O tribunal nomeado pola Resolución do 14 de marzo de 2025 (DOG núm. 54, do 19 de marzo) para cualificar este proceso selectivo
ACORDOU:
Primeiro. Ao abeiro do previsto na base II.1.2.7 da convocatoria, en sesión que tivo lugar o 21 de maio de 2025, logo de revisar as alegacións presentadas, o tribunal acorda desestimar as reclamacións na súa totalidade.
Segundo. De conformidade co disposto na base III.1.1.1 da convocatoria, o exercicio cualificarase de 0 a 100 puntos e para superalo será necesario obter un mínimo de cincuenta (50) puntos.
Mediante a Resolución deste tribunal, do 9 de abril de 2025, déuselles publicidade aos parámetros para a cualificación do exercicio, que establecen que, no acceso pola quenda de promoción interna, superarán o exercicio as persoas aspirantes que acaden, en cada unha das partes, o 50 % das respostas correctas unha vez feitos os descontos correspondentes.
Non obstante, de se dar o caso de que o número de aspirantes que acaden, en cada unha das partes, o 50 % das respostas netas sexa inferior ao número de prazas convocadas por esta quenda, superarán o exercicio as persoas aspirantes que acaden, en cada unha das partes, o mínimo do 40 % das respostas correctas unha vez feitos os descontos correspondentes.
No acceso libre, superarán este exercicio as persoas aspirantes que teñan as mellores puntuacións ata completar o número máximo de persoas aspirantes determinado polo resultado de multiplicar por catro (4) o número de prazas convocadas por esta quenda, sempre que acaden, en cada unha das partes, o mínimo do 50 % das respostas correctas unha vez feitos os descontos correspondentes.
Non obstante, de se dar o caso de que o número de aspirantes que acaden, en cada unha das partes, o mínimo do 50 % das respostas netas sexa inferior ao resultado de multiplicar por catro o número de prazas convocadas, superarán o exercicio as persoas aspirantes que teñan as mellores puntuacións ata acadar a dita cifra, sempre que obteñan, en cada unha das partes, o mínimo do 40 % das respostas correctas unha vez feitos os descontos correspondentes.
Para os efectos do previsto nos dous parágrafos anteriores, no que se refire ao número máximo de prazas convocadas pola quenda de acceso libre, terase en conta que as prazas non cubertas pola quenda de promoción interna se acumularán ás prazas convocadas pola quenda de acceso libre.
As preguntas non contestadas non penalizan nin reciben puntuación.
Todas as persoas aspirantes con idéntica puntuación a aquela persoa aprobada que marque o corte considéranse igualmente aptas.
O exercicio cualificarase de 0 a 100 puntos e para superalo será necesario obter un mínimo de cincuenta (50) puntos. Asignaráselles a valoración de 50 puntos no exercicio ás persoas aspirantes que obteñan unha nota equivalente á nota de corte fixada segundo os criterios anteriores. O resto das persoas declaradas aptas terá unha cualificación distribuída entre os 50 e os 100 puntos, proporcional ao número de respostas correctas. As persoas aspirantes que non superen o exercicio serán declaradas non aptas.
Terceiro. Unha vez feita a corrección dos exames na sesión que tivo lugar o día 22 de maio de 2025 de acordo cos criterios anteriores, e feitas as deducións segundo o establecido na base II.1.1.1 da convocatoria, acádanse os seguintes resultados:
– Quenda de promoción interna: non houbo aspirantes presentados por esta quenda. Polo tanto, acumúlanse as prazas á quenda de acceso libre, segundo o establecido nas bases da convocatoria.
– Quenda de acceso libre: aplicando o criterio do 50 %, non se acada o mínimo exixido, e o número de aspirantes máximo que pode superar o exercicio segundo a convocatoria é de 52 (4*13), ao procederse á acumulación das prazas convocadas pola queda de promoción interna. Polo tanto, procédese á aplicación do criterio do 40 % de respostas correctas en cada unha das partes e, obtense como resultado un total de 38 aspirantes que superan o exercicio, establecéndose o corte nun total de 48 respostas netas.
As persoas que non acadaron a porcentaxe mínima nalgunha das partes non son cualificadas por non ser posible asignar unha puntuación homologable á do resto das persoas aspirantes.
Cuarto. Publicar no portal web corporativo https://www.funcionpublica.xunta.gal as puntuacións obtidas polas persoas aspirantes que superaron o primeiro exercicio do proceso selectivo, así como a relación das que non acadaron os mínimos establecidos na base II.1.1.1 da convocatoria.
Quinto. De acordo co disposto na base II.1.2.8 da convocatoria, no prazo de dez (10) días hábiles, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, as persoas aspirantes poderán formular as alegacións que consideren oportunas ás puntuacións, que se presentarán a través da aplicación Fides (https://fides.xunta.gal).
Sexto. De conformidade coa base II.1.1.2 respecto ao segundo exercicio, estarán exentas da súa realización as persoas aspirantes que acrediten, no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia destee acordo, o Celga 3 ou o título equivalente debidamente homologado de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG núm. 146, do 30 de xullo), modificada pola Orde do 10 de febreiro de 2014 (DOG núm. 34, do 19 de febreiro). Non terá que presentar a documentación xustificativa de exención quen xa acreditase a posesión do Celga 3 ou o título equivalente debidamente homologado e así conste na listaxe de persoas aspirantes publicada, xunto con esta resolución, pola Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal
Sétimo. De acordo co disposto na base III.13 da resolución da convocatoria, contra este acordo poderase interpoñer recurso de alzada, ante o conselleiro de Facenda e Administración Pública, nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 22 de maio de 2025
Mª Carmen Recarey Rey
Presidenta do tribunal
