DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Luns, 16 de xuño de 2025 Páx. 33600

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 23 de maio de 2025, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica a resolución aprobatoria do deslindamento parcial realizado entre as comunidades de montes veciñais en man común de Vilarchán e Aluncia (Ponte Caldelas) (expediente DC22081).

O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra resolveu na súa reunión do 26.3.2025 aprobar o deslindamento parcial entre as comunidades de montes veciñais en man común (en diante, CMVMC) de Vilarchán e Aluncia (Ponte Caldelas) con base nos seguintes feitos e consideracións técnicas.

Antecedentes e consideracións técnicas:

Primeiro. O 28.9.2022, o presidente da CMVMC de Vilarchán presenta solicitude de deslindamento entre a CMVMC de Vilarchán e a CMVMC de Aluncia, ambas no concello de Ponte Caldelas.

Os montes veciñais en man común (en diante, MVMC) afectados por este deslindamento son:

– MVMC do Vilarchán (ID monte: 3072) da CMVMC de Vilarchán.

– MVMC de Aluncia (ID monte: 3071) da CMVMC de Aluncia.

Segundo. Consta no expediente a seguinte documentación do deslindamento consonte o artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (LMG):

– Acta do deslindamento do 10.8.2022.

– Acta de conciliación 84/2022 entre as comunidades no Xulgado de Paz de Ponte Caldelas do 29.11.2022.

– Certificado do secretario da CMVMC de Vilarchán coa conformidade do presidente do 22.4.2024 da aprobación na asemblea do 27.8.2022

– Certificado do secretario da CMVMC de Aluncia coa conformidade do presidente do 23.4.2024 da aprobación na asemblea do 2.7.2022

– Memoria descritiva co plano de deslindamento e cartografía en formato dixital no datum ETRS89/UTM zona 29N EPSG: 25829. Asinado o 29.11.2022 pola enxeñeira técnica forestal colexiada núm. 740 do COETF de Galicia. As emendas realizadas producen a súa modificación.

– Informe de validación gráfica catastral con CSV: RE0MT8YAT7TCF6W9.

Terceiro. A liña de deslindamento proposta ten unha lonxitude de 972 metros e está composta polos seguintes puntos:

Punto P01 – x: 535.434,00 y: 4.694.510,34

Punto P02 – x: 535.549,73 y: 4.694.603,11

Punto P03 – x: 535.619,70 y: 4.694.633,22

Punto P04 – x: 535.654,51 y: 4.694.641,21

Punto P05 – x: 535.873,79 y: 4.694.630,37

Punto P06 – x: 536.018,41 y: 4.694.623,76

Punto P07 – x: 536.167,07 y: 4.694.620,98

Punto P08 – x: 536.373,60 y: 4.694.638,66

No traballo de gabinete establécense dous puntos de deslindamento secundarios para respectar o dominio público da estrada (PS01, PS02), polo que neste tramo non existe colindancia entre ambos os montes (o deslindamento realizarase coa Administración competente).

Punto PS01 – x: 535.997,94 y: 4.694.624,53

Punto PS02 – x: 536.006,44 y: 4.694.624,18

Revisada a cartografía das resolucións de clasificación de ambos os MVMC detéctase que existe colindancia entre ambas.

O deslindamento está formado por dous tramos:

Tramo 1: do punto P01 -punto PS01.

Tramo 2: do punto PS02 -punto P08.

A liña do deslindamento produce modificacións na cartografía dos esbozos de clasificación. As comunidades realizan un axuste para que o deslindamento sexa coincidente no punto inicial (P01) e final (P08) coa cartografía existente.

O Servizo de Montes considera que a solicitude se axusta ao establecido no artigo 53 da LMG, polo que propón a aprobación polo xurado do deslindamento segundo a liña presentada.

Cuarto. O artigo 53 da LMG establece que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común, logo do exame da documentación presentada, ditará resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.

Á vista do exposto, este xurado

RESOLVE:

Aprobar o deslindamento parcial entre a CMVMC de Vilarchán e a CMVMC de Aluncia, ambas no concello de Ponte Caldelas, nos termos antes indicados.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición ante o Xurado Provincial de Clasificación de MVMC de Pontevedra no prazo dun mes de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 LPAC; ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o xulgado do contencioso-administrativo no prazo de dous meses de acordo cos artigos 8 e 46 da LXCA.

Pontevedra, 23 de maio de 2025

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Pontevedra