DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 114 Martes, 17 de xuño de 2025 Páx. 33640

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 5 de xuño de 2025 pola que se suprimen as oficinas de rexistro das oficinas agrarias comarcais de Tui e Forcarei.

A Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, establece no seu artigo 33.3 que as oficinas da Rede de oficinas de atención á cidadanía e de rexistro crearanse, modificaranse e suprimiranse mediante orde da persoa titular da Consellería competente en materia de administracións públicas. De conformidade co artigo 8.2 do Decreto 191/2011, do 22 de setembro, de organización e funcionamento dos rexistros da Administración xeral e das entidades públicas instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia, tramitaranse previa proposta da Consellería ou entidade correspondente, logo de informe da Oficina do Rexistro Xeral.

O Decreto 136/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, regula no seu artigo 12 as funcións da Subdirección Xeral de Coordinación do Rexistro e Atención á Cidadanía, dependente da Secretaría Xeral Técnica, entre as cales consta a de dirección, coordinación e control das oficinas de rexistro e atención á cidadanía.

No anexo I do Decreto 191/2011, do 22 de setembro, figuran, entre outras, as oficinas de rexistro das oficinas agrarias comarcais de Tui e Forcarei.

O día 21 de abril de 2025 o secretario xeral técnico da Consellería do Medio Rural solicitou a supresión das ditas oficinas de rexistro. A supresión foi informada positivamente pola Oficina do Rexistro Xeral.

Tendo en conta a necesidade de optimización dos recursos públicos e o principio de eficacia que rexen a actuación da Xunta de Galicia, considérase conveniente a supresión das oficinas de rexistro das oficinas agrarias comarcais de Tui e Forcarei.

Polo exposto, e en uso das facultades que me confiren os artigos 34.6 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único

Suprímense as oficinas de rexistro das oficinas agrarias comarcais de Tui e Forcarei.

Disposición derradeira primeira

O establecido nesta orde non suporá incremento de gasto.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Nesa mesma data actualizarase para a cidadanía a relación de oficinas de rexistro, existente na páxina web institucional.

Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2025

Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes