DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 110 Mércores, 11 de xuño de 2025 Páx. 32666

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

EXTRACTO da Orde do 3 de xuño de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan os premios extraordinarios de educación secundaria obrigatoria ao rendemento académico correspondentes ao curso 2024/25 (código de procedemento ED311D).

BDNS (Identif.): 837959.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/837959

Primeiro. Persoas beneficiarias

Alumnado que cursase durante o ano académico 2024/25 cuarto curso de educación secundaria obrigatoria no réxime ordinario en calquera dos centros da Comunidade Autónoma de Galicia, que estea proposto polo equipo docente para a expedición do título de graduado en educación secundaria e obtivese no conxunto dos catro cursos de educación secundaria obrigatoria unha nota media igual ou superior a 9 puntos.

Segundo. Obxecto

Convocar, na Comunidade Autónoma de Galicia, os premios extraordinarios de educación secundaria obrigatoria ao rendemento académico (código de procedemento ED311D) correspondentes ao curso 2024/25. Esta convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, está dirixida ao alumnado que destacase polo seu rendemento académico na etapa de educación secundaria obrigatoria.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 3 de xuño de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan os premios extraordinarios de educación secundaria obrigatoria ao rendemento académico correspondentes ao curso 2024/25 (código de procedemento ED311D).

Orde ECD/1611/2015, do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, do 29 de xullo (BOE núm. 183, do 1 de agosto), pola que se crean e se regulan os premios nacionais ao rendemento académico do alumnado de educación secundaria obrigatoria e de ensinanzas artísticas profesionais nos ámbitos de música, danza e artes plásticas e deseño.

Cuarto. Importe

Vinte premios extraordinarios cunha dotación global de 20.000 €. Cada premio estará dotado con 1.000 €.

Quinto. Características do procedemento de solicitude dos premios

O procedemento de solicitude para optar aos premios extraordinarios de educación secundaria obrigatoria ao rendemento académico terá dúas fases diferenciadas:

1. Na primeira fase, o alumnado deberá solicitar primeiramente a matrícula na proba PEE.

2. Na segunda fase, unha vez publicadas as cualificacións definitivas na proba PEE, o alumnado deberá formalizar unha solicitude para optar á subvención do premio extraordinario de educación secundaria obrigatoria ao rendemento académico.

Sexto. Prazo de presentación de solicitudes

1. Na primeira fase, matrícula na proba PEE, o prazo de presentación de solicitudes será de cinco (5) días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde.

2. Na segunda fase, solicitude para optar á subvención do premio extraordinario de educación secundaria obrigatoria ao rendemento académico, o prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes a partir do día seguinte ao da publicación das listaxes de cualificacións definitivas da proba PEE.

Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2025

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
P.D. (Orde do 5.6.2024; DOG núm. 114, do 13 de xuño)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Educación,
Ciencia, Universidades e Formación Profesional