DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 115 Mércores, 18 de xuño de 2025 Páx. 33949

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

EXTRACTO da Orde do 4 de xuño de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de prazas, en réxime de concorrencia competitiva, de tecnificación e rendemento deportivo para o Centro Galego de Tecnificación Deportiva para a temporada 2025/2026, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento PR952A).

BDNS (Identif.): 840093.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:

http://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/840093

Primeiro. Obxecto da convocatoria

Establecer mediante esta orde as bases reguladoras e proceder á convocatoria, de prazas para o CGTD para a tempada 2025/2026, co fin de facilitar o adestramento dos/das deportistas orientado á mellora da tecnificación e rendemento, creando un clima de adestramento e convivencia entre deportistas de diferentes especialidades deportivas, fomentando a educación integral dos deportistas que favoreza o seu desenvolvemento persoal e facilitando a mellora do seu rendemento deportivo coa finalidade de alcanzar o máximo nivel competitivo (código de procedemento PR952A).

Os beneficios asociados á condición de persoa deportista beneficiaria dunha praza de tecnificación ou de rendemento están recollidos no artigo 17 destas bases reguladoras.

Segundo. Presentación de solicitudes e prazo

As solicitudes deberán ser presentadas polas federacións deportivas galegas de deportes individuais que sexan compatibles cos servizos e instalacións do CGTD das seguintes seccións: atletismo na especialidades de lanzamentos, bádminton, judo, loita, natación pura e natación en augas abertas, natación artística, piragüismo en augas bravas (slálom), piragüismo en augas tranquilas, remo, taekwondo, tríatlon, vela e ximnasia acrobática, trampolín e artística. As federacións que conten cun grupo de tecnificación e/ou rendemento remitirán os/as deportistas que cumpran os requisitos establecidos no artigo 3 desta orde e que se axusten á política deportiva autonómica establecida pola Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes a través da Secretaría Xeral para o Deporte.

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

Terceiro. Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das prazas para deportistas no Centro Galego de Tecnificación Deportiva todas aquelas persoas deportistas que, no momento de presentación da solicitude por parte das correspondentes federacións deportivas, cumpran os requisitos que se detallan a seguir:

– Ter nacionalidade española. Poderase exceptuar este requisito no caso daqueles solicitantes que fosen seleccionados pola selección española para participar en competicións de carácter europeo ou mundial.

– Estar en posesión da licenza deportiva na modalidade para a que se presenta a solicitude, emitida pola federación galega correspondente ou ben pola federación española correspondente no caso de que a federación galega da modalidade en cuestión non estivese integrada na federación española.

Poderase valorar, segundo informe técnico da Comisión de Selección e como caso excepcional, o incumprimento deste requisito unicamente nas prazas de rendemento.

– Para os grupos de tecnificación, deberase pertencer a un club deportivo galego ou sociedade anónima deportiva dada de alta no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia, así como estar empadroada nun municipio da Comunidade Autónoma de Galicia.

– As persoas deportistas beneficiarias de praza de tecnificación deberán ter promocionado de curso na convocatoria ordinaria de xuño 2025, e non ter máis de dúas materias suspensas. Excepcionalmente, poderase considerar a posibilidade de repetición daqueles deportistas cuxas federacións xustifiquen que participaron, con posibilidade de seguir participando, en campionatos de Europa, do mundo ou xogos olímpicos.

– Para ser beneficiario das prazas do grupo de tecnificación ou de rendemento deberanse cumprir os requisitos específicos de idade e residencia previstos no artigo 17.

Non poderán obter a condición de beneficiarias aquelas persoas que concorren nalgunha das circunstancias establecidas a seguir:

– Non obter un «apto» na análise médica realizada polo equipo médico do CGTD.

– Ter un informe negativo da Dirección do CGTD e ratificado pola Secretaría Xeral para o Deporte a través da Comisión de Selección sobre o seu comportamento durante a súa estadía como bolseiro no Centro Galego de Tecnificación Deportiva durante o curso inmediatamente anterior ao desta convocatoria.

– Ter sanción en firme por dopaxe.

– Ter sanción en firme por algunha das infraccións previstas no artigo 14 do Real decreto 1591/1992, do 23 de decembro, sobre disciplina deportiva (BOE do 19 de febreiro de 1993).

– Ter sanción en firme por algunha das infracción previstas no artigo 97 da Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia.

Cuarto. Bases reguladoras

Orde do 4 de xuño de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de prazas, en réxime de concorrencia competitiva, de tecnificación e rendemento deportivo para o Centro Galego de Tecnificación Deportiva para a temporada 2025/2026, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento PR952A).

Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2025

Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes