DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 117 Venres, 20 de xuño de 2025 Páx. 34592

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

RESOLUCIÓN do 11 de xuño de 2025, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, pola que se convoca o concurso de adxudicación de destinos provisionais para o curso académico 2025/26 entre o persoal docente dos corpos de inspectores de educación, catedráticos e profesores de ensino secundario, do corpo, para extinguir, de profesores técnicos de formación profesional, profesores especialistas en sectores singulares de formación profesional, catedráticos e profesores de escolas oficiais de idiomas, catedráticos e profesores de música e artes escénicas, catedráticos, profesores e mestres de taller de artes plásticas e deseño, e do corpo de mestres, que non teñan destino definitivo na Comunidade Autónoma de Galicia, aos que resultan desprazados por falta de horario, ao persoal ao que se lle conceda unha comisión de servizos por concelleira ou concelleiro, por motivos de saúde ou por conciliación da vida familiar e laboral, ao persoal interino e substituto e ao persoal funcionario de carreira que solicite o reingreso no servizo activo (código de procedemento ED002B).

No Diario Oficial de Galicia núm. 113, do 14 de xuño de 2018, publicouse a Orde do 7 de xuño de 2018 pola que se ditan as normas para a adxudicación de destino provisional entre o persoal docente pertencente aos corpos de inspectores de educación, catedráticos e profesores de ensino secundario, profesores técnicos de formación profesional, catedráticos e profesores de escolas oficiais de idiomas, catedráticos e profesores de música e artes escénicas, catedráticos e profesores e mestres de taller de artes plásticas e deseño e do corpo de mestres, que non teñan destino definitivo na Comunidade Autónoma de Galicia, aos que resultan desprazados por falta de horario, ao persoal ao que se lle conceda unha comisión de servizos por concelleira ou concelleiro, por motivos de saúde ou por conciliación da vida familiar e laboral, ao persoal interino e substituto e ao persoal funcionario de carreira que solicite o reingreso no servizo activo (ED002B), modificada pola Orde do 31 de marzo de 2023 (DOG núm. 71, do 13 de abril) e outras.

No seu artigo 37, a citada orde establece que «resoltos os concursos xerais de traslados, a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos procederá a realizar no Diario Oficial de Galicia a convocatoria de adxudicación de destinos provisionais para o curso correspondente», indicando a continuación o contido mínimo da citada convocatoria.

Con base no citado artigo, esta Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos,

RESOLVE:

Primeiro. Convocatoria

Convocar o concurso de adxudicación de destinos provisionais para o curso académico 2025/26 entre o persoal docente pertencente aos corpos de inspectores de educación, catedráticos e profesores de ensino secundario, do corpo, para extinguir, de profesores técnicos de formación profesional, profesores especialistas en sectores singulares da formación profesional, catedráticos e profesores de escolas oficiais de idiomas, catedráticos e profesores de música e artes escénicas, catedráticos e profesores e mestres de taller de artes plásticas e deseño, e do corpo de mestres, que non teñan destino definitivo na Comunidade Autónoma de Galicia, aos que resultan desprazados por falta de horario, ao persoal ao que se lle conceda unha comisión de servizos por concelleira ou concelleiro, por motivos de saúde ou por conciliación da vida familiar e laboral, ao persoal interino e substituto e ao persoal funcionario de carreira que solicite o reingreso no servizo activo.

Segundo. Prazo de solicitude

O prazo para formular a solicitude, que se presentará do xeito que se establece no artigo 14 da Orde do 7 de xuño de 2018, pola que se as ditan normas para a adxudicación de destino provisional entre o persoal docente, será de 15 días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Aquelas persoas que, estando obrigadas, non presenten unha solicitude, entenderase que se acollen á validez da formulada para o curso académico 2018/19 ou seguintes de conformidade co establecido no artigo 21 da citada Orde do 7 de xuño de 2018.

Terceiro. Relación provisional e definitiva do persoal obrigado a participar

As relacións provisionais de persoal que ten a obriga de participar na adxudicación de destinos, por lista única cando proceda e por especialidades e orde de prioridade, publicaranse no portal da internet desta consellería, https://www.edu.xunta.gal/, o 9 de xullo de 2025.

Nestas relacións provisionais de persoal que ten a obriga de participar non se incluirá o persoal que vaia ser suprimido e desprazado por falta de horario que aínda non fose comunicado á Subdirección Xeral de Recursos Humanos, que si se incorporará nas relacións definitivas, sen prexuízo daquelas persoas ás que se poida abrir o prazo extraordinario de solicitudes previsto na disposición adicional cuarta da Orde do 7 de xuño de 2018.

Publicadas as relacións provisionais de persoal que ten a obriga de participar, abrirase un prazo de cinco días hábiles para presentar reclamacións. Transcorrido este prazo publicarase a lista definitiva do persoal docente que ten a obriga de participar. A data previsible de publicación da lista definitiva é o 24 de xullo de 2025.

Cuarto. Resolución provisional do concurso de adxudicación de destinos provisionais

A data previsible de resolución provisional do concurso e a súa publicación no portal da internet desta consellería, https://www.edu.xunta.gal/, para todos os corpos, é o 24 de xullo de 2025.

O prazo para formular reclamacións ou renuncias contra a resolución provisional do concurso é de dous (2) días hábiles contados a partir do seguinte ao da súa publicación no portal da internet desta consellería, https://www.edu.xunta.gal/

As reclamacións indicadas no parágrafo anterior formularanse, en todo caso, por medios electrónicos na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). De formular a reclamación de xeito presencial, a persoa reclamante será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considérase como data da presentación da reclamación aquela en que foi realizada a emenda.

As renuncias á resolución provisional do concurso realizaranse a través da dirección https://www.edu.xunta.gal/cadp/, e non resultará necesaria a súa presentación na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Quinto. Adxudicación definitiva dos destinos provisionais

A data previsible da adxudicación definitiva dos destinos provisionais e a súa publicación no portal da internet desta consellería, https://www.edu.xunta.gal/, para todos os corpos é o 1 de agosto de 2025.

Esta adxudicación definitiva terá efectividade o día seguinte ao da súa publicación no portal da internet desta consellería https://www.edu.xunta.gal/, sen prexuízo de que a toma de posesión será con efectos do 1 de setembro de 2025.

A adxudicación definitiva dos destinos provisionais publicarase tamén no Diario Oficial de Galicia.

Sexto. Presentación das solicitudes por medios electrónicos

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do modelo normalizado (anexo I) accesible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

As solicitudes tamén poderán cubrirse na páxina web da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, https://www.edu.xunta.gal/cadp/ e presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal, segundo o artigo 14 da Orde do 7 de xuño de 2018.

Os anexos coa relación de centros que pode solicitar o persoal concursante estarán dispoñibles na páxina web https://www.edu.xunta.gal/cadp/ segundo o seguinte detalle:

Anexo II: relación dos centros que pode solicitar o persoal docente dos corpos de catedráticos e profesores de ensino secundario, o de profesores técnicos de formación profesional, para extinguir, e o de profesores especialistas en sectores singulares da formación profesional.

Anexo III: relación dos centros que pode solicitar o persoal docente dos corpos de catedráticos e de profesores de escolas oficiais de idiomas.

Anexo IV: relación dos centros que pode solicitar o persoal docente do corpo de catedráticos de música e artes escénicas.

Anexo V: relación dos centros que pode solicitar o persoal docente do corpo de profesores de música e artes escénicas

Anexo VI: relación dos centros que pode solicitar o persoal docente dos corpos de catedráticos e profesores de artes plásticas e deseño e de mestres de taller de artes plásticas e deseño.

Anexo VII: relación dos centros que pode solicitar o persoal docente do corpo de mestres.

Anexo VIII: relación dos centros que pode solicitar o persoal docente do corpo de inspectores de educación.

Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2025

Jesús Manuel Álvarez Bértolo
Director xeral de Centros e Recursos Humanos