Mediante o Real decreto 394/2025, do 13 de maio, de traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de ordenación e xestión do litoral, traspásanse á Comunidade Autónoma de Galicia funcións e servizos correspondentes ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico e establécense aquelas funcións e servizos que se reservan para a Administración xeral do Estado e as funcións concorrentes da Administración do Estado e da Comunidade Autónoma de Galicia e as formas de cooperación.
Cómpre, por medio deste decreto, asumir de forma expresa o traspaso de funcións e servizos que recolle o Real decreto 394/2025, do 13 de maio, e proceder á habilitación dos correspondentes procedementos na sede electrónica da Xunta de Galicia.
De conformidade co exposto, por proposta da conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático e do conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, tras a deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trinta de xuño de dous mil vinte e cinco,
DISPOÑO:
Artigo 1. Asunción do traspaso
Quedan asumidas as funcións e os servizos traspasados pola Administración xeral do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en virtude do Real decreto 394/2025, do 13 de maio, de traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de ordenación e xestión do litoral, nos termos e condicións especificados no Acordo da Comisión Mixta de Transferencia, do 9 de abril de 2025, que se asignarán nos correspondentes decretos de estrutura orgánica das consellerías afectadas consonte o disposto no artigo 11 da Lei 4/2023, do 6 de xullo, de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia.
Artigo 2. Efectividade do traspaso
A asunción de funcións e servizos obxecto deste decreto terá efectividade a partir do 1 de xullo de 2025, data sinalada no acordo da Comisión Mixta, consonte o disposto no Real decreto 394/2025, do 13 de maio.
Disposición adicional primeira. Habilitación do procedemento MT701A para as solicitudes de ocupacións ou usos na zona de dominio público marítimo-terrestre
1. Habilítase o procedemento MT701A para a tramitación dos procedementos relativos ás actuacións de uso e ocupación do dominio público marítimo-terrestre reguladas nos capítulos IV, V e VI do título III da Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas, e que foron obxecto de traspaso mediante o Real decreto 394/2025, do 13 de maio, de traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de ordenación e xestión do litoral.
2. O modelo normalizado aplicable na tramitación do procedemento sinalado no punto anterior poderá ser modificado co obxecto de mantelo actualizado e adaptado á normativa vixente. Para estes efectos, será suficiente a publicación deste modelo adaptado e actualizado na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estará permanentemente accesible para todas as persoas interesadas, sen necesidade de publicalo novamente no Diario Oficial de Galicia.
3. A habilitación do procedemento MT701A sinalado neste artigo ten como único obxecto permitir a presentación electrónica das referidas solicitudes, sen afectar o contido substantivo dos procedementos de uso e ocupación, que seguen regulados pola normativa sectorial de aplicación.
Disposición adicional segunda. Concesións para a ocupación do dominio público marítimo-terrestre das explotacións de acuicultura
A emisión do informe preceptivo e vinculante do cumprimento dos requisitos legais para a ocupación do dominio público marítimo-terrestre no caso de concesións para o establecemento de cultivos mariños que precisen ocupar, para a súa instalación, posta en funcionamento e explotación, terreos de dominio público marítimo-terrestre realizaraa a dirección xeral competente en materia de ordenación do litoral.
Disposición transitoria única. Órganos competentes para autorizacións e concesións
No ámbito da consellería con competencias en materia de ordenación do litoral, a proposta e resolución das autorizacións de servizos de tempada e autorizacións de ocupación para a realización de actividades en dominio público marítimo-terrestre, así como as autorizacións en zonas de servidume de tránsito e acceso ao mar, correspóndelles aos servizos provinciais do litoral e persoas titulares das direccións territoriais, respectivamente, e a proposta e resolución das concesións demaniais, no mesmo ámbito, correspóndelles aos servizos provinciais do litoral e á persoa titular da dirección xeral con competencias en materia do litoral.
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
Este decreto entrará en vigor o 1 de xullo de 2025.
Santiago de Compostela, trinta de xuño de dos mil vinte e cinco
Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente
Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes
