DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 117 Venres, 20 de xuño de 2025 Páx. 34683

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Santiago de Compostela

ANUNCIO de información pública da modificación puntual do Plan especial de protección e rehabilitación da cidade histórica (PE-1), regulación de usos (expediente 2024/27192Y).

A Xunta de Goberno Local, na sesión que tivo lugar o día 16 de xuño de 2025, adoptou o seguinte acordo:

a) Aprobar inicialmente a modificación puntual do Plan especial de protección e rehabilitación da cidade histórica (regulación de usos), segundo o documento formulado polos servizos técnicos municipais de planeamento en xuño de 2025.

b) En aplicación do procedemento de tramitación simplificada regulado no artigo 18 da Lei 1/2019, do 22 abril, de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia (LRRR), a modificación inicialmente aprobada someterase á información pública durante o prazo dun mes, mediante anuncios que para o efecto se publicarán no Diario Oficial de Galicia e nun xornal dos de maior difusión na provincia. Simultaneamente, efectuarase notificación persoal a todas as persoas que figuren no Catastro como titulares de predios incluídos no ámbito do plan especial.

Obxecto da modificación.

A modificación afecta a normativa de usos do vixente Plan especial de protección e rehabilitación da cidade histórica (PE-1) e supón unha nova redacción dos seguintes artigos:

– Artigos 130 a 143 (normas xerais de uso).

– Artigos 150 a 155 (normas particulares de zona).

– Artigo 172 (Ordenanza de equipamentos e dotacións).

Suspensión de licenzas e demais títulos habilitantes de natureza urbanística.

O acordo de aprobación inicial extingue os efectos da suspensión previa que foi publicada no Diario Oficial de Galicia os días 19 de xuño de 2024 e 16 de xaneiro de 2025. Así mesmo, determina automaticamente, por aplicación do que dispoñen os artigos 47.2 da LSG e 86 do RLSG, unha nova suspensión do procedemento de outorgamento de licenzas de edificación, parcelación e derruba que resulten incompatibles ou desconformes coas novas determinacións da modificación inicialmente aprobada.

De conformidade co disposto no artigo 86.3.d) do RLSG, a suspensión impide a obtención de calquera título habilitante de natureza urbanística que supoña a implantación ou a ampliación de usos, tipos de uso e actividades desconformes coa normativa inicialmente aprobada, isto é, cando incumpran as condicións de uso e/ou de implantación establecidas na citada normativa.

Actos non afectados pola suspensión.

Dado o contido e alcance da reforma, a suspensión non afectará:

– As obras de mantemento e conservación das edificacións e das instalacións existentes.

– As obras de reforma e de rehabilitación, agás cando comporten a implantación ou a ampliación de usos, tipos de uso ou actividades que sexan desconformes co novo plan.

– Os actos de primeira ocupación e de inicio de actividade cando xa se tivese obtido o preceptivo título habilitante das obras executadas para o uso pretendido.

– Os proxectos que cumpran simultaneamente as determinacións do planeamento vixente e as resultantes da modificación inicialmente aprobada.

Ámbito territorial e duración da suspensión:

O ámbito territorial da suspensión abrangue todo o ámbito delimitado no PXOM vixente como PE-1.

A suspensión terá a duración máxima de dous anos, contados a partir do día seguinte ao do acordo de aprobación inicial, e extinguirase en todo caso coa aprobación definitiva e a entrada en vigor do novo planeamento.

Presentación de alegacións.

As persoas interesadas poderán alegar por escrito durante o prazo dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da última publicación do anuncio de información pública.

Para as persoas que figuren no Catastro como titulares de inmobles afectados, o prazo dun mes iniciarase o día seguinte a aquel en que reciban a respectiva notificación persoal ou, se non puidesen ser citadas no seu enderezo, o día seguinte de publicarse o edicto no Boletín Oficial del Estado.

As alegacións poderán presentarse na sede electrónica do Concello de Santiago de Compostela na epígrafe do Catálogo de trámites, a través do trámite de presentación de documentación e alegacións e da opción de achega libre. Deberase introducir o dato 2024/27192Y no campo da referencia e incorporar o documento das alegacións.

Tamén se poderán presentar as alegacións por calquera dos outros medios relacionados no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Consulta do expediente.

O proxecto inicialmente aprobado e sometido á información pública poderase consultar na páxina web do Concello a través da seguinte ligazón:

https://santiagodecompostela.gal/gl/transparencia/urbanismo/planeamiento/modificacion-do-plan-especial-de-proteccion-e-rehabilitacion-da-cidade-historica

Tamén se poderá consultar de forma presencial no Servizo de Planeamento e Xestión Urbanística do Concello de Santiago (sito na rúa das Casas Reais, nº 8, 2º andar), de luns a venres, das 9.00 ás 14.00 horas.

Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2025

A alcaldesa
P.D. (DEC/2023/8135, do 17 de xuño)
Iago Lestegás Tizón
Concelleiro delegado de Urbanismo, Vivenda e Cidade Histórica