DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 111 Xoves, 12 de xuño de 2025 Páx. 32997

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

EXTRACTO da Resolución do 22 de maio de 2025, da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, pola que se arquiva o expediente do parque eólico Maragouto (IN408A/2017/021) e se cancela unha garantía económica depositada por Green Capital Power, S.L. para tramitar a solicitude de acceso e conexión á rede de transporte.

De conformidade co previsto no artigo 42.4, alíneas a) e b), da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, procede publicar o extracto da Resolución do 22 de maio de 2025, da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, pola que se arquiva o expediente do parque eólico Maragouto e se cancela a garantía económica depositada por Green Capital Power, S.L. para tramitar a solicitude de acceso e conexión á rede de transporte.

Primeiro. Contido da resolución e condicións que a acompañan:

1. Denegar a solicitude de autorización administrativa previa e de construción das instalacións do parque eólico Maragouto, localizado nos concellos de Outes e Mazaricos (A Coruña) tras a declaración de impacto ambiental desfavorable formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 13.1.2023.

2. Arquivar o expediente instruído do parque eólico Maragouto, localizado nos concellos de Outes e Mazaricos (A Coruña), promovido por Green Capital Power, S.L.

3. Proceder á devolución da garantía económica 1062/2017 depositada o 26.10.2017 por Green Capital Power, S.L. por importe de 346.500 € para responder das súas obrigas en relación coa tramitación do procedemento de solicitude de acceso e conexión á rede de transporte do parque eólico Maragouto.

Segundo. Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución:

1. O 25.10.2017, Green Capital Power, S.L. depositou unha garantía económica por importe de 346.500 € e número de rexistro 1062/2017, para garantir o cumprimento das súas obrigas no procedemento de acceso e conexión á rede de transporte do parque eólico Maragouto.

2. O 26.10.2017, Green Capital Power, S.L. presentou telematicamente, ao abeiro do procedemento IN408A, solicitude de autorización de instalacións de produción de enerxía eléctrica e as súas infraestruturas de evacuación para o proxecto denominado parque eólico Maragouto (en diante, o parque eólico), localizado nos concellos de Outes e Mazaricos (A Coruña).

O 2.2.2018 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas, unha vez verificado o cumprimento dos requisitos de capacidade do solicitante e revisada a solicitude de acordo cos artigos 30 e 31 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, comunicoulle á promotora o prazo para o pagamento da taxa de autorización administrativa e continuar así coa tramitación.

O 9.2.2018 presentou no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia o xustificante de aboamento da taxa de autorización administrativa do parque eólico de referencia.

3. O 30.9.2019 a promotora presentou unha solicitude de modificación substancial do parque eólico, consistente no cambio de posicións dos aeroxeradores M8 e M11 e da subestación.

Segundo se establece no artigo 39.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas revisou a documentación correspondente á solicitude, verificando o cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 31, o que se lle notificou á persoa solicitante o 27.11.2019.

4. O 6.5.2020 a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe previsto no mencionado artigo 33.7, no cal se indica que os aeroxeradores cumpren a distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación regulada no PSEGA respecto das delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable.

5. O 3 de decembro de 2020 publicouse no DOG núm. 244 o Acordo do 27 de novembro de 2020, da Xefatura Territorial da Coruña, polo que se someten a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental e o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do proxecto do parque eólico Maragouto, nos concellos de Outes e Mazaricos (expediente IN408A 2017/21).

6. Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental a que o proxecto foi sometido, recibíronse informes dos seguintes organismos: Axencia de Turismo de Galicia, Augas de Galicia (Confederación Hidrografica Galicia Costa), Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Pública, Instituto de Estudos do Territorio e concellos de Mazaricos e Outes.

O 13 de xaneiro de 2023 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou unha declaración de impacto ambiental desfavorable relativa ao parque eólico Maragouto, que fixo pública mediante o Anuncio do 16 de xaneiro de 2023 (DOG núm. 13, do 19 de xaneiro).

7. O 13.6.2023 o promotor presenta escrito de alegacións solicitando a modificación da declaración de impacto ambiental emitida o 17.1.2023.

8. O 4.7.2023 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais comunicoulle ao promotor o acordo polo que se inician os procedementos de denegación da solicitude de autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción e de arquivamento do expediente instruído do parque eólico Maragouto, localizado nos concellos de Outes e Mazaricos (A Coruña), promovido por Green Capital Power, S.L.

9. O 26.7.2023 o promotor presenta alegacións ao antedito acordo.

10. O 24.4.2025 o promotor presenta escrito onde solicita que se deixen sen efecto as alegacións presentadas o 26.7.2023, que se arquive o expediente pola inviabilidade deste e que se cancele a garantía depositada co número 1062/2017.

Santiago de Compostela, 22 de maio de 2025

Paula Uría Traba
Directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático