Conforme o establecido no Estatuto de autonomía de Galicia, a Comunidade Autónoma galega asume a competencia exclusiva na materia da promoción do deporte (artigo 27.22). Correspóndelle á Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, a través da Secretaría Xeral para o Deporte, as competencias de elaboración, proposta e execución da política do Goberno galego en materia de deportes, conforme o establecido no Decreto 136/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia Xustiza e Deportes. En concreto, correspóndenlle, entre outras, a promoción e a difusión da actividade física e do deporte, a realización de todas aquelas accións encamiñadas á mellora da actividade física e deportiva, así como, a través da Subdirección Xeral de Plans e Programas, a elaboración de plans e programas relacionados co ámbito deportivo non competitivo, especialmente relativos á promoción da actividade física no conxunto da sociedade e ao desenvolvemento das funcionalidades económica, social e educativa do deporte, e a través do Servizo de Deporte en Idade Escolar, do fomento e a promoción da actividade física e deportiva entre a poboación escolar e a elaboración dos plans e programas relacionados co deporte en idade escolar.
Segundo o disposto na Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, correspóndelle á Administración autonómica, entre outras, formular políticas transversais de fomento da actividade física, así como a de promover, ordenar e organizar o deporte en idade escolar.
O Plan Corresponsables é un instrumento de planificación que permite articular mecanismos en colaboración coas comunidades autónomas e as cidades de Ceuta e Melilla para o apoio específico das necesidades de conciliación das familias con nenas, nenos, mozas e mozos menores de 16 anos desde a óptica da igualdade entre mulleres e homes, ao abeiro do artigo 44 da Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, e desde un enfoque de garantía de dereitos universais, á marxe da condición laboral das persoas beneficiarias, así como con outros eixes de actuación relacionados coa creación de emprego, a dignificación e recoñecemento da experiencia profesional de coidados, a sensibilización en materia de corresponsabilidade e a articulación de bases informativas de recursos dispoñibles neste campo.
O Plan Corresponsables é unha política pública promovida polo Ministerio de Igualdade, concretamente pola Secretaría de Estado de Igualdade e para a Erradicación da Violencia contra as Mulleres, que ten por obxecto iniciar o camiño cara á garantía do coidado como un dereito en España desde a óptica da igualdade entre mulleres e homes, ao abeiro da Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes. O artigo 14 establece que lles corresponde aos poderes públicos o establecemento de medidas que aseguren a conciliación do traballo e da vida persoal e familiar das mulleres e dos homes, así como o fomento da corresponsabilidade nos labores domésticos e na atención á familia.
Establécense como obxectivos do Plan Corresponsables:
– Favorecer a conciliación das familias con nenas, nenos e mocidade de ata dezaseis anos de idade, desde un enfoque de igualdade entre mulleres e homes.
– Crear emprego de calidade no sector dos coidados, aspirando á dignificación e recoñecemento da experiencia profesional de coidados non formal.
– Sensibilizar e formar o conxunto da sociedade e, particularmente dos homes, en materia de corresponsabilidade nas tarefas de coidados, co fin de impulsar modelos de masculinidades corresponsables e igualitarias.
Con base neste plan, o 22 de abril de 2025 asínase un Acordo de colaboración entre a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes e a Consellería de Política Social e Igualdade, para desenvolver algunhas das medidas previstas no Plan Corresponsables, a través da posta en marcha de distintas actividades de animación sociodeportiva, relativas aos seus fins competenciais, que van constituír recursos e prestacións de calidade para favorecer a conciliación das familias con nenas, nenos e mocidade de ata 16 anos, inclusive, así como a satisfacción das súas necesidades de coidado. Con esta finalidade, a Consellería de Política Social e Igualdade destinou catro centos mil euros para a execución das citadas actuacións por parte da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, a través da Secretaría Xeral para o Deporte.
Os obxectivos esenciais desta convocatoria, en consecuencia, son dar cumprimento ao Plan Corresponsables e, ademais, actuar directamente con programas e accións que incidan directamente na promoción da igualdade entre mulleres e homes fomentando a corresponsabilidade e favorecendo a conciliación dás familias con nenas, nenos, mozas e mozos menores de 16 anos, inclusive, así como na creación de emprego de calidade no sector dos coidados.
Estas bases teñen en conta as previsións establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento de desenvolvemento, especialmente no disposto en ambos os textos en relación coas bases reguladoras das subvencións.
En canto á tramitación destas bases reguladoras, cómpre sinalar a súa adecuación ao cumprimento do establecido no artigo 18.2 da Lei 5/2021, do 2 de febreiro, de impulso demográfico de Galicia, no cal se introduce a incorporación nas bases reguladoras das axudas e subvencións de requisitos dirixidos a promover a implicación dos diferentes axentes na sustentabilidade demográfica e na cohesión territorial de Galicia, de modo que se favoreza, entre outras, a permanencia das persoas no lugar de residencia habitual, a conciliación corresponsable e o apoio ás familias con persoas a cargo. A este respecto, un dos obxectivos principais que se pretende a través desta actuación de fomento é favorecer a corresponsabilidade e a conciliación das familias con nenas, nenos, mozas e mozos menores de 16 anos. Desta forma, os requisitos dos programas que se subvencionarán, así como os criterios de selección están orientados á selección daqueles proxectos que máis contribúan á citada finalidade. A mellora das condicións de vida das persoas a través de actuacións que favorezan a conciliación familiar e a creación de emprego incentivan, sen dúbida a sustentabilidade demográfica e a cohesión territorial de Galicia e favorecen a permanencia das persoas no lugar de residencia habitual, a conciliación corresponsable e o apoio ás familias con persoas a cargo.
Esta orde dá cumprimento aos principios de publicidade, libre concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados e eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos.
Na súa virtude, no uso das facultades que teño atribuídas polo Decreto 44/2024, do 14 de abril, polo que se nomean os titulares das consellerías da Xunta de Galicia, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e da súa Presidencia,
DISPOÑO:
Artigo 1. Obxecto, financiamento e contía da subvención
1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras que figuran no anexo I polas cales se rexerá a convocatoria de subvencións da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, en réxime de concorrencia competitiva, a federacións deportivas de Galicia, para o desenvolvemento do Plan Corresponsables a través de actividades de animación sociodeportiva (código de procedemento DE402B).
2. Así mesmo, por medio desta orde, convócanse as devanditas subvencións para o ano 2025.
3. Para o financiamento desta convocatoria destínase, con cargo á anualidade 2025, crédito por importe total de catrocentos corenta e oito mil seiscentos vinte e tres euros (448.623 €), con cargo á aplicación orzamentaria 05.02.441A.481.0, código de proxecto 2021 00175.
O importe máximo da subvención por beneficiario será de 18.000 € e cubrirá o 100 % do orzamento de gastos obxecto de subvención, cos límites previstos no artigo 3.3 das bases reguladoras. Non obstante, se en función das solicitudes admitidas non se esgota o crédito dispoñible, poderá incrementarase proporcionalmente a contía da axuda máxima por entidade beneficiaria, con base nos proxectos presentados.
4. Este crédito poderase incrementar en función das solicitudes presentadas e de acordo coa dispoñibilidade de crédito, cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.
O incremento do crédito quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda.
Nestes casos publicarase a ampliación de crédito polos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.
5. O período de desenvolvemento das actuacións subvencionables será o comprendido entre o 1 de agosto e o 30 de setembro de 2025.
Artigo 2. Solicitudes
Para poder ser entidade beneficiaria da subvención deberase presentar unha solicitude dirixida á Secretaría Xeral para o Deporte, axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 5 das bases reguladoras.
Artigo 3. Lugar e prazo de presentación de solicitudes
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia identificado como anexo II, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.
Artigo 4. Criterios de valoración
Os criterios de valoración regúlanse no artigo 9 das bases reguladoras.
Artigo 5. Pagamento da subvención
De conformidade co artigo 63 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, prevese o pagamento con carácter anticipado de ata o 80 % da subvención concedida como financiamento necesario para o desenvolvemento das actuacións obxecto de subvención, de acordo co réxime de pagamentos previsto no artigo 15 das bases reguladoras.
Artigo 6. Xustificación
1. De acordo co artigo 45 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, a entidade beneficiaria deberá presentar ante a Secretaría Xeral para o Deporte a documentación xustificativa da subvención ata o 15 de outubro de 2025.
Se transcorren estes prazos sen que a entidade beneficiaria presente a xustificación correspondente na Secretaría Xeral para o Deporte, será requirida para que no prazo improrrogable de dez días a achegue. A falta de presentación da xustificación neste prazo levará á apertura dun expediente de perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia de reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño.
2. Documentación que se debe entregar.
Observarase o previsto no artigo 16.2 das bases reguladoras.
Artigo 7. Base de datos nacional de subvencións
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.
Artigo 8. Recursos
Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, poderanse interpoñer os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:
1. Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
2. Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento
Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral para o Deporte para ditar, no ámbito das súas competencias, cantos actos e medidas sexan precisos para o desenvolvemento desta orde.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 27 de maio de 2025
Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes
ANEXO I
Bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a federacións deportivas de Galicia para o desenvolvemento do Plan Corresponsables a través da realización de actividades de animación sociodeportiva (código de procedemento DE402B)
Artigo 1. Obxecto e réxime xurídico
1.1. O obxecto destas bases é establecer o réxime das axudas a federacións deportivas de Galicia, para o desenvolvemento do Plan Corresponsables a través da realización de actividades de animación sociodeportiva.
1.2. O réxime xurídico das subvencións contidas nesta norma está constituído pola Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da lei de subvencións, e as bases aprobadas por esta orde.
1.3. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.
Artigo 2. Persoas beneficiarias
2.1. Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións as federacións deportivas de Galicia inscritas no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia.
2.2. Non poderán obter a condición de persoas beneficiarias destas subvencións as entidades en que concorra algunha das circunstancias sinaladas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 3. Actuacións subvencionables e gastos subvencionables
3.1. Actuacións subvencionables.
Subvencionaranse as actuacións de desenvolvemento do Plan Corresponsables a través da realización de actividades de animación sociodeportiva, habilitando servizos de coidados profesionais e fomentando, á vez que a práctica deportiva, a adquisición de hábitos de vida saudable a través dela.
A este respecto, a Secretaría Xeral para o Deporte financiará aquelas actuacións orientadas á habilitación de servizos de coidado profesional de nenas, nenos e mocidade de ata 16 anos, inclusive, a través do desenvolvemento dos respectivos programas deportivos de cada federación beneficiaria, favorecendo a conciliación da vida familiar e laboral para mellorar a vida cotiá das familias, equilibrando o tempo laboral, familiar e persoal.
Ademais, preténdese fomentar a creación de emprego de calidade no sector dos coidados, para garantir a calidade dos servizos prestados a través das bolsas de coidado profesional de cara á promoción da igualdade entre mulleres e homes, e fomentar a corresponsabilidade.
Tamén se pretende fomentar a iniciación na práctica dunha modalidade deportiva, á vez que a adquisición de hábitos de vida saudable a través da práctica do deporte potenciado os beneficios para a saúde física e mental.
O período de desenvolvemento das actuacións subvencionables será o indicado na convocatoria correspondente.
3.2. Características das actuacións subvencionables.
As actuacións que se van desenvolver poderán ser de dous tipos:
A. Campus deportivo, orientado tanto ao fomento do deporte base como á tecnificación. Deberá ter unha duración mínima dunha semana e un mínimo de 20 horas.
B. Actividades de animación sociodeportiva, de introdución á modalidade deportiva. Cada grupo de actividade deberá ter unha duración mínima dunha semana, cun mínimo de 6 horas distribuídas nun mínimo de 2 días.
– A ratio mínima de nenos/as/monitor será dun mínimo de 8, salvo naquelas modalidades deportivas que precisan duns medios (tales como pode ser vela, piragüismo, escalada, espeleoloxía, etc.), ou cuxa execución estea condicionada por instalacións/espazos (tal como tenis), en que se poderá reducir a un mínimo de 6. Esta circunstancia deberá explicitarse e motivarse na memoria do proxecto.
3.3. Gastos subvencionables.
Serán gastos subvencionables:
3.3.1. Os gastos directos de persoal derivados do programa obxecto da axuda, realizados nos prazos e períodos de referencia e que respondan a algunha das seguintes categorías e conceptos:
a) Serán subvencionables en concepto de custos directos de persoal as retribucións salariais brutas totais do persoal contratado (de nova contratación, ou xa existente con ampliación de contrato) para o desenvolvemento dos servizos de coidados correspondentes ao tempo efectivo dedicado á execución da actuación ou medida subvencionada, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias e as cotas á Seguridade Social a cargo da entidade empregadora.
b) No caso de contratación mercantil ou externa, serán subvencionables os custos de persoal que forme parte da prestación do servizo externo, sempre que o persoal e o custo pola súa contratación estean claramente identificados e detallados na factura.
c) Estes gastos de persoal deberán cumprir os seguintes requisitos, ademais dos perfís profesionais indicados no artigo 10:
– Os contratos de traballo subscritos no marco deste programa –tamén aqueles nos cales se amplíe ou se mellore a xornada–, tanto no caso de persoal propio da entidade beneficiaria coma no caso de contratación mercantil, deberán incluír a cláusula seguinte: «Este contrato será obxecto de financiamento a través do Plan Corresponsables».
– As persoas que se vaian contratar deben dispoñer do correspondente certificado de inexistencia de antecedentes por delitos de natureza sexual, así como do certificado negativo de antecedentes penais relacionados con delitos contra a infancia.
– Non se poderán introducir en ningún caso na selección das persoas que se van contratar criterios que poidan impedir a libre circulación de persoas traballadoras. En todo caso, o procedemento de selección deberá garantir a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, sen discriminación por razón de sexo, raza ou orixe étnica, relixión ou conviccións, en relación coas persoas participantes que cumpran os requisitos de acceso.
d) Establécense os seguintes importes brutos máximos subvencionables en relación cos gastos de persoal:
Coordinadores deportivos: 16 €/hora.
Monitores deportivos: 15 €/hora.
3.3.2. Gastos doutra natureza: poderase destinar ata un 25 % da subvención concedida para gastos doutra natureza tales como publicidade, material non inventariable, alugamento de equipamentos ou instalacións, traballos realizados por empresas, servizos profesionais independentes, persoal de apoio da propia entidade que colabore nas tarefas relacionadas coa administración e xestión das actuacións subvencionadas.
Artigo 4. Compatibilidade con outras axudas
As subvencións concedidas ao abeiro destas bases poderán ser concorrentes con subvencións doutras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, sen prexuízo da obriga de comunicar ao órgano concedente a súa obtención. O importe total das subvencións en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, ingresos ou recursos, supere o gasto subvencionable realizado pola entidade beneficiaria. Esta circunstancia deberá ser acreditada pola entidade beneficiaria conforme o establecido no artigo 16 destas bases.
Artigo 5. Documentación complementaria
5.1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo II) a seguinte documentación:
a) Anexo II-bis (datos do proxecto).
b) Poder de representación, no caso de que non sexa a persoa presidenta da entidade quen actúe como persoa representante na tramitación deste procedemento, segundo o modelo do anexo VII.
c) Proxecto de desenvolvemento do plan.
d) Orzamento desagregado de gastos das actividades propostas. Este orzamento deberá axustarse aos límites e aos gastos de natureza subvencionable previstos no artigo 3 destas bases reguladoras. Deberá indicarse, ademais, o orzamento do programa que se executa por medios propios e, se é o caso, o que se executa mediante contratación con empresas externas.
5.2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
5.3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
Artigo 6. Comprobación de datos
6.1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) NIF da entidade solicitante.
b) DNI/NIE da persoa representante.
c) NIF da entidade representante.
d) Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias coa AEAT.
e) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
f) Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias coa Atriga.
g) Consulta de concesións de subvencións e axudas.
h) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
6.2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos correspondentes.
Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
6.3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Artigo 7. Órganos competentes e instrución do procedemento
7.1. A Subdirección Xeral de Plans e Programas será o órgano competente para a instrución do procedemento e elevará proposta de resolución, conforme todo o actuado, á persoa titular da Secretaría Xeral para o Deporte.
A persoa titular da Secretaría Xeral para o Deporte será o órgano competente para a resolución do procedemento para a concesión da subvención, de conformidade coa delegación de competencias prevista no artigo 3.5 da Orde do 12 de xuño de 2024 sobre delegación de competencias na Secretaría Xeral Técnica e noutros órganos desta consellería (DOG núm. 117, do 18 de xuño).
7.2. Unha vez recibidas as solicitudes e a documentación complementaria, serán analizadas polo instrutor do procedemento co obxecto de comprobar que están debidamente cubertas e suficientemente documentadas. Xunto con esta análise, comprobarase se o solicitante acredita o cumprimento dos requisitos establecidos nos artigos 2 e 3 destas bases reguladoras.
7.3. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, o órgano responsable da tramitación requirirá as persoas interesadas para que, nun prazo de dez días hábiles, emenden a falta ou acheguen os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixeren, se terán por desistidas da súa petición, logo da correspondente resolución, nos termos previstos no artigo 21 da dita lei.
Poderá tamén requirirse o solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento, en calquera fase del.
7.4. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, os requirimentos citados de emenda faranse mediante publicación no DOG e producirá os mesmos efectos que a notificación individualizada. Esta publicación tamén se realizará na páxina web da Secretaría Xeral para o Deporte.
7.5. As solicitudes que non cumpran os requisitos exixidos nestas bases e, se é o caso, na convocatoria anual de axudas, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que emita a proposta de resolución de inadmisión ou desistencia na cal se indicarán as causas desta.
7.6. Unha vez valoradas todas as propostas pola Comisión de Valoración o órgano instrutor elevará proposta de resolución, conforme todo o actuado, á persoa titular da Secretaría Xeral para o Deporte.
Artigo 8. Da Comisión de Valoración
8.1. O órgano instrutor remitirá a documentación completa dos expedientes á comisión de valoración encargada de aplicar os criterios de baremación establecidos no artigo seguinte.
8.2. A Comisión estará presidida pola persoa titular da Subdirección Xeral de Plans e Programas da Secretaría Xeral para o Deporte ou persoa en quen delegue, e actuarán como vogais as persoas titulares das xefaturas dos servizos provinciais de deportes e un/unha técnico/a deportivo/a da mesma secretaría xeral designado/a pola persoa presidenta da comisión. Será secretaria da comisión a persoa titular da xefatura do Servizo de Fomento e Xestión Deportiva da Secretaría Xeral para o Deporte ou persoa que o substitúa.
8.3. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases, na convocatoria ou na normativa de aplicación quedarán á disposición do órgano instrutor para os efectos de ditar a correspondente resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.
8.4. En todo caso, non se admitirán a trámite e procederase a ditar a resolución de inadmisión e ao seu arquivamento, sen posibilidade de emenda, as solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido na convocatoria.
Artigo 9. Criterios de valoración
A comisión avaliará as solicitudes presentadas de acordo cos criterios de valoración que se establecen a continuación:
1. Valoración da entidade solicitante: ata 30 puntos.
1.1. Número total de licenzas federativas: ata 10 puntos.
– 20.000 ou máis deportistas con licenza federativa: 10 puntos.
– Entre 9.000 e 19.999 deportistas con licenza federativa: 8 puntos.
– Entre 5.000 e 8.999 deportistas con licenza federativa: 6 puntos.
– Entre 2.500 e 4.999 deportistas con licenza federativa: 4 puntos.
– Entre 1.000 e 2.499 deportistas con licenza federativa: 2 puntos.
– Menos de 1.000 deportistas con licenza federativa: 1 punto.
1.2. Apoio á igualdade de xénero: valorarase contar cunha porcentaxe de deportistas femininas con licenza federativa: ata 5 puntos.
– Ter unha porcentaxe de máis do 60 % de deportistas femininas con licenza federativa: 5 puntos.
– Ter unha porcentaxe de entre máis do 40 % e o 60 % de deportistas femininas con licenza federativa: 3 puntos.
– Ter unha porcentaxe de entre máis do 30 % e o 40 % de deportistas femininas con licenza federativa: 2 puntos.
– Ter unha porcentaxe de entre o 20 % e o 30 % de deportistas femininas con licenza federativa: 1 punto.
1.3. Apoio ás persoas con discapacidade: valorarase contar cunha porcentaxe de deportistas con discapacidade con licenza federativa: ata 5 puntos:
– Ter unha porcentaxe de máis do 60 % de deportistas con discapacidade con licenza federativa: 5 puntos.
– Ter unha porcentaxe de entre máis do 40 % e o 60 % de deportistas con discapacidade con licenza federativa: 3 puntos.
– Ter unha porcentaxe de entre máis do 30 % e o 40 % de deportistas con discapacidade con licenza federativa: 2 puntos.
– Ter unha porcentaxe de entre o 20 % e o 30 % de deportistas con discapacidade con licenza federativa: 1 punto.
1.4. Apoio ao deporte de base: valorarase contar cunha porcentaxe de deportistas con licenza federativa nas categorías previas á absoluta: ata 10 puntos:
– Ter unha porcentaxe de máis do 60 % de deportistas con licenza federativa nas categorías previas á absoluta: 10 puntos.
– Ter unha porcentaxe de entre máis do 40 % e o 60 % de deportistas con licenza federativa nas categorías previas á absoluta: 7,5 puntos.
– Ter unha porcentaxe de entre máis do 30 % e o 40 % de deportistas con licenza federativa nas categorías previas á absoluta: 5 puntos.
– Ter unha porcentaxe de entre o 20 % e o 30 % de deportistas con licenza federativa nas categorías previas á absoluta: 2,5 puntos.
2. Valoración do proxecto: ata 70 puntos.
2.1. Número de horas/semana: ata 10 puntos.
|
No caso de actividades de animación sociodeportiva |
No caso de campus deportivos |
||
|
Nº de horas/semana (mínimo 6 horas) |
Puntos |
Nº de horas/semana (mínimo 20 horas) |
Puntos |
|
Ata 8 |
3 |
Ata 25 |
3 |
|
Ata 10 |
5 |
Ata 30 |
5 |
|
Ata 12 |
7 |
Ata 35 |
7 |
|
Máis de 12 |
10 |
Ata 40 |
10 |
No caso de proxectos en que concorran ambos os tipos de actividade, a puntuación resultante distribuirase proporcionalmente ao orzamento de cada tipo de actividade sobre o orzamento total. Caso de que no proxecto non se recolla de forma diferenciada o orzamento correspondente a cada tipoloxía de actividade, a suma da puntuación resultante dividirase á metade.
2.2. Número de semanas de duración das actividades: ata 10 puntos.
|
Nº de semanas |
Puntos |
|
Ata 2 semanas |
2 |
|
Ata 3 semanas |
4 |
|
Ata 4 semanas |
6 |
|
Ata 5 semanas |
8 |
|
Máis de 5 semanas |
10 |
2.3. Número estimado de beneficiarios: ata 10 puntos.
|
Nº estimado de beneficiarios |
Puntos |
Nº estimado de beneficiarios |
Puntos |
|
Ata 50 |
1 |
Ata 300 |
6 |
|
Ata 100 |
2 |
Ata 350 |
7 |
|
Ata 150 |
3 |
Ata 400 |
8 |
|
Ata 200 |
4 |
Ata 450 |
9 |
|
Ata 250 |
5 |
Ata 500 |
10 |
2.4. Número ponderado de novas contratacións: ata 10 puntos.
No caso das contratacións efectuadas directamente pola entidade beneficiaria, ou a través de clubs deportivos no caso de delegación do desenvolvemento de actividades nestes, teranse en conta as novas contratacións e as ampliacións de contratos preexistentes.
No caso de contratación mercantil ou externa do persoal previsto no artigo 3.3.1.b), aplicarase un factor corrector de 0,5.
Cuantificarase o número total de horas do persoal contratado.
|
Nº total de horas do persoal contratado |
Puntos |
Nº total de horas do persoal contratado |
Puntos |
|
Ata 400 horas |
1 |
Ata 900 horas |
5 |
|
Ata 600 horas |
2 |
Ata 1.000 horas |
6 |
|
Ata 700 horas |
3 |
Ata 1.100 horas |
8 |
|
Ata 800 horas |
4 |
Máis de 1.100 horas |
10 |
2.5. Número de localidades en que se vai desenvolver a actividade: ata 5 puntos.
|
Nº de localidades |
Puntuación |
|
Ata 2 localidades |
1 |
|
Ata 4 localidades |
3 |
|
Máis de 4 localidades |
5 |
2.6. Especificidade das actuacións en relación coa modalidade deportiva da federación solicitante: 5 puntos.
2.7. Execución do proxecto por medios propios: ata 10 puntos.
Calcularase con base na porcentaxe do orzamento que se executa por medios propios.
|
Execución do proxecto por medios propios |
Puntuación |
|
Ata un 90 % |
10 |
|
Ata un 75 % |
7 |
|
Ata un 50 % |
5 |
2.8. Grao de execución da subvención recibida para a mesma finalidade no ano 2024: ata 5 puntos.
|
Grao de execución |
Puntuación |
|
Do 80 % ao 85 % |
1 |
|
Máis do 85 % ao 90 % |
2 |
|
Máis do 90 % ao 95 % |
3 |
|
Máis do 95 % ao 100 % |
5 |
2.9. Se a entidade non resultou beneficiaria desta subvención no ano 2024: 5 puntos.
Artigo 10. Condicións do programa
A entidade beneficiaria deberá desenvolver o Plan Corresponsables para a habilitación de servizos de coidado profesional de nenas, nenos e mozas e mozos de ata 16 anos, desenvolvendo as actividades de animación sociodeportiva previstas no artigo 3.2 destas bases reguladoras, de acordo coas seguintes obrigas:
1. Os perfís profesionais para o desenvolvemento destas actividades serán:
Técnica/o en actividades socioculturais, monitoras/es de lecer e tempo libre, técnicas/os superiores de animación sociodeportiva, educación infantil, auxiliares de gardaría e xardín de infancia e as súas titulacións equivalentes: técnica/o superior en educación infantil, técnica/o superior en animación sociocultural e turística, técnica/o superior en ensino e animación sociodeportiva, técnica/o superior en integración social, monitoras/es de lecer e tempo libre e auxiliar de educación infantil ou de xardín de infancia. En congruencia co ámbito de actividade obxecto desta convocatoria de subvencións, considéranse como asimilados ás titulacións indicadas os técnicos e adestradores deportivos das diferentes modalidades que dispoñan da acreditación formativa correspondente.
A Secretaría Xeral para o Deporte poderá autorizar excepcionalmente a contratación doutros perfís profesionais para o desenvolvemento das actividades.
2. A entidade beneficiaria xestionará as actividades e o acceso ás actividades das nenas e nenos a través da plataforma habilitada para o efecto pola Secretaría Xeral para o Deporte. No acceso priorizaranse as familias monomarentais, vítimas de violencia de xénero e doutras formas de violencia contra a muller, mulleres en situación de desemprego de longa duración, mulleres maiores de 45 anos ou unidades familiares en que existan outras cargas relacionadas cos coidados. Así mesmo, nos procesos de valoración de acceso aos programas e prestacións financiadas por este plan, terase en conta o nivel de renda e as cargas familiares das persoas que pretendan participar neles, tendendo a favorecer a gratuidade e a universalidade das actuacións.
3. De conformidade co artigo 8.2 da Lei de subvencións de Galicia, a entidade beneficiaria poderá delegar nun club deportivo a organización dunha actividade, caso en que este último terá igualmente a consideración de beneficiario. A xustificación económica das actividades realizadas efectuarase a través da entidade beneficiaria da subvención, na forma prevista no artigo 16.4 destas bases reguladoras.
Artigo 11. Resolución
11.1. Unha vez valoradas as solicitudes, a Comisión elaborará un informe cunha relación das solicitudes admitidas ordenadas por orde de prelación de maior a menor puntuación en aplicación dos criterios de baremación establecidos no artigo anterior.
11.2. O órgano instrutor, á vista do informe da Comisión, formulará proposta de resolución que incluirá aquelas entidades beneficiarias ata o esgotamento do crédito orzamentario consignado. As subvencións asignaranse ata esgotar o crédito dispoñible atendendo á orde de prelación das solicitudes valoradas de maior a menor puntuación.
11.3. A resolución dos expedientes de axudas correspóndelle á persoa titular da Secretaría Xeral para o Deporte, que deberá resolver no prazo de quince días desde a data de elevación da proposta.
11.4. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución non poderá exceder os cinco meses, contado desde o día seguinte á data de publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen se ditar resolución expresa, as solicitudes poderán entenderse desestimadas por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
11.5. De conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a notificación levarase a cabo mediante a publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Secretaría Xeral para o Deporte, con indicación neste caso da data da convocatoria, da persoa beneficiaria, da cantidade concedida e da finalidade da subvención outorgada. Así mesmo, relacionaranse as solicitudes desestimadas e inadmitidas con expresión dos motivos da desestimación e inadmisión.
11.6. A resolución publicarase nos termos previstos no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 17.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e de bo goberno, expresando persoa beneficiaria, finalidade, contía e aplicación orzamentaria.
Artigo 12. Réxime de recursos
As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente convocatoria porán fin á vía administrativa e contra elas poderanse interpor os seguintes recursos, sen prexuízo de que as entidades interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:
a) Recurso potestativo de reposición, ante a persoa titular da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa. Se a resolución non for expresa, o solicitante e outros posibles interesados poderán interpor recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que a resolución debería ter sido ditada.
b) Recurso contencioso-administrativo, perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.
Artigo 13. Modificación da resolución
De acordo co artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión a alteración das condicións tidas en conta para a súa concesión e, en todo caso, a obtención de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.
Artigo 14. Renuncia
A renuncia á subvención poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. No caso de que se comunicase a renuncia en prazo, o titular da Secretaría Xeral para o Deporte ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 22.1 da mesma lei.
Artigo 15. Réxime de pagamentos
De conformidade co artigo 63 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, prevese o pagamento con carácter anticipado como financiamiento necesario para o desenvolvemento das actuacións obxecto de subvención, de acordo co seguinte réxime de pagamentos:
– Un primeiro pagamento de ata o 80 % da subvención concedida, en concepto de pagamento anticipado, que se fará efectivo, por solicitude da entidade beneficiaria, segundo o anexo III, unha vez realizada a notificación da subvención e logo da aceptación expresa desta.
– Un segundo pagamento que, como máximo, poderá ser equivalente á porcentaxe restante, que se fará efectivo unha vez xustificada a totalidade da subvención.
Ao abeiro do disposto no artigo 63.1.dous do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a concesión do anticipo realizarase mediante resolución motivada do órgano concedente.
Conforme o artigo 65.4.i) do Decreto 11/2009, do 11 de xaneiro, para a concesión dos pagamentos anticipados non se exixirá a presentación de garantías por parte das entidades beneficiarias.
O libramento da subvención aboarase mediante transferencia bancaria á entidade financeira ao número de conta designado polo beneficiario e na cal debe figurar como titular a entidade beneficiaria da axuda.
As subvencións minoraranse proporcionalmente se o investimento xustificado é inferior ao orzamento que serviu de base para a resolución de concesión, sempre que estea garantida a consecución do obxecto para o que se concedeu a subvención.
Artigo 16. Xustificación da subvención
16.1. De acordo co artigo 45 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, a entidade beneficiaria deberá presentar ante a Secretaría Xeral para o Deporte a documentación xustificativa da subvención na data sinalada na correspondente convocatoria.
Se transcorren estes prazos sen que a entidade beneficiaria presente a xustificación correspondente na Secretaría Xeral para o Deporte, será requirida para que no prazo improrrogable de dez días a achegue. A falta de presentación da xustificación neste prazo levará á apertura dun expediente de perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia de reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño.
16.2. Documentación que se debe entregar na xustificación:
A. Anexo IV (xustificación da axuda concedida e solicitude de pagamento), en que deberá constar o conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas, para as mesmas actuacións solicitadas ao abeiro desta orde, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, e o compromiso de comunicar de contado cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.
De haber outros ingresos ou subvencións que financien a actividade subvencionada, deberá incluírse unha relación detallada de tales ingresos ou subvencións con indicación do importe e da súa procedencia.
B. Anexo V. Relación clasificada dos gastos realizados que non se correspondan cos gastos directos de persoal (correspóndense cos previstos no artigo 3.3.2 destas bases reguladoras), conforme o proxecto subvencionado.
C. En relación cos gastos declarados no anexo V, deberanse achegar as facturas, con xustificación bancaria, de que os pagamentos estean realizados cos requisitos exixidos no artigo 42.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
D. Anexo VI. Certificación do gasto subvencionable relativo aos gastos directos de persoal (correspóndense cos previstos no artigo 3.3.1 destas bases reguladoras). Nesta certificación reflectiranse, respecto de cada un/unha dos/das profesionais que desenvolveron os servizos de coidado, os custos reais correspondentes aos gastos directos de persoal polo tempo efectivamente traballado para a execución da actividade subvencionada.
Os gastos directos de persoal subvencionables a custo real (nóminas, facturas...) xerados no período de desenvolvemento das actividades deberán estar efectivamente pagados na data de finalización do prazo de xustificación da subvención. Para os efectos da súa consideración como subvencionable, considerarase efectivamente pagado o gasto cando quede xustificado o pagamento mediante extractos ou certificacións bancarias.
Non obstante o anterior, cando formen parte da conta xustificativa documentos de gastos que comporten ingresos á conta do IRPF ou cotas por seguros sociais liquidables con posterioridade á data de xustificación, observarase o previsto no número 16.5 deste artigo.
E. Para xustificar o custo real dos gastos directos de persoal, terá que presentarse copia dos seguintes documentos:
– No caso de persoal propio da entidade beneficiaria: o/os contrato/s de traballo e as nóminas e recibos de liquidación de cotizacións, así como a relación nominal de persoas traballadoras e documentos bancarios que acrediten a súa realización e pagamento.
– No caso de contratación mercantil dos gastos de persoal: facturas ou documentos con valor probatorio equivalente polo importe correspondente ao persoal contratado, así como os correspondentes xustificantes bancarios acreditativos do seu pagamento. No xustificante bancario deberán constar o número de factura obxecto de pagamento, a identificación da persoa pagadora e da/das destinataria/s do pagamento, que deberá coincidir coa que emite a factura.
– En todo caso: os contratos de traballo subscritos no marco deste programa –tamén aqueles nos cales se amplíe ou mellore a xornada– (tanto no caso de persoal propio da entidade beneficiaria coma no caso de contratación mercantil) deberán incluír a cláusula seguinte:
«Este contrato será obxecto de financiamento a través do Plan Corresponsables».
– Modelo de retención de ingresos á conta do IRPF (modelo 111) correspondentes ao período durante o cal se desenvolveu a medida ou actividade subvencionada e xustificantes bancarios do ingreso do modelo 111 do IRPF.
F. Memoria explicativa dos gastos presentados nesta xustificación relacionándoos coas actividades deportivas realizadas. Neste sentido, será necesaria unha clara vinculación entre os gastos asociados a cada grupo de actividade, que deberá estar claramente identificado con base nas datas de realización, horarios e lugar de execución, e cun código numérico ou alfanumérico.
G. Acreditación do cumprimento da aplicación pública da imaxe corporativa e do Plan Corresponsables, de conformidade co indicado no artigo 17.a) destas bases reguladoras.
16.3. Gastos inferiores aos 1.000 €: de conformidade co establecido no artigo 42.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, para o caso de importes inferiores a 1.000 €, poderase aceptar a xustificación do pagamento mediante recibo do correspondente provedor.
No caso de facturas de importe igual ou superior a 15.000 €, deberán achegarse polo menos tres orzamentos de tres empresas diferentes, ou xustificación motivada de que, polas súas especiais características, non exista no mercado suficiente número de entidades que realicen as actividades obxecto do gasto. Os orzamentos deberán solicitarse e estar datados con anterioridade á contratación levada a cabo pola entidade beneficiaria. A elección entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse na xustificación, realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, debendo xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.
16.4. De conformidade co artigo 8.2 da Lei de subvencións de Galicia, a entidade beneficiaria poderá delegar nun club deportivo, ou noutra entidade, a organización dunha actividade, caso en que este último terá igualmente a consideración de beneficiario. A xustificación económica das actividades realizadas efectuarase a través da entidade beneficiaria da subvención. A entidade beneficiaria deberá achegar a seguinte documentación:
a) Convenio de colaboración co club ou entidade en que conste expresamente que este último actúa por conta e representación da entidade beneficiaria, para os efectos da subvención, e no cal se concrete a actividade que se vai desenvolver.
b) Acreditación de que o club deportivo ou entidade receptora da delegación reúne os requisitos previstos polo artigo 10 da Lei de subvencións de Galicia.
c) Anexo V. Relación clasificada dos gastos realizados que non se correspondan cos gastos directos de persoal (correspóndense cos previstos no artigo 3.3.2 destas bases reguladoras).
d) Anexo VI. Certificación do gasto subvencionable relativo aos gastos directos de persoal (correspóndense cos previstos no artigo 3.3.1 destas bases reguladoras).
e) Memoria asinada polo representante legal detallando todas as actividades realizadas e o custo de cada unha delas, acompañada das correspondentes facturas, así como dos xustificantes bancarios dos pagamentos feitos para a realización da actividade conveniada. As facturas terán que estar emitidas a nome do club en que a entidade beneficiaria (federación) delegou a ou as actividades que vai realizar, e os pagamentos deberá efectualos o club.
Será de aplicación o disposto na epígrafe anterior para o caso de gastos de importes inferiores a 1.000 € e no caso de facturas de importe igual ou superior a 15.000 €.
f) Documento xustificativo da transferencia da entidade beneficiaria (federación) ao club obxecto da delegación polo importe do gasto xustificado en execución do convenio.
16.5. Os documentos xustificativos de gastos e pagamentos deberán estar datados no período comprendido entre a data de inicio das actividades subvencionadas e a data límite de presentación da documentación xustificativa da subvención, previstas na convocatoria.
Para os efectos da súa consideración como subvencionable, considerarase efectivamente pagado o gasto cando se xustifique o pagamento mediante extractos ou certificacións bancarias debidamente identificados, selados e asinados pola entidade beneficiaria.
Non obstante, segundo o establecido no artigo 29.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, a acreditación do gasto relativo ás nóminas, ás cotizacións obrigatorias á Seguridade Social e retencións do IRPF correspondentes ao cuarto trimestre realizarase mediante a presentación da documentación xustificativa da súa realización e que respondan á natureza da actividade subvencionada. En consecuencia, para que estes gastos teñan a consideración de subvencionables non será precisa a acreditación do pagamento previo por parte das entidades beneficiarias.
En relación cos gastos relativos a nóminas, cotizacións á Seguridade Social e retencións do IRPF correspondentes ao cuarto trimestre, a que fai referencia o parágrafo anterior, as entidades beneficiarias están obrigadas a acreditar o efectivo pagamento dos ditos gastos con anterioridade ao 15 de febreiro do exercicio seguinte ao da convocatoria. O incumprimento desta obriga dará lugar ao reintegro parcial da subvención polo importe das contías non xustificadas. No caso de que o importe da subvención percibida pola entidade beneficiaria por aqueles conceptos sexa superior aos pagamentos efectivamente acreditados, procederá igualmente o reintegro parcial. No caso de que o importe da subvención percibida polas entidades beneficiarias por aqueles conceptos sexa inferior aos pagamentos efectivamente acreditados, a diferenza será por conta das entidades.
16.6. O órgano concedente comprobará, mediante a aplicación de técnicas de mostraxe, un número de expedientes significativo, coa finalidade de obter a evidencia razoable sobre a adecuada aplicación da subvención, para o cal poderá requirir á entidade beneficiaria a remisión da totalidade dos documentos xustificativos e, en todo caso, requiriralle a totalidade dos ditos documentos cando, das comprobacións realizadas, non se obteña a evidencia razoable sobre a adecuada aplicación da subvención. Para estes efectos, e consonte o artigo 42.3 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no caso de importes inferiores a 1.000 € a documentación acreditativa do gasto e do pagamento poderá consistir no correspondente xustificante de recepción do provedor.
16.7. A Secretaría Xeral para o Deporte poderá solicitar as aclaracións ou informes dos medios de xustificación que considere oportunos.
16.8. O importe da subvención farase efectivo na conta bancaria indicada na solicitude de aboamento da axuda.
Artigo 17. Obrigas das persoas beneficiarias
As entidades que resulten beneficiarias das subvencións concedidas ao abeiro desta orde estarán obrigadas a cumprir o establecido no artigo 11 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e especificamente:
a) Á aplicación pública da imaxe corporativa da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, do Plan Corresponsables e do Ministerio de Igualdade e da Secretaría de Estado de Igualdade e para a Erradicación da Violencia contra as Mulleres.
b) A conservar, nos seguintes catro anos, os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.
c) A estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
d) A someterse ás actuacións de comprobación e control financeiro das actividades subvencionadas por parte da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, a través da Secretaría Xeral para o Deporte, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas e o Tribunal de Contas.
e) A comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Así mesmo, a comunicar a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da subvención.
f) A reintegrar os fondos percibidos nos supostos establecidos no artigo 17 destas bases.
g) Á adhesión ao manifesto pola igualdade no deporte.
h) A garantir os dereitos lingüísticos de todas as persoas, empregando o galego e o castelán nas súas comunicacións.
Artigo 18. Perda de dereito e reintegro da axuda
18.1. Procederá o reintegro ou perda de dereito, total ou parcial, das cantidades pendentes de percibir ou percibidas e a exixencia dos xuros de demora correspondentes desde o momento do pagamento da axuda ata a data en que se acorde a procedencia da perda de dereito ou do reintegro, segundo o disposto nos artigos 31 e 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, nos seguintes casos:
a) Obtención da subvención falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que o impidan.
b) Incumprimento total ou parcial do obxectivo, da actividade ou do proxecto ou non adopción do comportamento que fundamentan a concesión da subvención.
c) Incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente nos termos establecidos no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e, de ser o caso, nas normas reguladoras da subvención.
d) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro previstas nos artigos 11 e 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, estatal, da Unión Europea ou de organismos internacionais.
e) Nos demais supostos previstos na normativa reguladora da subvención.
18.2. De acordo co establecido no artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, procederá o reintegro parcial no suposto de non comunicar a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da subvención, o que suporá a perda dun 5 % do importe da subvención concedida. Esta porcentaxe do 5 % aplicarase unha vez descontado o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.
18.3. Para facer efectiva a perda de dereito ou reintegro a que se refiren os puntos anteriores, tramitarase o oportuno procedemento, que se axustará ao previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento.
18.4. De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, con anterioridade ao requirimento previo da Administración, as persoas beneficiarias poderán realizar con carácter voluntario a devolución do importe da axuda obxecto de reintegro.
Esta devolución efectuarase mediante ingreso na conta operativa do Tesouro da Xunta de Galicia ES82-2080-0300-87-3110063172, segundo o disposto na normativa reguladora do procedemento de recadación, e o importe incluirá os xuros de demora, de acordo co previsto no artigo 34 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
A persoa beneficiaria deberá presentar, ante o órgano concedente, copia xustificativa da devolución voluntaria realizada en que conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da subvención concedida.
Artigo 19. Réxime de infraccións e sancións
As persoas beneficiarias destas axudas quedan suxeitas ao réxime de infraccións e sancións previsto para esta materia no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
Artigo 20. Control
As subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, se é o caso, dos servizos da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.
Artigo 21. Notificacións
21.1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, salvo naqueles casos que se indican nestas bases, que serán practicadas a través da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Nestes casos e de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a publicación realizarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Secretaría Xeral para o Deporte.
21.2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
21.3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
21.4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
21.5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 22. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 23. Remisión normativa
En todo o non previsto nestas bases rexerá a normativa xeral en materia de subvencións constituída pola Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da norma anteriormente citada, así como polos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, conxunto normativo en que se establecen os requisitos xerais das subvencións concedidas pola Administración autonómica, tendo en conta, en todo caso, os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia.
Artigo 24. Información ás persoas interesadas
24.1. De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións e, xunto cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude, dos aspectos básicos dos previstos no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos (RXPD), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.
24.2. Por outra banda, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.
Artigo 25. Transparencia e bo goberno
25.1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
25.2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 á que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.
