En cumprimento do disposto no artigo 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e nos artigos 144.18 e 199 do Decreto 143/2016, do 23 de setembro, polo que se aproba o seu regulamento, faise pública a aprobación definitiva da modificación puntual nº 2 do Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Baiona (Pontevedra), mediante a Orde da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, do 11 de xuño de 2025, que figura como anexo.
Unha vez inscrita a devandita modificación puntual no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia, a documentación íntegra deste, incluído o extracto ambiental, poderá consultarse na seguinte ligazón:
https://territorioeurbanismo.xunta.gal/gl/territorio-e-urbanismo/rexistro-de-ordenacion-do-territorio-e-urbanismo/buscador
Así mesmo, o informe ambiental estratéxico e a demais documentación do procedemento de avaliación ambiental do referido plan poderán ser consultados na seguinte ligazón:
https://medioambiente.xunta.gal/busca-por-palabra-clave?p_p_id=aaeKeyword_WAR_aae&p_p_lifecycle=0&p_p_state=normal&p_p_mode=view&p_p_col_id=column-2&p_p_col_count=1&_aaeKeyword_WAR_aae__spage=%2Fportlet_action%2Faae%2FdetalleProxecto%3Fid%3D2145&_aaeKeyword_WAR_aae_id=2145
Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2025
Mª Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Urbanismo
ANEXO
Orde de aprobación definitiva da modificación puntual nº 2 do Plan xeral de ordenación municipal do Concello De Baiona, Pontevedra (PTU-PO-18/130)
O Concello de Baiona remite a documentación relativa á modificación puntual referida (MP) en solicitude de aprobación definitiva, conforme o previsto nos artigos 60.13 e 60.16 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG), e aos artigos 144.13 e 144.16 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o seu regulamento (RLSG).
Analizada a documentación achegada e vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Urbanismo, resulta:
Antecedentes.
1. O Concello de Baiona conta cun Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) aprobado definitivamente pola Orde da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas do 4.6.2014 (DOG do 17.6.2014).
2. A Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático formulou unha resolución do 15.2.2019 co informe ambiental estratéxico (IAE) no que se resolve non someter a modificación ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinario (DOG do 25.3.2019). No proceso de avaliación ambiental recibíronse os seguintes informes:
• Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, do 20.12.2018.
• Instituto de Estudos do Territorio, do 20.12.2018.
• Axencia Galega de Infraestruturas, do 23.11.2018.
• Dirección Xeral de Mobilidade, do 4.12.2018.
• Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, do 10.12.2018.
3. Constan informes municipais: técnicos dos días 2.3.2020, 19.2.2021, 18.2.2022 e 28.7.2022; xurídicos dos días 5.3.2020 e 28.7.2022; e de intervención do 1.8.2022.
4. Constan informes da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo en materia de costas do 22.7.2020 e 4.3.2022; e da Dirección Xeral da Costa e o Mar do 4.2.2021.
5. Tras as modificacións introducidas, solicítase un novo informe á Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, que con data do 22.2.2022 determina que non é necesario someter a MP a un novo procedemento de avaliación ambiental.
6. A MP foi aprobada inicialmente por acordo plenario do día 5.8.2022, someténdoa a información pública polo prazo de dous meses, mediante anuncio publicado no Diario Oficial de Galicia do 31.8.2022 e no xornal Faro de Vigo do 31.8.2022.
7. O concello solicitou os informes non autonómicos preceptivos. Constan informes da Subdirección Xeral de Planificación, da Rede Transeuropea e Loxística do 6.9.2022; da Dirección Xeral da Costa e o Mar do 13.9.2022; da Dirección Xeral de Telecomunicacións e Ordenación dos Servizos de Comunicación Audiovisual do 23.9.2022; da Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas do 5.10.2022; da Área de Fomento da Delegación do Goberno en Galicia do 10.11.2022.
8. Segundo o establecido no artigo 60.7 da LSG foron solicitados os informes sectoriais autonómicos. Constan informes da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo sobre o cumprimento do Plan de Ordenación do Litoral, do 17.10.2022; do Servizo de Montes da Consellería do Medio Rural do 23.9.22; da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade do 15.11.22; da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural do 7.11.2022; da Deputación de Pontevedra do 10.10.2022; do Instituto de Estudos do Territorio do 22.11.2022; e de Augas de Galicia do 29.11.2022.
9. Déuselles audiencia aos concellos limítrofes de Gondomar, Oia, Nigrán e Tomiño.
10. Constan informes municipais: técnico do 21.4.2023, xurídico do 25.4.2023 e de intervención do 25.4.2023.
11. O Pleno do Concello aprobou provisionalmente a MP en sesión do 4.5.2023.
12. Os días 31.5.2023 e 19.10.2023 o Concello remite a modificación para a súa aprobación definitiva, consonte os artigos 60.13 e 60.16 da LSG e os artigos 144.13 e 144.16 do RLSG.
13. Constan requirimentos da Xefatura do Servizo de Urbanismo de Pontevedra dos días 29.6.2023 e 20.11.2023 e solicitou a emenda dunha serie de eivas no expediente administrativo e no documento técnico.
14. Os días 5.3.2025 e 16.4.2025 o Concello achega unha nova documentación para a aprobación definitiva da modificación puntual, na que consta a emisión de informes da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 27.11.2023; da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade do 12.3.2024; e da Dirección Xeral da Costa e do Mar do 23.12.2024.
II. Obxecto e descrición da modificación.
A modificación puntual ten por obxecto:
1. Dar cumprimento á sentenza 651/2016 do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, do 3.11.2016, recualificando como solo urbano consolidado a parcela catastral 2534004NG1623S cualificada como solo urbano non consolidado integrada na área de repartición AR-1-O.
A modificación puntual acada tamén a parcela catastral 2534005NG1623S situada na mesma área de repartición, toda vez que nela concorren identicamente as condicións establecidas no artigo 17.a da LSG para a súa consideración como solo urbano consolidado. En consecuencia, suprímese a área de repartición AR-01-O.
A modificación puntual cualifica os terreos e asígnalles a mesma ordenanza prevista no PXOM para a dita área de repartición, mantendo as alturas asignadas (B+5 e B+4) en concordancia coas alturas de edificación do contorno.
En relación co documento aprobado inicialmente, modifícase a aliñación cara ao sur da parcela 2534005NG1623S, para poder cumprir as exixencias do uso característico residencial, sen que resulte unha redución do aproveitamento xa patrimonializado; e substitúese a previsión da zona verde pública EL-BA-22 para incorporala ao sistema viario e posibilitar a manobra dos vehículos. A obtención deste solo prevese mediante unha cesión gratuíta, en virtude do artigo 20.a da LSG.
2. Suprimir a previsión do Plan especial de dotacións e infraestruturas das Costeiras (PE-4) cun alto grao de rexeitamento social e sen se xustificar a sustentabilidade ambiental nin económica.
A eliminación dese PE implica a redución de 675.965 m2 de equipamento deportivo de sistema xeral EQ-BR-12, mantendo o solo rústico coa categoría de especial protección forestal, e superpoñendo outras categorías de solo rústico especialmente protexido derivadas das afeccións sectoriais recollidas no Plan básico autonómico.
3. Realizar cambios na normativa urbanística do PXOM (artigos 300 e 301) para dar cumprimento aos informes emitidos pola Axencia Galega de Infraestruturas.
III. Análise e consideracións.
1. As razóns de interese público nas que se xustifica a modificación puntual, segundo o exixido no artigo 83.1 da LSG, fundaméntase en dar resposta a unha sentenza xudicial, eliminar a previsión dun plan especial que pode xerar impactos negativos e eliminar a zona verde pública EL-BA-22 para resolver problemas de mobilidade.
2. Na modificación puntual xustifícase o cumprimento dos estándares do artigo 42 da LSG á vista da supresión do sistema xeral de equipamentos EQ-BR-12 e do aumento de edificabilidade residencial pola modificación da aliñación que figuraba no PXOM.
3. Polo que respecta á adaptación exixida ás normas técnicas de planeamento aprobadas pola Orde do 10 de outubro (DOG do 25.11.2019) e modificadas pola Orde do 8 de abril (DOG do 25.4.2022) detéctanse as seguintes eivas:
• Existen erros na identificación da fase dos documentos, tanto nas portadas como nos encabezamentos e nos pés de páxina (Índice, MX. parte 1 e parte II).
• A codificación do índice xeral non está completamente adaptada ao regulado no anexo 4 das NNTTPP (_00IND_XERAL en lugar de _INDEX).
• Os planos de ordenación O.5.02 e O.5.05 correspóndense cos planos de estrutura xeral e orgánica do territorio, polo que deberían incluírse coa codificación _PORD_01EX.
• O contido da carpeta 10.AAE non se axusta ao regulado no anexo 4 das NNTTPP.
• Non consta o anexo 9B coa declaración responsable do proceso de dilixenciado do documento técnico aprobado inicialmente nin do aprobado provisionalmente.
IV. A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral e das súas modificacións puntuais correspóndelle á Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, de conformidade co disposto nos artigos 60, 61.1, 83.6 da LSG e nos artigos 146.1 e 200.5 do RLSG; en relación co Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia e co Decreto 142/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas.
IV. Resolución
En consecuencia, e visto o que antecede,
RESOLVO:
1. Aprobar definitivamente a modificación puntual nº 2 do Plan xeral de ordenación municipal do concello de Baiona.
2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, de 10 de febreiro, do solo de Galicia, e artigo 212.1 do seu regulamento, a Dirección Xeral de Urbanismo inscribirá de oficio a MP no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia.
3. De conformidade co disposto polos artigos 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas da MP do PXOM aprobada definitivamente.
4. Notifíquese esta orde ao Concello de Baiona, e publíquese no Diario Oficial de Galicia.
5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
