O reitor, no uso das atribucións conferidas polo artigo 50 da Lei orgánica 2/2023, do 22 de marzo, do sistema universitario, así como nos estatutos desta universidade, e co fin de atender de maneira estable as necesidades estruturais de persoal de administración e servizos desta universidade, e en execución do previsto no anexo I, oferta xeral, da Resolución do 28 de novembro de 2024 (DOG do 11 de decembro) pola que se publica a oferta de emprego público do persoal de administración e servizos para o ano 2024, resolve convocar probas selectivas para o acceso á escala técnica superior de administración, con requisito de idioma, subgrupo A1, pola quenda de acceso libre, vacantes no cadro de persoal funcionario, con suxeición ás seguintes
Bases da convocatoria
Todos os actos de relación entre as/os aspirantes e a USC derivados desta convocatoria se realizarán exclusivamente por medios electrónicos, ao abeiro do artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
1. Normas xerais.
1.1. Convócanse probas selectivas para cubrir tres (3) prazas na escala técnica superior de administración da USC, con requisito de idioma, subgrupo A1, pola quenda de acceso libre.
1.2. As prazas convocadas terán o seu destino nas localidades de Santiago de Compostela e Lugo.
1.3. O sistema de selección das persoas aspirantes será o de concurso-oposición. No que se refire ás probas e valoracións, axustaranse ao que se especifica no anexo I.
1.4. O programa que rexerá para a fase de oposición é o que figura no anexo II.
1.5. Na realización destas probas selectivas aplicaranse as seguintes normas e os seus desenvolvementos regulamentarios: Lei orgánica 2/2023, do 22 de marzo, do sistema universitario; Real decreto 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público; Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia; os estatutos da USC, aprobados polo Decreto 14/2014, do 30 de xaneiro, da Xunta de Galicia; Regulamento de selección de persoal funcionario de administración e servizos, aprobado en Consello de Goberno da USC o 30 de outubro de 2020, e as bases desta convocatoria.
2. Requisitos das persoas aspirantes.
2.1. Para seren admitidas á realización das probas selectivas, as persoas aspirantes deberán posuír no día de remate do prazo de presentación de solicitudes e mantelos ata a data de toma de posesión os seguintes requisitos:
a) Posuír a nacionalidade española ou a dalgún Estado membro da Unión Europea ou país estranxeiro nos termos previstos no artigo 52 da Lei do emprego público de Galicia.
b) Ter 16 anos de idade e non exceder a idade máxima de xubilación forzosa.
c) Estar en posesión de titulación universitaria oficial de grao, doutor/a, licenciado/a, arquitecto/a, enxeñeiro/a ou equivalente. As persoas aspirantes con titulacións obtidas no estranxeiro deberán acreditar que están en posesión da correspondente validación ou credencial que acredite, de ser o caso, a homologación do título.
d) Posuír o nivel C1 de inglés segundo o Marco común europeo de referencia para as linguas (MCER).
e) Será requisito indispensable para o ingreso ter acreditada a aptitude médica para o desempeño. Para estes efectos, a persoa aspirante declara, ao facer a solicitude de participación no proceso selectivo, que nesa data posúe a capacidade funcional para o desempeño das tarefas propias do posto e que non padece enfermidade física nin psíquica que lle impida realizar o traballo propio da escala a que se pretende incorporar.
f) Non estar separado/a de servizo de calquera das administracións públicas en virtude de expediente disciplinario, nin estar inhabilitado/a por sentenza firme para o exercicio da función pública, nin sancionado/a coa suspensión do dereito de concorrer a probas selectivas.
g) Aboar as taxas por dereitos de exame, agás o previsto no número 3.9.1 desta convocatoria para as persoas con discapacidade, para os membros de familias numerosas e para demandantes de emprego.
3. Solicitudes.
3.1. O prazo de presentación de solicitudes será de vinte días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación do anuncio desta convocatoria no Boletín Oficial del Estado.
3.2. As persoas que desexen participar nestas probas selectivas deberán formalizar a súa solicitude acompañada da documentación que proceda, así como aboar a taxa correspondente, unicamente por medios electrónicos. Para iso empregarase exclusivamente o formulario electrónico habilitado ao respecto que figura no Catálogo de procedementos da sede electrónica da USC:
https://sede.usc.es/formularios/solicitudes/seleccionPersoalFuncionario.htm
3.3. Para a presentación de solicitudes, as/os aspirantes deben empregar un destes medios de identificación electrónica válidos:
– No caso de persoal da USC: credenciais corporativas.
– No caso de persoal alleo á USC: certificados persoais clase 2CA, certificados incluídos no DNI electrónico ou claves concertadas do sistema Cl@ve.
3.4. A solicitude presentarase xunto coa seguinte documentación:
– Certificado de coñecemento de lingua galega (Celga 4 ou equivalente). As persoas aspirantes que non presenten esta acreditación deberán realizar a proba de lingua galega prevista no anexo I.
– Acreditación do nivel C1 de inglés segundo o Marco común europeo de referencia para as linguas (MCER).
As/os aspirantes que teñan ou tivesen expediente administrativo como PAS na USC estarán exentas/os de xustificar documentalmente as condicións e os requisitos xa probados para obteren a súa anterior contratación ou nomeamento e deberán presentar unicamente a documentación requirida para este procedemento que non se encontre debidamente acreditada no seu expediente persoal.
As persoas aspirantes que non posúan a nacionalidade española e teñan dereito a participar deberán presentar:
– Fotocopia do documento que acredite a súa nacionalidade e, se é o caso, os documentos que acrediten o vínculo de parentesco e o feito de vivir a expensas ou estar a cargo do nacional doutro Estado co cal teñan o dito vínculo.
– Declaración ou promesa da persoa aspirante de que non está separada de dereito do/da cónxuxe e, se é o caso, do feito de que vive ás súas expensas ou está ao seu cargo.
– As persoas aspirantes que estean exentas de realizar a proba previa de acreditación do coñecemento do castelán xuntarán para tal efecto fotocopia dun diploma de español como lingua estranxeira de nivel B2, C1, C2 ou equivalente. De non achegaren esta acreditación, non poderán ser declaradas exentas e deberán realizar a proba a que se refire a base 6.5.
3.5. A documentación xustificativa dos méritos que se valoran na fase de concurso achegarase coa solicitude e non serán valorados méritos que non se encontren suficientemente acreditados documentalmente nin os presentados fóra do prazo establecido para a presentación de solicitudes. A acreditación farase mediante certificado acreditativo dos servizos prestados, en que consten o corpo ou a escala e os períodos en que se prestaron, expedido pola unidade de persoal da Administración pública correspondente. No caso de persoal da USC, expedirao de oficio a Administración e engadirase á solicitude.
Así mesmo, deberase indicar na epígrafe correspondente da solicitude se os servizos foron prestados na USC ou noutras administracións públicas.
3.6. Os méritos da fase de concurso valoraranse con referencia á data do peche do prazo de presentación de solicitudes.
3.7. En calquera momento, a Universidade poderá requirir das persoas aspirantes os orixinais ou copias auténticas dos documentos que se correspondan coas simples presentadas.
3.8. Os/as aspirantes cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % poderán solicitar no formulario de inscrición do proceso selectivo a adaptación de tempo e/ou medios para a realización dos exercicios e reflectirán con claridade as necesidades que ten o/a candidato/a de adaptacións específicas e o seu motivo.
3.9. Os dereitos de exame serán de 44,17 €. Para realizar o seu ingreso, empregarase un dos medios que se indican a continuación:
• Aboamento con tarxeta bancaria a través da pasarela de pagamento do formulario.
• Aboamento presencial nunha oficina de Abanca presentando a folla de liquidación, que se deberá imprimir, unha vez realizada a inscrición no proceso selectivo; non será preciso comunicación posterior do pagamento por parte da persoa interesada.
Estes medios de pagamento estarán accesibles unha vez que a persoa aspirante formalice a súa solicitude de inscrición a través do formulario establecido no número 3.2.
3.9.1. De acordo co sinalado no artigo 23.5 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, estarán exentas do pagamento:
Do importe total da taxa:
• As persoas con discapacidade igual ou superior ao 33 %.
• As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial.
Do 50 % do importe da taxa:
• As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría xeral.
• As persoas que figuren como demandantes de emprego desde, polo menos, seis meses inmediatamente anteriores á data de publicación da convocatoria das probas selectivas en que soliciten a súa participación e que non estean a percibir prestación ou subsidio por desemprego.
3.9.2. As circunstancias de exención e bonificación deberán ser acreditadas, segundo o suposto que corresponda, presentando xunto coa solicitude de participación no proceso selectivo a seguinte documentación:
• Persoas con discapacidade: certificado do grao de discapacidade.
• Familia numerosa xeral ou especial: certificado de familia numerosa de carácter xeral ou especial, ou carné familiar en que conste o dito carácter.
• Demandantes de emprego:
1º. Certificación expedida pola oficina de emprego, na cal conste que a persoa aspirante figura como demandante de emprego desde, polo menos, seis meses inmediatamente anteriores á data de publicación desta convocatoria.
2º. Certificación expedida polo Servizo Público de Emprego, na cal conste que na data de presentación da solicitude de participación no proceso selectivo non está a percibir prestación ou subsidio por desemprego.
3.9.3. Serán excluídas todas aquelas persoas aspirantes que non aboen os dereitos de exame dentro do prazo habilitado para a presentación de solicitudes e non se concederá ningún prazo adicional para o seu aboamento.
3.9.4. Unicamente procederá a devolución dos dereitos de exame ás persoas aspirantes que sexan excluídas por causas non imputables a elas. Para tal efecto, o reintegro realizarase de oficio, para o cal terán que facer constar a entidade bancaria e o número de conta no recadro que figura na solicitude. De non figuraren estes datos, entenderase que renuncian á devolución dos dereitos de exame.
3.10. No formulario de solicitude, as/os aspirantes deberán asinar a declaración responsable que figura no documento pola cal manifestan que están en posesión dos requisitos exixidos nas bases da convocatoria e que se comprometen a achegar a documentación que nela se indica.
3.11. Este procedemento desenvolverase de forma electrónica, polo que, se a persoa aspirante desexa recibir avisos das notificacións que a USC poña ao seu dispor, é imprescindible que indique na epígrafe de «Medios de aviso de notificación» do formulario o teléfono e o enderezo electrónico válidos. As notificacións electrónicas realizaranse por comparecencia en sede electrónica e para o acceso a esta empregaranse os medios de identificación que se indican na base 3.3.
4. Admisión de persoas aspirantes.
4.1. Rematado o prazo de presentación de solicitudes, o reitor ditará resolución en que declare aprobada a listaxe provisional de persoas admitidas e excluídas. Nesta resolución, que se publicará no Diario Oficial de Galicia, indicaranse o lugar no cal se encontra exposta ao público a listaxe completa de persoas aspirantes admitidas e excluídas, así como as causas que motivaron a exclusión e o prazo para reparalas.
4.2. As persoas aspirantes excluídas ou que non figuren na relación de admitidas disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da citada resolución no Diario Oficial de Galicia, para poderen emendar os defectos que motivaron a exclusión.
4.3. Para emendar a exclusión ou omisión cubrirase o formulario de emendas do Catálogo de procedementos na seguinte ligazón: https://sede.usc.es/formularios/solicitudes/emendaSelecPersoalFuncionario.htm, para o cal o/a aspirante deberá empregar os medios de identificación e sinatura que se indican no número 3.3 desta convocatoria.
4.4. As persoas aspirantes que, dentro do prazo sinalado, non emenden a exclusión ou aleguen a omisión, xustificando o dereito a ser incluídas na relación de admitidas, serán definitivamente excluídas da realización das probas.
4.5. Na resolución que aprobe a listaxe definitiva, que se publicará no Diario Oficial de Galicia, indicaranse o día, a hora e o lugar de realización do primeiro exercicio. Esta resolución esgotará a vía administrativa e poderase interpor contra ela recurso ante a xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ou recurso potestativo de reposición, ante o reitor, no prazo dun mes, de acordo co previsto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
4.6. O feito de figurar na listaxe de persoas admitidas non prexulga que se lles recoñeza ás persoas interesadas a posesión de todos os requisitos exixidos, que terán que acreditarse no seu momento, de acordo co previsto na base 7 desta convocatoria.
5. Tribunal cualificador.
5.1. O tribunal cualificador destas probas selectivas terá a categoría primeira de conformidade cos grupos de clasificación para asistencias establecidos no Regulamento de indemnizacións por razón de servizo, aprobado en Consello de Goberno do 29 de decembro de 2020, e será nomeado mediante resolución reitoral que se publicará no Diario Oficial de Galicia.
5.2. O procedemento de actuación do tribunal axustarase en todo momento ao disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no Regulamento de selección de persoal funcionario da USC. Para os efectos de comunicacións e demais incidencias, o tribunal terá a súa sede no Reitorado da USC.
5.3. Os membros do tribunal deberán absterse de intervir e notificaranllo ao reitor da Universidade cando concorran neles as circunstancias previstas no artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, ou se realizasen tarefas de preparación de persoas aspirantes a probas selectivas nos cinco anos anteriores á publicación desta convocatoria.
A persoa que exerza a Presidencia solicitará dos membros do tribunal declaración escrita expresa de que non están incursos nas circunstancias previstas no dito artigo.
Así mesmo, as persoas aspirantes poderán recusar os membros do tribunal cando concorra algunha das circunstancias antes citadas.
5.4. En caso de ter que substituír algún membro do tribunal por renuncia, por algunha das circunstancias citadas no artigo anterior ou por calquera outra causa de forza maior, daráselle publicidade ao novo nomeamento no Diario Oficial de Galicia.
5.5. Logo da convocatoria da Presidencia, constituirase o tribunal coa presenza de todos os seus membros, tal e como prescribe o Regulamento de selección da USC no seu artigo 6. Os titulares que non asistan serán substituídos polos suplentes. Nesa sesión, o tribunal acordará todas as decisións que correspondan para o correcto desenvolvemento das probas selectivas.
5.6. A partir da súa constitución, o tribunal, para actuar validamente, requirirá a asistencia presencial ou a distancia das persoas que exerzan a Presidencia e a Secretaría, e da metade, polo menos, dos seus membros.
5.7. Dentro da fase de oposición, o tribunal resolverá todas as dúbidas que poidan xurdir na aplicación destas normas, así como o que se deberá facer nos casos non previstos.
5.8. O órgano convocante, por proposta do tribunal, poderá dispor a incorporación aos seus traballos de asesores/as especialistas para as probas correspondentes aos exercicios que considere pertinentes, que se limitarán a prestar a súa colaboración nas súas especialidades técnicas. O persoal asesor deberá posuír titulación de igual ou superior nivel que o exixido nesta convocatoria. O seu nomeamento farase público e seranlle de aplicación as causas de abstención e recusación, ao igual que aos restantes membros do tribunal.
Así mesmo, o tribunal poderá dispor a incorporación con carácter temporal doutras/os funcionarias/os para colaboraren no desenvolvemento do proceso selectivo, tal e como se prevé no artigo 12.4 do Real decreto 364/1995, do 10 de marzo.
5.9. O tribunal adoptará as medidas precisas para que as persoas aspirantes a que se refire o número 3.8 participen en condicións de igualdade. Para tal efecto, o órgano de selección poderá requirir un informe e, se é o caso, a colaboración dos órganos técnicos da Administración laboral, sanitaria ou de asuntos sociais. Para os efectos de valorar a procedencia da concesión das adaptacións solicitadas, requirirase da persoa aspirante o correspondente certificado ou información adicional. A adaptación non se outorgará de forma automática, senón unicamente naqueles casos en que a discapacidade garde relación directa coa proba que se vaia realizar.
5.10. O tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios escritos sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade das persoas aspirantes. O tribunal excluirá aquelas persoas aspirantes que consignen nas follas de exame o seu nome, trazos, marcas ou signos que permitan coñecer a súa identidade.
5.11. En ningún caso o tribunal poderá aprobar nin declarar que superou as probas selectivas un número superior de persoas aspirantes ao de prazas convocadas. Calquera proposta de aprobados que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.
Malia o anterior, e co fin de asegurar a cobertura das prazas convocadas, cando se produza renuncia dunha persoa seleccionada antes da toma de posesión, ou non acredite os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano convocante poderá requirir do órgano de selección unha relación complementaria das persoas aprobadas que sigan por puntuación as persoas propostas, para o seu posible nomeamento como persoal funcionario de carreira.
6. Desenvolvemento dos exercicios.
6.1. Os exercicios do proceso selectivo non se iniciarán antes de que transcorran tres meses da publicación da convocatoria no Boletín Oficial del Estado. A orde de actuación das persoas aspirantes iniciarase alfabeticamente pola primeira da letra «F», de conformidade co establecido na Resolución do 21 de xaneiro de 2025 da Consellería de Facenda e Administración Pública.
6.2. As persoas aspirantes serán convocadas para cada exercicio en único chamamento e serán excluídas da oposición as que non comparezan, agás nos casos de forza maior, debidamente xustificados e considerados polo tribunal.
Non estará permitido o uso de teléfonos móbiles ou calquera outro dispositivo de almacenamento de información ou con capacidade de comunicación dentro da aula de exame. Durante o desenvolvemento do exercicio deberán permanecer apagados.
As mulleres embarazadas que teñan unha previsión de parto coincidente coas datas de realización de calquera dos exercicios derivada do seu avanzado estado de xestación, ou eventualmente nos primeiros días do puerperio, poderano pór en coñecemento do tribunal e achegarán á comunicación o correspondente informe médico oficial.
A comunicación suporá o consentimento da interesada para permitir o acceso aos datos médicos necesarios relacionados coa situación. O tribunal, baseándose na información recibida, acordará se procede ou non realizar a proba nun lugar alternativo, aprazala ou adoptar ambas as medidas conxuntamente. Contra este acordo non cabe recurso, sen prexuízo de que as razóns da impugnación se inclúan noutro recurso admisible de acordo coas regras xerais do proceso selectivo.
6.3. Os sucesivos anuncios de realización dos demais exercicios efectuaranse, no taboleiro electrónico https://sede.usc.es/sede/publica/taboleiro/inicio.htm e na páxina web https://www.usc.gal/gl/institucional/goberno/area/xestionpersoal/PAS/oep/listado ou por calquera outro medio que se considere conveniente para asegurar a súa máxima divulgación, con doce horas, polo menos, de antelación ao seu comezo, se se trata do mesmo exercicio, ou de vinte e catro horas, se se trata dun novo.
6.4. Para os efectos de cómputo de prazos desta convocatoria, o mes de agosto declárase inhábil. Entenderanse festivos, para os efectos desta convocatoria, os festivos locais tanto de Santiago de Compostela como de Lugo.
6.5. Persoas aspirantes de nacionalidade estranxeira.
Con carácter previo á realización dos exercicios da fase de oposición, as persoas aspirantes que non posúan a nacionalidade española deberán acreditar o coñecemento do castelán mediante a realización dunha proba na cal se comprobará que posúen un nivel adecuado de comprensión e expresión oral e escrita nesta lingua.
O contido desta proba axustarase ao disposto no artigo 3 do Real decreto 1137/2002, do 31 de outubro, polo que se regulan os diplomas de español como lingua estranxeira (DELE), para acreditar o nivel de competencia lingüística do diploma de español correspondente ao nivel intermedio. A proba cualificarase de apto ou non apto e será necesario obter a valoración de apto para pasar a realizar os exercicios da fase de oposición.
Quedan exentas de realizar esta proba as persoas aspirantes que acrediten, conforme se indica na base 3, que están en posesión do diploma de español como lingua estranxeira nalgún dos niveis seguintes: nivel B2, C1, C2 ou equivalente, e as/os nacionais de países cuxo idioma oficial sexa o español.
6.6. O tribunal poderá requirir, en calquera momento do proceso selectivo, a acreditación da identidade das persoas admitidas. Así mesmo, se ten coñecemento de que algunha das persoas aspirantes non cumpre calquera dos requisitos exixidos na convocatoria, deberá propor a súa exclusión ao reitor da USC, logo de audiencia da persoa interesada.
Contra a exclusión da persoa aspirante poderase interpor recurso, ante a mesma autoridade indicada no parágrafo anterior, no prazo dun mes contado a partir da notificación da exclusión.
6.7. Concluído cada un dos exercicios da fase de oposición, o tribunal cualificador fará pública no taboleiro electrónico https://sede.usc.es/sede/publica/taboleiro/inicio.htm, na páxina web https://www.usc.gal/gl/institucional/goberno/area/xestionpersoal/PAS/oep/listado e naqueloutros lugares que considere oportunos a relación de persoas aspirantes que acadaron o mínimo establecido para superalo, con indicación da puntuación obtida.
6.8. As persoas aspirantes disporán de tres (3) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da realización de cada exercicio, para presentaren reclamacións ás preguntas formuladas polo tribunal no correspondente exercicio.
6.9. Así mesmo, as persoas aspirantes disporán de sete (7) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación das puntuacións do exercicio correspondente, para presentaren reclamacións ás cualificacións.
6.10. A listaxe coa valoración de méritos da fase de concurso publicarase unha vez realizado o último exercicio da fase de oposición.
6.11. A publicación anterior irá acompañada da relación de persoas aspirantes que, segundo a orde de puntuación acadada por cada unha delas, fosen seleccionadas, na cal constará a cualificación final obtida en cada unha das fases, oposición e concurso, e da proposta provisional de persoas seleccionadas segundo o previsto no anexo I.
6.12. Contra esta publicación, as/os aspirantes poderán presentar reclamación, ante o tribunal, no prazo de dez (10) días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación no taboleiro electrónico, a través do Rexistro de Entrada Electrónico da USC https://sede.usc.es/sede/publica/persoais/rexistroEntrada/acceso.htm, para o cal o/a aspirante debe empregar os medios de identificación e sinatura que se indicaron no número 3.3.
6.13. Rematado o prazo de reclamacións, o tribunal publicará a proposta definitiva das persoas aspirantes seleccionadas tendo en conta o previsto no número 5.11 desta convocatoria. Esta proposta será elevada ao reitor para efectuar o nomeamento de persoal funcionario de carreira e publicarase no taboleiro electrónico https://sede.usc.es/sede/publica/taboleiro/inicio.htm e na páxina web https://www.usc.gal/gl/institucional/goberno/area/xestionpersoal/PAS/oep/listado
7. Finalización do proceso.
7.1. No prazo de vinte (20) días naturais, contados a partir do seguinte a aquel en que se faga pública a relación definitiva de persoas aprobadas, as persoas seleccionadas que figuren nela deberán presentar na Oficina de Asistencia en Materia de Rexistros a seguinte documentación (no caso de non constar xa no seu expediente e no caso de non teren entregado xa copias auténticas):
a) Titulación exixida na base 2.1.c).
b) Acreditación do requisito indicado no número 2.1.d).
c) Certificado, de ser o caso, acreditativo de lingua galega, indicado na base 3.4.
d) Diploma de español como lingua estranxeira, de ser o caso, indicado na base 3.4.
e) As persoas cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % deberán acreditar tal condición mediante certificación do órgano competente da Administración.
f) A acreditación do requisito exixido na base 2.1.e) farase mediante a presentación de certificado médico oficial ou informe de saúde emitido polo Servizo Galego de Saúde (Sergas).
7.2. Ante a imposibilidade, debidamente xustificada, de presentar os documentos expresados na base anterior, poderá acreditarse que se reúnen as condicións exixidas na convocatoria mediante calquera medio de proba admitido en dereito.
7.3. Quen, dentro do prazo fixado e salvo caso de forza maior, non presente a documentación ou do seu exame se deduza que carece dalgún dos requisitos sinalados na base 2 non poderá ser nomeada/o funcionaria/o en prácticas e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorrese por falsidade na solicitude inicial.
7.4. Durante o período en que o persoal funcionario realice as prácticas seralle de aplicación a situación xurídica prevista no artigo 16 do Decreto 95/1991, do 20 de marzo.
7.5. As persoas seleccionadas deberán solicitar por orde de preferencia as prazas vacantes que previamente se lles oferten. Poderanse ofertar prazas de nivel superior ao nivel mínimo do subgrupo, no caso de que non haxa suficientes vacantes deste nivel.
7.6. A adxudicación de destinos efectuarase de acordo coas peticións das persoas interesadas, seguindo a orde de puntuación final obtida.
7.7. O persoal con discapacidade igual ou superior ao 33 % poderá pedir a adaptación do posto de traballo correspondente. Á solicitude xuntaráselle un informe, expedido polo órgano competente na materia, que acredite a procedencia da adaptación e a compatibilidade co desempeño das funcións que teña atribuídas o posto.
7.8. Concluído o proceso selectivo, as persoas aspirantes que o superen serán nomeadas persoal funcionario de carreira mediante resolución reitoral que se publicará no Diario Oficial de Galicia e terán un mes para tomar posesión, contado a partir do día seguinte ao da publicación ou do día que estableza a propia resolución, en aplicación do artigo 60 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia.
7.9. Elaborarase unha lista de espera coas persoas aspirantes que superen algún exercicio da fase de oposición distinto do de galego. Para estes efectos, e co fin de determinar a súa opción, as persoas aspirantes indicarán o/os campus de preferencia na epígrafe correspondente da solicitude.
8. Disposición derradeira.
Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpor un recurso contencioso-administrativo, ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Non obstante, as persoas interesadas poderán interpor recurso potestativo de reposición, no prazo dun mes, ante o órgano que a ditou. Neste caso, non se poderá interpor o recurso contencioso-administrativo anteriormente mencionado mentres non se dite resolución expresa ou presunta do recurso administrativo de reposición, ao abeiro do artigo 123 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2025
Antonio López Díaz
Reitor da Universidade de Santiago de Compostela
ANEXO I
Denominación das prazas: escala técnica superior de administración
da USC, con requisito de idiomas.
O sistema selectivo será o de concurso-oposición e constará das fases, probas e cualificacións que a continuación se indican:
I. Fase de oposición.
Consistirá na realización dos exercicios que a continuación se indican, agás a exención prevista na descrición do primeiro exercicio.
Todos os exercicios terán carácter obrigatorio e eliminatorio, agás o quinto, que será obrigatorio e non eliminatorio.
As persoas aspirantes deberán presentarse para a realización de cada exercicio co DNI ou con outro documento que, ao xuízo do tribunal, permita acreditar de forma fidedigna a súa identidade.
Primeiro exercicio: estarán exentas de realizar este exercicio as persoas aspirantes que acrediten documentalmente xunto coa solicitude ou teñan acreditado no expediente que están en posesión do certificado Celga 4 ou equivalente.
Este exercicio terá a seguinte estrutura:
Primeira proba. Comprensión escrita ou comprensión oral + expresión escrita.
As persoas aspirantes deberán redactar un texto seguindo unhas indicacións que se lles facilitarán por escrito. A elaboración do texto deberá basearse na comprensión dun texto escrito ou na comprensión dun fragmento de audio ou audio-vídeo.
A duración máxima desta proba será de noventa minutos.
Segunda proba. Comprensión escrita ou comprensión oral + expresión oral.
As persoas aspirantes deberán ler un texto ou escoitar un fragmento de audio ou audio-vídeo e, a seguir, nunha entrevista co examinador, pediráselles que resuman o input e que manteñan un diálogo ao respecto do input recibido, de modo que poida ser avaliada a súa produción oral.
A duración máxima desta proba será de quince minutos por persoa aspirante.
Para superar este exercicio será necesario acadar o resultado de apto.
Segundo exercicio: a proba consistirá en contestar por escrito un cuestionario de 120 preguntas tipo test, máis 5 de reserva con catro respostas alternativas propostas polo tribunal, das cales só unha será a correcta, correspondentes ao programa que figura como anexo II desta convocatoria.
O tempo máximo para a realización deste exercicio será de 120 minutos.
Este exercicio cualificarase de 0 a 10 puntos e será necesario para superalo obter un mínimo de 5 puntos. Corresponderalle ao tribunal determinar o número de respostas correctas exixido para acadar esta puntuación mínima. Cada pregunta respondida incorrectamente descontará un cuarto (¼) de pregunta respondida correctamente.
Para a realización desta proba, os/as aspirantes deberán presentarse provistos do correspondente lapis do número 2 e de goma de borrar.
Terceiro exercicio: a proba realizarase integramente por escrito en ordenadores sen conexión á internet, postos ao dispor de cada persoa aspirante.
Consistirá en desenvolver por escrito dous temas que se escollerán entre cinco (un tema por cada bloque), sacados ao chou dos seguintes bloques do programa: dereito administrativo, xestión financeira, recursos humanos, organización e xestión universitaria, e xestión da investigación.
Para a realización deste exercicio, as persoas aspirantes disporán dun máximo de catro horas.
O tribunal convocará os/as aspirantes para ler o exercicio en sesión pública e cualificará valorando os coñecementos, a capacidade de síntese, a claridade e a orde de ideas. Finalizada a intervención, o tribunal poderá dialogar co/coa opositor/a, durante un máximo de quince minutos, sobre aspectos dos exercicios realizados.
A puntuación deste exercicio será de 0 a 15 puntos e será necesario para superalo obter un mínimo de 3,75 puntos en cada tema.
Cuarto exercicio: a proba realizarase integramente por escrito en ordenadores sen conexión á internet dispoñibles para todas as persoas aspirantes.
Consistirá na resolución de dous supostos prácticos, que se elixirán entre cinco propostos polo tribunal, relacionados co programa. Deste exercicio exclúese o bloque I, Organización do Estado e Unión Europea.
Para o desenvolvemento deste exercicio, poderase utilizar o material lexislativo, sen comentar, que se considere necesario. Cada aspirante farase cargo do seu material e poderá levalo en formato electrónico mediante USB.
O tribunal valorará o rigor analítico, os coñecementos xerais e específicos incorporados á análise e a capacidade de relacionalos.
O tempo máximo para a realización deste exercicio será de cinco horas.
Posteriormente, o tribunal convocará os/as aspirantes para leren o exercicio en sesión pública e cualificará valorando os coñecementos, a capacidade de síntese, a claridade e a orde de ideas. Finalizada a intervención, o tribunal poderá dialogar co/coa opositor/a, durante un máximo de quince minutos, sobre aspectos dos supostos realizados.
A valoración deste exercicio será de 0 a 30 puntos e será necesario para superalo obter un mínimo de 15 puntos.
Quinto exercicio: obrigatorio e non eliminatorio. A proba realizarase integramente por escrito en ordenadores sen conexión á internet, postos ao dispor de cada persoa aspirante.
Consistirá na tradución por escrito, sen dicionario, para o castelán ou galego, dun documento relacionado co temario da convocatoria, redactado nunha das seguintes linguas comunitarias: francés, alemán, italiano ou portugués. O texto para traducir será o mesmo en todas as linguas.
As persoas aspirantes deberán facer constar, na epígrafe correspondente da solicitude, o idioma que escollen.
O tempo máximo para a realización deste exercicio será dunha hora e a súa valoración será de 0 a 5 puntos.
II. Fase de concurso: máximo 9 puntos.
Consistirá na valoración, ás persoas aspirantes que superen a fase de oposición, dos seguintes méritos referidos á data do remate do prazo de presentación de solicitudes:
Valoraranse os servizos prestados da seguinte forma:
– Na escala técnica superior de administración da USC: 0,150 puntos por mes.
– Noutras administracións públicas, en corpos ou escalas que teñan atribuídas as mesmas funcións que as da escala técnica superior de administración da USC: 0,050 puntos por mes.
A cualificación final do concurso-oposición virá determinada pola suma aritmética das puntuacións correspondentes á fase de oposición máis a obtida na fase de concurso de méritos, na forma establecida no anexo I.
Os empates nas puntuacións resolveranse a favor da persoa aspirante que obteña unha maior puntuación na fase de oposición, e, se isto non for suficiente, pola maior puntuación obtida no cuarto exercicio, no terceiro exercicio e na fase de concurso, por esta orde ata que se resolva o empate.
Para a valoración da experiencia acreditada noutras administracións públicas prevista na fase de concurso e para a baremación das listaxes de espera, as dúbidas que xurdan resolveraas unha comisión composta por dúas persoas en representación da Xerencia e dúas pola Xunta de Persoal. Esta comisión intervirá por petición do tribunal ou da unidade encargada da baremación das listaxes e poderá solicitarlles información complementaria ás persoas aspirantes en relación coas funcións e tarefas nos corpos ou escalas en cuestión, co fin de adoptar os acordos que procedan.
III. Período de prácticas.
As persoas aspirantes propostas polo tribunal serán nomeadas persoal funcionario en prácticas e deberán realizar un período de prácticas obrigatorio e eliminatorio, organizado pola Xerencia da Universidade de Santiago de Compostela, que terá como finalidade primordial a adquisición de coñecementos, tanto teóricos como prácticos, e a preparación específica das/dos aspirantes para o exercicio das súas funcións, que se realizará en distintas unidades da USC.
A Xerencia determinará o calendario, a guía didáctica e o sistema de avaliación que regule esta fase, e daralles publicidade con anterioridade á súa realización.
O carácter selectivo implica as seguintes actividades de carácter obrigatorio:
– A asistencia e participación ás sesións presenciais. A falta de asistencia superior a 11 horas suporá a non superación desta fase.
– A realización dos traballos ou prácticas que se determinen para cada un dos módulos, así como a participación e a realización das actividades que indiquen as persoas coordinadoras e/ou titoras de cada materia. O contido darase a coñecer ao inicio de cada módulo e indicarase o prazo de entrega das probas que se determinen.
– A avaliación será realizada polo tribunal logo do informe vinculante do profesorado do curso, que actuará como asesor especialista. Estes asesores de cada módulo elevarán a proposta de cualificación acadada polas persoas aspirantes ao tribunal, que as declarará aptas ou non aptas.
Será necesario obter unha cualificación de apto/a en cada módulo para superar esta fase.
As persoas aspirantes que non a superen perderán o dereito ao seu nomeamento como funcionarios/as de carreira, mediante resolución reitoral motivada, por proposta do órgano responsable da avaliación do período de prácticas.
No caso de non poder realizar o período de prácticas por causa de forza maior debidamente xustificada e apreciada pola Xerencia, poderá efectualo con posterioridade e intercalarase no lugar correspondente á puntuación obtida.
Terá unha duración de 112 horas e tratará sobre as seguintes materias:
Módulo 1. Principios e valores na Administración. Código ético e de conduta.
Módulo 2. Organización universitaria: goberno, xestión e competencias. Procedemento administrativo.
Módulo 3. Xestión de recursos humanos.
Módulo 4. Contratación pública. Xestión financeira nas universidades.
Módulo 5. Xestión académica.
Módulo 6. Xestión da investigación e da innovación nas universidades.
ANEXO II
Denominación das prazas: escala técnica superior de administración
da USC, con requisito de idiomas.
Programa
Bloque I. Organización do Estado e Unión Europea.
1. A Constitución española de 1978. Título preliminar. Dos dereitos e deberes fundamentais. A Xefatura do Estado: a Coroa. As Cortes Xerais. O Goberno e a Administración. As relacións entre o Goberno e as Cortes Xerais. O procedemento de elaboración e aprobación das leis.
2. A regulación constitucional da xustiza. O Poder Xudicial. O Consello Xeral do Poder Xudicial: composición, organización e competencias. O Tribunal Supremo. Os tribunais superiores de xustiza; especial referencia ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. O Ministerio Fiscal.
3. A organización territorial do Estado. A Administración local. As comunidades autónomas, a súa estrutura. O sistema de distribución de competencias na Constitución. A lexislación básica do Estado. Leis marco, de transferencia e de harmonización. Os conflitos de competencia. Os estatutos de autonomía.
4. Órganos de control da Administración: o Tribunal de Contas e o Consello de Contas. A Administración consultiva: o Consello de Estado e o Consello Consultivo de Galicia.
5. Tribunal Constitucional. Organización. Presupostos materiais e procedementos dos recursos ante o Tribunal Constitucional. A defensa dos dereitos e liberdades dos/das cidadáns/ás: Defensor do Pobo e Valedor do Pobo.
6. Estatuto de autonomía de Galicia. O Parlamento. A Xunta e o seu presidente. As competencias da Comunidade Autónoma e o seu réxime xurídico. A Administración Pública Galega. A reforma do Estatuto.
7. Tratado de funcionamento da Unión Europea: institucións comunitarias.
8. O dereito comunitario. Tipoloxía das fontes. Aplicación e eficacia do dereito comunitario nos países membros. O orzamento da Unión Europea e as súas fontes de financiamento.
9. As liberdades básicas do sistema comunitario. Libre circulación de mercadorías e política comercial común. Libre circulación de traballadores e política social e de emprego. Liberdade de establecemento e libre prestación de servizos. Libre circulación de capitais.
10. A política rexional comunitaria. A cohesión económica e social: os fondos estruturais e os seus obxectivos prioritarios. Os demais instrumentos financeiros.
Bloque II. Dereito administrativo.
1. A Administración pública española. Os principios constitucionais. As fontes do dereito administrativo: concepto e clases. A Constitución e as leis: clases. Disposicións normativas con forza de lei. O Regulamento: concepto, natureza e clases; límites á potestade regulamentaria. Outras fontes do dereito administrativo.
2. A Lei de réxime xurídico do sector público. Disposicións xerais. Os órganos das administracións públicas.
3. Os principios da potestade sancionadora na Administración pública. A responsabilidade patrimonial das administracións públicas.
4. Organización e funcionamento do sector público institucional.
5. Principios xerais das relacións interadministrativas entre administracións públicas. A colaboración e cooperación entre administracións públicas. Relacións electrónicas entre administracións. Os convenios.
6. O procedemento administrativo común das administracións públicas. Os interesados no procedemento: a capacidade de obrar e o concepto de interesado. Identificación e sinatura dos interesados. Da actividade das administracións públicas: normas xerais de actuación. Termos e prazos.
7. Os actos administrativos: requisitos. Eficacia dos actos. Nulidade e anulabilidade.
8. As disposicións sobre o procedemento administrativo común: garantías do procedemento. Iniciación, ordenación e instrución do procedemento. Finalización do procedemento. A tramitación simplificada do procedemento administrativo común. Execución.
9. A revisión dos actos en vía administrativa: revisión de oficio. Os recursos administrativos.
10. A iniciativa lexislativa e a potestade para ditar regulamentos e outras disposicións.
11. A administración electrónica no sector público e na USC.
12. A Lei orgánica de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais: disposicións xerais. Principios de protección de datos. Dereitos das persoas. Responsable e encargado do tratamento de datos. Autoridades de protección de datos. Garantía dos dereitos dixitais.
13. A transparencia e o bo goberno en Galicia: obxecto, principios e ámbito de aplicación. O dereito ao acceso á información pública, exercicio e limitacións. Réxime sancionador.
14. A xurisdición contencioso-administrativa. Concepto de Administración pública para efectos do recurso contencioso-administrativo. Os órganos da orde contencioso-administrativa e as súas respectivas competencias. Capacidade procesual, lexitimación, representación e defensa.
15. Procedemento contencioso-administrativo: procedemento ordinario e procedemento abreviado. Recursos de súplica, apelación, casación e revisión. Execución de sentenzas.
16. A Lei de contratos do sector público. Obxecto e ámbito de aplicación. Contratos do sector público. Disposicións xerais sobre a contratación do sector público.
17. Elementos do contrato: partes, obxecto, orzamento base de licitación, valor estimado, prezo do contrato e a súa revisión. Garantías exixibles na contratación do sector público. Actuacións previas á contratación. Adxudicación dos contratos. Efectos, cumprimento e extinción dos contratos administrativos. Racionalización técnica da contratación.
18. Dos distintos contratos das administracións públicas e doutros entes do sector público. Contratos de obras, de concesión de obras, de concesión de servizos e de subministracións. Organización administrativa para a xestión da contratación.
Bloque III. Xestión financeira.
1. Texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia. Principios xerais. Contido da Facenda da Comunidade. Do control interno e da contabilidade. O Consello de Contas.
2. Orzamento da Comunidade Autónoma: contido e aprobación, execución e liquidación. Créditos orzamentarios e as súas modificacións. A Lei de disciplina orzamentaria e sustentabilidade financeira.
3. Orzamento: clasificación económica de ingresos e gastos. Fases de execución do orzamento de gastos. Fases de execución do orzamento de ingresos. Gastos plurianuais: definición e xestión orzamentaria.
4. Réxime económico e financeiro das universidades públicas. Ingresos públicos das universidades. As taxas e prezos públicos e as súas exencións e bonificacións. Estrutura do Plan galego de financiamento universitario 2022-2026.
5. Estatutos da USC: do réxime económico e da programación plurianual. Orzamentos da USC.
6. Normativa básica sobre subvencións. A regulación e xestión das subvencións na Comunidade Autónoma de Galicia.
7. Plan xeral de contabilidade pública. Marco conceptual da contabilidade pública: requisitos de información das contas anuais, principios contables, elementos das contas anuais. Contabilidade analítica, modelo CANOA para universidades: descrición básica do funcionamento do modelo.
8. Plan de medidas antifraude e prevención de riscos de xestión na USC.
Bloque IV. Recursos humanos.
1. Texto refundido do Estatuto básico do empregado público como norma básica: obxecto e ámbito de aplicación. A Lei do emprego público de Galicia: obxecto, principios e ámbito de aplicación.
2. Clases de persoal ao servizo das administracións públicas. A planificación e estruturación dos recursos humanos nas administracións públicas: plans de ordenación de recursos humanos; ofertas de emprego público. As relacións de postos de traballo.
3. Acceso á función pública. Convocatorias e procedementos selectivos. Órganos de selección. Mobilidade do persoal funcionario das diversas administracións públicas. Modalidades da carreira profesional dos empregados públicos. Sistemas e procedementos de provisión de postos de traballo.
4. Situacións administrativas do persoal funcionario. Perda da condición de funcionario de carreira.
5. Dereitos, obrigas e código de conduta dos empregados públicos. Réxime disciplinario. Incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas.
6. As fontes do dereito laboral: xerarquía. O texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores. Os convenios colectivos: concepto e natureza.
7. Contrato de traballo na Administración pública. Concepto. Natureza. Suxeitos. Forma. Contido e réxime xurídico. Modalidades do contrato de traballo: persoal laboral fixo, indefinido e temporal. Modificación, suspensión e extinción do contrato de traballo. O despedimento.
8. Convenio colectivo do persoal laboral da USC.
9. Persoal docente e investigador funcionario. O sistema de acreditación nacional e concursos de acceso.
10. Persoal docente e investigador laboral: clases. A regulación da contratación do persoal docente universitario na Comunidade Autónoma de Galicia. O Convenio colectivo para o persoal docente e investigador das universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo.
11. Réxime xurídico do profesorado universitario. A liberdade de cátedra. Funcións do persoal docente e investigador. Sistemas de licenzas e excedencias xerais e específicas. Participación do persoal docente na realización de contratos de investigación do artigo 60 da LOSU e na creación de empresas de base tecnolóxica. O réxime de incompatibilidades do profesorado universitario.
12. Réxime do persoal investigador. A regulación na Lei da ciencia, a tecnoloxía e a innovación e na Universidade de Santiago de Compostela. Real decreto 103/2019, do 1 de marzo, polo que se aproba o Estatuto do persoal investigador predoutoral en formación. Acordo sobre a clasificación profesional e as condicións retributivas do persoal investigador e do persoal de apoio á investigación da Universidade de Santiago de Compostela e a súas modificacións posteriores.
13. Relacións laborais na Administración pública: órganos de representación, determinación das condicións de traballo e participación do persoal ao servizo das administracións públicas. O proceso de negociación colectiva. A folga.
14. A regulación da prevención de riscos laborais nas administracións públicas: a Lei de prevención de riscos laborais. Actuacións das administracións públicas: competencias. Dereitos e obrigas dos traballadores e empresarios en materia de prevención. Os servizos de prevención de riscos. Participación dos traballadores.
15. A Lei xeral da Seguridade Social: réxime xeral, afiliación. Altas e baixas, procedemento e efectos. Cotización: concepto e natureza xurídica da cota. Continxencias e situacións protexidas.
16. A acción protectora da Seguridade Social. Prestacións: incapacidade temporal, invalidez, xubilación, morte e supervivencia. A protección do desemprego.
17. A regulación da igualdade efectiva de mulleres e homes na lexislación estatal e autonómica. Políticas públicas para a igualdade efectiva de mulleres e homes.
Bloque V. Organización e xestión universitaria.
1. Os sistemas universitarios español e galego: configuración institucional. A Lei do sistema universitario (LOSU). Natureza xurídica das universidades públicas. A Lei do Sistema universitario de Galicia.
2. As universidades e a Administración educativa: competencias do Estado e das comunidades autónomas. A coordinación universitaria: a Conferencia Xeral de Política Universitaria. O Rexistro de Universidades, Centros e Títulos.
3. Os estatutos da Universidade de Santiago de Compostela.
4. A ordenación das ensinanzas universitarias oficiais: grao, máster e doutoramento. Regulamento sobre dobres titulacións e simultaneidade de ensinanzas oficiais na USC. O sistema europeo de créditos (ECTS).
5. A regulación das ensinanzas universitarias oficiais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.
6. Acceso e admisión ás ensinanzas universitarias oficiais de grao nas universidades públicas. Características, deseño e contido da avaliación do bacharelato para o acceso á universidade.
7. Estatuto do estudantado universitario. Réxime da avaliación do rendemento académico do estudantado e da revisión de cualificacións na USC. A normativa de permanencia na USC. Transferencia e recoñecemento de créditos.
8. A expedición de títulos. O suplemento europeo ao título (SET). A homologación e validación de títulos estranxeiros de educación superior.
9. A avaliación e a acreditación dos centros e das universidades. A Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG). O ciclo de verificación, seguimento, modificación e acreditación dos títulos universitarios oficiais.
10. Os programas de intercambio universitario (convenio bilateral, SICUE, Erasmus+, KA131, Erasmus+KA171) para estudantado, PDI e PTXAS. Outros programas europeos (A Iniciativa Universidades Europeas). O Servizo Español para a Internacionalización da Educación (SEPIE). O Regulamento de intercambios interuniversitarios de estudantes da USC. O Plan de internacionalización da USC 2024-2026.
Bloque VI. Xestión da investigación.
1. A Lei da ciencia, a tecnoloxía e a innovación: obxecto e obxectivos xerais. O fomento e a coordinación da investigación científica e técnica na Administración xeral do Estado.
2. Regulamento da USC para a realización de actividades de investigación.
3. O regulamento de funcionamento do Catálogo de investigadores e grupos de investigación da USC.
4. Regulamento de protección, explotación e participación de resultados de investigación xerados na USC.
5. Espazo Europeo de Investigación. Programa de investigación e innovación da Unión Europea. Programa Horizonte Europa (UE) (2021-2027). Estrutura xeral. Mecanismos de participación. Modalidades de financiamento.
6. O Plan estatal de investigación científica, técnica e de innovación.
7. Lei de fomento da investigación e da innovación en Galicia. Sistema galego de investigación e innovación. O Plan galego de investigación e innovación: finalidade, programas e instrumentos. Proxectos IDI.
8. A Carta europea do persoal investigador e o selo á excelencia en recursos humanos en investigación (HR Excellence in Research Award).
9. A normativa de creación de empresas de base tecnolóxica (EBT), de investigación ou de innovación da USC.
Nota: as referencias normativas deste temario poden verse afectadas polas modificacións que se produzan ata a data do exame e, nese caso, entenderanse referidas á lexislación en vigor.
