Expediente: IN407A 2024/348-4.
Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.
Denominación: Soterramento LMT VAR805 entre o CT 36CCJ7 e o CS 36CKQ7.
Concello: Vilanova de Arousa.
Feitos:
1. O 13.11.2024, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da instalación eléctrica denominada Soterramento LMT VAR805 entre o CT 36CCJ7 e o CS 36CKQ7.
A solicitude inclúe o proxecto de execución asinado polo enxeñeiro técnico industrial Rubén Maceiras Sánchez, colexiado 3191 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais da Coruña, e en que figura un orzamento total de 137.578,17 euros.
Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade a regulamentación da liña de media tensión VAR805. Para isto están previstas as seguintes actuacións no concello de Vilanova de Arousa:
– Desmontaxe do tramo aéreo entre o centro de transformación Esteiro 36CCJ7 e o centro de seccionamento rúa Cuxhaven 36CQ7 e a retirada dos seguintes apoios: 9R7WQ7VI//51, 9R665CNN//52, 9R4VH4PJ//53, 9R2K678S//54, 9R1M061B//55 e 9R08T9QM//56.
– Instalación dun paso aéreo subterráneo no apoio 9R8F7X2G//50 e retensado do van aéreo comprendido entre este apoio e o 9R9FMBJP//49.
Instalación dunha liña de media tensión subterránea en dúas actuacións.
2. Este departamento territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Vilanova de Arousa e o Servizo de Urbanismo de Pontevedra.
Os organismos non emitiron os condicionados técnicos, entendéndose en consecuencia a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro; sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar.
O 16.12.2024, o Departamento Territorial de Pontevedra da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático comunicou que a competencia para resolver os procedementos de autorización administrativa na zona de servidume de protección de dominio correspóndelle á Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, de conformidade co establecido na disposición adicional quinta en concordancia co artigo 11.1 do Decreto 137/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da citada consellería, e unha vez que recaera resolución no expediente se daría traslado. Ata o momento non consta o traslado da resolución.
Consideracións legais e técnicas.
1. O Departamento Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).
2. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:
• Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
• Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
• Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.
• Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.
• Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.
• Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.
• Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
3. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:
– Liña de media tensión subterránea (LMTS) a 20 kV, con condutor RHZ1-2OL 12/20 kV 1x240 mm2 Al, en dúas actuacións. A primeira actuación é de 685 metros de lonxitude, coa orixe no centro de transformación 36CCJ7 Esteiro e final no centro de seccionamento 36CKQ7 rúa Cuxhaven. A segunda é de 33 m de lonxitude, coa orixe no centro de transformación 36CCJ7 Esteiro e final no paso aéreo subterráneo proxectado no apoio 9R8F7X2G//50.
– Retensado do van aéreo comprendido entre os apoios 9R9FMBJP//49 e 9R8F7X2G//50 (143 metros de condutor LA-110).
– A instalación está situada no concello de Vilanova de Arousa (Pontevedra).
Conforme o indicado,
RESOLVO:
Outorgar á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A., as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada Soterramento LMT VAR805 entre o CT 36CCJ7 e o CS 36CKQ7, expediente IN407A 2024/348-4.
Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada de acordo coas seguintes condicións:
1. As características da instalación axustaranse en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e aos condicionados técnicos impostos polas administracións públicas, organismos ou empresas que presten servizos públicos ou de interese económico xeral, no relativo aos bens e dereitos da súa propiedade que se atopen afectados pola instalación, en especial os relativos ás distancias de seguridade, cruzamentos e paralelismos prescritos pola normativa vixente.
2. A empresa promotora asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.
3. En todo momento se deberán cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
4. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a execución. Unha vez constituídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante este departamento territorial acompañada da seguinte documentación:
As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.
• Un certificado dirección final de obra en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.
• Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.
O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución poderá dar lugar á súa revogación, logo da audiencia á promotora, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.
Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.
Pontevedra, 23 de maio de 2025
Beatriz López del Olmo
Directora territorial de Pontevedra
