Conforme os fins que lle asigna á Escola Galega de Administración Pública (EGAP) a normativa que a regula (Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo),
RESOLVO:
Convocar o Curso monográfico de planificación estratéxica, que se desenvolverá conforme as seguintes bases:
Primeira. Obxectivos
Os obxectivos do curso son dotar as persoas participantes dos coñecementos e as habilidades necesarias para conceptualizar un proceso de planificación estratéxica nunha organización pública.
Ao finalizar o curso, as persoas participantes levarán unha visión clara e práctica de como estruturar e xerarquizar un plan estratéxico, as competencias para realizar análises estratéxicas detalladas, e a capacidade de concretar e implementar actuacións específicas para acadar os obxectivos definidos. Ademais, adquirirán coñecementos sobre os instrumentos de dirección necesarios para unha xestión efectiva e a identificación e mitigación de riscos.
Segunda. Contidos
Este curso monográfico abordará os seguintes temas:
– Conceptualización.
– A estratexia.
– A análise estratéxica.
– O plan.
– A dirección estratéxica.
Terceira. Número de prazas
Vinte (20).
Cuarta. Persoas destinatarias
Persoal empregado público, en situación de servizo activo ou asimilada, das administracións públicas de Galicia, tanto autonómica como local e de xustiza, dos entes instrumentais da Comunidade Autónoma e das universidades do Sistema universitario de Galicia que se encadren nalgunha das seguintes categorías:
a) Grupo A (subgrupos A1 ou A2) do persoal funcionario.
b) Grupos I ou II do persoal laboral.
Quinta. Desenvolvemento
1. Modalidade de impartición: presencial.
2. Datas de desenvolvemento: 26 e 27 de xuño de 2025.
3. Horarios: de mañá e tarde o día 26 de xuño, e só de mañá o día 27 de xuño.
4. Lugar de desenvolvemento: Escola Galega de Administración Pública; rúa Madrid, 2-4. Santiago de Compostela.
5. Horas lectivas: terá unha carga lectiva de trinta (30) horas (12 horas lectivas presenciais e 18 horas non presenciais de traballo autónomo do alumnado).
Sexta. Inscrición
1. As solicitudes de participación nesta actividade formativa só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula>.As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.
2. Antes de formalizar a súa inscrición nesta actividade, todas as persoas deben introducir ou actualizar os datos da súa área de matrícula, de acordo coas persoas destinatarias e criterios de selección establecidos nas bases cuarta e oitava, respectivamente, desta convocatoria.
3. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas da actividade solicitada e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.
4. As persoas interesadas deberán seleccionar primeiro a área en que está integrada esta actividade (Réxime xurídico e actividade financeira das administracións públicas) e, logo, seleccionar en «nome do curso»: Curso monográfico de planificación estratéxica.
5. O prazo para a inscrición permanecerá aberto desde as 9.00 horas do primeiro día hábil seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.59 horas do día 22 de xuño de 2025.
6. Antes de que finalice o prazo de inscrición as persoas solicitantes relacionadas a continuación deberán enviar ao correo electrónico novas.egap@xunta.gal a seguinte documentación:
• Persoal empregado público da Administración local e das universidades do Sistema universitario de Galicia: cabeceira de nómina, toma de posesión ou certificado asinado por quen corresponda acreditando grupo e categoría (algún dos indicados na base cuarta).
Poderán ser excluídas as solicitudes do persoal indicado no parágrafo anterior que non enviase no prazo indicado a documentación requirida.
Poderá obterse calquera outra información a través do correo electrónico novas.egap@xunta.gal ou, das 9.00 ás 14.00 horas, nos teléfonos 981 54 62 39 e 981 54 62 41.
Sétima. Comprobación de datos
1. Conforme o disposto no artigo 28.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, para a tramitación do procedemento de selección consultaranse automaticamente os datos das persoas solicitantes desta acción formativa necesarios para realizar o proceso de selección, salvo que a persoa interesada se opuxese a iso.
2. No caso de que a persoa interesada se opoña a esta consulta, deberá indicalo expresamente incluíndo os motivos de oposición relacionados coa súa situación particular e enviar os documentos que indiquen a súa situación administrativa, tipo de persoal e antigüidade na Administración, a través do seguinte enderezo electrónico novas.egap@xunta.gal
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
4. A EGAP poderá pedir as certificacións necesarias para realizar a selección de acordo cos criterios recollidos nesta convocatoria.
Oitava. Criterios de admisión e selección
A admisión levará a cabo de acordo con o indicado para as persoas destinatarias na base cuarta desta convocatoria. A orde de selección virá determinada pola data e hora de presentación das solicitudes ata completar o número de prazas.
Novena. Publicación das listaxes de persoas seleccionadas, en reserva e excluídas
A EGAP publicará no enderezo web https://egap.xunta.gal as listaxes das persoas seleccionadas, en reserva, no caso de que o número de solicitudes fose superior ao número de prazas e, de ser o caso, as persoas excluídas nesta actividade, de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).
Décima. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia
1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.
2. Renuncia:
a) As persoas seleccionadas poderán renunciar á actividade formativa. A renuncia debe ser comunicada por correo electrónico dirixido a novas.egap@xunta.gal, o máis axiña posible e, en todo caso e como máximo, o día 25 de xuño de 2025, antes das 12.00 horas, sen prexuízo do disposto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro). Na páxina web da Escola está dispoñible un modelo de renuncia.
b) As persoas que incumpran o prazo previsto pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade, agás que a renuncia teña algunha das seguintes causas:
– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.
– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos/das responsables dos centros directivos.
– Por razóns de conciliación familiar.
– Por outras causas xustificadas documentalmente.
3. A asistencia e a puntualidade:
a) É obrigatoria a asistencia a todas as sesións presenciais do curso e a puntualidade.
b) Durante a actividade formativa realizaranse controis de asistencia e puntualidade.
c) As faltas de asistencia:
c.1. Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais. En todo caso, as faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da falta de asistencia. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado final desta actividade formativa.
c.2. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.
Undécima. Certificado electrónico de aproveitamento
Ao final desta actividade emitirase un certificado electrónico de aproveitamento, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula/), a aquelas persoas inscritas que cumprisen a asistencia mínima requirida do 90 % das horas lectivas presenciais e completado e superado o traballo autónomo do alumnado nos prazos establecidos pola dirección do curso. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a modalidade de impartición, as datas e o lugar de realización do curso, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.
Duodécima. Facultades da EGAP
1. A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento deste curso, así como a facultade de cancelalo se o escaso número de solicitudes non xustifica a súa realización, caso en que se empregarán os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.
2. A EGAP garantirá na acción derivada desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.
Santiago de Compostela, 27 de maio de 2025
Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública
