I
A Convención da Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (UNESCO), para salvagardar o patrimonio cultural inmaterial define este como os usos, representacións, expresións, coñecementos e técnicas –xunto cos instrumentos, obxectos, artefactos e espazos culturais que son inherentes a eles– que as comunidades, os grupos e, nalgúns casos, os individuos recoñecen como parte integrante do seu patrimonio cultural, e que se transmite de xeración en xeración, recreado constantemente polas comunidades e grupos en función do seu ambiente, a súa interacción coa natureza e a súa historia, introducindo un sentimento de identidade e continuidade e contribuíndo, deste xeito, ao respecto da diversidade cultural e á creatividade humana.
O Plan nacional de salvagarda do patrimonio cultural inmaterial afonda na importancia de valorizar o protagonismo das comunidades, grupos e individuos, posuidores e titulares das iniciativas e actuacións encamiñadas á investigación, documentación, promoción, transmisión, formación e difusión das manifestacións inmateriais da cultura.
A Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do artigo 149.1.28 da Constitución e segundo o disposto no artigo 27 do Estatuto de autonomía, asume a competencia exclusiva en materia de patrimonio cultural e, en exercicio desta, apróbase a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (LPCG).
O artigo 1.2 da citada LPCG establece que o patrimonio cultural de Galicia está constituído polos bens mobles, inmobles ou manifestacións inmateriais que, polo seu valor artístico, histórico, arquitectónico, arqueolóxico, paleontolóxico, etnolóxico, antropolóxico, industrial, científico e técnico, documental ou bibliográfico, deban ser considerados como de interese para a permanencia, recoñecemento e identidade da cultura galega a través do tempo, e tamén por aqueles bens ou manifestacións inmateriais de interese para Galicia nos que concorra algún dos valores citados e que se atopen en Galicia, con independencia do lugar no que se creasen.
O artigo 8.2 da LPCG dispón que terán a consideración de bens de interese cultural aqueles bens e manifestacións inmateriais que, polo seu carácter máis sobranceiro no ámbito da Comunidade Autónoma, sexan declarados como tales por ministerio da lei ou mediante un decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de patrimonio cultural. Estes inscribiranse no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia, despois de incoar e tramitar o expediente correspondente, segundo ditaminan o título I da LPCG e o Decreto 430/1991, do 30 de decembro, polo que se regula a tramitación para a declaración de bens de interese cultural de Galicia e se crea o Rexistro de Bens de Interese Cultural.
O artigo 9.3.a) da LPCG establece que se consideran bens do patrimonio cultural inmaterial os usos, representacións, expresións, coñecementos e técnicas, xunto cos instrumentos, obxectos, artefactos e espazos culturais que lles son inherentes, que as comunidades, os grupos e, nalgúns casos, os individuos recoñezan como parte integrante do seu patrimonio cultural. En concreto, no punto 5º deste artigo inclúense «os usos sociais, rituais, cerimonias e actos festivos».
O artigo 70.4 da LPCG dispón que a declaración de interese cultural dun ben inmaterial requirirá a petición expresa previa das comunidades e organizacións representativas do ben, que será incorporada ao expediente que se tramite.
O artigo 70.5 da LPCG establece que a declaración de interese cultural dun ben inmaterial recoñecerá o seu carácter vivo e dinámico.
O artigo 70.6 da LPCG expón que a declaración de interese cultural dun ben inmaterial recollerá o marco temporal e espacial no que o ben se manifesta, así como as condicións concretas nas que se produce.
O artigo 91 da LPCG indica que integran o patrimonio etnolóxico de Galicia os lugares, bens mobles ou inmobles, as expresións, así como as crenzas, coñecementos, actividades e técnicas transmitidas por tradición, que se consideren relevantes ou expresión testemuñal significativa da identidade, a cultura e as formas de vida do pobo galego ao longo da historia.
II
O inicio da Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento data do 1 de marzo 1669, época na que se redacta unha escritura para o donativo de 30.000 ducados para aumentar o culto ao Santísimo Sacramento na catedral de Lugo. A primeira Ofrenda ten lugar en xuño de 1672, de xeito moi similar á que se desenvolve na actualidade, e que leva celebrándose de forma ininterrompida ata hoxe en día, agás no ano 1809 por estar a cidade en poder dos franceses.
O propio desenvolvemento da celebración mantívose constante na súa estrutura principal, coas solemnes vésperas, o acto da ofrenda e a procesión posterior. Na primeira metade do século XX, en tempos de frei Plácido Rey Lemos, instaurouse a quenda actual de cidades e as respostas dos bispos vinculados ás dioceses, xa que ata ese momento as facían os bispos da cidade de Lugo.
A Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento é unha celebración na que toda Galicia se ve representada, na que se une tanto a parte civil coma a eclesiástica nun só evento que supón un dos últimos expoñentes dese histórico Reino de Galicia. É unha das poucas manifestacións inmateriais vivas que evocan a entidade política histórica de Galicia, que desapareceu administrativamente coa división, na primeira metade do século XIX, de Galicia en catro provincias.
III
A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural publicou no Diario Oficial de Galicia (número 110, do 7 de xuño) a Resolución do 29 de maio do 2024 pola que se incoa o procedemento para declarar ben de interese cultural do patrimonio inmaterial a Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento.
O artigo 18.2 da LPCG establece que é necesario o informe favorable e motivado sobre o seu valor cultural sobranceiro de, polo menos, dúas das institucións consultivas especializadas ás que se refire o artigo 7 do citado texto legal. Neste sentido, solicitóuselles o informe ao Consello da Cultura Galega, ao Museo do Pobo Galego, ao Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento do CSIC e á Facultade de Humanidades do campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela. Tras realizar este trámite, constan no expediente administrativo os informes favorables e motivados sobre o valor cultural sobranceiro da manifestación inmaterial precisos para declarar ben de interese cultural a Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento.
No período de exposición pública da proposta de incoación e do expediente administrativo, non se presentaron alegacións á incoación do procedemento de ben de interese cultural.
Na tramitación do expediente, polo tanto, cumpríronse todos os trámites legalmente preceptivos de acordo coa normativa vixente.
Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e tres de xuño de dous mil vinte e cinco,
DISPOÑO:
Primeiro. Declarar ben de interese cultural a Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento como manifestación do patrimonio inmaterial de Galicia, segundo a descrición recollida no anexo I e as medidas de salvagarda establecidas no anexo II deste decreto.
Segundo. Ordenar que se anote esta declaración de ben de interese cultural no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia e que se comunique ao Inventario Xeral do Patrimonio Cultural Inmaterial do Estado.
Terceiro. Publicar este decreto no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado.
Cuarto. Contra este acto, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poden interpoñer potestativamente un recurso de reposición no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa publicación ante o órgano que ditou o acto ou, directamente, interpoñer un recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses desde o día seguinte ao da súa publicación ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
Disposición derradeira primeira. Eficacia
Este decreto terá eficacia desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, vinte e tres de xuño de dous mil vinte e cinco
O presidente
P.S. (Artigo 26.7 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, da Xunta e da súa Presidencia)
Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes
José López Campos
Conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude
ANEXO I
Descrición da manifestación inmaterial
1. Denominación: Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento.
2. Natureza e condición:
• Natureza: inmaterial.
• Condición: manifestación.
• Categoría: os usos sociais, rituais, cerimonias e actos festivos (artigo 9.3. a). 5º LPCG).
• Interese: etnolóxico e histórico.
3. Contexto histórico da Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento.
A Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ten a súa orixe na escritura que se redactou o 1 de marzo de 1669 na cidade da Coruña entre os representantes do Reino de Galicia e Juan Velo, cóengo maxistral do Cabido lugués que este elixiu como o seu representante. Nela formalízase un donativo de 30.000 ducados que manifesta unha contribución colectiva en beneficio da catedral, que se configura así como elemento simbólico catalizador dun esforzo común do conxunto dun reino que se concibe, así mesmo, como unidade.
A doazón achegada polo Reino de Galicia á catedral de Lugo, así como converter este edificio en centro de atención de Galicia durante a Idade Moderna, fai que a historia das orixes desta celebración sexa de crucial importancia para entender o desenvolvemento do edificio ao longo desa segunda metade do século XVII e de todo o século XVIII, período temporal ao longo do cal esta ofrenda se celebra de forma ininterrompida.
A primeira data clave é o 14 de xaneiro de 1669. Nese día o Cabido da catedral de Lugo redacta un documento no que, por man do cóengo maxistral Juan Velo, se apela ao gran privilexio que tiña da exposición continua do Santísimo Sacramento como factor que move ao compromiso de todos e cada un dos representantes do Reino, en canto partícipes institucionais, no mantemento daquilo que a sociedade galega vivía como elemento relevante da súa identidade.
O documento orixinal do donativo foi redactado, ao longo de oito folios, nas actas das Xuntas do Reino de Galicia do 1 de marzo de 1669, por unha institución que se vía a si mesma como representante dunha entidade con categoría multisecular de reino e que, en calidade de tal, era a interlocutora do conxunto de Galicia ante a raíña rexente, que non puxo impedimento para a concesión.
Unha das condicións máis importantes que reflicte a escritura do donativo é, sen dúbida, a número sete, na que se fai mención á celebración da Ofrenda, a cal chegou ata os nosos días: «Que para que se perpetúe más, y fervorice la devoción, y se reconozca ser hecha dicha dotación por el Reyno, es condición que todos los años se ofrezcan los dichos mil y quinientos ducados en nombre del Reyno». Esta sétima condición establece as bases da celebración actual, incluídos os prolegómenos do sábado, a cal chegou, coas modificacións establecidas ao longo dos séculos, aos nosos días mantendo a súa esencia.
A primeira celebración da Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento non tería lugar ata o domingo 19 de xuño de 1672, máis de tres anos despois da escritura do donativo. Isto foi motivado por todas as xestións necesarias para que o contido nesta escritura se convertese en realidade.
Nesta data realízase a primeira celebración da Ofrenda do Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento e o primeiro rexedor foi Juan Pardo Monzón, representante da cidade de Mondoñedo, o cal xa estivera presente nos prolegómenos da escritura do donativo en 1669. Nesa data do 19 de xuño tamén se puxeron as catro candeas, e foi Miguel de Ulloa o rexedor protagonista da Ofrenda en 1674; datas que deron inicio a unha tradición secular que segue presente nos nosos días, aínda que con algunhas modificacións que se foron efectuando ao longo deste período temporal, como a realizada en 1925 polo prelado frei Plácido Rey Lemos, que estableceu unha quenda de cidades ofertantes, comezando por Lugo, seguida da Coruña, Santiago de Compostela, Ourense, Mondoñedo, Betanzos e Tui.
4. Desenvolvemento da celebración da manifestación inmaterial.
A celebración da Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento engloba nesta denominación toda unha serie de actos que inclúen as solemnes vésperas, o propio acto da ofrenda ou a posterior procesión polas rúas do centro da cidade de Lugo.
Solemnes vésperas: o alcalde ao que por quenda lle toca realizar a ofrenda asiste, xunto con outras autoridades, o sábado anterior ao día da Ofrenda á catedral de Lugo, marchando en procesión desde o Concello de Lugo ata a entrada norte da catedral, na que é recibido por representantes do Cabido da catedral de Lugo. Ao acto asiste tamén o bispo da diocese de Lugo, así como membros do Cabido e outros representantes da diocese.
Día da Ofrenda ao Santísimo Sacramento: o domingo posterior á festividade do Corpus Christi teñen lugar os actos centrais desta celebración. Comézase co percorrido que fan as autoridades desde o Concello de Lugo ata a porta norte da catedral e, tras a recepción por parte de membros do Cabido, as autoridades sitúanse no coro, co representante da cidade que por quenda lle toca realizar a ofrenda na zona dianteira, con dous cóengos e un cofre que contén a ofrenda, que hoxe en día ten un compoñente simbólico.
Nesta celebración realízanse dous discursos, un do representante civil que realiza a ofrenda e outro, en resposta, do bispo ao que lle toca por quenda. Isto goza de aprecio social e transcende á opinión pública local como proxección do seu significativo valor institucional.
Tras a eucaristía e a ofrenda, os representantes, tanto civís coma eclesiásticos, marchan en solemne procesión co Santísimo Sacramento exposto na cima dunha carroza polas rúas do centro de Lugo: parten da porta do Bo Xesús e pasan pola praza Maior ou a rúa da Raíña antes de retornar ao lugar de partida. A procesión está embelecida con música, bailes, unha choiva de pétalos de flores, así como polo son das campás da catedralicia Torre dos Signos.
5. Marco temporal no que se desenvolve a manifestación inmaterial.
O acto central da Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento celébrase sempre o domingo posterior á festividade do Corpus Christi, aínda que nos seus inicios tiña lugar o domingo infraoitava de Corpus. Neste acto están representadas as cinco dioceses galegas (Mondoñedo-Ferrol, Lugo, Santiago de Compostela, Ourense e Tui-Vigo), así como as sete antigas capitais do Reino de Galicia: A Coruña, Betanzos, Lugo, Mondoñedo, Santiago de Compostela, Ourense e Tui.
Na actualidade séguese unha quenda que foi instaurada na primeira metade do século XX polo bispo Plácido Rey Lemos, na que cada representante dunha cidade realiza a ofrenda e é respondido polo bispo da diocese que a engloba. A orde que se segue é a seguinte: 1º Lugo, 2º A Coruña, 3º Santiago de Compostela, 4º Ourense, 5º Betanzos, 6º Tui, 7º Mondoñedo.
6. Marco espacial en que se celebra a manifestación inmaterial.
A Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento ten lugar na cidade de Lugo, capital da provincia homónima. O centro desta celebración sitúase no interior da catedral de Santa María, na capela maior na que está exposto, día e noite, o Santísimo Sacramento, nunha custodia, datada en 1772, regalo de Juan Saénz de Buruaga. A ofrenda faina nesta capela o delegado rexio da cidade ao que por quenda lle toca, mentres o resto das personalidades agarda no coro, situado na nave principal, fronte ao tabernáculo de mármore, executado por José de Elejalde en 1766, que serve de trono ao Santísimo Sacramento.
A celebración inclúe tamén o traxecto que fan as autoridades civís, tanto o sábado coma o domingo, desde o Concello de Lugo, situado na praza Maior, ata a praza de Santa María, na que son recibidos polo Cabido da catedral de Lugo na entrada norte, baixo o pórtico que garda o Pantocrátor e o pinjante eucarístico.
Tras finalizar a ofrenda, a celebración inclúe unha procesión que percorre as principais rúas do centro de Lugo: sae pola porta do Bo Xesús da catedral, pasa polo Concello de Lugo e volve ao punto de partida na praza Pío XII.
Aínda que a celebración ten lugar en Lugo, están presentes, entre outros, os representantes das sete antigas cidades principais do Reino de Galicia: A Coruña, Betanzos, Lugo, Mondoñedo, Santiago de Compostela, Ourense e Tui.
7. Valoración cultural.
A cerimonia da Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento, celebrada anualmente na catedral de Lugo, representa un caso singular dentro da cultura e do patrimonio inmaterial da Comunidade Autónoma de Galicia, ao expoñer de forma única a tradición secular dos galegos e das galegas, así como a evolución da súa unidade como pobo a través dos séculos.
Esta cerimonia veuse celebrando de forma ininterrompida, agás no ano 1809 por estar a cidade en poder dos franceses, desde o terceiro cuarto do século XVII ata a actualidade, ao ir adaptándose ás circunstancias políticas que se foron sucedendo ao longo dos séculos, como a división de Galicia en catro provincias en 1833 e, ao mesmo tempo, deixar de denominarse administrativamente como Reino de Galicia.
A Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento reúne cada domingo posterior ao Corpus Christi na basílica luguesa os representantes das sete antigas cidades capitais do Reino de Galicia: A Coruña, Betanzos, Lugo, Mondoñedo, Ourense, Santiago de Compostela e Tui. Esta cerimonia constitúe a principal mostra de unión destas antigas sete cidades capitais na actualidade.
A Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento ten un valor cultural sobranceiro no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, ao tratarse dunha cerimonia que se mantén durante máis de tres séculos e medio e que reflicte a unión do pobo de Galicia, o que supón un feito único dentro do conxunto de cerimonias deste tipo que se conservaron no noso país. Ademais, cómpre engadir, como complemento do anterior, que a cerimonia representa unha das poucas manifestacións inmateriais vivas que evocan a entidade política histórica de Galicia.
8. A comunidade portadora e as formas de transmisión.
A Ofrenda do Antigo Reino de Galicia representa unha tradición viva que foi herdada dos nosos antepasados e que se conservou de xeración en xeración. Neste sentido, a Ofrenda do Antigo Reino de Galicia adáptase á perfección á definición que dá a Convención da UNESCO para a salvagarda do patrimonio cultural inmaterial: reflicte un uso ou expresión que un grupo de individuos recoñece como parte integrante do seu patrimonio cultural, transmítese de xeración en xeración, é celebrada constantemente por unha comunidade, supón unha interacción coa súa historia e infunde un sentimento de identidade e continuidade.
Un aspecto clave na relevancia que posúe a Ofrenda do Antigo Reino de Galicia é o papel protagonista que ten a comunidade portadora desta manifestación inmaterial para a súa conservación. A comunidade portadora é transcendental na acción de salvagardar a tradición vinculada á Ofrenda, así como os protocolos, cerimonias ou prácticas vinculadas a ela, sendo esta comunidade portadora a responsable de preservar o proceso evolutivo desta cerimonia, transmitíndoa intra e interxeneracionalmente. É importante confirmar que as manifestacións inmateriais teñen un locus espacial, mais este pode mostrar ámbitos e alcances menos claros, xa que neles prima a propia comunidade portadora das formas culturais que os integran, así como polo carácter dinámico e a súa esencia de poder ser compartido.
Un aspecto que se debe subliñar da manifestación inmaterial é que esta abarca historicamente a toda Galicia, non a unha localidade en concreto, senón a toda unha comunidade, feito visible en aspectos como a orixe da Ofrenda nas Xuntas do Reino de Galicia: o día 1 de marzo de 1669 formalizouse na cidade da Coruña a escritura para un donativo que o Reino de Galicia lle daba ao Cabido da catedral de Lugo para aumentar o culto ao Santísimo Sacramento no altar maior.
Esta solicitude ás Xuntas do Reino de Galicia foi aceptada de forma unánime polos representantes das sete cidades capitais do Reino de Galicia, as cales eran A Coruña, Betanzos, Lugo, Mondoñedo, Ourense, Santiago de Compostela e Tui, pero representaban, como expón nitidamente o memorial, a toda a xeografía de Galicia, como se pode comprobar polas mencións que se recollen da celebración da Ofrenda durante o século XX; por exemplo, en 1924, cando se describe a chegada a Lugo, o domingo da Ofrenda, de galegos provenientes de Tui, Vilagarcía de Arousa, Vigo, Pontevedra, Santiago de Compostela, Ferrol, Betanzos, Sarria, Monforte, Vilalba, Mondoñedo, Viveiro, Ribadeo, Becerreá, Chantada ou A Fonsagrada.
En conclusión, a comunidade portadora da Ofrenda do Antigo Reino de Galicia pódese considerar que foi historicamente o pobo de Galicia, que, malia nominalmente visibilizarse coas sete cidades capitais e os seus representantes, así como os representantes eclesiásticos (bispos, cabidos, abades etc.), realmente abarcaba a todo o pobo galego.
ANEXO II
Medidas de salvagarda
O artigo 1 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, ten como obxectivo a protección, conservación, difusión e fomento do patrimonio cultural de Galicia constituído polos bens e manifestacións inmateriais que, polo seu valor, deban ser considerados como de interese para a cultura galega a través do tempo e, tamén, por aqueles bens e manifestacións inmateriais de interese para Galicia nos que concorra algún dos valores sinalados e que se atopen en Galicia, con independencia do lugar en que se creasen.
O artigo 9.3 da devandita lei establece que se consideran bens do patrimonio cultural inmaterial os usos, representacións, expresións, coñecementos e técnicas, xunto cos instrumentos, obxectos, artefactos e espazos culturais que lles son inherentes, que as comunidades, os grupos e, nalgúns casos, os individuos recoñezan como parte integrante do seu patrimonio cultural. En concreto, no apartado 5º deste artigo inclúense «os usos sociais, rituais, cerimonias e actos festivos».
Así mesmo, o artigo 91 dispón que integran o patrimonio etnolóxico de Galicia os lugares, bens mobles ou inmobles, as expresións, así como as crenzas, coñecementos, actividades e técnicas transmitidas por tradición, que se consideren relevantes ou expresión testemuñal significativa da identidade, a cultura e as formas de vida do pobo galego ao longo da historia.
As medidas xerais de salvagarda do patrimonio cultural inmaterial comprometen as administracións públicas, dentro das súas competencias e dispoñibilidades orzamentarias, a garantir a súa viabilidade, sobre todo a súa identificación, documentación, rexistro, investigación, preservación, protección, promoción, valorización, transmisión e revitalización.
En consecuencia, é conveniente proceder ao rexistro e á sistematización dos documentos relacionados con este patrimonio cultural inmaterial para poder ter unha comprensión máis eficaz e completa del.
As investigacións publicadas sobre a manifestación inmaterial da Ofrenda do Antigo Reino de Galicia suman unha certa entidade, o que a converte nunha das cerimonias que máis estudos monográficos rexistrou na Comunidade Autónoma de Galicia. Entre elas, as realizadas polo cóengo Portabales Nogueira, polo arquiveiro compostelán Pablo Pérez Costanti nas súas Notas viejas galicianas, por Adolfo de Abel, ou polo cóengo José Molejón Rañón, autor da primeira monografía sobre a celebración: La Ofrenda del Antigo Reino de Galicia al Santísimo Sacramento. Durante o século XXI intensifícanse aínda máis os traballos de investigación sobre a manifestación cultural inmaterial.
Neste sentido, aínda cando as investigacións presentes representan avances significativos no coñecemento da celebración, débese proseguir con outras novas que indaguen naqueles aspectos históricos que nova documentación poida facer aflorar. Ao mesmo tempo, haberá que afondar nos modos de garantir o obxecto de protección desta manifestación inmaterial, é dicir, a súa expresión relixiosa, sen vulnerar a aconfesionalidade das institucións e cumprindo e respectando a Administración o seu inescusable deber de neutralidade e imparcialidade, sen menoscabo do valor de culto xunto ao valor cultural que é o que aquela debe garantir. A impregnación cultural relixiosa da manifestación explícase polas súas orixes e a mentalidade colectiva que a foi desenvolvendo en cada fase temporal e no seu dinamismo inherente. En coherencia co artigo 16 da Constitución, a aconfesionalidade propia do actual Estado social e democrático de dereito respecta e acolle, desde a neutralidade e a cooperación, o que é consubstancial á cerimonia e ao rito, que perderían mesmo a cualificación histórica ou cultural se se desprendese da súa vertente relixiosa ou se baleirase das súas subsistencias visibles. Son esas manifestacións as que, sen cuestionar as libres e plurais conviccións ou crenzas da cidadanía, lle outorgan a solemnidade e a forza evocadora de símbolo na súa permanencia a través do tempo.
Á vez, considérase preciso desenvolver medidas de promoción e valorización da Ofrenda, co fin de mostrala como unha das poucas manifestacións inmateriais vivas que evocan ao Antigo Reino de Galicia, tendo en conta que no pasado a lexitimación das institucións políticas e administrativas estaban nutridas dun sentido relixioso que as interrelacionaba entre si e coas autoridades eclesiásticas a través de usos, espazos e representacións exteriores compartidas.
En definitiva, no marco dos convenios internacionais e ao amparo da normativa estatal e autonómica relativa ao patrimonio cultural inmaterial, estamos ante usos sociais, rituais e actos institucionais e cerimonias únicas que chegaron ata o de agora en liña de continuidade co que foi a identidade histórica e política de Galicia como reino e que, polo tanto, na esfera que lles compete aos poderes públicos da orde civil, e en cumprimento do mandato de cooperación que deriva do texto constitucional, en particular do seu artigo 16.3, a Comunidade Autónoma ten o deber de salvagardar na súa dimensión netamente cultural e, con ese alcance, promover a súa transmisión, achegamento, recoñecemento e autenticidade.
