DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 109 Martes, 10 de xuño de 2025 Páx. 32535

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 21 de maio de 2025, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica a resolución aprobatoria do deslindamento parcial realizado entre as comunidades de montes veciñais en man común da Lama (A Lama) e Fraga (Ponte Caldelas) (expediente DC22059).

O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra resolveu na súa reunión do 26.3.2025 aprobar o deslindamento parcial entre as comunidades de montes veciñais en man común (CMVMC) da Lama (A Lama) e Fraga (Ponte Caldelas) con base nos seguintes feitos e consideracións técnicas.

Antecedentes e consideracións técnicas:

Primeiro. O 28.9.2022 o presidente da CMVMC da Lama presenta solicitude de deslindamento entre a CMVMC da Lama no concello da Lama e a CMVMC de Fraga, no concello de Ponte Caldelas.

Os montes veciñais en man común (en diante, MVMC) afectados por este deslindamento son:

– MVMC da Lama (ID:2814) da CMVMC da Lama.

– MVMC de Fraga (ID:3045) da CMVMC de Fraga.

Segundo. Consta no expediente a seguinte documentación do deslindamento consonte o artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia:

• Acta do apeo do deslindamento do 20.9.2022.

• Acta de conciliación núm. 4/2003 entre as comunidades no Xulgado de Paz de Ponte Caldelas do 7.2.2023.

• Certificado do 5.4.2024 da secretaria da CMVMC da Lama coa conformidade do presidente da aprobación en asemblea xeral do 15.10.2022.

• Certificado do 24.3.2024 do secretario da CMVMC de Fraga coa conformidade do presidente da aprobación en asemblea xeral do 16.12.2022.

• Memoria descritiva co plano de deslindamento e cartografía en formato dixital no Datum ETRS89/UTM zona 29N EPSG: 25829, asinada o 23.5.2023 pola enxeñeira técnica forestal colexiada núm. 740 do COETF de Galicia.

• Informes de validación gráfica catastral con CSV: FKWXY31ADCB2YBGB e S64NQ55D6B4ZAX1S.

Terceiro. A liña de deslindamento proposta ten unha lonxitude de 613 metros, e está composta polos seguintes puntos:

Punto P01: X: 544.524,43 Y: 4.693.803,95

Punto P02: X: 544.524,56 Y: 4.693.949,97

Punto P03: X: 544.531,11 Y: 4.694.016,69

Punto P04: X: 544.481,68 Y: 4.694.166,27

Punto P05: X: 544.445,27 Y: 4.694.247,00

Punto P06: X: 544.382,03 Y: 4.694.387,22

Revisada a cartografía das resolucións de clasificación de ambos os MVMC, detéctase que existe linde entre ambos e considérase que o deslindamento non afecta terceiros propietarios.

A liña do deslindamento non é coincidente exactamente coa liña do Instituto Xeográfico Nacional entre os concellos da Lama e Ponte Caldelas no tramo entre o punto P04 e o punto P01.

A liña do deslindamento produce modificacións na cartografía dos esbozos de clasificación das dúas comunidades, ambas presentan un axuste para que o deslindamento sexa coincidente no punto inicial (P01) co resto da cartografía existente tomada de referencia a catastral. Con respecto ao punto final (P06), a cartografía dos esbozos de clasificación non se modificará ata que as comunidades deslinden coa Administración competente para establecer o dominio público hidráulico do río Verdugo.

O Servizo de Montes considera que a solicitude se axusta ao establecido no artigo 53 da LMG, polo que propón a aprobación polo Xurado do deslindamento segundo a liña presentada.

Cuarto. O artigo 53 da LMG establece que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común, logo do exame da documentación presentada, ditará resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.

Á vista do exposto, este xurado

RESOLVE:

Aprobar o deslindamento parcial entre a CMVMC da Lama (A Lama) e Fraga (Ponte Caldelas), nos termos antes indicados.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra no prazo dun mes, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 LPAC, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo no prazo de dous meses de acordo cos artigos 8 e 46 da LXCA.

Pontevedra, 21 de maio de 2025

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra