DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Luns, 16 de xuño de 2025 Páx. 33366

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Igualdade

EXTRACTO da Orde do 6 de xuño de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras da concesión de estadías en prazas de establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia dentro do programa Benestar en balnearios e de axudas para o ano 2025, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS607A).

BDNS (Identif.): 835306.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da orde cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/835306

Primeiro. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de estadías de dez días en establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia no marco do programa Benestar en balnearios para o ano 2025 (código de procedemento BS607A), así como das correspondentes axudas en especie e proceder á súa convocatoria.

Segundo. Persoas beneficiarias e requisitos

1. Poderán ser persoas beneficiarias do programa Benestar en balnearios para o ano 2025 aquelas que cumpran os seguintes requisitos:

a) Ter 60 anos ou máis, ou ter 55 anos ou máis e posuír a condición de pensionista do sistema da Seguridade Social, polos conceptos de xubilación, invalidez, viuvez ou outras pensións.

b) Estar empadroada e residir nalgún concello da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Valerse por si mesma para as actividades da vida diaria e atoparse en condicións de participar no programa.

d) Non padecer alteracións do comportamento que poidan afectar a convivencia normal nos establecementos, nin enfermidades transmisibles que supoñan risco de contaxio.

e) Non ter contraindicación médica para a recepción dos tratamentos termais.

f) Acadar, de conformidade co baremo establecido, a puntuación necesaria que lle permita acceder a algunha das prazas e quendas solicitadas.

g) Cumprir cos requisitos e obrigas establecidos nos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. A persoa solicitante poderá participar na convocatoria da oferta de estadías e tratamentos do programa acompañada das seguintes persoas:

a) O seu cónxuxe, parella de feito ou persoa con que manteña unha unión estable e de convivencia cunha relación análoga á conxugal, sempre que esta cumpra os requisitos do número 1, agás o recollido na letra a).

b) Un fillo ou filla cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, sempre que poida acudir sen apoio de terceira persoa, se desprace con autonomía, comparta o cuarto coas persoas proxenitoras solicitantes e cumpra os demais requisitos do número 1, agás o da letra a).

c) Calquera outra persoa con que desexe participar no programa, sempre que cumpra integramente os requisitos establecidos no número 1.

3. As persoas solicitantes terán que cumprir os requisitos establecidos na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes.

Terceiro. Servizos e prestacións ofertados

1. A estadía inclúe os seguintes servizos e prestacións:

a) Aloxamento e manutención en réxime de pensión completa, en habitacións dobres de uso compartido. No caso de existir dispoñibilidade, poderá optarse por habitación individual.

b) Tratamentos termais segundo as indicacións terapéuticas específicas de cada establecemento recollidas no anexo IV, que comprenderán:

1º. Recoñecemento médico inicial, á chegada ao balneario, para a prescrición do tratamento.

2º. Tratamento termal básico prescrito polo persoal médico do establecemento.

3º. Seguimento médico durante a estadía.

c) Programa de actividades de animación sociocultural organizadas polo propio establecemento balneario.

d) Póliza colectiva de seguro turístico.

2. No caso de optar por habitación individual e existir dispoñibilidade, a persoa beneficiaria deberá aboar a diferenza entre o custo da habitación dobre e o prezo total da habitación individual.

3. As persoas solicitantes que precisen algún tipo de apoio específico ou dieta especial deberán indicalo no modelo normalizado (anexo I) no momento de presentar a solicitude e acreditalo no momento da incorporación á quenda.

4. As actividades ou excursións organizadas polo establecemento balneario que impliquen un custo adicional non están incluídas no programa. A participación nestas será voluntaria e por conta da persoa interesada.

5. O desprazamento desde o domicilio ata o establecemento balneario, así como o de regreso, será responsabilidade das persoas beneficiarias. Non obstante, poderán acollerse ás opcións de transporte que, se é o caso, ofreza o propio establecemento.

Cuarto. Bases reguladoras

Orde do 6 de xuño de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras da concesión de estadías en prazas de establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia dentro do programa Benestar en balnearios e de axudas para o ano 2025, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS607A).

Quinto. Estadías nas prazas de establecementos balnearios e quendas convocadas

1. Convócanse un total de 1.276 prazas para participar no programa Benestar en balnearios 2025 da Xunta de Galicia, que se desenvolverá nas quendas e establecementos balnearios recollidos no anexo IV desta orde.

2. Cada quenda terá unha duración de 10 días e 9 noites, e comprende desde as 12.00 horas do día de chegada ata as 12.00 horas do día de saída.

3. As quendas terán lugar entre o 15 de xullo e o 31 de decembro de 2025.

Sexto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Cando o último día do prazo sexa inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte segundo o artigo 30.5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

A presentación da solicitude supón a aceptación das obrigas reguladas nesta orde para ser beneficiaria da axuda, así como a aceptación da axuda.

Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2025

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Igualdade