A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, establece no seu artigo 1 que os poderes públicos galegos deben garantir que a liberdade e a igualdade das persoas sexan reais e efectivas, promovendo a participación plena de toda a cidadanía na vida política, económica, social e cultural.
A Consellería de Política Social e Igualdade, de acordo co Decreto 139/2024, do 20 de maio, polo que se establece a súa estrutura orgánica, ten entre as súas competencias o impulso, a planificación, o control e a avaliación das actuacións en materia de benestar destinadas á atención das persoas maiores. Entre as funcións que lle son encomendadas destaca o desenvolvemento de programas e actividades orientadas á promoción da autonomía persoal e do envellecemento activo.
Neste contexto, e sendo conscientes de que a promoción da autonomía persoal é clave para que as persoas maiores poidan gozar dunha vida máis saudable e independente, desenvolveuse en anos anteriores o programa de termalismo Benestar en balnearios. Este programa ten como obxectivo aproveitar os balnearios como espazos que favorecen unha mellor calidade de vida, ao tempo que os tratamentos que neles se ofrecen contribúen a facer realidade a concepción de saúde defendida pola Organización Mundial da Saúde: un estado de completo benestar físico, mental e social.
Os tratamentos de prevención e de rehabilitación baseados no uso terapéutico das augas mineromedicinais constitúen unha práctica moi antiga que, co paso do tempo, incorporou técnicas complementarias procedentes de diversos ámbitos para acadar unha maior eficacia. As persoas maiores son un dos colectivos que máis beneficios poden obter destes tratamentos, xa que, co avance da idade, adoitan presentarse determinadas patoloxías que poden mellorar significativamente tras recibir atención termal.
En consecuencia, mediante esta orde establécense as bases reguladoras das estadías en balnearios e das axudas ao abeiro do programa Benestar en balnearios para o ano 2025. Este programa permitirá que persoas maiores de 60 anos, ou de 55 no caso de pensionistas, poidan realizar estadías de 10 días en establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia e beneficiarse dos efectos positivos que os tratamentos termais poidan ter para a súa saúde.
De conformidade co exposto, a adxudicación das estadías en establecementos balnearios e das axudas asociadas realizarase mediante esta convocatoria pública, que se rexerá polo procedemento de concorrencia competitiva.
Esta orde axústase ao disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
En consecuencia, e facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,
RESOLVO:
Artigo 1. Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de estadías de dez días en establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia no marco do programa Benestar en balnearios para o ano 2025 (código de procedemento BS607A), así como das correspondentes axudas en especie, e proceder á súa convocatoria.
2. Para os efectos desta orde, enténdese por establecementos balnearios aqueles que dispoñan de augas mineromedicinais declaradas de utilidade pública, de acordo co artigo 2 do Decreto 402/1996, do 31 de outubro, polo que se aproba o Regulamento de aproveitamento de augas mineromedicinais, termais e dos establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia.
3. As axudas previstas nesta convocatoria teñen como finalidade facilitar o desfrute das estadías e promover que as persoas beneficiarias poidan aproveitar os efectos positivos dos tratamentos termais para a súa saúde e benestar.
Artigo 2. Procedemento de concesión
O procedemento de concesión das estadías e das axudas tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, de acordo co disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, por resultar necesario realizar unha comparación e prelación das solicitudes presentadas segundo criterios de baremación previamente establecidos. Esta prelación xustifícase pola existencia dun número limitado de prazas dispoñibles.
Artigo 3. Persoas beneficiarias e requisitos para a obtención das prazas nas estadías e das axudas
1. Poderán ser persoas beneficiarias do programa Benestar en balnearios para o ano 2025 aquelas que cumpran os seguintes requisitos:
a) Ter 60 anos ou máis, ou ter 55 anos ou máis e posuír a condición de pensionista do sistema da Seguridade Social, polos conceptos de xubilación, invalidez, viuvez ou outras pensións.
b) Estar empadroada e residir nalgún concello da Comunidade Autónoma de Galicia.
c) Valerse por si mesma para as actividades da vida diaria e atoparse en condicións de participar no programa.
d) Non padecer alteracións do comportamento que poidan afectar a convivencia normal nos establecementos, nin enfermidades transmisibles que supoñan risco de contaxio.
e) Non ter contraindicación médica para a recepción dos tratamentos termais.
f) Acadar, de conformidade co baremo establecido, a puntuación necesaria que lle permita acceder a algunha das prazas e quendas solicitadas.
g) Cumprir cos requisitos e obrigas establecidos nos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. A persoa solicitante poderá participar na convocatoria da oferta de estadías e tratamentos do programa acompañada das seguintes persoas:
a) O seu cónxuxe, parella de feito ou persoa con que manteña unha unión estable e de convivencia cunha relación análoga á conxugal, sempre que esta cumpra os requisitos do número 1, agás o recollido na letra a).
b) Un fillo ou filla cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, sempre que poida acudir sen apoio de terceira persoa, se desprace con autonomía, comparta o cuarto coas persoas proxenitoras solicitantes e cumpra os demais requisitos do número 1, agás o da letra a).
c) Calquera outra persoa con que desexe participar no programa, sempre que cumpra integramente os requisitos establecidos no número 1.
3. As persoas solicitantes terán que cumprir os requisitos establecidos na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes.
Artigo 4. Estadías nas prazas de establecementos balnearios e quendas convocadas
1. Convócanse un total de 1.276 prazas para participar no programa Benestar en balnearios 2025 da Xunta de Galicia, que se desenvolverá nas quendas e establecementos balnearios recollidos no anexo IV desta orde.
2. Cada quenda terá unha duración de 10 días e 9 noites, e comprende desde as 12.00 horas do día de chegada ata as 12.00 horas do día de saída.
3. As quendas terán lugar entre o 15 de xullo e o 31 de decembro de 2025.
Artigo 5. Servizos e prestacións ofertados
1. A estadía inclúe os seguintes servizos e prestacións:
a) Aloxamento e manutención en réxime de pensión completa, en habitacións dobres de uso compartido. No caso de existir dispoñibilidade, poderá optarse por habitación individual.
b) Tratamentos termais segundo as indicacións terapéuticas específicas de cada establecemento recollidas no anexo IV, que comprenderán:
1º. Recoñecemento médico inicial, ao chegar ao balneario, para a prescrición do tratamento.
2º. Tratamento termal básico prescrito polo persoal médico do establecemento.
3º. Seguimento médico durante a estadía.
c) Programa de actividades de animación sociocultural organizadas polo propio establecemento balneario.
d) Póliza colectiva de seguro turístico.
2. No caso de optar por habitación individual e existir dispoñibilidade, a persoa beneficiaria deberá aboar a diferenza entre o custo da habitación dobre e o prezo total da habitación individual.
3. As persoas solicitantes que precisen algún tipo de apoio específico ou dieta especial deberán indicalo no modelo normalizado (anexo I) no momento de presentar a solicitude e acreditalo no momento da incorporación á quenda.
4. As actividades ou excursións organizadas polo establecemento balneario que impliquen un custo adicional non están incluídas no programa. A participación nestas será voluntaria e por conta da persoa interesada.
5. O desprazamento desde o domicilio ata o establecemento balneario, así como o de regreso, será responsabilidade das persoas beneficiarias. Non obstante, poderán acollerse ás opcións de transporte que, se é o caso, ofreza o propio establecemento.
Artigo 6. Prezo das estadías e importe da axuda
1. O prezo que deberá aboar cada persoa beneficiaria por estadía, segundo o tipo de establecemento e a quenda adxudicada, será o seguinte:
– Balnearios con establecementos hoteleiros de 4 estrelas ou de 3 estrelas categoría superior: 377,89 €.
– Balnearios con establecementos hoteleiros de 3, 2 ou 1 estrela: 349,89 €.
– Balnearios con outro tipo de aloxamento: 269,17 €.
2. Estes importes teñen carácter de prezo pechado e inclúen todos os servizos da quenda correspondente. Non se efectuará ningunha dedución cando, por causas imputables á persoa beneficiaria, non se desfruten a totalidade dos servizos.
3. A Consellería de Política Social e Igualdade contribuirá ao financiamento das estadías mediante unha achega por praza, nos seguintes importes:
– Balnearios con establecementos hoteleiros de 4 estrelas ou de 3 estrelas categoría superior: 262,08 €.
– Balnearios con establecementos hoteleiros de 3, 2 ou 1 estrela: 258,31 €.
– Balnearios con outro tipo de aloxamento: 247,39 €.
4. A achega da Consellería será aboada directamente ao establecemento balneario correspondente. A persoa beneficiaria deberá aboar o importe restante segundo os prezos fixados nos contratos formalizados cos establecementos recollidos no anexo IV.
Artigo 7. Compatibilidade da axuda
A obtención desta axuda é compatible con outras outorgadas coa mesma finalidade por todo tipo de organismos públicos ou privados, nacionais, da UE ou de organismos internacionais, sen que en ningún caso o seu importe poida ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o importe do gasto subvencionado.
Artigo 8. Solicitudes e prazo de presentación
1. As solicitudes presentaranse preferentemente por medios electrónicos, a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), co código de procedemento BS607A.
Opcionalmente, tamén se poderán presentar presencialmente en calquera dos lugares e os rexistros previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos na sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.
Cando o último día do prazo sexa inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte. Así mesmo, de acordo co disposto no artigo 30.5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, cando no mes de vencemento non exista día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
3. A presentación da solicitude implicará a aceptación expresa das condicións e obrigas establecidas nesta orde, así como a aceptación da axuda.
Artigo 9. Documentación complementaria
1. As persoas solicitantes deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) Anexo II, se procede: datos do/da fillo/a da persoa solicitante. Xunto con este anexo deberá presentarse:
a.1) Copia do pasaporte do fillo ou da filla con discapacidade acompañante, se procede.
a.2) Informe médico actualizado do/da fillo/a, no caso de ter algunha limitación, alerxia ou enfermidade que requira dalgunha atención especial como tratamento farmacolóxico, alimentación, accesorio de apoio, habitación individual ou similar.
a.3) Certificado do grao de discapacidade, se non foi expedido pola Xunta de Galicia ou non consta no seu poder.
b) Anexo III, se procede: datos da persoa acompañante. Xunto con este anexo deberá presentarse:
b.1) Copia do pasaporte da persoa acompañante, se procede.
b.2) Informe médico actualizado da persoa acompañante, no caso de ter algunha limitación, alerxia ou enfermidade que requira dalgunha atención especial como tratamento farmacolóxico, alimentación, accesorio de apoio, habitación individual ou similar.
b.3) Certificado das pensións non outorgadas polo Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) nin pola Xunta de Galicia, de ser o caso.
c) Copia do pasaporte da persoa solicitante, se procede.
d) Copia do libro de familia ou certificado do Rexistro Civil, no caso de que a persoa solicitante acuda acompañada dun fillo ou filla con discapacidade.
e) Certificado das pensións non outorgadas polo Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) nin pola Xunta de Galicia, da persoa solicitante, se procede.
f) Informe médico actualizado da persoa solicitante, no caso de ter algunha limitación, alerxia ou enfermidade que requira dalgunha atención especial como tratamento farmacolóxico, alimentación, accesorio de apoio, habitación individual ou similar.
2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, para poder acceder a eles electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a súa oposición expresa.
De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
3. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.
Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e dos rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
Sempre que a documentación se presente separadamente da solicitude, deberá indicarse o código e órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e, se se dispón del, o número de expediente.
Artigo 10. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos, que consten en poder da Administración actuante ou fosen elaborados por outras administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña expresamente á súa consulta:
a) Documento nacional de identidade (DNI) ou número de identificación de estranxeiro (NIE) da persoa solicitante e, de ser o caso, da persoa acompañante: cónxuxe, parella de feito ou persoa unida por relación análoga á conxugal, fillo/a con discapacidade ou outra persoa acompañante.
b) Datos de residencia con indicación da última variación no padrón, tanto da persoa solicitante como, de ser o caso, da persoa acompañante e do/da fillo/a con discapacidade.
c) Declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF) correspondente ao último exercicio dispoñible, tanto da persoa solicitante como, de ser o caso, da persoa acompañante.
d) Certificado das pensións recoñecidas polo Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) á persoa solicitante e á persoa acompañante, se procede.
e) Certificado das pensións recoñecidas pola Xunta de Galicia á persoa solicitante e á persoa acompañante, se procede.
f) Certificado do grao de discapacidade do fillo ou filla da persoa solicitante, se o dito certificado fora expedido pola Xunta de Galicia.
g) Certificado de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), tanto da persoa solicitante como da acompañante, se procede.
h) Certificado de estar ao día no pagamento das cotizacións á Seguridade Social, da persoa solicitante e, se procede, da persoa acompañante.
i) Certificado de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias coa Axencia Tributaria de Galicia (Atriga), tanto da persoa solicitante como da acompañante, se procede.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas solicitantes a presentación dos documentos correspondentes.
Artigo 11. Emenda das solicitudes
No caso de que a solicitude non reúna os requisitos establecidos nesta orde, ou de que non se achegue a documentación exixida, o órgano instrutor requirirá a persoa solicitante para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa indicación de que, se non o fixese, se terá por desistida da súa solicitude, de conformidade co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Artigo 12. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
A sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, as persoas interesadas tamén poderán realizar os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 13. Instrución e Comisión de Avaliación
1. O órgano instrutor do procedemento será a Subdirección Xeral de Envellecemento Activo, Prevención da Dependencia e Innovación Sociosanitaria da Consellería de Política Social e Igualdade, que realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales deba formular a proposta de resolución.
2. Constituirase un órgano colexiado, a Comisión de Avaliación, que será responsable de avaliar as solicitudes e de emitir o correspondente informe en que se concrete o resultado da valoración realizada.
3. A Comisión de Avaliación rexerase polo establecido na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico, no relativo aos órganos colexiados, e estará integrada polos seguintes membros:
a) A persoa titular da subdirección xeral con competencias en materia de envellecemento activo, prevención da dependencia e innovación sociosanitaria da Consellería de Política Social e Igualdade, ou persoa que a substitúa, que exercerá a presidencia. En caso de ausencia, será substituída por unha persoa funcionaria designada para tal efecto pola persoa titular da Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria.
b) A persoa titular do servizo con competencias en materia de envellecemento activo e prevención da dependencia da Consellería de Política Social e Igualdade.
c) Unha persoa funcionaria do citado servizo designada pola persoa titular da presidencia.
d) Unha persoa funcionaria designada pola persoa titular da presidencia, que exercerá a secretaría da Comisión.
Na composición da Comisión de Avaliación procurarase garantir a presenza equilibrada de mulleres e homes, de conformidade co principio de representación equilibrada recollido na normativa vixente en materia de igualdade.
4. A Comisión de Avaliación poderá adoptar validamente os seus acordos sempre que concorran a persoa que exerza a presidencia, a persoa que exerza a secretaría e, cando menos, a metade dos seus membros. En caso de ausencia dalgunha das persoas titulares recollidas nas letras b), c) e d) do número anterior, serán substituídas por persoal funcionario designado para tal fin pola persoa que exerza a presidencia.
5. Finalizado o proceso de avaliación, a Comisión de Avaliación emitirá un informe no cal se concrete o resultado da valoración efectuada e a orde de prelación das solicitudes.
Artigo 14. Criterios de avaliación
A Comisión de Avaliación aplicará os seguintes criterios e baremos para a valoración das solicitudes, ata un máximo de 50 puntos:
a) Idade da persoa solicitante e, de ser o caso, da persoa cónxuxe ou acompañante: máximo 10 puntos.
1º. Menos de 65 anos: 2 puntos.
2º. Entre 65 e 74 anos: 4 puntos.
3º. Entre 75 e 84 anos: 6 puntos.
4º. Con 85 ou máis anos: 10 puntos.
Para o cálculo desta variable computarase a idade da persoa solicitante e, se procede, a da persoa cónxuxe (matrimonio ou parella de feito) ou acompañante, e aplicarase a puntuación media resultante.
b) Situación económica: ingresos mensuais brutos da persoa solicitante e, de ser o caso, da persoa cónxuxe ou acompañante: máximo 40 puntos.
1º. Con ingresos mensuais inferiores ou iguais a 600,00 €: 40 puntos.
2º. Con ingresos mensuais comprendidos entre 600,01 € e 800,00 €: 30 puntos.
3º. Con ingresos mensuais comprendidos entre 800,01 € e 1.000,00 €: 20 puntos.
4º. Con ingresos mensuais comprendidos entre 1.000,01 € e 1.184,00 €: 10 puntos.
5º. Con ingresos mensuais superiores a 1.184,00 €: 0 puntos.
A valoración desta variable realizarase conforme o establecido no anexo V. Para o cálculo teranse en conta os ingresos brutos mensuais da persoa solicitante e, se é o caso, da persoa cónxuxe (matrimonio ou parella de feito) ou acompañante, e aplicarase a puntuación media resultante.
Para determinar os ingresos mensuais medios computaranse todos os ingresos percibidos por cada unha das persoas computables ao longo do último ano dispoñible, divididos entre 12 meses.
En caso de empate na puntuación total, terán preferencia, por esta orde, as solicitudes correspondentes a persoas con menores ingresos e, en segundo lugar, as de maior idade.
Artigo 15. Proposta de resolución
O órgano instrutor, á vista do informe emitido pola Comisión de Avaliación, elevará ao órgano competente para resolver a correspondente proposta de resolución. Esta proposta incluirá a relación das solicitudes que se propoñen para a concesión de estadías en prazas dos establecementos balnearios, ata esgotar a totalidade das ofertadas.
As solicitudes que, reunindo os requisitos establecidos nesta orde, non acaden praza por razón da súa puntuación, integrarán unha lista de espera que se poderá empregar para cubrir posibles vacantes derivadas de renuncias ou outras circunstancias sobrevidas que impidan a ocupación das prazas inicialmente concedidas.
Artigo 16. Resolución e notificación
1. A competencia para ditar a resolución do procedemento corresponde á persoa titular da Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social e Igualdade.
2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. O prazo concluirá o mesmo día ordinal da publicación e, de non existir día equivalente no mes de vencemento, entenderase que expira o último día dese mes.
Transcorrido o dito prazo sen que se dite e notifique resolución expresa, as solicitudes entenderanse desestimadas por silencio administrativo, de conformidade co disposto no artigo 25.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
3. A resolución e demais actos administrativos que afecten as persoas interesadas publicaranse no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro. Non obstante, e tendo en conta que a publicación íntegra destes actos podería afectar dereitos ou intereses lexítimos das persoas solicitantes, publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Política Social e Igualdade (http://politicasocial.xunta.gal) unha indicación do acto ditado, xunto co resultado da avaliación das solicitudes, conforme o disposto no artigo 46 da devandita lei.
4. A resolución de concesión indicará o establecemento balneario e a quenda asignada, o custo total da estadía, o importe que debe aboar a persoa beneficiaria en concepto de reserva de praza, os trámites necesarios para formalizar a adxudicación definitiva, así como a documentación que debe achegarse e o material ou accesorios que cómpre levar para incorporarse ao programa.
5. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos mediante os modelos normalizados dispoñibles.
6. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario.
7. No caso de optar pola notificación en papel practicarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
8. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
9. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
10. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 17. Réxime de recursos
1. A resolución ditada neste procedemento pon fin á vía administrativa. Contra ela poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo, de conformidade co previsto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, se esta for expresa. No caso de que a notificación non for expresa, o prazo será de seis meses, contados desde o día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto.
2. Malia o anterior, poderase interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes, que comezará a contar a partir do día seguinte ao da súa notificación, se esta for expresa. Se non o for, poderase interpor recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.
Artigo 18. Confirmación das estadías nas prazas e adxudicación definitiva
Unha vez notificada a concesión da estadía na praza do establecemento balneario, as persoas beneficiarias deberán confirmar por escrito a súa aceptación no prazo que se lles indique na resolución de concesión. Esta aceptación deberá ir acompañada do xustificante de pagamento da cantidade de 30 €, en concepto de reserva de praza, directamente ao establecemento balneario asignado.
A falta de confirmación expresa da aceptación ou do aboamento da contía correspondente no prazo establecido na resolución de concesión determinará que esta quede sen efecto. Neste caso, entenderase que a persoa interesada renuncia á praza adxudicada, perderá a condición de persoa beneficiaria e a praza será incorporada á lista de vacantes.
Ningunha persoa solicitante que resultase beneficiaria dalgunha quenda deste programa poderá participar noutra distinta, tampouco en calidade de acompañante, agás que se trate dunha praza vacante para a cal non exista ningunha outra persoa adxudicataria.
Artigo 19. Obrigas das persoas adxudicatarias das estadías e beneficiarias da axuda
1. Ademais das obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e sen prexuízo doutras obrigas derivadas da normativa aplicable, as persoas beneficiarias destas axudas están obrigadas a:
a) Respectar e cumprir as normas de réxime interno do establecemento balneario, así como os protocolos específicos que este poida establecer. O seu incumprimento poderá dar lugar, logo de audiencia da persoa interesada, á perda da condición de persoa beneficiaria.
b) Deixar os cuartos libres, como prazo máximo, ás 12.00 horas da mañá do último día da estadía.
c) Responder dos danos ocasionados polo mal uso das instalacións, materiais ou utensilios.
Artigo 20. Lista de agarda e lista de vacantes
1. As persoas solicitantes que, reunindo os requisitos establecidos no artigo 3, non obteñan praza serán incluídas nunha lista de agarda que se publicará na páxina web da Consellería de Política Social e Igualdade (http://www.xunta.gal/politica-social), coas limitacións precisas para o debido cumprimento da normativa reguladora de protección de datos.
As renuncias ás prazas adxudicadas darán lugar á súa cobertura segundo a orde de prelación da devandita lista de agarda.
2. Publicarase na mesma páxina web unha lista de vacantes correspondentes a prazas non cubertas, que serán ofertadas, por orde de puntuación, ás persoas solicitantes que manifestasen no anexo I a súa disposición a participar nesta lista.
Artigo 21. Forma de pagamento das estadías nos establecementos balnearios
As persoas que formalicen a adxudicación definitiva conforme o artigo 18 deberán aboar directamente no establecemento balneario, no momento da incorporación á quenda, o importe resultante da diferenza entre o prezo total da estadía e os 30 € previamente aboados en concepto de gastos de xestión e reserva.
Artigo 22. Devolución do importe da estadía no establecemento balneario
1. No caso de que, unha vez adxudicada a praza e aboado o importe correspondente, a persoa beneficiaria non poida asistir á actividade, unicamente terá dereito á devolución das cantidades pagadas nos seguintes supostos, debidamente acreditados:
a) Cancelación da actividade ou imposibilidade de prestación do servizo por causas non imputables á persoa interesada.
b) Ingreso hospitalario ou causa médica grave da persoa beneficiaria que impida a súa incorporación. Esta circunstancia deberá xustificarse mediante informe médico e/ou hospitalario.
c) Falecemento ou enfermidade grave dun familiar ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade. Esta circunstancia deberá xustificarse con informe médico, hospitalario ou certificado de defunción, segundo proceda.
2. No caso de que a persoa beneficiaria abandone a estadía unha vez iniciada, sexa cal for o motivo, non terá dereito a ningún tipo de devolución.
Artigo 23. Perda da condición de persoa beneficiaria das estadías do programa
Ademais das circunstancias recollidas no artigo 18, tamén perderán a condición de persoas beneficiarias do programa aquelas que, sen causa debidamente xustificada, non aboen ao establecemento balneario, ao inicio da quenda, o importe restante da estadía correspondente á praza asignada. Esta perda formalizarase mediante resolución motivada, nos termos establecidos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
A consignación ou achega de datos ou documentos falsos ou inexactos coa finalidade de obter unha praza neste programa suporá:
a) A cancelación da estadía obtida, no caso de que a persoa non chegase a participar na quenda concedida.
b) A obriga de aboar a totalidade do custo da estadía, no caso de que xa se teña feito uso dela, sen prexuízo das accións legais que poidan proceder en aplicación da normativa vixente.
Artigo 24. Transparencia e bo goberno
1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, as persoas físicas ou xurídicas beneficiarias de subvencións estarán obrigadas a facilitar á Administración, ao organismo ou á entidade prevista no artigo 3.1 da devandita lei con que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para dar cumprimento ás obrigas de publicidade activa e transparencia previstas no título I da citada norma.
Artigo 25. Información ás persoas interesadas
A información e a documentación normalizada relativas a este procedemento poderán obterse a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), na Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria – Servizo de Envellecemento Activo e Prevención da Dependencia, na Guía de procedementos e servizos da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos), así como mediante o teléfono de información cidadá 012.
Disposición adicional primeira. Base de datos nacional de subvencións
A Consellería de Política Social e Igualdade transmitirá á Base de datos nacional de subvencións a información relativa ás subvencións concedidas ao abeiro desta orde, de conformidade co disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
Disposición adicional segunda. Delegación de competencias
Autorízase expresamente a persoa titular da Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria para actuar por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social e Igualdade, co fin de resolver sobre a concesión, denegación, modificación ou demais incidencias das subvencións reguladas nesta orde, así como para autorizar e dispoñer os correspondentes gastos, recoñecer obrigas e propoñer os pagamentos que procedan, de conformidade co disposto no artigo 73.a) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.
Disposición derradeira primeira. Habilitación para ditar instrucións
Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria para ditar, no ámbito das súas competencias, as instrucións necesarias para a correcta execución desta orde, as cales serán obxecto de publicación no Portal de benestar.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2025
Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Igualdade
