A Xunta de Goberno Local, na sesión ordinaria do 30 de xaneiro de 2025, adoptou, entre outros, o seguinte acordo:
7. Xestión urbanística 2022029356. Estudo de detalle para a agrupación de parcelas sitas nos números 4 e 6 da rúa Arcediagos.
A Xunta de Goberno Local, de conformidade coa proposta, por unanimidade dos asistentes, acordou:
1. Aprobar inicialmente o estudo de detalle presentado por Leonisa Gallardo Alonso quen, segundo a solicitude xenérica presentada, actúa como representante da empresa Gallardo Alonso, S.L. (CIF B32250623), ante o Concello de Ourense solicitude de agrupación de parcelas con base nun documento técnico definido como Estudo de detalle para a agrupación de parcelas edificables na r/ Arcediagos nº 4 e 6, con referencias catastrais 3779206NG9837N e 3779207NG9837N respectivamente, redactado polas arquitectas Mónica Rodríguez Álvarez e María Cristina Sabariz Rúa, colexiadas cos números 3.696 e 2.963, do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, de conformidade co informe técnico de data 6 de febreiro de 2024, co ditame favorable da Comisión técnica municipal de protección de bens culturais do 6 de marzo de 2024 e co informe xurídico do 22 de xaneiro de 2025 dos cales se achega copia para os efectos de motivación.
2. Someter a proposta a información pública durante un mes, mediante anuncio que se publicará no Diario Oficial de Galicia e nun dos xornais de maior difusión na provincia, de acordo co establecido tanto no artigo 80.2 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, como no artigo 194.2 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da citada Lei 2/2016.
3. Proceder á notificación individual do acordo aos titulares catastrais dos terreos afectados.
4. Recadar os informes sectoriais e consultas que resulten preceptivos de conformidade co previsto tanto no artigo 80.2 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, como no artigo 194.2 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da citada Lei 2/2016.
Réxime de recursos:
Contra este acordo non cabe a interposición de recurso tendo en conta que se trata dun acto de trámite de acordo co disposto no artigo 112.1 da Lei 39/2015, que non é incardinable na categoría de actos de trámite cualificados ou impugnables, pois aquel non decide directa ou indirectamente o fondo do asunto, non determina a imposibilidade de continuar o procedemento, e tampouco produce indefensión nin prexuízo irreparable a dereitos e intereses lexítimos.
A documentación estará á disposición no taboleiro de edictos da sede electrónica do Concello. Tamén poderá consultarse fisicamente nas dependencias da Área de Urbanismo, do Concello de Ourense (rúa García Mosquera, núm. 19), das 9.00 ás 14.00 horas.
Ourense, 19 de maio de 2025
Gonzalo Pérez Jácome
Alcalde presidente
