De conformidade co previsto no artigo 9 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e no artigo 8 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, dáse publicidade da seguinte encomenda coas seguintes características:
– Resolución do 13 de xuño de 2025, do conselleiro de Sanidade e presidente do Servizo Galego de Saúde, pola que se encomenda á Axencia Galega de Infraestruturas e á Sociedade Pública de Investimentos de Galicia, S.A. a xestión e execución das actuacións necesarias para a elaboración do proxecto de interese autonómico de ordenación da contorna do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela, así como a xestión das expropiacións e redacción dos proxectos de aparcadoiro e mellora de accesos.
– Actividade:
O Servizo Galego de Saúde obrígase a realizar as seguintes actuacións:
1. Prestar, cando lle sexa requirido polo órgano encomendado, en calquera das fases en que se atope a execución desta encomenda de xestión, a axuda e colaboración técnica necesaria para desenvolvela satisfactoriamente.
2. Asumir, no caso de que así se requirise, a realización das xestións pertinentes ante os organismos que correspondan para a obtención dos permisos, licenzas ou autorizacións regulamentarias, que necesariamente deben ser solicitadas polo Servizo Galego de Saúde.
3. Remitir á Axencia Galega de Infraestruturas o plan funcional e, de ser o caso, outra documentación dispoñible sobre estas actuacións.
4. Dar a conformidade, no caso de que exista unha modificación dos contratos vinculados á actuación.
5. Será o órgano competente da xestión económica e financeira dos créditos destinados a financiar os expedientes de contratacións e as expropiacións, e xestionará co Concello de Santiago de Compostela as súas achegas.
A Sociedade Pública de Investimentos de Galicia, S.A. obrígase a realizar as seguintes actuacións:
1. En relación co proxecto de interese autonómico de ordenación da contorna do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago:
– A realización dos actos e negocios xurídicos propios da preparación, selección do contratista e adxudicación do contrato de servizo para a redacción do proxecto.
– De ser o caso, nomear un responsable do contrato, ao abeiro do establecido no artigo 62 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público.
– Asistir o órgano encomendante en calquera tarefa que lle sexa requirida durante a execución da actuación.
– Convocar o Servizo Galego de Saúde para que designe unha persoa representante cando sexa preciso.
2. En relación co sistema viario, a urbanización e o aparcadoiro:
– A realización dos actos e negocios xurídicos propios da preparación, selección do contratista e adxudicación do contrato de servizo para a redacción do proxecto ou proxectos do aparcadoiro e sistema viario.
– De ser o caso, a realización dos labores de supervisión, implantación e aprobación do/dos correspondente/s proxecto/s.
– De ser o caso, nomear un responsable do contrato, ao abeiro do establecido no artigo 62 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público.
– Asistir o órgano encomendante en calquera tarefa que lle sexa requirida durante a fase de execución da actuación.
– Convocar o Servizo Galego de Saúde para que designe unha persoa representante cando sexa preciso.
A Axencia Galega de Infraestruturas obrígase a realizar as seguintes actuacións:
1. En relación co proxecto de interese autonómico de ordenación da contorna do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago:
– De ser o caso, nomear un responsable do contrato, ao abeiro do establecido no artigo 62 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público.
– Realizar as tarefas de apoio na tramitación do proxecto de interese autonómico.
– Asistir o órgano encomendante en calquera tarefa que lle sexa requirida durante a execución da actuación.
2. En relación coa obtención dos bens e dereitos necesarios para a execución das actuacións obxecto da encomenda, correspóndelle á Axencia Galega de Infraestruturas o exercicio da potestade expropiatoria, ao abeiro do establecido na disposición adicional primeira do Decreto 142/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, que indica que lle corresponde a esta consellería o exercicio da potestade expropiatoria nos supostos en que esta ou as súas entidades públicas instrumentais reciban encomendas ou encargas que requiran o exercicio desta potestade para a súa execución.
3. En relación co sistema viario, a urbanización e o aparcadoiro:
– De ser o caso, a realización dos labores de supervisión e implantación do/dos correspondente/s proxecto/s.
– De ser o caso, nomear un responsable do contrato, ao abeiro do establecido no artigo 62 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público.
– Asistir o órgano encomendante en calquera tarefa que lle sexa requirida durante a execución da actuación.
– Natureza e alcance da xestión encomendada: o encargo ten natureza de encomenda intersubxectiva a medio propio, segundo o disposto no artigo 13.1 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, e nos artigos 9 e 47 e seguintes da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, ao teren a Axencia Galega de Infraestruturas e a Sociedade Pública de Investimentos de Galicia, S.A. a consideración de medios propios e servizos técnicos da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.
– Financiamento: a realización das actividades e/ou actos e negocios xurídicos necesarios para a execución desta encomenda de xestión por parte da Axencia Galega de Infraestruturas e da Sociedade Pública de Investimentos de Galicia, S.A. efectuarase a título gratuíto, sen que exista retribución ou tarifa.
– Prazo de vixencia: a eficacia da encomenda estenderase desde o día seguinte ao da súa sinatura ata a data de finalización do prazo de garantía dos contratos obxecto desta.
Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2025
Antonio Gómez Caamaño
Conselleiro de Sanidade

