DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 114 Martes, 17 de xuño de 2025 Páx. 33682

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

ORDE do 30 de maio de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para a promoción da artesanía galega e o fomento da súa comercialización, e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento IN201G).

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.17, atribúelle á nosa comunidade autónoma competencia exclusiva en materia de artesanía. No exercicio desta competencia aprobouse a Lei 8/2023, do 14 de decembro, de artesanía de Galicia, que regula o marco legal de actuación do sector artesán galego para manter e promover a súa importancia social, cultural, identitaria e económica e incrementar a súa profesionalización e competitividade, apostando por un sector forte e perdurable no tempo.

O Decreto 147/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración establece que lle corresponde á Dirección Xeral de Comercio e Consumo a planificación, a coordinación e o control das competencias da consellería en materia de comercio interior, exterior, artesanía e consumo. Dentro destas cabe sinalar, especificamente, a promoción, o fomento, a modernización e o desenvolvemento do comercio e a artesanía, así como a programación e a xestión de axudas destinadas a estes fins.

A importancia das actividades artesanais en Galicia reside non só nun plano social ou cultural, co que se adoitan identificar, senón que constitúen actividades con capacidade de xeración de emprego e riqueza desde o punto de vista económico. Abranguen, ademais, unha lista longa de oficios que se traduce nunha oferta produtiva moi diversificada que pode responder de xeito eficaz ás exixentes demandas do mercado actual. Todas estas actuacións teñen relación coas finalidades da iniciativa galega de concellos emprendedores, regulada na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, para favorecer, mediante a coordinación das administracións implicadas, a implantación e o funcionamento das iniciativas empresariais en Galicia con plenas garantías de sustentabilidade económica e con redución das barreiras normativas e administrativas, promovendo, en último termo, a mellora dos niveis de actividade económica, a consolidación do emprego de calidade e a mellora da calidade de vida da cidadanía de Galicia.

A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración consciente da importancia social, cultural, patrimonial e económica da artesanía galega, puxo en marcha o Plan de artesanía de Galicia que desenvolveu unha estratexia de promoción, impulso e mellora da competitividade do sector. As liñas marcadas na folla de ruta do dito plan van máis alá da súa vixencia temporal, cunha visión a máis longo prazo, imprescindible para acadar un sector artesanal sólido e sustentable no tempo.

Por isto cómpre dar continuidade ás medidas de fortalecemento da comercialización do sector artesanal galego que require, entre outras actuacións, o acceso a novos mercados tanto nacionais como internacionais, a apertura a clientes potenciais e a promoción das feiras e eventos sectoriais e de novas canles de comercialización da artesanía.

Cómpre, polo tanto, realizar unha nova convocatoria de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, co obxecto de impulsar accións de promoción comercial a través da participación en feiras e certames, así como a organización de eventos feirais para o fomento da comercialización da artesanía galega.

Segundo o exposto, en virtude das competencias que ten atribuídas a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración en materia de artesanía, e no exercicio das atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases (anexo I) polas cales se rexerá a concesión das subvencións da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, en réxime de concorrencia competitiva, para a promoción da artesanía galega e o fomento da súa comercialización (código de procedemento IN201G).

2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse as ditas subvencións para o ano 2025.

3. A xestión destas subvencións realizarase polo procedemento de concorrencia competitiva, de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración outorgante.

c) Eficiencia na asignación de efectivos e na utilización de recursos públicos.

Artigo 2. Financiamento

A concesión destas subvencións realizarase con cargo a dotación orzamentaria da Dirección Xeral de Comercio e Consumo recollida na Lei 4/2024, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025, destinando un total de 265.000,00 € que será imputado ao código de proxecto 2015 00276 e ás seguintes aplicacións orzamentarias:

Aplicación orzamentaria

Importe ( €)

Beneficiarias/os

14.06.751A.770.3. Comercialización artesanía de Galicia. Obradoiros artesáns.

180.000,00 €

Artigo 4 do anexo I

14.06.751A.761.5. Comercialización artesanía de Galicia. Corporacións locais.

50.000,00 €

Artigo 5 do anexo I

14.06.751A.781.4. Comercialización artesanía de Galicia. Asociacións profesionais artesanais.

35.000,00 €

Artigo 6 do anexo I

Artigo 3. Solicitudes, lugar e prazo de presentación

1. Para poder ser persoa ou entidade beneficiaria da subvención deberá presentarse unha única solicitude dirixida á Consellería de Emprego, Comercio e Emigración axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II (solicitude), que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 9 das bases reguladoras.

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos, a través do formulario normalizado, anexo II (solicitude), dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

3. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

4. Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

5. O prazo para presentar as solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao da publicación, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 4. Prazo de duración do procedemento de concesión

Unha vez finalizado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras, que non poderá ter unha duración superior a cinco meses contados a partir do día seguinte ao do remate do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido o dito prazo para resolver sen que se dite resolución expresa, as persoas e entidades interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 5. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 6. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, á que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 7. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que a persoas ou entidades interesadas deban realizar trala presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa ou entidade interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Información para as persoas interesadas

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código de procedemento IN201G, poderase obter información a través dos seguintes medios:

Páxina web oficial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración na súa epígrafe de axudas ou http://artesaniadegalicia.xunta.gal

Na Guía de procedementos e servizos da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.gal

Nos teléfonos 881 99 91 78 da Dirección Xeral de Comercio e Consumo.

Nos teléfonos 881 99 91 71 ou 881 99 91 75 da Fundación Pública Artesanía de Galicia.

Nos enderezos electrónicos dxc.axudas.comercio@xunta.gal e centro.artesania@xunta.gal

Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia: 012 (desde o resto do Estado: 902 12 00 12).

Artigo 9. Recursos

As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente orde de convocatoria porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as entidades interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta é expresa. Se a resolución non é expresa, a entidade solicitante e outras posibles persoas interesadas poderán interpor recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que a resolución debería ter sido ditada.

b) Recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta é expresa.

Disposición adicional primeira. Base de datos nacional de subvencións

De conformidade co establecido no artigo 21 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións.

Disposición adicional segunda. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de competencias da persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración na persoa titular da Dirección Xeral de Comercio, para resolver a concesión ou denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, e para resolver os procedementos perda de dereito ao cobramento e de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polas persoas ou entidades beneficiarias, respecto das resolucións concesorias de que derivan, ditadas por delegación da persoa titular da consellería.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Comercio e Consumo para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento e a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de maio de 2025

José González Vázquez
Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para a promoción da artesanía galega e o fomento da súa comercialización (código de procedemento IN201G)

Artigo 1. Obxecto e réxime das subvencións

1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto a concesión de subvencións para a promoción da artesanía galega e o fomento da súa comercialización (código de procedemento IN201G).

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

3. Así mesmo, quedará suxeito ao réxime de axudas de minimis (agás no caso dos concellos), polo que non poderán exceder os límites cuantitativos de 300.000,00 € nun período de tres anos establecidos no Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE 15.12.2023, serie L).

De conformidade coa antedita normativa, a axuda total de minimis concedida a unha única empresa non excederá os 300.000,00 € durante calquera período de tres anos. O concepto de única empresa inclúe a todas as empresas que teñan, polo menos, un dos seguintes vínculos entre si:

a) Unha empresa posúe a maioría dos dereitos de voto de accionistas ou socios doutra empresa.

b) Unha empresa ten dereito a nomear ou remover a maioría dos membros da administración, dirección ou control doutra empresa.

c) Unha empresa ten dereito a exercer unha influencia dominante sobre outra, en virtude dun contrato realizado con ela ou unha cláusula estatutaria da segunda empresa.

d) Unha empresa, accionista ou asociada a outra, controla en solitario, en virtude dun acordo realizado con outros accionistas ou socios destes últimos, a maioría dos dereitos de voto das/dos súas/seus accionistas.

As empresas que manteñan algunha das relacións previstas nas letras a) a d) a través doutra ou doutras empresas tamén terán a consideración de empresa única.

Artigo 2. Financiamento e concorrencia

1. As subvencións reguladas nesta orde consignaranse con cargo aos orzamentos da Dirección Xeral de Comercio e Consumo polo importe e con cargo ás aplicacións orzamentarias que se establezan en cada convocatoria.

2. Estas cantidades poderanse incrementar en función das solicitudes presentadas e de acordo coa dispoñibilidade de crédito, cando o aumento veña derivado:

Dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito.

Da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

O incremento do crédito quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

Nestes casos publicarase a ampliación de crédito polos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.

3. De existir remanente nunha aplicación orzamentaria, poderase reasignar a contía sobrante nas outras aplicacións. A reasignación levarase a cabo, logo da modificación orzamentaria pertinente.

4. O importe das subvencións en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras axudas das distintas administracións ou calquera dos seus entes públicos e privados, nacionais ou internacionais, supere o custo total do investimento subvencionable.

5. As subvencións previstas nesta orde serán incompatibles con calquera outra das financiadas por esta consellería e entes dependentes para os mesmos conceptos subvencionables e mesma persoa ou entidade beneficiaria.

Artigo 3. Persoas e entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases e sempre que nas persoas solicitantes non concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as persoas físicas ou xurídicas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado sen personalidade xurídica, legalmente constituídas e que, en todo caso, cumpran ademais os seguintes requisitos:

1. Titulares de obradoiros artesanais, xa sexan persoas físicas ou xurídicas e comunidades de bens, inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia. No caso de novos obradoiros, poderán solicitar a inscrición no dito rexistro ata o mesmo día en que presenten a solicitude de subvención.

2. Concellos da Comunidade Autónoma de Galicia. Os concellos deberán cumprir co deber de remisión das contas xerais de cada exercicio ao Consello de Contas, nos termos previstos no artigo 4 do Decreto 139/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

Primaranse aqueles concellos que coordinen as súas solicitudes e compartan ou mancomunen obras ou servizos, dando cumprimento así ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 28 de febreiro de 2013, polo que se aproban os criterios aplicables ás axudas e subvencións destinadas ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para primar proxectos de xestión compartida e incentivar procesos de fusión municipal.

3. Asociacións profesionais e empresariais de artesás/áns de Galicia legalmente constituídas das cales cando menos o 80 % dos seus membros, cun mínimo de 10, figuren inscritos como obradoiros artesáns no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.

Artigo 4. Titulares de obradoiros artesanais: actuacións subvencionables e intensidade da axuda

1. A intensidade da axuda será do 80 % do investimento subvencionable (IVE excluído) co límite máximo de 8.000,00 € de axuda para o conxunto das actuacións definidas no punto 2 deste artigo.

2. Considéranse actuacións subvencionables a participación como expositora/or en feiras ou eventos de interese artesanal, nacionais ou internacionais:

a) Feiras ou eventos profesionais de interese comercial para o sector artesanal.

A axuda concederase unicamente para a participación en feiras/eventos cuxo investimento subvencionable (sen IVE) sexa igual ou superior a 500,00 €.

Cada titular de obradoiro poderá solicitar ata 6 feiras ou eventos cun importe máximo de 3.000,00 € de axuda por feira/evento.

b) Feiras ou outros eventos non profesionais de venda directa de produtos artesanais.

A axuda concederase unicamente para a asistencia a feiras/eventos cuxo investimento subvencionable (sen IVE) sexa igual ou superior a 400,00 €.

Cada titular de obradoiro poderá solicitar ata 6 feiras ou eventos cun importe máximo 850,00 € de axuda por feira/evento.

c) Feiras ou eventos profesionais e non profesionais do período do Nadal 2024/25.

A axuda concederase unicamente para a asistencia a feiras ou eventos cuxo investimento subvencionable (sen IVE) sexa igual ou superior a 400,00 €. Cada titular de obradoiro poderá solicitar ata 3 feiras/eventos cun importe máximo de 1.500,00 € de axuda por feira/evento.

3. No caso de non dispor da documentación acreditativa da feira no momento da presentación da solicitude de subvención para as axudas das letras a) e b) do punto anterior, a axuda consistirá en tíckets de impulso á comercialización, que terán as seguintes modalidades:

a) Tícket de feiras ou eventos profesionais de interese comercial para o sector artesanal cun importe máximo de axuda cada un dos tíckets de: 500,00 €, 1.500,00 € e 3.000,00 €, cun máximo de 1 tícket por feira/evento e de 6 tíckets por obradoiro.

b) Tícket de feiras ou eventos non profesionais de venda directa de produtos artesanais cun importe máximo de axuda cada un dos tíckets de: 400,00 € e 850,00 €, cun máximo de 1 tícket por feira/evento e 6 tíckets por obradoiro.

O importe concedido na modalidade de tícket constitúe o importe da axuda máxima concedida para cada unha das actuacións subvencionables, con independencia do custo final da feira ou evento.

4. Así mesmo, en calquera momento antes de ditar a resolución de concesión, a persoa titular do obradoiro que xa asistiu a algunha feira ou evento a que se refiren as alíneas a) e b) do apartado 2 e que conte coa factura ou factura pro forma e, no seu caso, coa documentación xustificativa que así o acredite, poderá substituír a solicitude de tícket polo investimento realizado na feira/evento, presentando unha achega á solicitude na sede electrónica da Xunta de Galicia acompañada da documentación sinalada no artigo 9 das bases reguladoras.

Artigo 5. Concellos: actuacións subvencionables e intensidade da axuda

1. A intensidade da axuda será do 80 % do investimento subvencionable co límite máximo de 18.000,00 € de axuda para o conxunto das actuacións definidas no punto 2 deste artigo.

2. Considéranse actuacións subvencionables a organización e a celebración de feiras de interese artesanal:

a) Feiras monográficas cuxo obxectivo sexa a venda e posta en valor de produtos dun mesmo oficio tradicional.

– O límite máximo desta axuda é de 18.000,00 €.

b) Feiras non monográficas de distintos oficios.

Os importes máximos da subvención serán:

– 8.000,00 € por feira se contan cun mínimo dun 80 % de obradoiros artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia sobre o total de postos.

– 3.000,00 € por feira para aquelas que conten cun mínimo do 60 % de obradoiros artesáns mencionados na alínea anterior.

Artigo 6. Asociacións profesionais e empresariais de artesás/áns: actuacións subvencionables e intensidade da axuda

1. A intensidade da axuda será do 80 % do investimento subvencionable (IVE excluído agás no caso de que se acredite exención do IVE) co límite máximo de 20.000,00 € de axuda para o conxunto das actuacións definidas no punto 2 deste artigo.

2. Considéranse actuacións subvencionables:

a) A organización de feiras ou eventos de artesanía, no ámbito da Comunidade Autónoma,, e que conten cun mínimo dun 70 % de postos de obradoiros artesáns inscritos como obradoiros artesáns no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia sobre o total de postos. Corresponderalles unha axuda máxima de:

– 10.000,00 €, para a organización de feiras/eventos de 10 a 20 obradoiros artesáns.

– 12.000,00 €, para a organización de feiras/eventos de 21 a 30 obradoiros artesáns.

– 18.000,00 €, para a organización de feiras/eventos de máis de 30 obradoiros artesáns.

b) O mantemento da páxina web:

A subvención máxima para o mantemento da páxina web varía en función do número de asociados que figuren inscritos como obradoiros de artesanía no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, do seguinte xeito:

– 1.500,00 €, se son entre de 10 a 30 membros asociados inscritos.

– 3.000,00 €, se son entre 31 e 50 membros asociados inscritos.

– 5.000,00 € de axuda, se son máis de 50 membros asociados inscritos.

Artigo 7. Gastos subvencionables

1. Con carácter xeral e de acordo co establecido no artigo 29.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, consideraranse subvencionables os gastos e investimentos que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actuación subvencionada, sempre que estean comprendidos entre o 1 de xaneiro de 2025 e o 31 de outubro de 2025. Así mesmo, excepcionalmente, considéranse subvencionables os gastos efectuados desde o 1 de novembro ata o 31 de decembro de 2024 derivados da organización e participación en feiras ou eventos do período do Nadal 2024/25, así como os gastos efectuados no ano 2024 para o pagamento da reserva das feiras ou eventos.

2. Os gastos subvencionados nesta orde son investimentos de carácter inmaterial correspondentes a actuacións de promoción da artesanía de Galicia e fomento da súa comercialización, destinados a promover a diversificación dos produtos e expandir o mercado artesanal, tanto a nivel local como internacional, co fin de asegurar en vindeiros exercicios o mantemento dun tecido socioeconómico estable do sector. Deste xeito, considéranse gastos subvencionables aqueles gastos xerados directamente pola asistencia ou pola organización de feiras, exposicións e outros eventos de interese artesanal que supoñan a promoción, a visibilización da profesionalidade do sector e do prestixio e calidade da artesanía de Galicia, e sempre que os conceptos relacionados neste artigo se correspondan coas actuacións establecidas nos artigos 4, 5 e 6.

3. Son gastos subvencionables para a asistencia a feiras ou eventos como expositor/a, os seguintes conceptos relacionados directamente coa asistencia a feiras:

a) Os que ocasione o alugamento do espazo expositivo que se contrata.

b) Os seguros e aqueles servizos de carácter básico e obrigatorios sinalados polo regulamento da feira.

c) O transporte do material expositivo realizado por un transportista profesional.

d) No caso de feiras internacionais, os servizos de tradución e de transporte realizados por profesionais.

Exclúense os gastos derivados de: construción das casetas, seguros non obrigatorios, vixilancia, contratación de persoal de atención ao público, de intérpretes (coa excepción recollida na letra d), axudas de custo de manutención, desprazamentos, aloxamento e publicacións.

Non se consideran gastos subvencionables aqueles emanados de feiras ou eventos que xa fosen beneficiarios dunha subvención a concellos ou asociacións profesionais de artesáns/ás, para os gastos de infraestrutura e os servizos propiamente feirais, e os derivados das feiras ou eventos que contasen cunha axuda financeira da Fundación Pública Artesanía de Galicia.

4. Son gastos subvencionables para a promoción e organización de feiras ou eventos:

a) A infraestrutura e os servizos propiamente feirais.

b) A promoción da feira e o investimento en campañas publicitarias.

c) A promoción de oficios artesanais mediante a demostracións en vivo e obradoiros artesanais e divulgativos.

Exclúense os gastos derivados de: seguros non obrigatorios, axudas de custo de manutención, desprazamentos e aloxamento, agasallos promocionais e a realización de cócteles e actos análogos, gastos de persoal propio da entidade de que se trate, así como calquera outro gasto derivado da súa actividade habitual.

5. Son gastos subvencionables da páxina web:

a) Os gastos de mantemento e actualización de contidos de promoción artesanal e fomento da comercialización da artesanía.

b) As ferramentas de posicionamento dixital (SEO, SEM, ADS).

c) A imaxe dixital (fotografías, vídeos de promoción de oficios artesanais, de feiras e exposicións de artesanía, etc.).

6. No suposto dos concellos, os gastos subvencionables deberán cumprir o establecido no artigo 3 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

7. Con carácter xeral quedan excluídos desta orde de axudas os seguintes gastos:

a) A organización, a celebración e a participación de feiras/eventos de carácter gastronómico, turístico e festivais musicais.

b) Os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación e os impostos persoais sobre a renda, conforme establece o artigo 29.8 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

c) Aqueles que non estean directamente vinculados coa realización da actuación subvencionable, e/ou directamente relacionados coa cualificación dos obradoiros inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.

d) Os que teñan un custo superior ao valor do mercado.

8. Para os efectos de considerar que un gasto é subvencionable ao abeiro desta orde de subvencións, a Dirección Xeral de Comercio e Consumo poderá solicitar informes á Fundación Pública Artesanía de Galicia co fin de que esta determine se as actuacións para as que se solicita a subvención teñen un carácter de indubidable interese comercial para o sector artesanal.

Artigo 8. Condicións específicas das páxinas web

As páxinas web, para ser obxecto de subvención, deberán cumprir cos requisitos que se indican nos apartados seguintes.

Para os efectos de entender cumpridos estes requisitos as entidades deberán marcar no anexo de solicitude, no apartado de declaracións responsables, que si cumpren as condicións específicas exixidas neste artigo. Non obstante o órgano xestor das axudas poderá exixir en calquera momento a acreditación de determinadas condicións.

1. Características técnicas:

a) Rexistro do dominio por un período dun ano, no que figure como titular a asociación para o que se desenvolve o servizo.

b) Proporcionar o aloxamento (hosting) durante un ano, para que a web estea dispoñible durante ese período de tempo.

c) O hosting deberá dispoñer de certificado para comunicacións seguras SSL e estar configurado para que empregue o protocolo HTTPS.

d) Web autoxestionable: deberá contar cun panel de xestión dos contidos para que o beneficiario poida cambiar a información do sitio web.

e) Web responsive: debe estar adaptada a todos os dispositivos.

f) A web deberá ser desenvolvida para a asociación nun xestor de contidos (CMS) ou a medida, de forma que permita o aceso ao código para futuros cambios e melloras da web con independencia da empresa que a desenvolva. A web deberá ser en propiedade e nunca en aluguer. Exclúense desta subvención as solucións cloud propietarias e pechadas.

g) A páxina web contará cunha optimización SEO básica que implicará que todas as páxinas leven título, descrición e os elementos fundamentais como un robots.txt axeitado e un sitemap do sitio.

h) As imaxes deberán estar optimizadas empregando a resolución óptima para web de 72dpi e procurando que o seu peso sexa o menor posible.

i) Deberá ter instalada unha ferramenta de analítica web para o coñecemento do tráfico da páxina por parte do negocio.

j) Dispoñer dun sistema de xestión para a venda dos produtos.

k) Ter pasarela de pagamento.

2. Consideracións legais:

a) A web deberá incluír aqueles textos legais necesarios para o cumprimento normativo, así como un sistema de xestión de cookies que permita seleccionar ao usuario as cookies ou grupos de cookies que desexa autorizar a instalar segundo a finalidade destas.

No caso de páxinas webs con venda online, ademais, deberán cumprir coa Lei 34/2002, do 11 de xullo, de servizos da sociedade da información e do comercio electrónico. Especificamente deberán contar cun aviso legal onde figure a información do responsable do sitio e as condicións xerais de uso da web. Incluirán por tanto a páxina de política de cookies e aviso legal.

b) Adicionalmente incluirán a páxina de política de privacidade, na que se especificarán as condicións do tratamento dos datos persoais (RGPD e LOPDGDD).

c) Cumprir cos requisitos exixidos no Real decreto lexislativo 1/2007, do 16 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral para a defensa dos consumidores e usuarios e outras leis complementarias, en especial o contido no artigo 97 (información contractual), e nos artigos relativos as cláusulas abusivas (artigos 82 a 91).

d) Ter en conta o establecido no Regulamento (UE) nº 524/2013 do Parlamento Europeo e Consello, do 31 de maio de 2013, sobre resolución de litixios en liña en materia de consumo e polo que se modifica o Regulamento CE nº 2006/2004 e a Directiva 2009/22/CE, así como a Lei 2/2012, do 28 de marzo, galega de protección xeral de persoas consumidoras e usuarias.

e) Cumprir as demais disposicións vixentes que en materia de servizos da sociedade da información e de comercio electrónico e de defensa dos consumidores lles sexa de aplicación.

Artigo 9. Documentación complementaria

1. As persoas/entidades interesadas deberán achegar coa solicitude, anexo II, a seguinte documentación xeral para todos/as as persoas/entidades solicitantes e a específica relacionada nos puntos 2 a 6, segundo o caso:

a) Facturas ou, na súa falta, facturas pro forma ou orzamento detallado de gastos previstos para a realización de cada unha das actividades ou adquisicións para as cales se solicita subvención. Non terán a consideración de orzamentos as estimacións de gastos realizadas pola persoa solicitante e que carezan do soporte da oferta do provedor ou tarifa oficial do gasto nin se admitirán aqueles orzamentos que non presenten a suficiente desagregación para determinar o carácter subvencionable dos conceptos relacionados nel.

b) No caso de que o gasto subvencionable supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público para o contrato menor, a persoa beneficiaria deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contracción do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que os realicen, presten ou subministren ou agás que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

A elección entre as ofertas presentadas, que deberá achegarse na xustificación, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa. Considerando o anterior, deberá achegarse a documentación disposta nos parágrafos seguintes:

I. Copia ordenada de todos e cada un dos orzamentos e ofertas detallados dos investimentos sobre os cales se solicita a axuda, obtidos dos provedores seleccionados pola persoa solicitante, con independencia da contía dos investimentos.

II. Copia ordenada de todos e cada un dos orzamentos e ofertas que non foron seleccionados pola persoa solicitante para a realización do proxecto.

III. Memoria económica xustificativa da elección dos provedores nos seguintes casos:

– Cando a elección do provedor non recaia na oferta económica máis vantaxosa das tres que, como mínimo, obtivo a persoa solicitante.

– Cando polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten.

c) Documento acreditativo de poder bastante para actuar ante a administración da persoa ou entidade representante legal da persoa ou entidade solicitante, ou tamén poderá achegar, debidamente cuberto e asinado, o modelo de representación para procedementos ante a Xunta de Galicia que figura na sede electrónica.

2. Documentación específica que deberán achegar os titulares de obradoiros artesanais:

a) No caso de que o titular do obradoiro solicite feiras ou eventos de Nadal 2024/25, achegará, xunto coa solicitude, anexo II, a documentación xustificativa segundo o artigo 23 das bases reguladoras (facturas, xustificantes dos pagamentos, certificación expresa de participación no certame e documentación gráfica que acredite o cumprimento da utilización de logos e sinaléticas).

b) No caso de feiras ou eventos profesionais e/ou non profesionais das que dispoña de documentación acreditativa, achegará a factura ou factura pro forma da feira/evento.

c) No caso de agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado sen personalidade xurídica, deberán constar expresamente (anexo III – Declaración-compromiso para os efectos do sinalado no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, para o procedemento IN201G-subvencións para o fomento da comercialización da artesanía galega) os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación e o importe de subvención que se aplicará por cada un, que terán igualmente a consideración de persoas beneficiarias. Deberá nomearse unha persoa representante única da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que corresponden á agrupación. Non se poderá disolver ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Documentación específica para asociacións profesionais e empresariais de artesáns:

a) Acta, escritura ou documento de constitución, estatutos e, se for o caso, modificación deles, debidamente legalizados. A referida documentación deberá acreditar que o seu obxecto social abrangue a actividade para a cal se solicita a subvención.

b) Se for o caso, documentación acreditativa da exención do imposto sobre o valor engadido (IVE).

c) Certificado expedido pola persoa que exerza a secretaría ou representación da asociación profesional e empresarial de artesáns que acredite a relación de persoas asociadas que a integran, con indicación do seu NIF/NIE correspondente.

d) Memoria que deberá incluír unha descrición da actuación subvencionable indicada no artigo 6.2.b) (mantemento da páxina web), con indicación da denominación da páxina web e o orzamento desagregado no que se detallen de forma separada os conceptos e custos obxecto da axuda.

As facturas, facturas pro forma ou orzamentos referidos ás ferramentas de posicionamento dixital deberán estar emitidas polos provedores que presten os referidos servizos ou, no seu caso, pormenorizar as actuacións, o custo e os fitos/obxectivos a cumprir.

4. Documentación específica para concellos:

Xustificante que se encontra ao día na rendición de contas xerais diante do Consello de Contas de Galicia, de acordo co previsto no artigo 4.1 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan as especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

5. Documentación común para concellos e asociacións profesionais e empresariais de artesás/áns.

a) Anexo IV (Información e memoria das características do evento/feira). Achegarase un anexo por cada unha das feiras que se soliciten.

Memoria explicativa da feira/evento en que consten os seguintes aspectos: datas de celebración, número de edición, relación de expositores e de obradoiros artesáns en que se indicará o NIF do obradoiro ou, se for o caso, do seu responsable para os efectos da súa consulta no RXAG. No caso de feiras/eventos que ao remate do prazo de presentación de solicitudes aínda non teñan data de convocatoria ou de apertura do prazo de inscrición, presentarase unha relación de expositores e de obradoiros artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia que se prevé que poidan participar.

b) Bosquexo do recinto feiral; infraestrutura do recinto con servizos con que conta e características das casetas; campaña publicitaria que se vai realizar para a difusión da feira/evento ou calquera outro aspecto relacionado coa feira/evento.

6. Para os efectos sinalados no artigo 15 destas bases reguladoras achegarase, se é o caso, a seguinte documentación que, en ningún caso, será obxecto de requirimento:

– Acreditación da organización de cursos de formación nos últimos 12 meses á data do inicio da presentación da solicitude desta convocatoria.

– Declaración responsable, debidamente asinada, sobre o cumprimento dos criterios establecidos no artigo 15.1.c) coa identificación da empresa provedora, ano da contratación e importe aboado no caso de contratación con provedores de empresas de inserción social e, se é o caso, número de persoas empregadas con capacidades diferentes, así como a documentación xustificativa de ter implantadas medidas de responsabilidade social na xestión da actividade artesanal ou comercial.

7. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderáselle solicitar a súa achega novamente á persoa interesada.

8. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

9. As persoas e entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

10. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

11. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 10. Pagamento anticipado

1. Os titulares de obradoiros e as asociacións profesionais e empresariais de artesás/áns poderán solicitar, no prazo de dez días hábiles desde a notificación da concesión da subvención, o pagamento anticipado, que suporán entregas de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións inherentes á subvención de ata un 50 % da subvención concedida, coa obriga de constituír garantía no caso de subvencións superiores a 18.000,00 €, nos termos previstos a seguir.

2. A garantía constituirase mediante seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou mediante aval solidario de entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca, que deberá alcanzar, como mínimo, ata os dous meses seguintes á finalización do prazo de xustificación previsto nas bases reguladoras ou na convocatoria.

3. A garantía deberá cubrir o 110 % do importe das cantidades aboadas á conta ou das cantidades anticipadas, calquera que sexa o prazo de xustificación previsto na convocatoria.

4. Unicamente serán admisibles as garantías presentadas por terceiros cando o fiador preste fianza con carácter solidario, renunciando expresamente ao dereito de excusión.

5. O avalista ou asegurador será considerado parte interesada nos procedementos que afecten directamente a garantía prestada nos termos previstos na Lei 39/2015, do 1 de outubro.

6. As garantías deberán constituírse na Caixa Xeral de Depósitos da Comunidade Autónoma de Galicia ou nas súas sucursais, situadas nos departamentos territoriais da consellería competente en materia de facenda.

7. A concesión do anticipo realizarase mediante resolución motivada do órgano correspondente.

8. En ningún caso se poderán realizar pagamentos anticipados a persoas beneficiarias cando se solicitase a declaración de concurso, fosen declaradas insolventes en calquera procedemento ou se encontren declarados en concurso, agás que este adquirise a eficacia dun convenio, estean suxeitas a intervención xudicial ou fosen inhabilitadas conforme a Lei 22/2003, do 9 de xullo, concursal, sen que concluíse o período de inhabilitación fixado na sentenza de cualificación do concurso.

Artigo 11. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

– DNI ou NIE da persoa solicitante.

– DNI ou NIE da persoa representante.

– NIF da entidade solicitante.

– NIF da entidade representante.

– Certificado de estar ao día no pagamento coa AEAT para subvencións e axudas.

– Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

– Certificado de estar ao día no pagamento coa Comunidade Autónoma de Galicia para percibir axudas e subvencións.

– Consulta de concesións de subvencións e axudas.

– Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

– Consulta de concesións pola regra de minimis.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario que corresponda e achegar os documentos pertinentes.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa solicitante ou persoa representante para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 12. Órganos competentes

A Subdirección Xeral de Artesanía, Entidades e Promoción Comercial será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención, así como para realizar a proposta de resolución, correspondéndolle á persoa titular da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, por delegación da persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, ditar a resolución que corresponda.

Artigo 13. Instrución dos procedementos

1. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015,do 1 de outubro, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, será requirida a entidade interesada para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se terá por desistida na súa petición logo da correspondente resolución que será ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 11 destas bases resulta que a persoa ou entidade solicitante non está ao corrente no pagamento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma ou coa Seguridade Social, ou no suposto de que sexa necesario achegar calquera outra documentación, logo de aplicarse o disposto na liña d) do artigo 53.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

2. Sen prexuízo do disposto nos parágrafos anteriores, o órgano instrutor poderá realizar de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución e poderá requirirse a persoa ou entidade solicitante para que xunte cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitar e resolver o procedemento.

3. Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo 14.

4. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de desestimación, na cal se indicarán as causas desta.

Artigo 14. Comisión de Valoración

1. A Comisión de Valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo seguinte e redactar un informe no que conste a relación de todas persoas/entidades beneficiarias que cumpran os requisitos exixidos nestas bases reguladoras para ser beneficiaras da subvención, indicando de xeito individualizado a puntuación obtida en cada un dos criterios de avaliación e a puntuación total. O informe constará de tres listados ordenados por orde de prelación para:

– Titulares de obradoiros artesanais.

– Concellos.

– Asociacións de artesáns.

O dito informe servirá de base ao órgano instrutor para a elaboración da proposta de resolución de concesión ou de desestimación da subvención, en función do crédito dispoñible.

Para efectuar a valoración das solicitudes a Comisión de Valoración poderá solicitar cantas aclaracións considere oportunas.

2. No caso de que o crédito convocado sexa suficiente para atender a todas as solicitudes que cumpran os requisitos exixidos nestas bases reguladoras, e en consecuencia non sexa necesario establecer unha orde de prelación, non se convocará a Comisión de Valoración e non se levará a cabo o baremo das solicitudes.

3. A composición da Comisión de Valoración será a seguinte:

Presidencia: a/o subdirectora/or de Artesanía, Entidades e Promoción Comercial.

Vogais:

– A/o xefa/e de servizo de Promoción Comercial e Artesanía.

– Unha/un xefa/e de sección da Dirección Xeral de Comercio e Consumo.

– Unha/un funcionaria/o da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, que fará as funcións de secretaria/o.

Artigo 15. Criterios de valoración

Os criterios de valoración que servirán de base para a determinación da contía e da preferencia na concesión das subvencións serán os seguintes:

1. Titulares de obradoiros artesanais:

a) Feiras ou eventos profesionais de interese comercial para o sector artesanal nacionais e/ou celebrados no estranxeiro:

– Asistencia a unha feira/evento: 3 puntos.

– Asistencia a dous ou máis: 4 puntos.

b) Por exercer a actividade nun municipio rural:

– De menos de 5.000 habitantes: 2 puntos.

– De 5.000 habitantes ata 10.000 habitantes: 1 punto.

c) Por contratar con provedores de empresas de inserción nos últimos 3 anos, ou ter no cadro de persoal persoas empregadas con capacidades diferentes, ou por ter implantada algunha medida de responsabilidade social na xestión da actividade artesanal ou comercial: 1 punto.

d) Por estar adherido ao programa do e-tícket dixital posto en marcha pola Xunta de Galicia en colaboración coa Federación Galega de Comercio: 2 puntos.

e) Por ser a persoa titular do obradoiro ou a representante da sociedade unha/un moza/o, de idade igual ou menor de 30 anos: 1 punto.

f) Por ser a persoa titular do obradoiro ou a representante da sociedade unha muller: 1 punto.

g) Por estar adherida ao sistema arbitral de consumo con carácter indefinido: 1 punto.

2. Concellos:

a) Grao de consolidación da feira:

– De entre 5 e 20 edicións, incluíndo a edición en curso: 3 puntos.

– Máis de 20 edicións, incluíndo a edición en curso: 4 puntos.

b) Organización da primeira edición dunha feira: 2 puntos.

c) Concellos adheridos á iniciativa galega de concellos emprendedores, consonte ao procedemento establecido no artigo 82 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia: 3 puntos.

d) Concellos que coordinen as súas solicitudes e compartan ou mancomunen obras ou servizos mediante a fusión de concellos ou outras fórmulas: 3 puntos.

3. Asociacións profesionais e empresariais de artesás/áns:

a) Participación en feiras ou eventos profesionais de interese comercial para o sector artesanal nacionais e celebradas no estranxeiro:

– Asistencia a unha feira/evento: 2 puntos.

– Asistencia a dous ou máis: 3 puntos.

b) Grao de consolidación da feira/evento:

– Entre 5 e 20 edicións, incluíndo a edición en curso: 3 puntos.

– Máis de 20 edicións, incluíndo a edición en curso: 4 puntos.

c) Acreditación da organización de cursos de formación nos últimos doce meses á data do inicio de presentación de solicitudes desta convocatoria.

– Organización de 1 a 3 cursos: 1 punto.

– Organización de máis de 3 cursos: 3 puntos.

4. Os criterios de valoración aplicables aos concellos e ás asociacións acreditaranse a través do formulario contido no anexo IV (Información e memoria das características do evento/feira) e, se é o caso, mediante informes da Fundación Pública Artesanía de Galicia.

5. No caso de empate na puntuación outorgada, o desempate se resolverá coa maior puntuación obtida na orde de prelación establecida neste artigo.

De persistir o empate, logo de aplicados os criterios de valoración, atenderase a data e hora de presentación das solicitudes e prevalecerá a solicitude cuxa data e hora de presentación fose anterior segundo conste no Rexistro Electrónico Xeral, e, en último caso, prevalecerá aquela á que o sistema lle asignase automaticamente o número de entrada máis baixo.

Artigo 16. Audiencia

1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto ás persoas interesadas para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

2. Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polas persoas interesadas.

Artigo 17. Resolucións, notificacións e recursos

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, á vista do informe da Comisión de Valoración, o órgano instrutor formulará a proposta de resolución, que se elevará á persoa titular da Dirección Xeral de Comercio e Consumo.

Na proposta de resolución constarán, de ser o caso:

a) As solicitudes inadmitidas a trámite co motivo de inadmisión.

b) As solicitudes que desisten da súa petición.

c) As solicitudes desestimadas coas causas de desestimación.

d) As solicitudes estimadas por orde de prelación para cada un dos tres tipos de axudas (titulares de obradoiros artesanais, concellos e asociacións de artesáns) con indicación separada, no seu caso, de:

– As solicitudes que se propoñen para obter a subvención por orde de prelación comezando polas solicitudes que obtivesen puntuación máis alta e ata o esgotamento de crédito dispoñible. No caso de que quedasen solicitudes sen atender por insuficiencia de crédito, o órgano instrutor poderá dar audiencia ás entidades solicitantes, por orde de prelación, co obxecto de que reaxusten o proxecto ao límite de crédito dispoñible.

– As solicitudes que, sendo subvencionables, quedan en reserva por falta de crédito e que poderán ser atendidas, no seu caso, ben co crédito que quede libre de producirse algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente subvencionados, ben co incremento do crédito orzamentario destinado a estas subvencións ou coas reasignacións de crédito que se realicen.

2. Á vista da proposta formulada polo órgano instrutor, a persoa titular da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, por delegación da persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, ditará as correspondentes resolucións individuais que deberán estar debidamente motivadas e expresarán, cando menos, a actuación que se subvenciona e o seu custo, así como a subvención concedida e a súa contía ou, se é o caso, a causa da desistencia, desestimación ou inadmisión.

3. Nas resolucións de concesión, indicarase o importe da axuda, expresado en equivalente bruto da subvención, e, no caso de obradoiros e asociacións de artesáns, o seu carácter de axuda de minimis en aplicación do Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE 15.12.2023, serie L).

En ningún caso o importe das subvencións concedidas poderá superar o custo da actividade que desenvolverá a persoa ou entidade beneficiaria ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable (80 %).

4. As resolucións que se diten serán notificadas individualmente ás persoas interesadas, de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro.

5. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ás persoas e entidades interesadas será de cinco meses contados a partir do día seguinte ao do remate do prazo de presentación de solicitudes. Se transcorre o prazo máximo para resolver sen que se dite resolución expresa, as persoas e entidades interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

6. As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente orde de convocatoria porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as entidades interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta é expresa. Se a resolución non é expresa, a entidade solicitante e outras posibles persoas interesadas poderán interpor recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que a resolución debería ter sido ditada.

b) Recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta é expresa.

Artigo 18. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. O órgano competente para a concesión das subvencións poderá acordar a modificación da resolución por instancia da persoa beneficiaria e deberá cumprir os seguintes requisitos:

a) Que a actividade, conduta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade da presente orde.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízo a terceiros.

c) Que os novos elementos e as circunstancias que motiven a modificación, de concorreren na concesión inicial, non suporían a denegación da axuda ou subvención.

3. A persoa / entidade beneficiaria deberá solicitar esta modificación mediante instancia dirixida á persoa titular da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, xunto coa documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos sinalados no punto anterior, cun límite de vinte (20) días hábiles antes da data de finalización do prazo de xustificación do investimento subvencionado, sen prexuízo do disposto no artigo 59 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

4. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado polo órgano concedente logo da instrución do correspondente expediente, no cal se dará audiencia á persoa interesada no termos previstos no artigo 16 destas bases.

Artigo 19. Renuncia

A renuncia á subvención, debidamente motivada, poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro. A persoa titular da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, por delegación da persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21.1 da mesma lei.

Artigo 20. Obrigas das persoas beneficiarias

Son obrigas das persoas beneficiarias:

1. Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

2. Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención.

3. Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente, así como a calquera outra actuación sexa de comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes tanto autonómicos coma estatais ou comunitarios, para o cal achegarán canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

4. Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas especificando aquelas axudas de minimis obtidas para os efectos de poder comprobar o cumprimento do límite cuantitativo a que fai referencia o artigo 1.3 destas bases reguladoras. Así mesmo, comunicar a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.

5. Conservar os investimentos subvencionados coa axuda outorgada e a aplicación dos fondos recibidos durante un período de dous anos desde a súa concesión, agás nos casos que pola súa natureza as actuacións se esgoten co seu uso.

6. Dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á persoa beneficiaria en cada caso.

7. Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da devandita lei.

8. Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

9. Evitar calquera imaxe discriminatoria da muller e fomentar a igualdade nos contidos da publicidade e imaxe subidos á internet de todos os proxectos subvencionados. Así mesmo, evitarase o uso dunha linguaxe sexista en todos os textos.

Artigo 21. Obrigas específicas de publicidade

1. As persoas e entidades beneficiarias deberán adoptar as medidas de difusión contidas no punto 3 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e deberán dar a axeitada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. Para a participación e organización de feiras/eventos, quedan obrigadas a dar publicidade suficiente da axuda e deberán incluír en cada unha das actuacións a publicidade da Xunta de Galicia e da marca de Artesanía de Galicia.

A dita publicidade deberá colocarse nun lugar ben visible para o público e deberá manterse en perfectas condicións durante o período da actuación, segundo as condicións e características previstas no punto anterior. En concreto para a organización de feiras, a dita publicidade deberá colocarse como mínimo nos extremos da feira/evento.

Así mesmo, as feiras/eventos que se publiciten en diferentes medios de comunicación, deberán levar a axeitada publicidade do carácter público do financiamento.

3. O incumprimento desta obriga de publicidade producirá a perda do dereito ao cobramento total da subvención, así como o reintegro total das cantidades percibidas e a exixencia dos xuros de demora correspondentes desde o momento do pagamento da subvención, incluíndo a data en que se acorde a procedencia do reintegro.

Artigo 22. Subcontratación

Enténdese que unha persoa beneficiaria subcontrata cando concerta con terceiros a execución total ou parcial da actividade que constitúe o obxecto da subvención. Queda fóra deste concepto a contratación daqueles gastos en que teña que incorrer a persoa beneficiaria para realizar por si mesma da actividade subvencionada.

Será de aplicación o disposto nos artigos 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e 43 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Faise especial indicación de que as persoas ou entidades subcontratadas non poderán estar vinculadas coa entidade solicitante, salvo que concorran as seguintes circunstancias:

1ª) Que a contratación se realice de acordo coas condicións normais de mercado.

2ª) Que se solicite e conceda a súa autorización previa (a solicitude de autorización e a súa xustificación presentaranse xunto coa solicitude de subvención).

Artigo 23. Xustificación e aboamento da subvención

1. O pagamento da subvención quedará condicionado á presentación, nos lugares sinalados no artigo 3 da convocatoria e ata o 31 de outubro de 2025, da documentación que se indica nos puntos 2 a 4 deste artigo:

2. Documentación xustificativa xeral para todas as persoas ou entidades solicitantes:

a) Xustificantes dos investimentos: facturas dos provedores e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil e con eficacia administrativa, nos termos que se establezan regulamentariamente (importe sen IVE e importe total), en relación cos gastos subvencionables, emitidas dentro do período comprendido entre a data de inicio do proxecto e a data límite de xustificación do proxecto.

Os gastos xustificaranse con facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil ou con eficacia administrativa, pagados, en orixinal ou copias autenticas electrónicas.

Cando a persoa beneficiaria no dispoña de facturas electrónicas para a xustificación da subvención, deberá achegar unha copia autentica electrónica dos documentos orixinais en papel de acordo cos procedementos que establece a normativa vixente.

b) Xustificación dos pagamentos: acreditarase a través de transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto de pagamento comprendido entre data de inicio do proxecto e a data límite da xustificación do proxecto. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento. No se admitirán os pagamentos en efectivo.

c) Anexo V (Declaración doutras axudas) debidamente asinado.

d) Achega da documentación gráfica que acredite o cumprimento da utilización de logotipos e sinaléticas exixidos para cada unha das axudas concedidas de acordo co artigo 21 das bases reguladoras.

e) No caso de que as persoas beneficiarias se opoñan expresamente á consulta dos datos, certificacións expedidas polos organismos competentes, acreditativas de estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e de no ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma. Se o certificado dispón de código electrónico de verificación coa Administración pública correspondente, poderá presentarse dito documento sen compulsar.

f) Calquera outro documento que se requira na resolución particular de concesión da axuda.

3. Documentación xustificativa específica para os titulares de obradoiros artesáns:

a) A xustificación de asistencia a feiras e eventos de interese artesanal farase efectiva mediante a certificación expresa de participación na feira/evento no período prefixado emitida pola institución ou entidade organizadora.

b) Documentación que acredite, se for o caso, a no admisión nas feiras/eventos solicitados.

4. Documentación xustificativa específica para as corporacións locais

a) Certificación do órgano que ten atribuídas as facultades de control da legalidade, acreditativa do cumprimento da normativa de contratación pública vixente na tramitación do procedemento de contratación.

b) Certificación da Intervención respecto da achega municipal comprometida para financiar o investimento.

c) Conta xustificativa da subvención que conterá:

1º. Certificación da Intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a cal foi concedida a subvención.

2º. Certificación expedida pola secretaría da entidade local, co visto e prace do alcalde ou alcaldesa relativa á aprobación da conta xustificativa da subvención na que conste de forma detallada:

– Relación dos distintos conceptos e contías correspondentes aos gastos totais soportados pola entidade imputables á actuación subvencionada co seguinte detalle: identificación da persoa acredora, número de factura ou documento equivalente, importe, data de emisión e data de recoñecemento da obriga.

– Relación detallada doutros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada, con indicación do importe e a súa procedencia.

– De ser o caso, os tres orzamentos que se exixen en aplicación do artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

5. Documentación xustificativa específica para as asociación profesionais e empresariais de artesáns/ás:

No caso das actuacións descritas no apartado de mantemento da páxina web (artigo 8 das bases reguladoras), acreditación na factura do rexistro do dominio da páxina web, a cal deberá estar en funcionamento no momento da xustificación.

Os órganos competentes da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes.

6. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen tela presentado, de conformidade co disposto polo artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, requirirase a persoa beneficiaria para que, no prazo improrrogable de dez días, a presente. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención e a exixencia de reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións. A presentación da xustificación no prazo adicional no eximirá a persoa beneficiaria das sancións que legalmente correspondan. Os órganos competentes poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes.

Artigo 24. Pagamento

1. Recibida a documentación xustificativa da subvención, e antes de proceder ao seu pagamento, os órganos competentes da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración poderán realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.

2. O importe da subvención aboarase, mediante transferencia bancaria á entidade financeira, ao número de conta designado na solicitude, sen prexuízo do recollido no artigo 10, das bases reguladoras, referido aos anticipos.

3. As subvencións minoraranse proporcionalmente se o investimento xustificado é inferior ao orzamento que serviu de base para a resolución de concesión, sempre que estea garantida a consecución do obxecto e sempre que se xustifique, como mínimo, o 60 % da axuda concedida. Se a xustificación é menor a esta porcentaxe perderase o dereito ao cobramento do total da axuda concedida.

4. En caso de concorrencia con outras subvencións ou axudas, observarase o establecido nos puntos 4 e 5 do artigo 2 destas bases reguladoras.

Artigo 25. Incumprimento, reintegros e sancións

1. Nos supostos de falta de xustificación, de concorrencia dalgunha das causas previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, ou de incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, así como o reintegro total ou parcial das cantidades indebidamente percibidas e a exixencia dos xuros de mora correspondentes desde o momento do pagamento da subvención, incluíndo a data en que se acorde a procedencia do reintegro.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda deste dereito ao cobramento será o establecido no artigo 38 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

3. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomados en conta na concesión das axudas, a Dirección Xeral de Comercio e Consumo poderá apreciar un incumprimento parcial e deberá resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se é o caso, establecendo a obriga de reintegro das cantidades indebidamente percibidas.

O alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao gasto deixado de practicar ou aplicado a conceptos distintos dos considerados subvencionables e, se é o caso, deberán reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción.

Para os efectos do disposto no parágrafo anterior, entenderase incumprimento total, co reintegro do total da cantidade percibida para as actuacións establecidas nos artigos 4, 5 e 6, cando non se xustifique o 60 % do investimento subvencionable.

Non obstante, non se considerará incumprimento a non admisión para a participación nas feiras nin a falla da súa celebración, o cal deberá ser, en ámbolos dous casos, suficientemente acreditado.

4. Ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 26. Control

1. A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Ademais do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 27. Publicidade

1. No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, persoa beneficiaria, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

No obstante o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000,00 €, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que poderá ser substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.

2. De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións, e ser persoa beneficiaria da axuda levará implícita a autorización para a inscrición dos datos facilitados na solicitude. Non obstante, as persoas ou entidades solicitantes poderán denegar expresamente o seu consentimento á inscrición dos seus datos no Rexistro Público de Subvencións cando concorra algunha das circunstancias previstas na letra d) do número 2 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 28. Devolución voluntaria da subvención

De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as entidades beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta de Abanca ES82 2080 0300 87 3110063172, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

En todo caso, a entidade beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, na que conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da subvención concedida.

Artigo 29. Remisión normativa

Para todo o non establecido nestas bases aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño; no Regulamento desta lei, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro; na Lei 39/2015, do 1 de outubro; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia vixente na anualidade; no Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE 15.12.2023, serie L), e no resto de normativa que resulte de aplicación.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file