O Pleno do Concello de Mugardos, na sesión ordinaria do 30 de abril de 2025, acordou solicitar á Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa do proxecto denominado Ampliación da rede municipal de saneamento de augas residuais no Monte (Santiago de Franza), ao abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.
Os bens en que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.
O 14 de maio de 2025 tivo entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia a solicitude do Concello de Mugardos e o expediente. O 27 de maio de 2025, a citada entidade local remitiu, a través do Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia, documentación complementaria á inicialmente enviada. O expediente contén a xustificación acreditativa da motivación para a declaración de urxente ocupación.
O expediente tratouse na Comisión de Secretarios Xerais previa á súa elevación ao Consello da Xunta de Galicia.
O expediente contén a documentación a que se refire o artigo primeiro da Orde do 7 de decembro de 1983, sobre declaracións de urxente ocupación, así como a exixida no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.
A xustificación da pertinencia da declaración de urxente ocupación baséase en que esta actuación ten como obxectivo dotar pequenos núcleos de poboación do indispensable servizo de saneamento e enlazalos coa rede xeral, de forma que sirvan ademais para poder continuar a rede a outros núcleos. A urxencia vén derivada da particularidade da orografía e do estado de diseminación poboacional do Concello de Mugardos, que precisa acometer con urxencia a execución dunha serie de ramais de saneamento para evitar que as vivendas continúen vertendo aos ríos lindeiros ou depuren e vertan os seus efluentes nos tradicionais pozos negros e así se poidan conectar á rede municipal de saneamento, eliminando deste xeito os impactos negativos sobre o ambiente e dando resposta ás situacións que na actualidade dentro do termo municipal non se acomodan á Directiva 91/271/CEE, sobre o tratamento das augas residuais urbanas. Asemade, a actuación resulta imprescindible para a prestación dos servizos municipais mínimos obrigatorios previstos para toda clase de concellos no artigo 26.1.a) da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, e precepto correlativo da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.
A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle á Xunta de Galicia, segundo o disposto nos artigos 27.2 e 28.2 do Estatuto de autonomía de Galicia. En virtude da asunción de transferencias de competencias do Estado á Xunta de Galicia en materia de Administración local realizada polo Decreto da Xunta 138/1982, do 1 de decembro, o Consello da Xunta é o competente para aprobar a declaración de urxente ocupación.
Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do nove de xuño de dous mil vinte e cinco,
DISPOÑO:
Artigo único
De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto denominado Ampliación da rede municipal de saneamento de augas residuais no Monte (Santiago de Franza), no termo municipal de Mugardos (A Coruña). De ser o caso, unha vez ocupados os terreos necesarios, deberanse obter as autorizacións que sexan necesarias dos organismos competentes, con carácter previo ao inicio das obras.
Santiago de Compostela, nove de xuño de dous mil vinte e cinco
Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente
Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes
