Examinado o expediente iniciado por solicitude de Maderas Ornanda, S.A. en relación coa autorización administrativa de peche e desmantelamento dunha central de coxeración situada no concello de Porto do Son (A Coruña) e a cancelación da súa inscrición no Rexistro Administrativo de Instalacións de Produción de Enerxía Eléctrica da Comunidade Autónoma de Galicia, constan os seguintes
Antecedentes de feito.
Primeiro. O 10 de febreiro de 1995, a Dirección Xeral de Industria da Consellería de Industria e Comercio resolveu autorizar a instalación dunha planta de coxeración de enerxía eléctrica á empresa Maderas Ornanda, S.A., en Miñortos, Porto do Son (A Coruña), e concederlle á dita empresa a condición de autoxerador eléctrico, expediente núm. 810/1994.
Segundo. O 29 de setembro de 1995, a Dirección Xeral de Industria da Consellería de Industria e Comercio resolveu aprobar o proxecto reformado de execución da planta de coxeración de enerxía eléctrica autorizada á empresa Maderas Ornanda, S.A., expediente núm. 94/810, coas seguintes características básicas:
– Tres grupos motoxeradores, compostos cada un de motor de gasóleo e de alternador síncrono trifásico de 1.280 kW, factor de potencia 0,8 e tensión 380 V.
– Tres transformadores elevadores de 1.600 kVA de potencia nominal cada un, con relación de transformación 0,4/20 kV ± 2,5 % ± 5 % ± 7 %.
– Equipos auxiliares de protección, control e medida.
Terceiro. O 25 de abril de 1996, a Delegación Provincial da Coruña da Consellería de Industria e Comercio emitiu a acta de comprobación e autorización de posta en marcha da planta de coxeración de enerxía eléctrica.
Cuarto. O 9 de setembro de 1997, a Dirección Xeral de Industria da Consellería de Industria e Comercio resolveu autorizar o cambio de titularidade e a subrogación do recoñecemento da condición de instalación acollida ao réxime especial de produción eléctrica da central de coxeración de Maderas Ornanda, S.A. a favor de Maderas Ornanda, S.A.-Iniciativas Energéticas Gallegas, S.A. A.I.E.
Na mesma data a Dirección Xeral de Industria resolveu inscribir a planta de coxeración de referencia no Rexistro de Instalacións de Produción en Réxime Especial regulado polo Real decreto 2366/1994, do 9 de decembro, sobre produción de enerxía eléctrica por instalacións hidráulicas, de coxeración e outras abastecidas por recursos ou fontes de enerxía renovables, cunha potencia total de 3.840 kW, e outorgoulle o número RE-97-12.
Quinto. O 22 de novembro de 2004, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas da Consellería de Innovación, Industria e Comercio resolveu tomar razón do cambio de titularidade e subrogación de todos os dereitos e deberes adquiridos, entre eles a autorización administrativa e o recoñecemento da condición de instalación acollida ao réxime especial de produción eléctrica, así como a súa inscrición no Rexistro autonómico de instalacións produtoras de enerxía eléctrica acollidas ao réxime especial, da central de coxeración de enerxía eléctrica inicialmente a nome da empresa Maderas Ornanda, S.A.-Iniciativas Energéticas Gallegas, S.A. A.I.E. a favor de Maderas Ornanda, S.A.
Na mesma data, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas resolveu modificar a inscrición da central de coxeración no Rexistro de Instalacións de Produción en Réxime Especial co fin de recoller o cambio de titularidade citado no parágrafo anterior.
Sexto. O 4 de marzo de 2010, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas da Consellería de Economía e Industria resolveu autorizar administrativamente e incluír no réxime especial de produción de enerxía eléctrica unha modificación substancial da planta de coxeración que Maderas Ornanda, S.A. posúe nas súas instalacións de Porto do Son (A Coruña).
Sétimo. O 2 de xullo de 2010, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas da Consellería de Economía e Industria resolveu aprobar os proxectos de execución e desmantelamento parcial dunha modificación substancial da central de coxeración que Maderas Ornanda, S.A. posúe en Porto do Son (A Coruña), coas seguintes características básicas:
– Substitución dos tres motores de gasóleo por un grupo motor-xerador de gas natural de 495 kW de potencia e 400 V de tensión de xeración, acoplado a un transformador elevador existente de 1.600 kVA de potencia.
– Modificación dos circuítos de refrixeración e recuperación térmica.
– Combustible, obra civil e instalacións eléctricas complementarias.
Oitavo. O 29 de abril de 2011, a Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía e Industria e Comercio emitiu a autorización de posta en servizo das instalacións da central de coxeración comprendidas nos proxectos de execución mencionados no antecedente de feito sétimo.
Noveno. O 24 de outubro de 2011, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas da Consellería de Economía e Industria resolveu modificar a inscrición definitiva no Rexistro de Instalacións de Produción en Réxime Especial da Comunidade Autónoma de Galicia da planta de coxeración que Maderas Ornanda, S.A. posúe nas súas instalacións de Porto do Son (A Coruña), con número de rexistro RE-97-12, en virtude da modificación substancial mencionada no antecedente de feito sétimo, por unha potencia nominal total da instalación de 495 kW.
Décimo. O 2 de novembro de 2023, Maderas Ornanda S.A. solicitou a autorización administrativa de peche definitivo da planta de coxeración da súa titularidade situada no concello de Porto do Son (A Coruña).
Décimo primeiro. O 5 de agosto de 2024, Red Eléctrica de España, S.A. informou sobre a solicitude de peche da planta de coxeración, facendo constar que non ten incidencia na garantía de cobertura da demanda nin na seguridade do sistema na rede de transporte.
Décimo segundo. O 9 de outubro de 2024, o Departamento Territorial da Coruña da Consellería de Economía e Industria informou sobre a solicitude de peche da planta de coxeración presentada por Maderas Ornanda S.A. indicando que non se atopou ningún impedimento para a emisión da autorización administrativa para o peche das instalacións electromecánicas e eléctricas existentes, de acordo co proxecto técnico de execución denominado Peche e desmantelamento da instalación de coxeración en industria de embalaxes de madeira, asinado o 8 de outubro de 2023 polo enxeñeiro industrial Bernardo Parajó Calvo, colexiado núm. 771 do ICOIIG, e visado o 10 de outubro de 2023 co núm. 20233105.
Décimo terceiro. O 6 de febreiro de 2025, requiríuselle a Maderas Ornanda S.A. a documentación adicional necesaria para continuar coa tramitación do procedemento. A solicitante presentou a documentación requirida con data 10 de febreiro de 2025 incluíndo unha solicitude asinada de cancelación da inscrición da planta de coxeración de referencia no Rexistro Administrativo de Instalacións de Produción de Enerxía Eléctrica da Comunidade Autónoma de Galicia.
Na mesma data esta dirección xeral remitiu á Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CMNC) unha separata do proxecto de desmantelamento co fin de que esta emita informe previo sobre a autorización de peche, de acordo co recollido no artigo 138 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica; non se recibiu resposta no prazo establecido polo que se entende a súa conformidade co peche da planta de coxeración.
Fundamentos de dereito.
Primeiro. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, e no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria.
Segundo. O artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, establece que a transmisión e peche definitivo de instalacións de transporte, distribución, produción e liñas directas, así como o peche temporal das instalacións de produción, requirirán autorización administrativa previa.
Terceiro. O peche e desmantelamento do sistema de coxeración non precisa someterse a trámite de avaliación ambiental ao non estar nos supostos recollidos na Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, e na Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia.
Cuarto. Na tramitación tivéronse en conta as normas de procedemento contidas na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, no Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproban o regulamento electrotécnico para baixa tensión, e as súas instrucións complementarias, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, no Real decreto 413/2014, do 6 de xuño, polo que se regula a actividade de produción de enerxía eléctrica a partir de fontes de enerxía renovables, coxeración e residuos, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.
De acordo co que antecede,
RESOLVO:
Primeiro. Outorgar a Maderas Ornanda S.A. a autorización administrativa de peche definitivo e desmantelamento da planta de coxeración de enerxía eléctrica que posúe no concello de Porto do Son (A Coruña), segundo o proxecto técnico de execución denominado Peche e desmantelamento da instalación de coxeración en industria de embalaxes de madeira, asinado o 8 de outubro de 2023 polo enxeñeiro industrial Bernardo Parajó Calvo, colexiado núm. 771 do ICOIIG, e visado o 10 de outubro de 2023 co núm. 20233105.
Segundo. Cancelar a inscrición da planta de coxeración de enerxía eléctrica titularidade de Maderas Ornanda S.A., debido ao seu peche, obxecto desta autorización administrativa, no Rexistro Administrativo de Instalacións de Produción de Enerxía Eléctrica da Comunidade Autónoma de Galicia, con número de rexistro autonómico RE-97-12.
Todo isto de acordo coas seguintes condicións:
1. O peche definitivo e desmantelamento da instalación terá que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución referido no punto primeiro da parte dispositiva desta resolución.
2. Deberá cumprirse, en todo momento, canto establecen o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, o Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión, e as súas instrucións complementarias, así como a demais normativa e directrices vixentes que sexan de aplicación.
3. Para introducir modificacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa desta dirección xeral. Pola súa banda, o Departamento Territorial da Consellería de Economía e Industria da Coruña poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, e deberá comunicarlle a este centro directivo todas as resolucións que dite en aplicación da devandita facultade.
4. O prazo para o peche e desmantelamento da instalación será de dous anos contados a partir do día seguinte ao da notificación desta resolución. Se transcorrido o dito prazo aquel non tivo lugar, producirase a caducidade desta autorización.
Unha vez rematado o desmantelamento, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de acta de peche ante o Departamento Territorial da Consellería de Economía e Industria da Coruña, que deberá emitila tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.
5. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.
6. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.
Contra este acto, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2025
Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Minas
