O Decreto 37/2006, do 2 de marzo, polo que se regula o nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia, modificado polo Decreto 60/2019, do 23 de maio, incorpora a disposición transitoria segunda, que contén unha habilitación para elaborar unha lista única como resultado da funcionarización. Esta disposición foi obxecto de desenvolvemento pola Orde da Consellería de Facenda e Administración Pública do 20 de xullo de 2021 (DOG do 30 de xullo).
De conformidade co artigo 4.1 da Orde do 20 de xullo de 2021, poderán crearse novas listas para a cobertura transitoria de prazas de persoal funcionario naqueles supostos en que non existan listas de natureza funcionarial para dar cobertura aos postos das categorías laborais que se funcionarizan. No seu artigo 8 disponse que o procedemento para a presentación de solicitudes de inclusión nas listas de vinculación temporal de nova creación ao abeiro do previsto no seu artigo 4 se regulará polo establecido na Orde do 22 de febreiro de 2021 (código de procedemento AP522T).
Mediante resolucións do 12 de febreiro de 2025, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (DOG núm. 31, do 14 de febreiro), acordouse a creación das listas únicas, reguladas polo Decreto 37/2006, do 2 de marzo (DOG núm. 48, do 9 de marzo), para a cobertura con carácter transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario dos corpos, escalas ou especialidades que se relacionan no anexo I desta resolución e a apertura dun prazo de presentación de solicitudes, exclusivamente para as persoas integrantes das listas de contratación temporal de categorías profesionais laborais equivalentes, de conformidade coas equivalencias establecidas no Decreto 165/2019, do 26 de decembro, nas condicións establecidas na Orde do 20 de xullo de 2021.
Segundo o establecido no artigo cuarto das ditas resolucións do 12 de febreiro de 2025, o procedemento para a presentación de solicitudes de inclusión nas listas únicas de vinculación temporal estaba regulado de conformidade coa Orde do 22 de febreiro de 2021 (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).
No artigo terceiro das ditas resolucións do 12 de febreiro de 2025 establécense os requisitos que deben posuír na data de presentación da solicitude, así como no momento da toma de posesión como persoal funcionario interino, as persoas solicitantes para seren admitidas nas listas.
O prazo para a presentación de solicitudes iniciouse o 15 de febreiro de 2025 e finalizou o 28 de febreiro de 2025.
Rematado o dito prazo, foron examinadas as instancias presentadas coa finalidade de comprobar a concorrencia dos requisitos exixidos para seren admitidas nas listas únicas, nos termos establecidos nos artigos 2 e 6 e disposición transitoria primeira da Orde do 20 de xullo de 2021.
Concluídos os anteriores traballos, elaboradas e aprobadas as listaxes correspondentes, a Comisión Permanente, de acordo co establecido no artigo 4 do Decreto 37/2006, do 2 de marzo, en relación co artigo 10 da Orde do 20 de xullo de 2021, acorda elevar á titular da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal as listaxes provisionais de persoas admitidas e excluídas para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
De conformidade co establecido no artigo 11 do Decreto 37/2006, do 2 de marzo, esta dirección xeral
RESOLVE:
Primeiro. Facer públicas as listas provisionais únicas para o desempeño transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario dos corpos, escalas e especialidades que se relacionan no anexo I desta resolución.
Segundo. As listas poderán consultarse no portal web corporativo da Xunta de Galicia, http://funcionpublica.xunta.gal, epígrafe <Listas de contratación>, e no Servizo de Atención e Información á Cidadanía a través do teléfono 012.
Nas ditas listas figura a seguinte información:
– Persoas solicitantes admitidas nas listas únicas, ao abeiro das resolucións do 12 de febreiro de 2025, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (DOG núm. 31, do 14 de febreiro), procedentes de listas de contratación temporal de categorías profesionais laborais equivalentes, con indicación da puntuación provisional resultante da aplicación do baremo, conforme o establecido no artigo 6 e na disposición transitoria primeira da Orde do 20 de xullo de 2021, en relación co seu artigo 2.
– Persoas solicitantes excluídas ao abeiro das resolucións do 12 de febreiro de 2025, con expresión da causa de exclusión.
Terceiro. As persoas interesadas disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para presentaren reclamacións ante a Comisión Permanente (Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, Consellería de Facenda e Administración Pública; Edificio Administrativo San Caetano, s/n, Santiago de Compostela).
Xunto coas ditas reclamacións, achegarase, de ser o caso:
– Documentación necesaria para emendar a causa de exclusión.
– Certificación de servizos prestados na Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ou en entidades públicas instrumentais do sector público autonómico incluídas no artigo 45.a) da Lei 16/2010, do 17 de decembro, no mesmo grupo, corpo ou escala, ou en categorías profesionais laborais declaradas equivalentes no anexo do Decreto 165/2019, nos termos previstos no artigo 9.b) do Decreto 37/2006, e 6 da Orde do 20 de xullo de 2021, segundo o modelo que figura como anexo II desta resolución. A certificación será expedida polas unidades seguintes:
– Servizos centrais:
Secretario/a xeral técnico/a, subdirector/a xeral ou xefes/as de servizo que teñan atribuídas funcións en materia de xestión de persoal, dependentes da Secretaría Xeral Técnica da consellería respectiva ou do ente público instrumental onde estea a prestar servizos ou onde os prestou por última vez.
– Servizos periféricos:
Directores/as territoriais ou funcionarios/as responsables da área de persoal dos departamentos territoriais da consellería ou do ente público instrumental onde preste servizos ou onde os prestou por última vez.
No suposto de que algunha das persoas solicitantes provisionalmente excluída non presente a documentación necesaria para emendar a causa de exclusión ou non emende esta quedará definitivamente excluída.
Cuarto. Unha vez transcorrido o prazo para formular alegacións, levaranse a efecto as emendas procedentes e daráselles publicidade ás listas definitivas no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2025
Nuria Aguilar Vázquez
Directora xeral de Emprego Público
e Administración de Persoal
ANEXO I
Corpos e escalas de persoal funcionario
|
Grupo |
Corpo/escala |
Denominación |
|
A2 |
209D |
Corpo facultativo de grao medio de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala de técnicos facultativos, especialidade de educador infantil (subgrupo A2) |
|
C1 |
208I |
Corpo administrativo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala de axentes de inspección, especialidade de mobilidade (subgrupo C1) |
|
C1 |
209O |
Corpo administrativo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala de axentes de inspección, especialidade vixilancia de estradas (subgrupo C1) |
|
C1 |
209G |
Corpo de axudantes de carácter facultativo de Administracion especial da Administracion xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala técnica de cociña (subgrupo C1) |
|
C1 |
209I |
Corpo de axudantes de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala técnica de análises de laboratorio (subgrupo C1) |
|
C1 |
20B6 |
Corpo de axudantes de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala técnica de recursos naturais e forestais, especialiade capataz (subgrupo C1) |
|
C1 |
209E |
Corpo de axudantes de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala técnica de mantemento de servizos (subgrupo C1) |
|
C2 |
207Z |
Corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala auxiliar de cociña (subgrupo C2) |
|
C2 |
208P |
Corpo de auxliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala auxiliar de laboratorio (subgrupo C2) |
|
C2 |
208N |
Corpo de auxliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala auxiliar de mantemento (subgrupo C2) |
|
C2 |
20D0 |
Corpo de auxliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala auxiliar de recursos naturais e forestais (subgrupo C2) |
|
C2 |
207X |
Corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala de gardas de recursos naturais (subgrupo C2) |
