DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Luns, 16 de xuño de 2025 Páx. 33370

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

RESOLUCIÓN do 10 de xuño de 2025, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Panteón de Galegas e Galegos Ilustres.

Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, aprécianse os seguintes feitos e fundamentos de dereito:

Feitos:

1. O 13 de maio de 2025 presentouse a solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Panteón de Galegas e Galegos Ilustres.

2. A Fundación Panteón de Galegas e Galegos Ilustres constituírona o Parlamento de Galicia, representado polo seu presidente Miguel Ángel Santalices Vieira; a Xunta de Galicia, representada polo seu presidente Alfonso Rueda Valenzuela; o Concello de Santiago de Compostela, representado pola súa alcaldesa María Goretti Sanmartín Rei, e a Arquidiocese de Santiago de Compostela, representada polo seu arcebispo Francisco José Prieto Fernández, mediante escritura pública outorgada o 12 de abril de 2025, ante o notario de Santiago de Compostela Manuel Remuñán López, co número de protocolo 759.

3. A Fundación, consonte o artigo 6 dos citados estatutos, ten por obxecto: «no Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, dándolle continuidade ao Panteón de Galegos Ilustres situado na igrexa de San Domingos de Bonaval, en Santiago de Compostela, honraranse as galegas e os galegos que se distinguisen durante a súa vida polos servizos prestados a Galicia; particularmente:

a) Na defensa dos valores compartidos polo pobo galego, como o respecto á dignidade das persoas e aos seus dereitos, á liberdade ou á solidariedade.

b) Na reivindicación da cultura e a lingua galega e da personalidade histórica de Galicia.

c) Na contribución ao coñecemento científico e ao desenvolvemento das ciencias humanas, sociais, naturais, da saúde ou tecnolóxicas.

d) Na creación artística e literaria galega».

4. Na escritura de constitución da Fundación constan a cuestións relativas á identidade dos fundadores, á súa capacidade para constituíla, á súa vontade de facelo, en execución da Lei 5/2023, do 4 de agosto, do Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, á dotación, aos estatutos e á composición do padroado inicial, e que se rexerá pola citada Lei 5/2023, do 4 de agosto, pola Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, e polas demais leis e normas de ámbito xeral aplicables e polos seus estatutos.

5. Nos estatutos da Fundación constan a súa natureza de fundación pública, a súa denominación, o seu domicilio, o seu obxecto e finalidade, as regras para a aplicación das rendas aos fins fundacionais e para a determinación dos/das beneficiarios/as, a composición e as normas de funcionamento do padroado, e as causas de disolución e o destino dos bens e dereitos resultantes da súa liquidación.

6. O padroado inicial da Fundación está formado polo titular da Presidencia do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, como presidente; a titular da Vicepresidencia Primeira do Parlamento de Galicia, María Elena Candia López, como vicepresidenta primeira; a titular da Vicepresidencia Segunda do Parlamento de Galicia, María Montserrat Prado Cores, como vicepresidenta segunda; a titular da Secretaría do Parlamento de Galicia, Ethel María Vázquez Mourelle, como secretaria; a titular da Vicesecretaría do Parlamento de Galicia, Patricia Iglesias Rey, como vicesecretaria, e o titular da Presidencia da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda Valenzuela; a titular da Alcaldía de Santiago de Compostela, María Goretti Sanmartín Rei, e o arcebispo de Santiago de Compostela, Francisco José Prieto Fernández, como vogais.

7. A Comisión integrada polos secretarios xerais técnicos de todas as consellerías elevou ao conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e segundo establecen os artigos 47.2 da citada lei, 51 do Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, e 7 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, o protectorado será exercido polo departamento da Xunta de Galicia que teña atribuídas as competencias correspondentes aos fins fundacionais.

8. De conformidade coa citada proposta, por la Orde da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, do 30 de maio de 2025 (Diario Oficial de Galicia núm. 108, do 9 de xuño), clasificouse de interese cultural a Fundación Panteón de Galegas e Galegos Ilustres e adscribiuse á Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.

Fundamentos de dereito:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, en relación co Decreto 146/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude (DOG núm. 101, do 27 de maio), corresponde a esta consellería a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia de conformidade co indicado no dito regulamento.

Á vista do que antecede, e tendo en consideración o establecido na normativa vixente en materia de fundacións de interese galego e nas demais normas de xeral e pertinente aplicación, en uso das competencias atribuídas polo Decreto 146/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar de interese galego a Fundación Panteón de Galegas e Galegos Ilustres.

Segundo. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, Sección da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

Terceiro. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 5/2023, do 4 de agosto, do Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, no Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, no Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, e na demais normativa de aplicación, e especialmente ás obrigas de dar publicidade suficiente dos seus obxectivos e actividades, da ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, así como á de presentación anual da documentación contable e do plan de actuación ante o protectorado.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse un recurso de alzada, ante o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación, de acordo co sinalado nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2025

Elvira María Casal García
Secretaria xeral técnica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude