembro, do cinema.
3.4. Que declara as características e condicións do proxecto segundo a ficha recollida no anexo IV destas bases, relativas a: autoría vinculada profesionalmente con Galicia, autoría novel, autoría feminina, historial en canto a obras previas producidas da empresa solicitante ou da persoa proposta para a produción executiva, experiencia dos/das autores/as en base a anteriores obras escritas e/ou realizadas, subvención previa da Agadic á escrita de guión e producións realizadas con axuda previa ao desenvolvemento de proxectos audiovisuais da Agadic.
Para estes efectos teranse en conta as seguintes consideracións:
– A autoría estará vinculada profesionalmente con Galicia cando as persoas propostas para desempeñar os postos de guionista e/ou director/a poidan acreditar formación regrada en Galicia relacionada co ámbito audiovisual, ou desempeño das mesmas funcións en dous proxectos de produción galega ou baixo contrato con dúas empresas produtoras que realicen a súa actividade habitual en Galicia.
– Os/as autores/as cumprirán coa condición de novel sempre que non teñan exercido a mesma función que figura na solicitude en ningunha obra anterior que coincida coas modalidades recollidas na presente convocatoria, e non foran cualificadas para a súa estrea comercial (longametraxes cinemamatográficas) ou emitidas en televisión ou plataformas (series ou longametraxes para televisión).
3.5. Declaración responsable de que os datos contidos nesta solicitude e nos documentos que se achegan son certos, e acepta as condicións e obrigas recollidas nesta convocatoria.
3.6. Declaración responsable de que non está incurso en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
3.7. Declaración responsable de que non está incurso en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
3.8. Declaración responsable de que está ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ao artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e de reembolso de préstamos ou anticipos concedidos con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.
3.9. Declaración responsable de que a persoa solicitante coñece que os provedores non poderán estar asociados nin vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, e que non concorren neles ningunha das prohibicións recollidas no artigo 27.7 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, nin no artigo 43 do regulamento que desenvolve a citada lei, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, tendo en conta, ademais, o disposto no Regulamento (UE) núm. 651/2014, sobre empresas vinculadas.
3.10. Declaración responsable de que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o que solicita a axuda.
3.11. Declaración responsable de que a empresa non está suxeita a una orde de recuperación económica pendente tras unha decisión previa da Comisión que teña declarada unha axuda ilegal e incompatible co mercado interior, nin é unha empresa en crise, tal e como establecen os artigos 1 e 2 do Regulamento (UE) nº 651/2014, da Comisión, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado.
Artigo 9. Prazo para presentar as solicitudes e emenda
1. O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes dende o día seguinte á publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
2. Se a solicitude non estivese debidamente cuberta, non se achegase a documentación exixida ou non se reunisen os requisitos sinalados na normativa da convocatoria ou os que, con carácter xeral, se indican na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a persoa interesada será requirido para que no prazo de 10 días hábiles, contados desde o día seguinte á notificación do requirimento, emende o defecto advertido, a falta detectada ou presente os documentos preceptivos, e indícase ademais que, de non o facer, se considerará que desiste na súa petición, logo de resolución que declarará esta circunstancia e que deberá ser ditada nos termos previstos na lei.
Artigo 10. Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán achegar xunto coa solicitude (anexo II) a seguinte documentación:
a) Documentación administrativa.
1.1. Certificado do acordo social da solicitude da axuda ou da autorización da persoa que a asine en nome da entidade, se a persoa solicitante é persoa xurídica.
1.2. Estatutos rexistrados e escrituras de constitución inscritos no rexistro mercantil ou o que corresponda, se a persoa solicitante é persoa xurídica.
1.3. Documentación que acredite suficientemente a representación de quen asina a solicitude.
1.4. Documentación acreditativa de que a entidade solicitante ou o/a autor/a co/coa que teña asinado o acordo para as tarefas de desenvolvemento posúe os dereitos suficientes do guión, obra literaria ou calquera outro medio que requira a obtención de dereitos ou opción de compra sobre eles.
1.5. Acordo no que consten as cantidades económicas co/coa guionista e/ou director/a para a realización de tarefas de desenvolvemento.
Toda a documentación administrativa anterior terá a consideración de obrigatoria para os efectos de admisión de solicitudes.
b) Documentación técnica.
1.6. As persoas beneficiarias deberán presentar un dossier en formato de documento único indexado segundo a mesma orde de numeración e nomenclatura, que conteña os seguintes puntos:
1.6.1. Datos identificativos do proxecto: título, xénero, versión lingüística orixinal da obra. Deberán constar os nomes das persoas responsables da produción executiva, guión e dirección, indicando se están ou non vinculadas profesionalmente con Galicia.
1.6.2. Descrición das intencións artísticas e creativas por parte do/da autor/a, así como das referencias, aspectos singulares, e outros que se consideren relevantes.
1.6.3. Descrición dos valores de produción do proxecto, orzamento de produción estimado, estratexia de financiamento e viabilidade de realización, descrición das audiencias obxectivo, intencións en canto a coprodución e distribución e outros aspectos que se consideren relevantes.
1.6.4. Estratexia de desenvolvemento, cronograma de realización dos traballos, relación e currículo dos/das profesionais propostos/as para levar a cabo os traballos de desenvolvemento do proxecto.
1.6.5. Sinopse argumental cunha extensión máxima dunha páxina.
1.6.6. Guión ou tratamento secuencial do proxecto cando se trate dunha longametraxe de ficción ou animación. Cando se trate dunha longametraxe documental poderase entregar un tratamento ou unha escaleta. No caso das series de ficción, animación ou documentais haberá que achegar, xunto co guión ou o tratamento secuencial do primeiro capítulo, un mapa de tramas. No caso de proxectos que obtiveran subvención á escrita de guión por parte da Axencia Galega das Industrias Culturais, haberá que presentar o guión da longametraxe ou o guión co mapa de tramas si se trata dunha serie.
1.7. Orzamento de gastos de desenvolvemento do proxecto segundo o modelo do anexo III.
1.8. Ficha do proxecto segundo o modelo do anexo IV.
1.9. Documentación que acredita os datos achegados na ficha do proxecto segundo se indica a continuación:
1.9.1. Contratos en firme ou cartas de compromiso asinadas cos/coas profesionais relacionados/as. No caso das persoas responsables da dirección, guión e produción executiva deberán figurar as cantidades económicas acordadas para realizar as tarefas de desenvolvemento.
1.9.2. A acreditación da vinculación profesional con Galicia para efectos das presentes bases (formación regrada en Galicia relacionada co ámbito audiovisual, desempeño das mesmas funcións en dous proxectos de produción galega ou baixo contrato con dúas empresas produtoras que realicen a súa actividade habitual en Galicia) realizarase mediante as fichas que constan na base de datos de películas cualificadas do ICAA nas que tivera participado ou mediante certificación das empresas contratantes, segundo o caso. No caso de acreditar a formación regrada achegarase a correspondente titulación.
1.9.3. A acreditación do historial dos/das autores/as farase exclusivamente mediante as fichas que constan na base de datos de películas cualificadas do ICAA (https://sede.mcu.gob.es/CatalogoICAA) cando se trate de obras cinemamatográficas españolas, ou de certificación das compañías produtoras cando se trate de series para TV e/u plataformas, ou de películas cinemamatográficas realizadas fóra de España. No caso de acreditar series web achegarase unha ligazón de acceso aberto ás canle nas que se emitan nas que figuren os títulos de crédito.
1.9.4. A acreditación do historial da produtora ou da persoa que exerza a produción executiva en canto a longametraxes e curtametraxes producidas con anterioridade só se admitirá mediante as fichas das películas que constan na base de datos de películas cualificadas do ICAA (https://sede.mcu.gob.es/CatalogoICAA). A mesma ficha será válida para acreditar os resultados de billeteira e a coprodución internacional no caso das longametraxes cinemamatográficas. Se as obras anteriores estivesen cualificadas no estranxeiro, admitirase documentación equivalente. No caso das series achegarase documentación de valor probatorio que certifique a participación da empresa ou profesional na serie. Non se admitirán imaxes dos títulos de crédito se non se acompañan dunha ligazón que permita o acceso á obra.
1.10. Voluntariamente poderase achegar unha ligazón a unha presentación do proxecto a cargo dos/das autores/as do proxecto.
1.11. Calquera outra documentación que a persoa solicitante considere pertinente para unha mellor defensa do proxecto.
Con relación ao punto 2 deste artigo, o órgano instrutor comprobará a presentación do dossier como documento único pero non realizará a comprobación do seu contido. O dossier non poderá ser obxecto de modificación ou mellora ao longo da fase de instrución do procedemento previa á reunión da Comisión de Valoración.
2. Os documentos presentados en branco non se considerarán defectos emendables, senón que continuarán coa súa tramitación para efectos da instrución do expediente.
3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderase solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.
4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
6. No caso de que algún dos documentos que hai que presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 11. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento, consultarase automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta.
– DNI ou NIE da persoa solicitante.
– NIF da entidade solicitante.
– DNI ou NIE da persoa representante.
– Certificado de estar dado de alta no imposto de actividades económicas, na epígrafe/subepígrafe que corresponda, no exercicio actual.
– Certificado de estar ao día das obrigas no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
– Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
– Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.
– Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
– Consulta de concesión de subvencións e axudas.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Artigo 12. Notificación das resolucións e actos administrativos
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, da administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións na conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico.
En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido, e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta a disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 13. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 14. Transparencia e bo goberno
1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, á que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquelas das obrigas previstas no título I da citada lei.
Artigo 15. Instrución do procedemento
1. A Dirección da Agadic, directamente ou a través dos seus servizos administrativos, actuará como órgano instrutor do procedemento, nos termos previstos no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e correspóndelle realizar de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales se debe pronunciar a resolución. En particular, terá atribuídas especificamente as seguintes funcións:
1.1. Examinar as solicitudes e documentación presentadas.
1.2. Requirir das persoas solicitantes a emenda ou achega da documentación que resulte de obrigado cumprimento.
1.3. Formular a proposta de resolución, debidamente motivada.
2. Co fin de facilitar unha mellor avaliación das solicitudes, poderáselles pedir información complementaria ás persoas interesadas, así como a outros servizos da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude ou aos profesionais ou expertos consultados.
En todo caso, a Dirección da Agadic poderá requirir as persoas solicitantes para que proporcionen calquera información aclaratoria que resulte necesaria para a xestión da súa solicitude.
Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a dirección da Agadic e as unidades administrativas encargadas da tramitación e seguimento do expediente respectivo poderán comprobar en todo momento a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados, e levará a cabo as funcións de control, así como de avaliación e seguimento dos labores e demais actuacións que deriven destas bases.
Para estes efectos, as persoas beneficiarias deberán cumprir coas obrigas de comprobación que se establezan nesta resolución e na de adxudicación da subvención.
Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación administrativa necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración.
Artigo 16. Comisión de Valoración
1. Para a avaliación dos proxectos presentados constituirase unha Comisión de Valoración, nomeada pola Dirección da Agadic, que será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios fixados nas presentes bases.
2. A Comisión de Valoración estará formada por catro membros:
– Tres persoas profesionais de recoñecido prestixio no mundo cultural e/ou audiovisual, entre os que se designará o seu presidente/a.
– Unha persoa técnica pertencente ao cadro de persoal da Agadic.
A Secretaría da Comisión será exercida por unha persoa designada pola Dirección da Agadic, pertencente ao cadro de persoal da Agadic, con voz e sen voto.
3. Para a composición da comisión terase en conta o establecido no artigo 152 da Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia.
4. A condición de persoa membro da comisión ten carácter persoal e non pode actuar por delegación nin ser substituído en ningún caso. As persoas que formen parte da comisión declararán por escrito non ter relación coas persoas solicitantes ou, se é o caso, cos partícipes das persoas xurídicas solicitantes na correspondente convocatoria e absteranse se se dan algunha das circunstancias do artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.
5. A Comisión de Valoración, previamente á cualificación das solicitudes, elaborará unha acta concretando os criterios artísticos definidos nestas bases para aplicalos de xeito coherente e homoxéneo. Así mesmo, tras a súa avaliación deixarase constancia documental das puntuacións.
6. A Comisión poderá solicitar das persoas solicitantes cantos datos e acreditacións xulguen necesarios para unha máis correcta avaliación dos proxectos.
7. Rematada a avaliación, a Comisión emitirá un informe relacionando os proxectos por orde de prelación, indicando a puntuación asignada a cada un deles de xeito motivado e redactarase unha acta que reflicta as deliberacións e acordos da Comisión para a súa elevación ao órgano instrutor.
Artigo 17. Criterios de valoración
1. A valoración total máxima establécese en 75 puntos distribuídos segundo os criterios que se establecen a seguir:
|
Criterios técnicos |
40 puntos |
|
A. Promoción do novo talento e da igualdade no ámbito da creación galega (neste punto computarán só aqueles profesionais que poidan acreditar a súa vinculación profesional con Galicia segundo o punto 3.4 do artigo 8 das presentes bases). |
Máximo 15 puntos |
|
A1. Primeiro proxecto para os/as autores/as nalgunha das modalidades de proxecto obxecto da presente convocatoria. Unha mesma persoa non computará puntuación por máis dunha función. |
Máximo 10 puntos |
|
– Primeiro proxecto director/a, sempre que se exerza integramente. |
5 puntos |
|
– Primeiro proxecto do/da guionista, sempre que a súa porcentaxe de autoría sexa como mínimo do 50%. |
5 puntos se a autoría é integramente novel e vinculada con Galicia 2,5 puntos se a autoría se comparte con non novel ou non vinculado/a con Galicia |
|
A2. Dirección e/ou guión a cargo de mulleres. Unha mesma persoa non computará puntuación por máis dunha función. A dirección computará se está integramente a cargo dunha muller, no caso do guión a autoría non poderá ser inferior ao 50 % e só computará se é compartida con outra muller. |
Máximo 5 puntos |
|
– Directora sempre que se exerza integramente. |
3 puntos |
|
– Guionista sempre que a porcentaxe de autoría sexa cando menos do 50% e se comparta con outra muller. |
2 puntos |
|
B. Solvencia da entidade solicitante e/ou da produción executiva, e dos/das autores segundo obras anteriores realizadas. |
Máximo 20 puntos |
|
B1. Historial da empresa ou da persoa responsable da produción executiva en canto a longametraxes e series producidas con anterioridade, sempre que así figure nos títulos de crédito. Deberá manterse a mesma fórmula (empresa ou produción executiva) en todas as obras que computen. Poderase computar por un máximo de 4 longametraxes ou series en que dese cando menos unha das condicións seguintes: a) Que foran seleccionadas ou finalistas nalgún dos festivais e outros certames de premios audiovisuais de recoñecido prestixio que se recollen no anexo VI. b) Obras realizadas en coprodución internacional. c) Que acadaran distribución comercial cun mínimo de 10.000 espectadores en España (longametraxes de ficción/animación) ou de 2.000 espectadores (longametraxes documentais). d) Que tivesen repercusión en televisións e principais plataformas VOD que operen en España. Notas: Cada obra non poderá puntuar máis dunha vez aínda que acadase máis dunha das condicións anteriores. |
Máximo 8 puntos 2 puntos por cada longametraxe ou serie |
|
B2. Experiencia e traxectoria dos/das autores/as en base a obras anteriores: – Curtametraxes, webseries, longametraxes ou series para TV en que exerceran como directores/as. – Longametraxes e series para TV/plataformas VOD en que exerceran como guionistas. Non computará a coautoría se é inferior ao 50 %. Se nunha mesma longametraxe ou serie as funcións de dirección e guión recaesen de forma íntegra na mesma persoa acadarase un máximo de 1,5 puntos por cada obra, noutro caso unha mesma persoa non computará por máis dunha función en cada obra. No caso das curtametraxes e webseries só puntuará ter exercido a dirección íntegra da obra. Se os títulos que computan no punto B1 coinciden cos que computan no punto B2, a valoración acadada neste último apartado polas mesmas obras reducirase á metade dos puntos posibles. |
Máximo 12 puntos |
|
– Director/a. 1 punto por cada longametraxe ou serie dirixida computando un máximo de cinco obras 0.50 puntos por cada curtametraxe ou webserie dirixida computando un máximo de catro obras. |
Máximo 7 puntos |
|
– Guionista. 1 punto por cada longametraxe ou serie, computando un máximo de cinco obras. No caso das series puntuará o/a guionista que figure como creador ou creadora desta. |
Máximo 5 puntos |
|
C. Historial de axudas previas. |
Máximo 5 puntos |
|
C1. Guión subvencionado nalgunha convocatoria de axudas da Agadic sempre que o expediente estivera adecuadamente xustificado. |
3 puntos |
|
C2. Longametraxes ou series producidas (xa cualificadas ou emitidas) que obtiveran previamente a axuda ao desenvolvemento de proxectos audiovisuais da Agadic. 1 punto por cada longametraxe ou serie. |
Máximo 2 puntos |
|
Criterios artísticos e de viabilidade. |
35 puntos |
|
D. Calidade do proxecto. |
Máximo 15 puntos |
|
Calidade e orixinalidade do guión ou do tratamento secuencial achegado, interese e creatividade do contido, proposta artística, contribución á diversidade audiovisual e aspectos singulares e innovadores con respecto a obras xa existentes. |
Máximo 15 puntos que se outorgarán con motivación en relación cos aspectos citados |
|
E. Traballos previstos no desenvolvemento, viabilidade cara á posterior produción, coprodución e distribución. |
Máximo 10 puntos |
|
Análise do equipo proposto e dos traballos previstos para levar a cabo o desenvolvemento do proxecto. Valorarase o potencial de produción así como as posibilidades de coprodución e distribución nacional e internacional. |
Máximo 10 puntos que se outorgarán con motivación en relación cos aspectos citados |
|
F. Impacto do proxecto no sector audiovisual galego. |
Máximo 3 puntos |
|
Potencial do proxecto en canto á utilización de recursos galegos e contribución ao fomento do talento artístico e creativo. |
Máximo 3 puntos que se outorgarán con motivación |
|
G. Adecuación do orzamento ás tarefas de desenvolvemento propostas. |
Máximo 7 puntos |
|
Terase en conta o deseño do orzamento de desenvolvemento, a coherencia das partidas de gasto e a súa adecuación ao equipo profesional proposto e ás tarefas previstas. |
Máximo 7 puntos que se outorgarán con motivación |
2. A puntuación total mínima que se deberá obter para que a solicitude resulte subvencionable é de 30 puntos para proxectos de ficción e animación e de 25 puntos para proxectos de documentais.
Artigo 18. Audiencia
1. Efectuada a valoración, a comisión levantará acta e realizará un informe en que se concretará o seu resultado, á vista do cal o órgano instrutor elaborará unha proposta de resolución provisional debidamente motivada e que lles deberá ser notificada ás persoas interesadas para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións, de acordo co establecido no artigo 21.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. Non obstante, poderase prescindir do trámite o que se refire o parágrafo anterior cando non figure no procedemento ou non se vaian ter en conta na resolución outros feitos ou probas aducidas polas persoas interesadas. Neste caso, a proposta de resolución terá carácter definitivo.
Artigo 19. Resolución da convocatoria
1. O órgano instrutor, á vista da documentación que obra nos expedientes e da acta e informe preceptivo da Comisión de Valoración, ditará a proposta de resolución, indicando o número de solicitudes propostas para ser subvencionadas e o importe económico da subvención correspondente a cada unha delas, así como a súa distribución por anualidades.
2. O importe económico determinarase en función da dispoñibilidade orzamentaria, do orzamento do proxecto, do importe solicitado e da puntuación derivada da aplicación dos criterios de valoración. Esta proposta de resolución será elevada á Presidencia do Consello Reitor da Agadic.
3. No expediente da subvención tamén se fará constar o informe do órgano instrutor no que conste que da información que ten no seu poder se desprende que as persoas beneficiarias cumpren os requisitos necesarios para acceder ás axudas.
4. A Presidencia do Consello Reitor da Agadic, deberá ditar resolución expresa, no prazo de 15 días desde a data de elevación da proposta de resolución.
5. Esta resolución deberase ditar, e notificar, no prazo máximo de cinco meses contados desde o día seguinte á finalización do prazo de presentación de solicitudes, será motivada e expresará, cando menos:
a) A relación de entidades beneficiarias da axuda.
b) O importe global da axuda para cada entidade e a desagregación do dito importe por anualidades.
c) A lista de solicitudes denegadas, xunto coa súa causa de denegación.
d) A desestimación expresa do resto das solicitudes, con mención da súa causa.
6. O vencemento do prazo máximo indicado sen que se notifique a resolución posibilitará que a persoa interesada poida entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.
Artigo 20. Aceptación e renuncia da subvención
1. Unha vez notificada a resolución, as persoas beneficiarias comunicarán á Agadic a aceptación por escrito da subvención concedida no prazo máximo de 10 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución de concesión. Transcorrido este prazo sen comunicarse esta aceptación ou sen producirse manifestación expresa, entenderase como tacitamente aceptada.
2. A entidade beneficiaria poderá remitir á Agadic o orzamento adaptado á subvención concedida (só no suposto de que a subvención recibida sexa inferior á solicitada e como máximo, pola diferencia entre ambas cantidades, a recibida e a solicitada). Dita documentación deberase remitir no prazo máximo de 10 días, contados desde a notificación da resolución de concesión.
3. A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao modelo que se publicará na páxina web da Axencia Galega das Industrias Culturais, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. A Presidencia da Axencia Galega das Industrias Culturais ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21 de dita norma.
Artigo 21. Obrigas das persoas beneficiarias
As persoas beneficiarias da subvención deberán cumprir as seguintes obrigas:
1. Sen prexuízo dos deberes dispostos no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias da subvención quedarán obrigadas a destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o que foron concedidos e levar a cabo a actividade subvencionada de acordo co proxecto presentado. Calquera alteración relevante do proxecto, cambio de título, modificación substancial de contidos ou cambios no equipo inicialmente proposto deberá notificarse con anterioridade á Agadic, que adoptará as medidas que considere procedentes.
2. Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público para o contrato menor, a persoa beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes empresas, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren.
3. Deberase notificar en todo momento á Agadic as axudas, ingresos ou recursos que financien a actuación subvencionada, obtidos ou solicitados a outras administracións ou entidades públicas ou privadas, que se teñan producido con posterioridade á presentación da solicitude.
4. Na futura documentación de cada proxecto individual (materiais de promoción e distribución) deberá figurar «coa subvención ao desenvolvemento da Xunta de Galicia», utilizando a súa marca principal: https://www.xunta.gal/identidade-corporativa/marca-principal
5. Así mesmo, cando a Agadic o solicite, as persoas beneficiarias estarán obrigadas a facilitarlle copias da documentación empregada para a realización, promoción e difusión da obra (carteis, fotografías, músicas, portadas, teaser e outros materiais) para actividades de promoción do audiovisual galego.
Artigo 22. Modificación da resolución de concesión
1. As actuacións subvencionadas deben executarse no tempo e na forma que se determinen nas resolucións de concesión, debendo obter a previa autorización da Axencia Galega das Industrias Culturais para realizar cambios no proxecto.
2. Cando xurdan circunstancias concretas que alteren as condicións técnicas ou económicas tidas en conta para a concesión da axuda, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión polo órgano concedinte.
3. Tamén se poderá acordar a modificación da resolución de concesión por instancia da persoa beneficiaria se se cumpren os seguintes requisitos:
a) Que a modificación sexa autorizada expresamente polo órgano concedente.
b) Que a modificación non afecte os obxectivos perseguidos coa axuda, aos seus aspectos fundamentais ou que fosen determinantes para a concesión da axuda, á determinación da persoa beneficiaria, nin dan dereitos de terceiros.
c) Que as modificacións obedezan a causas sobrevidas que non puideron preverse no momento da solicitude. Os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non poderían supor a denegación da subvención, nin poderán ser tidos en conta requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución, tivesen lugar con posterioridade a ela.
Permitiranse, sen necesidade de autorización previa polo órgano concedinte, incrementos que non superen o 20 % dos conceptos subvencionables de axuda que figuren na resolución de concesión, sempre que se compensen con diminucións doutros, que non afecte custos de persoal e que non se altere o importe total da anualidade e da axuda no seu conxunto. A persoa beneficiaria deberá acreditar debidamente o cambio na documentación de xustificación presentada.
4. A solicitude de modificación debe ser formulada polo representante legal da entidade beneficiaria, expresando os motivos dos cambios que se propoñen e xustificando a imposibilidade de cumprir as condicións expostas na resolución de concesión.
Salvo naqueles supostos no que proceda a aplicación do establecido no artigo 59 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, non se admitirán cambios con data anterior á entrada en rexistro da solicitude de modificación.
5. O acto polo cal se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado polo presidente da Axencia Galega das Industrias Culturais, logo da instrución do correspondente expediente, no cal se dará audiencia ao interesado. A autorización da modificación deberá realizarse de forma expresa, notificándoselle ao interesado.
6. Para os efectos de facilitar a xestión do orzamento adxudicado, poderase solicitar unha redistribución do importe da subvención concedido nas diferentes anualidades, sempre que se realice, como mínimo, cun mes de antelación á data de xustificación da anualidade en que se pretende facer efectiva á redistribución.
7. A solicitude de redistribución de cantidades deberá ser motivada e ir acompañada dunha memoria de estado de execución dos traballos.
8. A resolución da aceptación da solicitude de redistribución efectuarase unha vez comprobada a dispoñibilidade orzamentaria e considerarase como modificación da resolución de concesión.
Artigo 23. Pagamento
1. Para ter dereito ao pagamento da axuda deberá presentarse electronicamente, accedendo á Carpeta cidadá dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, a documentación xustificativa da subvención ademais dos formularios establecidos para o efecto (anexo III do orzamento de gastos de desenvolvemento do proxecto).
2. O pagamento das axudas farase efectivo a partir da data da resolución definitiva de concesión e realizarase sempre e cando se acreditase que a actividade foi executada de acordo co proxecto presentado e se xustifique correctamente o seu emprego e o cumprimento das obrigas establecidas na presente resolución, todo isto sen prexuízo do réxime de pagamentos anticipados ou pagamentos á conta para o que se estará ao establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o seu regulamento aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
3. Pagamentos anticipados.
As persoas beneficiarias, unha vez ditada a resolución de concesión da subvención poderán solicitar un anticipo do 50 % da subvención concedida, en virtude do disposto no artigo 63 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, aprobada por Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. A concesión do anticipo realizarase mediante resolución motivada.
4. Pagamentos á conta.
Poderanse realizar pagamentos á conta ata un 50 % da subvención concedida respondendo ao ritmo de execución do proxecto obxecto da subvención e logo da xustificación dos gastos conforme o establecido nestas bases para a xustificación, tal e como se establece no artigo 62 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, aprobada por Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
O importe conxunto dos pagamentos a conta e dos pagamentos anticipados que no seu caso se concedesen non poderán ser superior ao 80 % da porcentaxe subvencionada correspondente aos pagos xustificados.
5. Para a realización dos pagamentos á conta ou dos pagamentos anticipados deberá constituírse unha garantía do 110 % do importe das cantidades anticipadas ou aboadas á conta, na forma establecida no artigo 67.3 do citado Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.
Artigo 24. Xustificación
1. Só serán computados para efectos de xustificación os gastos que fosen efectivamente pagados no momento da xustificación do gasto e así se acredite documentalmente, mediante facturas ou outros documentos de valor probatorio equivalente no tráfico mercantil, que teñan como destinatario á empresa produtora e cuxo expedidor quede identificado nelas, así como mediante nóminas que estean emitidas pola empresa produtora. As facturas e documentos xustificativos similares serán expedidos conforme o disposto na normativa reguladora das obrigas de facturación que resulte aplicable. En todos os supostos deberán presentarse copia das facturas ou documentos xustificativos, acompañados da copia da documentación acreditativa do seu pagamento, en concreto, os extractos e certificacións bancarias que deixen constancia do pagamento dos gastos pola persoa beneficiaria.
Así mesmo presentarase a xustificación sobre o método de imputación dos custos indirectos.
2. Os prazos para a xustificación son os seguintes:
– Primeira anualidade: desde a resolución definitiva de concesión ata o 30 de novembro de 2025.
– Segunda anualidade: desde o 1 de decembro do 2025 ata o 15 de xullo de 2026.
3. O investimento xustificado ten que coincidir coa resolución de concesión da subvención, ou as modificacións autorizadas. Se a xustificación fose inferior ao investimento previsto, sempre que se manteña o cumprimento da finalidade da subvención, minorarase a concesión proporcionalmente ao investimento non xustificado. No caso de que non se xustifique a subvención en prazo, ou de que o executado non cumprise o fin para o que se concedeu a subvención, quedaría anulada na súa totalidade.
4. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido ou a concorrencia dalgunha das causas de reintegro previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro das cantidades percibidas, caso de habelas, e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. Neste caso a persoa titular da Dirección da Axencia Galega das Industrias Culturais ditará a oportuna resolución, nos termos do artigo 21.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
5. Cando a persoa beneficiaria da subvención sexa unha empresa, os gastos subvencionables nos que incorrese nas súas operacións comerciais deberán ser abonados nos prazos de pago previstos na normativa sectorial, que lle sexa de aplicación ou, na súa falta, nos establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais.
Cando á persoa beneficiaria se lle outorgase a subvención por importe superior a 30.000 euros e sexa un suxeito dos incluídos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, terá que cumprir os prazos de pago establecidos no punto anterior, circunstancia que se acreditará pola presentación da conta de perdas e ganancias abreviada, e no suposto que non poidan presentalas se acreditarán os cumprimentos dos prazos legais de pagamento coa certificación dun auditor inscrito no Rexistro Oficial de Auditores de Contas.
Artigo 25. Conta xustificativa
1. A persoa beneficiara entregará unha conta xustificativa que deberá incluír a declaración das actividades realizadas que foron financiadas coa subvención e o seu custo, coa desagregación de cada un dos gastos producidos. Deberase acreditar así mesmo na conta xustificativa o cumprimento de todas as obrigas do artigo 21. A conta xustificativa deberá incluír:
a) Unha memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos. A memoria deberase acompañar da seguinte documentación:
a1. Guión definitivo no caso de longametraxe e guión de dous capítulos e a biblia do proxecto no caso de series de TV.
a2. O contrato definitivo de compra dos dereitos de guión.
a3. Xustificante de inscrición do proxecto no Rexistro de Propiedade Intelectual.
a4. Plan de financiamento da produción coas diferentes entradas comprometidas ou en negociación, debidamente xustificadas.
a5. Orzamento de produción.
a6. Calendario de produción.
a7. Materiais de produción e promoción elaborados, se os gastos están consignados no orzamento presentado coa solicitude.
a8. Plan de márketing, se o gasto está consignado no orzamento presentado coa solicitude.
a9. A proposta de equipo autoral, técnico e artístico acompañada das cartas de aceptación ou interese por parte dos profesionais relacionados, de ser o caso.
b) Unha memoria económica abreviada, xustificativa do custo das actividades realizadas, que incluirá unha relación clasificada dos gastos e investimentos correspondentes a cada proxecto, con identificación do acredor e do documento, o seu importe, data de emisión e data de pagamento. Así mesmo, indicará as desviacións producidas nos conceptos de gasto en relación ao orzamento presentado na solicitude e no que se basea a concesión da subvención.
c) A persoa beneficiaria presentará unha declaración complementaria do conxunto de axudas solicitadas para o mesmo proxecto, tanto das aprobadas como das pendentes de resolución, das diferentes administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades (anexo V).
d) Os tres orzamentos que deba ter solicitado o beneficiario, en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, que establece que cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, para o contrato menor, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, prestación do servizo ou entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non existan no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou salvo que o gasto se tivese realizado con anterioridade á solicitude da subvención.
Artigo 26. Perda do dereito ao cobramento da subvención
1. É causa de perda do dereito ao cobramento da subvención o incumprimento do beneficiario da súa obriga de estar ao corrente das súas obrigas coa Facenda estatal e autonómica, e coa Seguridade Social.
2. Así mesmo, son causas de perda do dereito ao cobramento da subvención as previstas como causas de reintegro se non se tivese abonado a axuda.
3. O procedemento para declarar a perda do dereito ao cobramento da subvención é o establecido para o reintegro.
Artigo 27. Causas de reintegro
1. A entidade beneficiaria deberá cumprir cos obxectivos, actividades e comportamentos que fundamenten a concesión da axuda, así como cos compromisos asumidos durante o tempo de duración da axuda. De non ser así, perderá o dereito ao seu cobramento e/ou, de ser o caso, procederá ao reintegro da subvención.
2. Tamén deberán proceder ao reintegro total ou parcial da subvención e os xuros de mora correspondentes desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro nos supostos recollidos nos artigos 32 e seguintes da Lei 9/2007. Para facer efectiva esta devolución, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto na citada lei e no Decreto 11/2009.
3. Son causas de reintegro as seguintes:
a) O falseamento, inexactitude ou omisión dos datos fornecidos polo beneficiario que servisen de base para a concesión da axuda, ou a ocultación daqueles datos que a impedisen.
b) O incumprimento total ou parcial do obxectivo, actividade, tarefas, compromisos ou condicións do proxecto inicial ou da finalidade para a que a axuda foi concedida.
c) O incumprimento da obriga de xustificación, xustificación insuficiente, xustificación fóra do prazo establecido, falsidade, terxiversación ou ocultación nos datos ou documentos que serven de base para xustificar os investimentos subvencionables, ou outras obrigas impostas na resolución de concesión da axuda.
d) O incumprimento da obriga de adoptar as medidas de difusión contidas no artigo 31 desta resolución.
e) A resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos, cando diso se derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.
f) A obtención de financiamento de distintas procedencias ou concorrencia de subvencións por riba do custo das actividades subvencionadas.
g) Calquera das demais causas previstas no artigo 33 da Lei 9/2007.
Artigo 28. Gradación dos incumprimentos
1. O incumprimento total dos fins para os cales se concedeu a axuda, determinado a través dos mecanismos de seguimento e control, da realización do proxecto ou da obriga de xustificación, será causa de perda do dereito ao cobramento ou de reintegro total da subvención.
2. O incumprimento parcial dos obxectivos ou a non execución de actividades concretas do proxecto dará lugar á perda parcial do dereito ao cobramento da subvención nas porcentaxes que se determinen nos parágrafos seguintes ou, de ser o caso, ao reintegro parcial da subvención.
O alcance do incumprimento determinarase en proporción ao investimento deixado de practicar ou practicado indebidamente, e minorarase a subvención proporcionalmente.
3. Son casos de reintegro parcial os seguintes casos de incumprimento:
a) Se se incumprise a obriga de dar publicidade do financiamento do proxecto, consonte o establecido nesta resolución, aplicarase un factor de corrección do 2 %.
b) Suporá a perda dun 5 % non comunicar á Axencia Galega das Industrias Culturais a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaran a concesión da subvención, unha vez recalculada a subvención e descontado o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.
A concorrencia de distintas causas de incumprimento dará lugar á apreciación conxunta destas, aplicando á intensidade da axuda o factor que resulte da suma de todos os factores de corrección. No caso de que algún dos factores de corrección sexa negativo, a intensidade da axuda será cero.
A aplicación do factor de corrección realizarase coa revisión da xustificación da última anualidade e, de ser o caso, requirirase a entidade beneficiaria para que proceda á devolución dos fondos percibidos indebidamente. A falta de devolución destes nos prazos requiridos dará lugar á incoación do expediente de reintegro nos termos recollidos no artigo 33 da Lei 9/2007 e no título V do Decreto 11/2009.
No caso das condicións que constitúan obrigas que o beneficiario debe acreditar na fase de xustificación (obrigas de publicidade, comunicación doutras axudas, etc.), estas deberán xustificarse en todo caso para proceder ao pagamento da subvención, polo que a gradación fixada neste punto soamente resultará aplicable para supostos de reintegro, no caso de que se detecten en controis posteriores ao pagamento por algún incumprimento relativo a estas obrigas.
Artigo 29. Procedemento de reintegro
1. Se aboada parte ou a totalidade da axuda acaecesen os motivos que se indican no artigo 27 desta resolución, incoarase o correspondente expediente de reintegro, o cal se tramitará conforme o previsto nos artigos 37 e seguintes da Lei 9/2007.
2. Procederá o reintegro das cantidades percibidas, e a exixencia do xuro de demora correspondente desde o momento de pagamento da axuda ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro.
3. O procedemento de reintegro de subvencións iniciarase de oficio por acordo do órgano concedinte destas, e comunicarase ao beneficiario a iniciación do procedemento de declaración de perda do dereito, ou de reintegro, e as causas que o fundamentan, seguindo o procedemento establecido para o reintegro nos artigos 37 e seguintes da Lei 9/2007, e 77 e seguintes do Decreto 11/2009.
4. A resolución do procedemento de reintegro poñerá fin á vía administrativa. Contra esta resolución de reintegro, os interesados poderán interpoñer recurso de reposición no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución se esta for expresa. Se o acto non for expreso, a persoa solicitante e outros posibles interesados poderán interpor o recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo co previsto nesta resolución, se produzan os efectos do silencio administrativo. Todo isto segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015.
5. Sen prexuízo do anterior, ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nesta resolución seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto nos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2007, e no título VI do Decreto 11/2009.
Artigo 30. Control
1. A Axencia Galega das Industrias Culturais poderá facer as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento do obxectivo das subvencións.
2. A Axencia Galega das Industrias Culturais, polos medios que considere, poderá realizar en calquera momento as comprobacións e solicitudes de aclaracións que considere pertinentes para o correcto desenvolvemento das actuacións financiadas, así como para acreditar o cumprimento das medidas de publicidade de orixe dos fondos. Se se constata unha incorrecta utilización dos fondos ou desvío dos obxectivos, propoñerase o reintegro da subvención concedida.
3. Así mesmo, no caso de axudas plurianuais, a Axencia Galega das Industrias Culturais poderá convocar anualmente as persoas beneficiarias a unha entrevista para coñecer a planificación das actividades en curso e valorar a consecución dos obxectivos e resultados do ano anterior.
Artigo 31. Medidas antifraude
Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puidesen ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións no marco da presente convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do sistema interno de información da Agadic ou do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través das canles habilitadas para o efecto: https://industriasculturais.xunta.gal/es/transparencia (no formulario que se desexe utilizar, anónimo ou con identificación, seleccionarase a epígrafe «Canles específicas» e, dentro dela, elixirase a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).
https://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodocomunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf
A detección de irregularidades pode implicar a aplicación de correccións financeiras e a solicitude de devolución dos importes percibidos indebidamente.
Artigo 32. Normativa aplicable
1. Será de aplicación a seguinte normativa:
1.1. Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións, e supletoriamente á Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como os preceptos básicos do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o regulamento da Lei xeral de subvencións.
1.2. Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas.
1.3. Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.
1.4. Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.
1.5. Lei 55/2007, do 28 de decembro, do cinema; Real decreto 1084/2015, do 4 de decembro, que a desenvolve, e Real decreto 1090/2020, do 9 de decembro, que modifica o anterior.
Artigo 33. Publicidade
No prazo máximo de tres meses, contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, do beneficiario, do crédito orzamentario, da contía e finalidade da subvención.
Artigo 34. Recursos administrativos
A resolución da convocatoria porá fin a vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, se prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:
a) Recurso potestativo de reposición ante o Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa.
b) Recurso contencioso-administrativo ante o xulgado do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa.
Disposición adicional. Habilitación para o desenvolvemento
Facúltase o director da Axencia Galega das Industrias Culturais para que leve a cabo as actuacións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta resolución.
Disposición derradeira. Entrada en vigor
Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
