DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 118 Luns, 23 de xuño de 2025 Páx. 34758

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Igualdade

EXTRACTO da Orde do 6 de xuño de 2025 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a posta en marcha de casas do maior, para os anos 2025 e 2026, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS212A).

BDNS (Identif.): 841213.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/841213

Primeiro. Persoas beneficiarias das axudas económicas

1. Poderán ser beneficiarias das axudas para poñer en marcha un proxecto de casa do maior (procedemento BS212A) as persoas físicas que se establezan como empresarias autónomas ou que constitúan cooperativas de traballo asociado que, ademais do cumprimento do establecido no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, reúnan os seguintes requisitos:

a) Estar en posesión ou contar, polo menos, cunha persoa socia que o estea, no caso de cooperativas de traballo asociado, de calquera das titulacións que se recollen a continuación, ou equivalentes, ou da formación ou experiencia seguinte:

1º. Licenciatura ou grao en Medicina.

2º. Licenciatura ou grao en Psicoloxía.

3º. Máster, experto ou especialista en Psicoxerontoloxía.

4º. Diplomatura ou grao en Enfermaría.

5º. Título de técnico en Coidados Auxiliares de Enfermaría establecido polo Real decreto 546/1995, do 7 de abril, polo que se establece o título de técnico en Coidados Auxiliares de Enfermaría e as correspondentes ensinanzas mínimas, ou os títulos equivalentes de técnico Auxiliar de Clínica, técnico Auxiliar de Psiquiatría e técnico Auxiliar de Enfermaría que se establecen no Real decreto 777/1998, do 30 de abril, polo que se desenvolven determinados aspectos da ordenación da formación profesional no ámbito do sistema educativo, ou, se é o caso, calquera outro título que se publique cos mesmos efectos profesionais.

6º. Título de técnico en Atención a Persoas en Situación de Dependencia, regulado polo Real decreto 1593/2011, do 4 de novembro, polo que se establece o título de técnico de Atención a Persoas en Situación de Dependencia e se fixan as súas ensinanzas mínimas, ou o título equivalente de técnico de Atención Sociosanitaria, ou, se é o caso, calquera outro título que se publique cos mesmos efectos profesionais.

7º. Título de técnico superior en Integración Social, establecido polo Real decreto 1074/2012, do 13 de xullo, polo que se establece o título de técnico superior en Integración Social e se fixan a súas ensinanzas mínimas, ou o título equivalente para aqueles profesionais que, na data de publicación desta convocatoria, se atopen traballando na categoría profesional de asistente persoal ou auxiliar de axuda a domicilio.

8º. O certificado de profesionalidade de Atención Sociosanitaria a Persoas Dependentes en Institucións Sociais, regulado polo Real decreto 1379/2008, do 1 de agosto, polo que se establecen dous certificados de profesionalidade da familia profesional Servizos Socioculturais e á Comunidade que se engaden no Repertorio nacional de certificados de profesionalidade, ou, se é o caso, calquera outro certificado que se publique cos mesmos efectos profesionais.

9º. O certificado de profesionalidade de Atención Sociosanitaria a Persoas no Domicilio, regulado polo Real decreto 1379/2008, do 1 de agosto, ou o equivalente certificado de profesionalidade da ocupación de Auxiliar de Axuda a Domicilio, ou, se é o caso, calquera outro certificado que se publique cos mesmos efectos profesionais.

10º. Diploma que acredite a realización de cursos de formación integral e/ou complementaria para futuros profesionais da casa do maior. O curso terá unha duración de 30 horas e será impartido pola Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria.

b) Residir en concellos con menos de 5.600 habitantes que non dispoñan de recursos de atención diúrna a persoas maiores, en que se promova o establecemento da casa do maior, ou telo feito nos cinco anos anteriores á posta en marcha do proxecto.

c) Contar cun inmoble en condicións de accesibilidade nunha das poboacións mencionadas na letra anterior, ou dispoñer del con anterioridade á posta en marcha da casa do maior, nos termos establecidos na orde.

d) Acreditar unha revisión médica anual da persoa promotora ou da/s persoa/s socia/s que desenvolvan o proxecto, no caso de cooperativa de traballo asociado.

e) Dispoñer dun certificado de manipulador de alimentos. No caso de cooperativas de traballo asociado, este certificado deberá estar referido á/s persoa/s socia/s que desenvolvan o proxecto.

Segundo. Obxecto

1. Esta orde ten como obxectivo o establecemento das bases reguladoras e a convocatoria de subvencións destinadas a persoas físicas ou cooperativas de traballo asociado, para a posta en marcha de casas do maior nos anos 2025 e 2026.

2. As subvencións destinaranse á consecución da seguinte finalidade:

A posta en marcha de casas do maior destinadas á atención de mulleres e homes maiores de 60 anos de idade, en situación de dependencia grao I, e para persoas maiores de 60 anos sen dependencia, como recurso de promoción da autonomía persoal, mediante o seu establecemento nos concellos de menos de 5.600 habitantes da Comunidade Autónoma de Galicia que non conten con recurso de atención diúrna en funcionamento.

Para os efectos desta orde considérase que no concello existen recursos de atención diúrna cando, de acordo cos datos que figuran no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais adscrito á Consellería de Política Social e Igualdade, conten con centros de día ou centros de día de alzhéimer con permiso de actividades.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 6 de xuño de 2025 pola que se regulan as bases que rexerá o procedemento de concesión de axudas para a posta en marcha de casas do maior, para os anos 2025 e 2026, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS212A).

Cuarto. Tipos de axuda e contías

As axudas económicas destinadas á posta en marcha das casas do maior consistirán:

a) Axudas para gastos de investimento que consistirán nunha subvención de ata o 100 % destes, cun límite máximo global por cada casa do maior de 15.000 euros. Consideraranse gastos de investimento aqueles en que a persoa promotora da casa do maior incorra para a reforma e adaptación da vivenda destinada a prestar este servizo, así como o seu equipamento e dotación material sempre que sexan necesarios.

b) A axuda polo desenvolvemento das actividades do proxecto que consistirá nunha achega económica en forma de prima destinada a apoiar esta iniciativa emprendedora ao comezo da súa andaina que se liquidará nos termos previstos no artigo 21 da orde.

Na anualidade 2025 esta axuda acadará un máximo de 1.033 € correspondente á segunda quincena do mes de decembro, e na anualidade 2026 esta axuda acadará un importe máximo de 24.800 €. Estes importes minoraranse proporcionalmente en función dos meses efectivos de funcionamento.

c) Adicionalmente, no caso de que as persoas promotoras da casa do maior optaran por asumir o desprazamento das persoas usuarias, percibirán 10 euros por persoa e día. Para estes efectos deberán acreditar o número de persoas usuarias deste servizo mediante a cobertura do anexo VII.

d) Nos casos de baixa por maternidade ou permiso de paternidade da persoa encargada do desenvolvemento da actividade aboarase un complemento da prima de 150 € semanais durante o período que dure a dita baixa.

Quinto. Financiamento

1. A contía máxima destinada ás axudas reguladas nesta orde é de 1.067.860 euros, segundo a seguinte distribución:

Aplicación orzamentaria

2025

2026

Importe total

08.05.312E.770.0

300.000,00 €

-

300.000,00 €

08.05.312E.470.0

25.060,00 €

742.800,00 €

767.860,00 €

Total

325.060,00 €

742.800,00 €

1.067.860,00 €

2. A partida 08.05.312E.770.0 destinarase ao financiamento de gastos de investimento e a partida 08.05.312E.470.0 destinarase ao financiamento da prima polo desenvolvemento do proxecto e o servizo de desprazamento das persoas usuarias.

3. De conformidade co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, excepcionalmente poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, se é o caso, logo de aprobación da modificación orzamentaria que procede. A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria, sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Sexto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Sétimo. Permanencia mínima da actividade subvencionada

O período mínimo de permanencia da actividade empresarial subvencionada será de 5 anos contados desde a data de posta en marcha da casa do maior.

Para estes efectos, entenderase como data de posta en marcha a data de resolución de concesión da axuda concedida ao abeiro desta convocatoria ou a data de cumprimento de todos os requisitos e condicións previstos nesta orde nos casos de concesión condicionada.

Exceptúanse deste requisito aqueles supostos en que causas de forza maior alleas á vontade da persoa promotora da casa do maior impidan o desenvolvemento da actividade nas condicións establecidas nos números anteriores.

Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2025

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Igualdade