En cumprimento do disposto no artigo 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e nos artigos 144.18 e 199 do Decreto 143/2016, do 23 de setembro, polo que se aproba o seu regulamento, faise pública a aprobación definitiva da modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento municipal do Concello de Cerceda para a clasificación de solo urbanizable e ordenación detallada do sector en Areosa-Queixas, mediante a Orde da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, do 3 de xuño de 2025, que figura como anexo.
Unha vez inscrita a devandita modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento municipal no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia, a documentación íntegra deste, incluído o extracto ambiental, poderá consultarse na seguinte ligazón:
https://cmatv.xunta.gal/rexistro-de-planeamento-urbanistico-de-galicia
Así mesmo, o informe ambiental estratéxico e a demais documentación do procedemento de avaliación ambiental do referido plan poderán ser consultados na seguinte ligazón:
https://medioambiente.xunta.gal/plans-e-programas-por-tipoloxia?p_p_id=aaeTipology_WAR_aae&p_p_lifecycle=0&p_p_state=normal&p_p_mode=view&p_p_col_id=column-2&p_p_col_count=1&_aaeTipology_WAR_aae__spage=%2Fportlet_action%2Faae%2FdetalleProxecto%3Fid%3D1960&_aaeTipology_WAR_aae_id=1960
Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2025
Mª Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Urbanismo
ANEXO
Orde de aprobación definitiva da modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento do Concello de Cerceda para a clasificación de solo urbanizable e ordenación detallada do sector en Areosa-Queixas.
O Concello de Cerceda remite a modificación puntual referida en solicitude da súa aprobación definitiva, conforme o artigo 60.14 e seguintes da Lei 2/2016, do solo de Galicia (LSG), e artigo 144.14 e seguintes do seu regulamento aprobado polo Decreto 143/2016 (RLSG).
Analizada a documentación achegada polo Concello de Cerceda; e, vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Urbanismo, resulta:
I. Antecedentes.
1. As normas subsidiarias de planeamento do Concello de Cerceda foron aprobadas definitivamente polo concello o 26.6.1996.
2. A Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo (DXOTU) emitiu o 26.7.2017 un informe de contestación no trámite de consultas previsto no artigo 60.4 da LSG.
3. A Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático formulou o informe ambiental estratéxico da MP en data do 23.8.2017 (DOG do 15.1.2019) e resolveu non sometela a avaliación ambiental estratéxica ordinaria. No marco das consultas previas, contestaron:
a) O Instituto de Estudos do Territorio: informe do 21.7.2017, no que se indica que a modificación non suporá impactos paisaxísticos significativos.
b) A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural: informe do 17.7.2017, no que se fan unha serie de observacións que hai que ter en conta na redacción da modificación.
c) A Subdirección Xeral de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais: informe do 9.8.2017, no que se fan observacións en relación co artigo 23 da Lei 3/2007.
d) A Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica: informe da Subdirección Xeral de Acuicultura, de data do 11.8.2017, no que indica que a modificación non é previsible que teña impacto nas actividades de competencia desa dirección xeral.
4. No informe de participación pública e consultas figura un informe da Secretaría Xeral de Infraestruturas do Ministerio de Fomento, do 28.5.2018, que sinala que a modificación non afecta a infraestrutura ferroviaria nin as súas zonas de protección. A Dirección Xeral de Aviación Civil emitiu, o 1.8.2018, un informe favorable á modificación, con observacións.
5. En canto a infraestruturas e servizos, figuran escritos de:
a) Gas Natural, do 3.11.2017, favorable á subministración.
b) Unión Fenosa Distribución, do 8.11.2017 e do 27.11.2017, favorables a atender a demanda.
c) Telefónica de España, do 26.1.2018, de dispoñibilidade do servizo.
d) Cerceda SOL, do 27.2.2018, sobre as instalacións de recollida de lixo existentes.
e) UDESA, do 6.3.2018, de inexistencia de servizos (de electricidade) na zona.
f) Espina y Delfín, do 6.3.2018, de inexistencia de redes de saneamento e abastecemento na zona; e do 4.10.2018 e do 23.11.2021, de dispoñibilidade de abastecemento de auga.
g) Unión Fenosa Distribución, do 26.11.2021, sobre a conexión eléctrica.
6. A arquitecta municipal emitiu, o 24.9.2019, un informe favorable á tramitación da MP. O secretario municipal emitiu, o 4.2.2020, un informe favorable á aprobación inicial.
7. O pleno municipal aprobou inicialmente a MP o 28.5.2020. Foi sometida a información pública durante dous meses (La Voz de Galicia do 26.7.2020 e Diario Oficial de Galicia do 23.6.2020) e a información pública complementaria de 25 días hábiles (DOG do 24.12.2020 e La Voz de Galicia do 9.12.2020). Constan certificados de alegacións do 27.10.2020 e do 6.6.2024.
8. No que afecta os informes sectoriais autonómicos e audiencia aos concellos limítrofes (artigo 60.7 da LSG), a DXOTU emitiu un informe sobre o resultado do trámite o 26.7.2021:
• Informe da Subdirección Xeral de Planificación e Protección Civil, do 10.4.2021, de innecesariedade do informe da Comisión Galega de Protección Civil.
• Informe do Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación, do 27.4.2021, de inexistencia de solo declarado como contaminado nin información inventariada no Rexistro da Calidade dos solos de Galicia sobre afeccións á calidade dos solos no ámbito do proxecto.
• Informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, do 9.6.2021, favorable.
• Informe da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, do 13.6.2021, que sinala que non se prevén impactos significativos no medio forestal derivados da modificación.
• Informe do Instituto de Estudos do Territorio, do 6.7.2021, sen obxeccións.
• Foron solicitados informes a Augas de Galicia; á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais da Consellería de Economía, Empresa e Innovación; e á Dirección Xeral de Defensa do Monte, sen que emitisen resposta no seu prazo, polo que en virtude do artigo 60.7 da LSG e 144.7 do seu regulamento, enténdense emitidos en sentido favorable.
9. Deuse audiencia aos concellos limítrofes da Laracha, Carballo, Carral, Culleredo, Ordes e Tordoia, e constan respostas dos concellos de Tordoia (9.3.2021, indicando que non afecta o concello), Ordes (27.11.2020, sen alegacións) e Carballo.
10. O 9.9.2021 Augas de Galicia requiriu a ampliación de documentación.
11. A Dirección Xeral de Defensa do Monte emitiu o 27.5.2022 un informe favorable condicionado ao cumprimento da Lei 3/2007, en particular o seu artigo 23.
12. En materia de informes sectoriais non autonómicos, constan, tras a aprobación inicial:
a) A Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico: informe do 12.4.2021 con observacións xerais.
b) A Dirección Xeral de Aviación Civil: escrito do 20.1.2021, que reenvía o xa emitido o 1.8.2018.
c) A Dirección da Área de Fomento da Subdelegación do Goberno: escrito do 1.2.2021, de non incidencia nas propiedades ou zonas afectada á defensa nacional, nin no Inventario de Bens e Dereitos do Estado nin no das Entidades xestoras da Seguridade Social.
d) A Dirección Xeral de Telecomunicacións e Ordenación de Servizos de Comunicación Audiovisual: informe favorable do 17.1.2021.
e) A Subdirección Xeral de Patrimonio do Ministerio de Defensa: informe favorable, do 28.12.2020.
f) A Dirección Xeral de Planificación e Avaliación da Rede Ferroviaria: informe do 21.1.2021, que se vincula ao informe favorable de Adif e ao cumprimento das súas indicacións.
g) O Administrador de Infraestruturas Ferroviarias: informe favorable, do 27.1.2022.
13. O secretario municipal emitiu un informe co número 06/2022 sobre a aprobación provisional.
14. Consta unha resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, do 6.6.2023, pola que se prorroga a vixencia do informe ambiental estratéxico ata o 8.9.2025.
15. A MP foi aprobada provisionalmente polo concello en pleno con data do 25.4.2024.
16. O concello solicitou a aprobación o 14.6.2024. O Servizo de Urbanismo requiriu a emenda das deficiencias documentais observadas o 12.7.2024.
17. Augas de Galicia emitiu informe sectorial favorable o 16.9.2024, con prescricións.
18. O concello achega nova documentación o 21.1.2025. O Servizo de Urbanismo requiriu a emenda das deficiencias o 12.2.2025.
19. O secretario municipal emitiu un informe xurídico favorable á nova aprobación provisional da MP, con data do 18.2.2025. A arquitecta municipal emitiu un informe técnico favorable o 26.3.2025.
20. O pleno municipal aprobou provisionalmente a modificación puntual en sesión do 8.4.2025.
21. O concello achega nova documentación mediante escritos do 2.5.2025 e do 23.5.2025.
II. Obxecto e descrición do proxecto.
1. O ámbito da MP acada 104.546 m2 no lugar de Areosa, próximo ao termo municipal de Ordes. Linda coa estrada local que une os encoros de Vilagudín e Vilasenín e coa que vai a Queixas.
2. Nas normas municipais (plano de ordenación do termo municipal 1/5000, folla 70-1-1-04) o ámbito está clasificado como solo non urbanizable, nas categorías de predominancia de masas forestais e outras áreas de interese con especial protección e de protección de ribeiras e encoros. Os viarios ao sur e leste do ámbito arriba referidos inclúense na categoría III (resto das estradas, segundo o punto 6.3.1.1.c) das normativa das normas municipais).
3. Na orientación norte e noroeste o ámbito linda con terreos forestais. Ao sur e oeste existen varias implantacións relacionadas coa xestión de residuos:
a) Os terreos cualificados polas normas vixentes como vertedoiro municipal controlado.
b) O solo urbanizable non delimitado xurdido da modificación das normas municipais aprobadas definitivamente polo Decreto do Consello da Xunta de Galicia 113/2005, do 28 de abril, desenvolvido polo Plan de sectorización no lugar de Areosa, aprobado definitivamente polo concello o 12.7.2005, no que se implantan as instalacións actuais de Gesuga.
c) O ámbito do Proxecto sectorial de incidencia supramunicipal de ampliación do vertedoiro de Areosa, promovido por Sogama e aprobado definitivamente por Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 22.9.2011 (DOG do 29 de maio).
4. O PBA recolle no ámbito afeccións de infraestruturas (ferroviarias e aeroportuarias), de augas (zona de policía de leitos) e, nos bordos sur e leste, enerxéticas, así como polo Plan sectorial eólico de Galicia. No ámbito estremeiro recóllese un establecemento Seveso de nivel inferior.
5. A MP ten por obxecto a reclasificación do ámbito de solo non urbanizable (rústico nos termos da vixente LSG) a solo urbanizable de uso global industrial, cunha intensidade de uso de 0,30 m2/m2, para a ampliación da instalación de Gesuga existente no ámbito lindante. Gesuga é propietaria maioritaria do ámbito da MP.
Así mesmo, proponse a ordenación detallada do ámbito ao abeiro da posibilidade prevista no artigo 56.2 da LSG, coas determinacións básicas seguintes:
a) Dous quinteiros de superficie 62.102 m2 con ordenanza de uso industrial, nos que se poden materializar 30.570 m2 edificables, en volumes de ata 15 m de altura.
b) Sistema local de espazos libres públicos de 14.085 m2 (supoñen un 13,47 % da superficie do sector, 46,07 m2 de solo por cada 100 m2 edificables), disposto no seu lindeiro norte.
c) Sistema local de infraestruturas de servizos de 1.247 m2, onde se sitúa a depuradora.
d) Sistema xeral e local viario que comprende o resto da superficie e supón a alteración de viario. O treito de estrada Vilasenín-Vilagudín amplíase en 19 m de largo e a estrada a Queixas a unha sección de 37 m de largo. Hai dúas rúas secundarias, números 3 e 4, de 12 e 10 m de largo mínimo respectivamente.
e) 80 prazas de aparcadoiro público, anexas ao viario e 229 prazas de aparcadoiro privadas (unha praza de aparcadoiro por cada 98,93 m2 edificables, das cales o 25,89 % son públicas).
f) Reserva de arboredo de 180 unidades (unha por cada 169,83 m2 edificables).
g) Prevese un único polígono de xestión que se vai desenvolver por compensación. Prevese a substitución da cesión do 10 % de aproveitamento ao concello polo seu valor en metálico.
III. Análise e consideracións.
1. Razóns de interese público da modificación (artigo 83.1 e concordantes da LSG).
A previsión de solo urbanizable adecuado e suficiente para usos produtivos que se acreditan necesarios considérase razón de interese público suficiente para xustificar a MP (artigo 20.1.b) do texto refundido da Lei de solo e rehabilitación urbana aprobado polo Real decreto lexislativo 7/2015, TRLSRU, e punto III.1.a) do informe da DXOTU do 26.7.2017).
2. Contorno forestal do sector.
O ámbito está rodeado en case todo o seu perímetro noroeste e norte por terreos de monte ou forestais segundo a definición do artigo 2 da Lei 7/2012, de montes de Galicia.
A ordenación adecúase ás prescricións do artigo 23 da Lei 3/2007, de incendios forestais de Galicia, mediante a disposición dunha franxa de 30 m de largo dentro da urbanización. Porén, a vixente redacción dada pola Lei 3/2018, de medidas fiscais e administrativas, prevé a exixencia dunha de franxa de xestión de biomasa de 50 metros perimetral ao solo urbanizable.
3. Determinacións de carácter xeral e propias do planeamento xeral no solo urbanizable.
A MP incorpora un novo estudo de mobilidade que conclúe que o viario existente é suficiente para as necesidades xeradas, e non é necesario a súa ampliación nin reforzo (artigo 56.1.d) da LSG).
4. Outros aspectos:
a) O proxecto non inclúe o mapa de riscos exixido polo artigo 140.1.b) do RLSG.
b) A rúa 3 non acada os 12 m mínimos exixidos nos sectores industriais (artigo 74.1.c.1) 2º do RLSG).
c) En materia de accesibilidade, as referencias á Orde VIV/561/2010 deben substituírse pola da Orde TMA/851/2021, do 23 de xullo, polo que se aproba o documento técnico que desenvolve as condicións básicas de accesibilidade e non discriminación para o acceso e a utilización dos espazos públicos urbanizados que a derroga (disposición transitoria única desta).
d) As prazas de aparcadoiro accesibles disporán de zonas de adaptación e transferencia prescritas no artigo 35.3 e 4 do documento técnico aprobado pola Orde TMA/851/2021, do 23 de xullo.
e) A regulación do valado de obras do artigo 40 da normativa da ordenación adaptarase ao documento aprobado pola Orde TMA/851/2021, en especial no largo mínimo de paso peonil.
f) O artigo 9 da normativa da ordenación detallada remítese ás definicións do artigo 7.3 da normativa das normas subsidiarias municipais, cunhas puntualizacións que terán a condición de prevalentes e non de complementarias.
A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral e das súas modificacións puntuais corresponde á conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, de conformidade co disposto nos artigos 60, 61.1, 83.5 da LSG e nos artigos 146.1 e 200.5 do RLSG; en relación co Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia e co Decreto 142/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas.
IV. Resolución.
En consecuencia, e visto o que antecede,
RESOLVO:
1. Aprobar definitivamente a modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento do Concello de Cerceda para a clasificación de solo urbanizable e ordenación detallada do sector Areosa-Queixas, condicionada ao cumprimento dos puntos III.2, III.3 e III.4 anteriores.
2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e artigo 212.1 do seu regulamento, a Dirección Xeral de Urbanismo inscribirá de oficio a MP no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia.
3. De conformidade co disposto polos artigos 82.3 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas da MP das NSP aprobadas definitivamente.
4. Notifíquese esta orde ao concello, e publíquese no Diario Oficial de Galicia.
5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
