No Concello de Tui está vixente o Plan especial de protección do conxunto histórico de Tui (Pontevedra) (PEPCHA-2020) aprobado definitivamente no Pleno municipal do 29 de decembro de 2020, publicado no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra núm. 86, do 7 de maio de 2021.
O ámbito territorial de actuación da modificación puntual abrangue o conxunto histórico da vila de Tui. Trátase dunha área urbana completamente consolidada que na actualidade se atopa nun avanzado estado de abandono. Preténdese realizar modificacións na normativa do PEPCHA para favorecer a funcionalidade do plan e a posta en valor das edificacións existentes, contribuíndo así positivamente na rexeneración do conxunto histórico. Mantense a capacidade residencial actual e a clasificación do solo.
O 25 de marzo de 2025, a directora xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade emitiu informe onde indica que non é necesario someter a avaliación estratéxica a modificación puntual número 1 do Plan especial de protección do conxunto histórico de Tui. No informe indícase que non se agarda que esta modificación puntual do PEPCHA produza diferenzas significativas nos efectos ambientais previstos nin na súa zona de influencia, polo que non é necesario someter a avaliación ambiental estratéxica a modificación puntual número 1.
A Xunta de Goberno Local, na sesión ordinaria que tivo lugar o 30 de maio de 2025, aprobou inicialmente a modificación puntual número 1 do Plan especial de protección do conxunto histórico de Tui, de conformidade coa documentación 36055_MP01PEPCHA_202502_B, de febreiro de 2025. Os traballos foron realizados pola empresa Fernández Carballada y Asociados, S.L.P., con NIF B15671563, e foron achegados polo Rexistro de entrada 2025-E-RE-643 do 17.2.2025.
De conformidade co artigo 18 da Lei 1/2019, do 22 abril, de rehabilitación, rexeneración e renovación urbanas de Galicia, ábrese o trámite de información pública polo prazo dun mes contado desde a publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia (DOG). Ademais, publicarase anuncio nun dos diarios de maior difusión da provincia e no taboleiro de anuncios municipal. As persoas interesadas poderán presentar alegacións a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio no DOG.
No período de información pública a documentación poderá consultarse de xeito presencial na Oficina de Urbanismo do concello, durante os días hábiles das 9.00 ás 14.00 horas, e de xeito electrónico todos os días a través do portal de transparencia municipal:
https://concellotui.sedelectronica.gal/transparency
Unha vez dentro débese acceder á carpeta de urbanismo.
Tui, 2 de xuño de 2025
Enrique Cabaleiro González
Alcalde
