A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (en diante, a axencia), creada pola disposición adicional sexta da Lei 5/2000, do 28 de decembro, de medidas fiscais e de réxime orzamentario e administrativo (DOG núm. 251, do 29 de decembro).
A dita lei de creación está modificada, entre outras, pola Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia (DOG núm. 94, do 21 de maio), en cuxo artigo 6 se configura a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural como unha axencia pública autonómica, de conformidade coa Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, coa consideración de medio propio e servizo técnico da Comunidade Autónoma de Galicia, que actúa como instrumento básico na promoción e coordinación do desenvolvemento do territorio rural galego, co obxectivo de mellorar as condicións de vida dos seus habitantes e de evitar o seu despoboamento a través, entre outras, das medidas de recuperación da terra agroforestal de Galicia reguladas na citada Lei 11/2021.
A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural está adscrita á Consellería do Medio Rural, ten personalidade xurídica e patrimonio propios, goza de autonomía administrativa e económica e posúe plena capacidade de obrar, tanto no campo do dereito público como no do dereito privado, para o cumprimento dos seus fins e con suxeición á normativa correspondente.
A axencia ten como obxectivos estratéxicos a promoción e posta en valor no ámbito rural galego do patrimonio histórico; a recuperación da terra agraria, a vida social, cultural e educativa, a contorna natural e os produtos agroalimentarios, xa que as actuacións sobre os ditos ámbitos contribúen a mellorar a calidade de vida e a cohesionar a vida social e a estimular o arraigo da poboación no medio rural, de xeito que o fagan máis atractivo, ao ser as ditas actuacións interesantes desde o punto de vista do fortalecemento do orgullo rural, da diversificación económica, da potenciación do interese polo territorio e, polo tanto, do desenvolvemento xeral do territorio.
A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural asume a coordinación, como entidade beneficiaria principal do Proxecto Interreg POCTEP Paisactivo: Paisaxes cortalumes: activación do espazo rural para un territorio resiliente, seleccionado polo Programa Interreg VI A España-Portugal (POCTEP) 2021-2027.
A Lei 4/2024, do 27 de decembro (DOG núm. 251, do 31 de decembro) de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2025, no seu artigo 15, prevé a contratación de persoal laboral temporal para a realización de obras ou servizos concretos e dotados de orzamento.
Polo exposto, en virtude das competencias atribuídas polo Decreto 79/2001, do 6 de abril, polo que se aproba o Regulamento da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, esta dirección
RESOLVE:
Anunciar a convocatoria e aprobar as bases que rexerán o proceso selectivo para a provisión mediante contrato laboral temporal dunha praza con cargo ao Proxecto Interreg POCTEP Paisactivo: praza de persoa titulada superior de apoio aos procesos de planificación estratéxica territorial.
As bases reguladoras do indicado proceso inclúense como anexo I desta resolución.
Para participar nesta convocatoria as persoas interesadas utilizarán o modelo de solicitude que se inclúe como anexo II.
Contra esta resolución poderase interpor recurso de alzada, ante o presidente da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 121 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2025
Mª Paz Rodríguez Rivera
Directora da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural
ANEXO I
Bases da convocatoria para a provisión mediante contrato laboral temporal dunha praza, con cargo ao Proxecto Paisactivo para a Subdirección de Promoción Internacional e Rural Intelixente da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural de titulado/a superior de apoio aos procesos de planificación estratéxica territorial
De conformidade co establecido no artigo 10 do Decreto 79/2001, do 6 de abril, polo que se aproba o Regulamento da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, esta dirección dispón publicar, no exercicio das competencias atribuídas, as seguintes Bases para a selección dunha persoa, como persoal laboral temporal, para traballar na execución e xestión do Proxecto Interreg POCTEP Paisactivo-Paisaxes cortalumes: activación do espazo rural para un territorio resiliente.
Primeira. Normas xerais
1.1. Número e características da praza.
Ao abeiro do artigo 59 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, convócase o proceso selectivo para a contratación dunha persoa, como persoal laboral temporal, con titulación de grao, licenciatura ou titulación superior.
O centro directivo de traballo será a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, adscrita á Consellería do Medio Rural, aínda que a persoa a contratar terá que facer desprazamentos por Galicia e norte de Portugal, por mor do seu traballo, así como a outras localizacións de España e Portugal de acordo coa planificación do proxecto, en caso que sexa necesario.
A duración do contrato será de 14 meses contado desde a súa formalización e sempre condicionados á duración do proxecto. Se por dilación do proceso de selección, non for posible levar a cabo a contratación pola totalidade deste tempo, esta realizarase polo tempo que reste ata o 30.10.2026, ou ata a data final do proxecto que se aprobe polo Programa POCTEP, en caso de existir prórroga.
De acordo co artigo 15 da Lei 4/2024, do 27 de decembro (DOG núm. 251, do 31 de decembro) de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2025, a duración do contrato queda condicionada a que exista crédito adecuado e suficiente na aplicación orzamentaria que corresponda, computado sempre na súa proxección anual.
A persoa seleccionada traballará na execución do Proxecto de cooperación transfronteiriza POCTEP Paisactivo-Paisaxes cortalumes: activación do espazo rural para un territorio resiliente. Trátase dun proxecto de colaboración entre varias entidades de Galicia e do norte de Portugal, que ten como obxectivo xeral aumentar a resiliencia do territorio fronte ao risco de lumes a través da valorización e a mellora na xestión sustentable das terras agroforestais, ao tempo que se protexen e dinamizan os asentamentos rurais, promovendo a súa sustentabilidade, innovando nos procesos de gobernanza e aprendizaxe, e recollendo estratexias e actuacións de futuro no deseño de Proxectos Territoriais Modelo, ao tempo que se asegura a difusión espacial e temporal das aprendizaxes do proxecto mediante o traballo en rede con outras entidades. Máis información sobre o proxecto en: www.paisactivo.eu
En concreto, a persoa seleccionada contrátase para a realización das funcións de apoio á Subdirección de Promoción Internacional e Rural Intelixente, da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural na realización das tarefas propias do proxecto, cun perfil especializado segundo a seguinte descrición:
Apoio orientado ao deseño e desenvolvemento de procesos de planificación, así como na posta en marcha de estratexias multisectoriais de desenvolvemento territorial e promoción económica, considerando distintos aspectos como desenvolvemento agroalimentario, turístico, servizos ecosistémicos ou márketing territorial.
Entre as tarefas que hai que realizar inclúense as seguintes:
– Apoio na coordinación e no impulso das accións do proxecto, especialmente as promovidas e desenvolvidas desde Agader e as relacionadas coa planificación estratéxica territorial, que deberán conducir á elaboración do Plan territorial modelo para a aldea de Infesta.
– Apoio na definición de estratexias sectoriais que se van definir dentro do Plan territorial modelo (estratexia alimentaria, estratexia de comercialización e márketing territorial, conexión co resto de estratexias sectoriais, ambientais e da paisaxe, turismo e agroturismo).
– Apoio e acompañamento nas actuacións e melloras que se van desenvolver na aldea modelo, dentro do Proxecto Paisactivo e para a súa contratación e seguimento (mellora da paisaxe, acondicionamento de rutas, tematización e uso público, impulso á comercialización de produtos locais, etc.)
– Apoiar na xestión dos eventos, reunións e encontros participativos previstos no marco do proxecto, así como a elaboración dos contidos relacionados coa execución das actividades nos que a Agader teña participación.
– Representar, de ser o caso, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural nas reunións que teñan relación co proxecto, así como manter a interlocución con outros axentes públicos e privados relacionados co proxecto.
1.2. Calquera outra función non definida nestas bases e relacionada coa execución e coordinación do proxecto segundo consideración da axencia.
1.3. Retribucións.
As retribucións serán as establecidas para o grupo correspondente de acordo coa estrutura salarial definida nos artigos 25 e 26 do V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, e na Lei 4/2024, do 27 de decembro (DOG núm. 251, do 31 de decembro) de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2025, na que se ditan instrucións sobre a confección de nóminas do persoal ao servizo da Administración autonómica para o ano 2025 e se actualiza con efectos do 1 de xaneiro de 2025 a contía das retribucións.
1.4. Modalidade de contrato.
A persoa seleccionada asinará un contrato de traballo de acordo coa disposición quinta, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia e fondos da Unión Europea, do Real decreto 32/2021, do 28 de decembro.
1.5. Incompatibilidades.
A persoa contratada estará sometida ao réxime xeral de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas e demais disposicións complementarias.
Segunda. Requisitos das persoas aspirantes
Para seren admitidos/as no proceso de selección para a praza as persoas aspirantes deberán posuír no día de finalización do prazo de presentación de solicitudes e manter ata o momento da toma de posesión como persoal laboral temporal os seguintes requisitos, agás o certificado médico referente ao recollido no punto 2.7, que deberá acreditarse no momento da contratación.
2.1. Nacionalidade, cumprindo algún dos seguintes requisitos:
a) Ter a nacionalidade española.
b) Ser nacional dalgún dos estados membros da Unión Europea.
c) Ser nacional dalgún Estado en que, en virtude dos tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España, sexa de aplicación a libre circulación de persoas traballadoras.
Tamén poderán participar, calquera que sexa a súa nacionalidade, os/as cónxuxes dos/das españois e dos/as nacionais doutros estados membros da Unión Europea sempre que non estean separados de dereito. Nas mesmas condicións, poderán participar os/as seus/súas descendentes e os/as do/a seu/súa cónxuxe sempre que non estean separados de dereito, sexan menores de vinte e un anos ou maiores de idade dependentes.
d) Ter residencia legal en España, no caso de tratarse de estranxeiros/as non incluídos/as nos puntos anteriores.
2.2. Idade.
Teren cumpridos dezaseis anos de idade.
2.3. Titulación académica.
Para participar en ambos os procesos selectivos, será necesario estar en posesión dunha titulación superior de grao ou licenciatura.
No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, deberá acreditar que está en posesión da correspondente validación ou da credencial que acredite, de ser o caso, a homologación do título. Este requisito non será obrigatorio para os/as aspirantes que obtivesen o recoñecemento da súa cualificación profesional no ámbito das profesións reguladas ao abeiro das disposicións de dereito da Unión Europea.
2.4. Requisitos mínimos que hai que cumprir.
Deberá acreditarse un mínimo 2 anos de experiencia laboral en áreas relacionadas coa praza a que se opte.
2.5. Dispoñibilidade para viaxar.
Ter dispoñibilidade para desprazarse por Galicia e o norte de Portugal para participar en reunións, xornadas, foros ou similares, así como a outros foros para a difusión do proxecto en ambos os perfís en España e Portugal, de acordo coa planificación do proxecto, en caso que sexa necesario.
Será obrigatorio dispoñer do carné de conducir B.
2.6. Coñecemento do idioma galego.
Acreditar coñecemento do idioma galego: Celga 4, título de perfeccionamento do idioma galego ou estudos equivalentes.
2.7. Capacidade funcional.
Posuír as capacidades e aptitudes físicas e psíquicas que sexan necesarias para o desempeño das correspondentes funcións ou tarefas.
2.8. Habilitación.
Non ter sido despedido/a mediante expediente disciplinario de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, cando se trate de acceder á mesma categoría profesional a cal se pertencía.
No caso de nacionais doutros estados, non estar inhabilitado/a, ou en situación equivalente, nin ter sido sometido a sanción disciplinaria ou equivalente que impida no Estado de procedencia o acceso ao emprego público nos termos anteriores.
Terceira. Presentación de solicitudes
De conformidade co establecido no artigo 59 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, aquelas persoas que desexen formar parte neste proceso selectivo, deberán presentar a documentación que a continuación se sinala, tendo en conta que no suposto de que os documentos sexan fotocopias, estas terán que estar debidamente compulsadas:
a) Instancia. Segundo o modelo contido no anexo II que se xunta a estas bases.
b) Curriculum vitae pormenorizado e debidamente xustificado, onde se acredite a súa traxectoria e experiencia profesional e experiencia laboral, así como os títulos, os cursos e os diplomas obtidos que se valorarán, se é o caso, no proceso de selección.
c) Fotocopia compulsada das titulacións académicas obtidas, que, no caso de que se obtivesen no estranxeiro, deberá estar homologada en España.
d) Acreditación da experiencia laboral mínima solicitada, a través de informe de vida laboral e contratos.
e) Copias compulsadas de certificados de asistencia a cursos ou similares que se valorarán, se é o caso, no proceso de selección.
f) Cando se trate de persoas aspirantes nacionais doutros países, deberán presentar fotocopia compulsada dos certificados de estudos cursados e dos méritos curriculares, traducidos ao idioma castelán ou galego, con tradución xurada autorizada polo Ministerio de Asuntos Exteriores de España.
g) Presentación dunha memoria por escrito sobre as actuacións que se propoñen desenvolver no proxecto, así como o seu axuste á formación e experiencia da persoa candidata.
Incluirase unha proposta de planificación das actuacións que se van desenvolver coa metodoloxía, requirimentos e pasos que se van seguir na execución, segundo as tarefas que se propoñen nestas bases para cada posto, e dentro do contexto do proxecto.
Esta memoria terá unha lonxitude máxima de 20 páxinas, con entreliñado 1,5 e tipo de letra Times New Roman 12; marxes 2,5.
A non presentación desta memoria implicará a non admisibilidade da solicitude, e non será emendable.
h) Fotocopia compulsada do titulo acreditativo de superación do Celga 4, curso de perfeccionamento de galego ou equivalente, debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG núm. 146, do 30 de xullo).
i) Fotocopia do permiso de conducir B.
Para que teñan validez neste proceso selectivo, os documentos que se presenten deberán estar expedidos nalgunha das linguas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia (galego ou castelán); no caso de documentos expedidos noutras comunidades autónomas, para que teñan validez deberán estar redactados en castelán ou traducidos por titulado/a oficial ou polo organismo correspondente. Tratándose de documentos expedidos nun país estranxeiro, deberán estar debidamente traducidos, validados e apostilados pola oficina diplomática española, ou traducidos mediante tradución xurada oficial. Este parágrafo non fai referencia ás publicacións.
As solicitudes presentaranse preferentemente por medios electrónicos a través do formulario normalizado PR004A, accesible na sede electrónica da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.gal
As solicitudes para participar nesta convocatoria tamén poderán presentaranse nas oficinas previstas no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
As solicitudes deberán dirixirse á Secretaría Xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural. A solicitude deberá reunir todos os datos de identificación requiridos.
O domicilio que figure nas instancias considerarase como o único válido para os efectos das notificacións e serán responsabilidade da persoa aspirante, tanto os erros na súa consignación como a comunicación de calquera cambio.
O prazo para presentar as solicitudes será de dez (10) días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación do anuncio da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras e, ao abeiro do establecido nos artigos 2 e 3 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos, implicará a autorización á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural para comprobar os datos de carácter persoal que figuren no documento DNI/NIE da persoa que teña a condición de interesada, por medio do acceso telemático ao servizo horizontal de acceso ao Sistema de verificación de datos de identidade e de residencia do Ministerio de Administracións Públicas.
Non obstante, a persoa solicitante poderá denegar expresamente o consentimento; daquela, deberá presentar, xunto coa solicitude, unha copia cotexada do documento de identidade en vigor.
Cuarta. Baremo de méritos. Acreditación de méritos e desempates
Para establecer a orde de prelación no proceso de selección das persoas candidatas, segundo a acreditación de méritos establecida nestas bases, aplicarase o seguinte baremo:
4.1. Experiencia laboral (a maiores dos 2 anos mínimos de experiencia laboral requirida): ata un máximo de 30 puntos.
– Por cada mes de traballado en actividades profesionais relacionadas coas tarefas da praza que se vai desenvolver no proxecto: 0,25 puntos/mes, ata un máximo de 30 puntos.
4.2. Formación específica e complementaria: ata un máximo de 20 puntos.
– Por cada curso organizado ou impartido pola Escola Galega de Administración Pública (EGAP), polo Instituto Nacional de Administración Pública (INAP), polas escolas oficiais de formación similares do Estado e das restantes comunidades autónomas, pola Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), pola Escola Galega de Administración Sanitaria (Fegas), pola Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), cursos impartidos polos ministerios, Representación Permanente de España na Unión Europea (Reper) e cursos do Acordo de formación para o emprego das administracións públicas (Afedap), cursos impartidos polas organizacións sindicais que estivesen homologados pola EGAP; cursos impartidos polo Inem, cursos impartidos polas consellerías da Xunta de Galicia ata un máximo de 6 puntos: 0,2 puntos, por cada 10 horas de formación.
– Por posuír máster ou especialización relacionado coas tarefas da praza: 5 puntos.
– Por cursos relacionados coa xestión de proxectos europeos e ferramentas de xestión de proxectos, ata un máximo de 3 puntos: 0,3 puntos, por cada 10 horas de formación.
– Por cada curso de ferramentas SIX, e outras relacionadas coas tarefas do posto, ata un máximo de 3 puntos: 0,3 puntos, por cada 10 horas de formación.
– Polo coñecemento doutros idiomas europeos (portugués, inglés), a maiores dos oficiais no Estado español, ata un máximo de 3 puntos:
– Certificado menor a B1 ou equivalente: 1 punto.
– Igual ou maior a B2 ou equivalente: 2 puntos.
De producirse o empate na puntuación, acudirase para dirimilo á outorgada polos méritos alegados segundo a orde establecida neste anexo e, de persistir, a favor da primeira letra do primeiro apelido, segundo a orde establecida anualmente na resolución da Consellería de Facenda e Administración Pública pola que se publica o resultado do sorteo a que se refire o Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.
Non obstante o anterior, no suposto de infrarrepresentación do sexo feminino nos termos establecidos no artigo 49 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, que aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, o primeiro criterio de desempate será o de ter a condición de muller.
Quinta. Tribunal de selección
O tribunal de selección será nomeado por resolución da dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e será constituído unha vez publicada na web da dita axencia (https://agader.xunta.gal), a relación definitiva das persoas aspirantes. Serán de aplicación a este órgano as instrucións relativas ao funcionamento e á actuación dos órganos de selección do 11 de abril de 2007, modificadas polo acordo do Consello da Xunta de Galicia do 8 de abril de 2010.
Sexta. Desenvolvemento do proceso de selección
Expirado o pazo de presentación de solicitudes, farase pública na páxina web da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (https://agader.xunta.gal) a relación provisional de persoas admitidas e excluídas, así como as causas da súa exclusión. Poderanse formular alegacións contra a listaxe provisional nun prazo de tres (3) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da súa publicación na páxina web da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.
As alegacións presentaranse preferentemente por medios electrónicos a través do formulario normalizado PR004A, accesible na sede electrónica da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.gal
As alegacións tamén poderán presentaranse nas oficinas previstas no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Deberán dirixirse á Secretaría Xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.
Unha vez resoltas as reclamacións, ditarase unha resolución pola que se aproba a lista definitiva de persoas admitidas e excluídas.
Esta resolución farase pública na páxina web da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.
O feito de figurar na relación de persoas admitidas non prexulga que se lles recoñeza a posesión dos requisitos exixidos nesta convocatoria. Cando da documentación que se debe presentar, no caso de superar o proceso de selección, se desprenda que non posúen algún dos requisitos, as persoas interesadas decaerán en todos os dereitos que poidan derivar da súa participación neste procedemento.
O proceso constará de dúas fases:
– Primeira fase: valoración de méritos. A puntuación máxima da fase de méritos será de cincuenta puntos (50) puntos.
– Segunda fase: valoración da memoria presentada e realización de entrevista persoal.
A puntuación máxima da memoria será de 10 puntos (10).
A puntuación máxima da entrevista será de 5 puntos (5).
Primeira fase: o tribunal procederá a unha baremación provisional dos méritos alegados polas persoas aspirantes con expresión da puntuación obtida nunha orde decrecente de maior a menor puntuación.
Poderanse formular alegacións contra a baremación da listaxe provisional nun prazo de tres (3) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da súa publicación na páxina web da axencia.
O tribunal de selección, se é o caso, e só para os efectos de aclarar posibles dúbidas sobre a documentación achegada, poderá requirir a presenza das persoas aspirantes que considere oportuno.
A estimación ou desestimación das ditas alegacións entenderase implícitas na publicación da puntuación definitiva da primeira fase do proceso.
Segunda fase: consistirá na valoración da memoria presentada e a realización dunha entrevista persoal non eliminatoria.
Na valoración da memoria terase en conta a organización interna do documento, a claridade na organización lóxica do documento, a estruturación das accións nun cronograma, así como a proposta de desenvolvemento de cada unha das accións, con indicadores de seguimento, e os condicionantes que se van ter en conta para cada unha delas.
Na entrevista valorarase a resolución de xeito oral, de pequenos casos prácticos relacionados coas actividades que se van desenvolver no proxecto e na propia xestión administrativa, nos que a persoa poida aplicar os coñecementos sobre políticas e programas comunitarios relacionados co eido rural, o deseño e a posta en marcha de estratexias de desenvolvemento, así como para a loita contra o despoboamento e fronte ao cambio climático.
Para a realización da entrevista disporase dun tempo máximo de vinte (20) minutos. A entrevista cualificarase de 0 a 5 puntos.
O tribunal de selección publicará na web da axencia (https://agader.xunta.gal) os nomes das persoas convocadas, o lugar e a data e hora de realización da entrevista, que deberán presentarse no lugar indicado co orixinal do DNI, permiso de conducir ou, no seu defecto, o pasaporte.
Una vez realizadas as entrevistas, o tribunal publicará na web da axencia (https://agader.xunta.gal) a listaxe coa puntuación provisional das persoas aspirantes.
Poderanse formular alegacións contra a puntuación provisional nun prazo de tres (3) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da súa publicación.
Transcorrido o prazo de alegacións, o tribunal procederá á puntuación global definitiva, que será elevada á Dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, para que dite unha resolución coas puntuacións globais definitivas das persoas aspirantes polo mesmo medio que a listaxe provisional, con expresión da puntuación obtida nunha orde decrecente.
A primeira persoa da lista definitiva publicada será a candidata seleccionada para a cobertura da praza obxecto desta convocatoria, que deberá presentar no prazo de cinco (5) días hábiles, desde que se faga pública a dita lista, a seguinte documentación perante a axencia:
– Tarxeta sanitaria e/ou número de afiliación á Seguridade Social.
– Certificado médico oficial ou informe de saúde nos cales se acrediten os aspectos sinalados na base 2.7.
– Declaración, baixo a súa responsabilidade, de non ter sido separada do servizo de ningunha Administración pública en virtude de expediente disciplinario nin encontrarse inhabilitada por sentenza firme para o exercicio de funcións públicas para efectos de acreditar os aspectos sinalados na base 2.8.
Se a persoa candidata seleccionada non presenta a documentación indicada no punto anterior no prazo establecido ou presenta a renuncia á súa contratación para o posto para o que foi seleccionada (caso en que se fará mediante unha solicitude expresa ao respecto, no mesmo prazo sinalado no punto anterior), resultará, en calquera caso, automaticamente seleccionada a seguinte persoa segundo a orde de prelación da lista, que deberá presentar nun novo prazo de cinco (5) días hábiles desde o remate do anterior, a documentación citada no punto anterior. Procederase desta forma ata que unha das persoas candidatas presente en prazo e validamente a súa documentación.
Logo de seleccionada a persoa candidata e presentada a súa documentación, segundo o establecido nos puntos anteriores, comprobado o cumprimento dos requisitos exixidos, procederase á formalización da contratación obxecto da convocatoria.
Sétima. Norma derradeira
7.1. Todas as resolucións do proceso de selección publicaranse na páxina web da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.
7.2. Esta convocatoria, as súas bases e cantos actos administrativos deriven dela ou da actuación do tribunal, co carácter de definitivos ou que, sendo de trámite, decidan sobre o fondo do asunto, poderán ser impugnados polas persoas interesadas no prazo e na forma establecidos pola Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
